Saltar ao contido

Moeda escocesa

Este é un artigo de calidade da Galipedia
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Lion de Roberto III (1390-1406)
ROBERTVS : DEI : GRACIA : REX : SCOTTORVM; armas reais. XPC : REGNAT : XPC : VINCIT : XPC : IMPERAT, Santo André crucificado, con dúas flores de lis.
Lion. (= 5 xilins). AU. 27 mm. 4 g. [1]

A moeda escocesa abrangue as emisións monetarias dunha gran variedade de autoridades locais e nacionais escocesas, entre as que cómpre salientar o Reino de Escocia, que tiveron lugar entre os séculos XII e XVIII, sobre a base da libra escocesa, dividida en 20 xilins e 240 peniques. As moedas en circulación en Escocia a partir da Lei de Unión de 1707 con Inglaterra corresponden xa ás series da libra esterlina británica.

Comercio con Roma (ca. 138 - 400)

[editar | editar a fonte]

As primeiras moedas en circulación no territorio escocés foron introducidas polos romanos asentados nas Illas Británicas, a partir do comercio que se producía con este límite máis occidental do Imperio. Lonxe de estaren illados, os celtas de Caledonia, ao norte da Muralla de Hadrián, desenvolveron o comercio e isto provocou a introdución no seu territorio dunha ampla variedade de moedas romanas, sinaladamente nas zonas máis próximas á Muralla de Antonino.[2] A Muralla de Hadrián utilizábase máis como un medio para regular o tráfico social e o comercio entre ambos os lados que como unha defensa militar contra as tribos libres do norte dos caledonios.[3]

Na parte sur da muralla asentáronse núcleos de poboación que favoreceron estes intercambios comerciais.[4] Existen testemuños de agrupacións de moedas de determinados períodos durante as ocupacións flavia e antonina, como é o caso da de Inverquharity, en Angus, onde apareceron dupondios a nome de Vespasiano datados entre 69 e 79 d. de C.[2] Hai achados noutros lugares, como é o caso do de North Uist, nas Hébridas Exteriores, que data do século IV, que ata non hai moito tempo se consideraban fóra das rutas comerciais coñecidas.[5] Algunhas destas acumulacións monetarias inclúen importantes cantidades de moedas de prata (nalgúns casos preto de 400 exemplares) dispostas en vasillas tanto romanas como nativas, o que parece indicar que os gobernadores romanos da Britania lles pagaron cuantiosas cantidades de diñeiro aos habitantes do sur de Escocia e, mesmo, que puideron subornar os caledonios do norte para manteren relacións pacíficas cos romanos e cos británicos. Estes pagamentos aos caciques testemúñanse en catro áreas: Edimburgo, Fife, Aberdeen e Moray Firth.[6]

Entre os achados de moeda romana destacan as moedas cuñadas a nome de Constantino II (337-342), que apareceron en máis de 20 lugares por toda Escocia. Pola contra, entre os casos máis raros está unha moeda de potín cuñada baixo Tolomeo XIII de Exipto (80-51).[2]

En 410, o comercio cesou cando o Imperio Romano se retirou das Illas Británicas.[7][8]

Alta Idade Media

[editar | editar a fonte]

Cando o Imperio Romano se retirou de Gran Bretaña xurdiron varios reinos ao sur de Escocia.[9] Un deles, Northumbria, expandiuse axiña cara ao norte ata o reino de Strathclyde; xa que logo, pasou a controlar o sur do que hoxe é Escocia, e as moedas de bronce cuñadas polos reis de Northumbria comezaron a circular, consecuentemente, nese territorio. Estas moedas emitíronse entre 837 e 854. As moedas anglosaxoas cuñáronse non só en Northumberland, senón que, por mor das extensas rutas comerciais cos viquingos, tamén se produciron en Frisia e en Xutlandia; as moedas desta época indican a ampla extensión do comercio escocés, non só con Northumberland, senón tamén coa Europa continental.[10]

Período 1136-1356

[editar | editar a fonte]
Penny do Príncipe Henrique (1114-1152)
hENRICVS •[F RE?]; busto coroado cara á dereita, con cetro diante. +EREBALD: ON [C]OREB:,. Cruz con flores de lis.
Penny. Ceca de Corbridge. AG. 1,18 g. [11]
Penny de David II (1329-1371)
+DAVID DEI GRACIA; cabeza do rei cara á esquerda, con cetro diante. [REX] SCT TOR Vm+, cruz alongada, con flores nos cuarteis.
Penny. Ca. 1351-1357. Ceca de Edimburgo. AG. 18 mm. 1,31 g. [12]

O primeiro rei de Escocia en emitir a súa propia moeda foi David I (1124-1153).[10][13][14] Este monarca considérase o artífice da modernización de Escocia e fálase mesmo da Revolución Davidiana. En 1136, David capturou a localidade inglesa de Carlisle, o que incuía tamén tanto a súa casa de moeda como as minas de prata próximas, ata entón baixo dominio inglés.[15] As súas moedas amosan unha gran semellanza coas de Estevo I de Inglaterra (1135-1154), coas que compartían o padrón monetario, polo que na práctica circulaban indistinatamente en ambos os países.[16] As moedas emitidas, cuñadas en Carlisle, tiñan a denominación de penny[17] e nos seus anversos figuraba o nome do monarca, baixo a forma de DAVIT. Os reversos amosaban unha cruz curta con glóbulos nos seus cuarteis.[18] Aínda durante o seu mesmo reinado, as cuñaxes pasaron a producirse en Berwick, en Roxburgh e en Edimburgo. Durante o reinado de David I cuñáronse tamén moedas a nome do seu fillo, o príncipe Henrique de Escocia, na súa condición de conde de Northumberland.[7][19]

