Saltar ao contido

Portal:Fútbol

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 8 de xullo de 2022 ás 23:04 por Piquito (conversa | contribucións)
(dif) ← Revisión máis antiga | Revisión actual (dif) | Revisión máis nova → (dif)


Portal de fútbol

O fútbol é un deporte por equipos, o máis popular do mundo, tanto respecto ó número de espectadores como ó número de participantes activos. O organismo reitor do fútbol é a Fédération Internationale de Football Association (FIFA). Millóns de persoas xogan en clubs de afeccionados ou van a acotío ó estadio para apoiaren o seu equipo favorito. Os países de Europa e Suramérica son os que dominan o xogo a nivel internacional.

A FIFA é o organismo encargado de organiza-lo fútbol a nivel mundial, e para facilitar ese traballo, creou diversas organizacións continentais. Así, temos en Europa á UEFA; en África á CAF; en América do Norte, Central e Caribe, á CONCACAF; en Suramérica á CONMEBOL; en Asia á AFC; e en Oceanía á OFC.

Dentro das competicións a nivel mundial, o torneo máis relevante é o Copa do Mundo, polo que a seleccións nacionais se refire, que se disputa cada catro anos. En canto a clubs, o torneo máis importante é a Copa Mundial de Clubs da FIFA, que disputan os campións de tódalas confederacións. Este torneo substitúe á antiga Copa Intercontinental.

Artigo destacado

editar

A Copa do Mundo da FIFA, tamén coñecida como Campionato Mundial de Fútbol ou Mundial de Fútbol, é un torneo internacional de fútbol, organizado cada catro anos pola Fédération Internationale de Football Association — FIFA. O torneo conta con dúas etapas principais, un proceso clasificatorio onde os países compiten agrupados por diferentes confederacións continentais, chegando na edición de 2010 a 204 participantes, e unha fase final nunha sede designada pola organización na que participan 32 seleccións nun período aproximado dun mes.

A primeira edición do mundial foi en 1930, coa vitoria da selección anfitrioa, e foi celebrado cada catro anos coa excepción de 1942 e 1946 debido á Segunda Guerra Mundial. A selección do Brasil é a selección que acadou con máis títulos mundiais até o momento, con cinco, sendo tamén a única que participou en tódalas edicións. Despois do Brasil en título obtidos, seguen a selección de Italia, con catro, Alemaña, con tres, Arxentina, Uruguai e Francia con dous e, cun só título, Inglaterra e España.

O torneo presenta unha forte dominación dos equipos europeos e suramericanos: os primeiros gañaron o título en 11 ocasións, mentres que os segundos en nove. Ademais tan só dous equipos doutras confederacións xeográficas teñen chegado ás semifinais Estados Unidos en 1930 e Corea do Sur en 2002. Ademais, o Brasil (en 1958 e 2002) e España (en 2010) foron até o momento os únicos equipos que conseguiron gañar fóra do seu continente. A fase final da Copa do Mundo é o evento dunha soa disciplina máis seguido do mundo (a edición de 2002 foi vista por máis de 1.100 millóns de espectadores), e o segundo máis seguido en xeral tan só por detrás dos Xogos Olímpicos de verán.

Equipo destacado

editar

O Blackburn Olympic F.C. foi un equipo de fútbol inglés de finais do século XIX co sede na cidade de Blackburn, en Lancashire. A pesar de que o club existiu só unha década, é moi importante na historia do fútbol en Inglaterra, xa que foi o primeiro equipo do norte do país e o primeiro da clase traballadora que gañou a principal competición futbolística da nación, a Football Association Challenge Cup (coñecida xeralmente como FA Cup). A copa só fora gañada por equipos afeccionados adiñeirados dos Home counties, e a vitoria do Olympic marcou un punto decisivo na transición do deporte, dende un pasatempo dos homes de clase alta a un deporte profesional.

O club fundouse en 1878 e nos seus inicios só participou en torneos locais menores. En 1880 ingresou por primeira vez na FA Cup e tres anos máis tarde venceu o Old Etonians F.C. en Kennington Oval, gañando o trofeo. Esta vitoria foi un factor importante na decisión tomada polo consello de administración deportivo, a Football Association, para permitir o profesionalismo. Con todo, o Olympic foi incapaz de competir cos equipos máis ricos e de mellor soporte económico da era profesional e desapareceu en 1889.

Moitos dos partidos que o Olympic xogou como local disputáronse no Hole-i'-th-Wall Stadium, que lle debe o seu nome a un pub próximo. A partir de 1880, a primeira equipación do Olympic consistiu nunha camisola celeste e pantalóns brancos. Un xogador do club, James Ward, foi convocado pola selección inglesa e outros seis xogadores internacionais xogaron para o club; entre estes encontrábase Jack Hunter, quen era o adestrador do club cando o equipo gañou a FA Cup.

Categorías
Artigos de calidade e bos
Biografía destacada

editar

Verónica Boquete Giadáns, nada en Santiago de Compostela o 9 de abril de 1987, é unha futbolista galega, que xoga como dianteira no AC Milan, da Serie A de Italia. Considerada como a mellor futbolista española da historia, desenvolveu a súa carreira en máis dunha ducia de equipos de oito países e tres continentes. Foi a primeira española en gañar a Liga de Campións e a única en marcar nunha final. É tamén a única española que foi finalista no Balón de Ouro e a única en ser elixida como a mellor xogadora da liga estadounidense. Foi 56 veces internacional coa selección española absoluta, sendo a máxima goleadora da súa historia, con 38 goles. Foi capitá da selección e liderou a esta na Copa do Mundo de Fútbol Feminino en 2015, o primeiro Mundial no que participou España. Tamén é a capitá da selección de Galicia. Dende febreiro de 2015 é embaixadora da UEFA para o desenvolvemento do fútbol feminino.
Imaxe destacada
Sabías que...?
Proxectos relacionados
Portais relacionados

editar

Baloncesto
Baloncesto

Baloncesto

Balonmán
Balonmán

Balonmán

Deportes gaélicos
Deportes gaélicos

Deportes gaélicos

Fórmula 1
Fórmula 1

Fórmula 1

Hóckey a patíns
Hóckey a patíns

Hóckey a patíns

Hóckey sobre xeo
Hóckey sobre xeo

Hóckey sobre xeo

Rugby
Rugby

Rugby

Proxectos irmáns

editar

Wikimedia Commons
Wikimedia Commons

en Commons

Wiktionary
Wiktionary

no Galizionario