O penny mantívose como a única denominación monetaria cuñada ata 1280, cando comezaron a emitirse moedas da metade do seu valor (half penny) e tamén da súa cuarta parte (farthing), introducidas por Alexandre III (1249-1286).[20][21] En 1250, baixo este rei, estaban activas no reino polo menos 16 casas de moeda, distribuídas desde Inverness a Berwick. As emisións baseáronse neses tres valores (penny, half penny e farthing) ata a reforma monetaria de David II (1329-1371), producida en 1357.[22]

Período 1357-1488

[editar | editar a fonte]
Demy de Xacobe II (1437-1460)
IACOBVS DEI GRACIA REX SC :. Escudo de Escocia. SALVVM FAC POPVLVM TVVM DN :. Sáutor.
Demy (= 9 xilins). AU. Ceca de Edimburgo. 3,37 g. [23]

Logo da morte de Roberto I (1306-1329) ascendeu ao trono o seu fillo David, o segundo con este nome, cando este tiña só cinco anos. Na súa reforma de 1357, David introduciu dous novos valores: o noble e o groat.[24]

  • O noble foi a primeira moeda de ouro de Escocia. As súas características ponderais eran similares ás da súa homónima inglesa, e o seu valor era de 6 xilins e 8 peniques (6s 8d), ou a metade dun merk. Tamén a súa tipoloxía era similar á da moeda inglesa: o rei sobre un navío no anverso e unha cruz adobiada con flores no reverso.[25]
  • O groat era unha moeda de prata similar ao gros; valía inicialmente 4 peniques, aínda que axiña comezaron a cuñarse groats de 8 e de 12 peniques. Esta moeda mantívose en produción ata 1558.[26]

David II puxo fin á paridade inicial entre as moedas escocesas e as inglesas, o que deu lugar a unha normativa inglesa en 1356 pola que se prohibiu a circulación da moeda escocesa no seu territorio, por ser de inferior valor. Roberto III (1390-1406) continuou coa desvalorización da moeda escocesa con respecto á inglesa, ata chegar a equivaler á metade do seu valor cara a 1392. Este monarca substituíu tamén o busto de perfil característico do anverso das moedas escocesas pola cabeza real de fronte, feito que favorecía a confusión coas moedas inglesas, de valores superiores.[27]

Os territorios xermanófonos e francófonos exerceron unha notable influencia na moeda escocesa posterior e de aí xurdiron moedas como o dollar (inspirado no tálero), o testoon (do testone italiano, a través de Francia) e o merk (baseado no mark xermano). A finais do século XIV retomouse a cuñaxe de moedas de ouro, con dúas novas denominacións: o lion e o demy.[28]

David II xa intentara introducir unha moeda de ouro en Escocia baseándose no noble inglés, aínda que resultara un fracaso. Finalmente, foi Roberto III quen acabou por crear o lion, a imitación do coñecido como écu á la couronne, unha moeda cuñada en 1385 por Carlos VI de Francia (1380-1422). Do mesmo xeito que o seu modelo francés, levaba no seu anverso o escudo coroado, motivo polo cal foi coñecido tamén pola denominación de crown ("coroa"). Baixo o escudo amosaba o león de Escocia, que lle dá o nome (lion). Nos reversos aparece a cruz de Santo André.[27] Pola súa banda, o medio lion era coñecido como demi-lion, á maneira francesa, que acabou por derivar na forma demy. [28]

Baixo Xacobe III de Escocia (1460-1488) a influencia inglesa sobre a moeda escocesa desapareceu en favor dos modelos borgoñóns, que xa comezaran a tomarse con David II. Neste contexto introducíronse neste reinado dúas novas moedas de ouro, o rider e o unicorn. O primeiro, con valor de 23 xilins, retomaba a tipoloxía do franc á cheval francés e foi cuñado tamén nunha etapa posterior por Xacobe VI (1567-1625).[28] O unicorn valía 18 xilins e reproducía a imaxe deste animal fantástico. Ademais das moedas de ouro, Xacobe introduciu o plack de billón, cun valor de 4 peniques.[29][30][31]

Por outra parte, algunhas das moedas de Xacobe III son recoñecidas polo realista dos seus retratos. Segundo Stewart, o busto de Xacobe do groat de 1485 "ademais de ser o primeiro retrato realista dun rei nunha moeda escocesa, probablemente sexa o primeiro retrato renacentista nunha moeda fóra de Italia".[32]

Emisións eclesiásticas

[editar | editar a fonte]
Penny eclesiástico de Crosraguel
Orbe con bandas. Cruz latina dentro de roseta.
Penny. CU. 20 mm. 1,04 g. [33][34]

Do mesmo xeito que noutros reinos europeos, as autoridades relixiosas gozaron tamén nalgún momento do privilexio da cuñaxe de moeda. No caso escocés, tales emisións concéntranse na segunda metade do século XV. Estas moedas, pouco coñecidas, atopáronse en cantidades salientables en 1919 preto da abadía de Crossraguel, en South Ayrshire, fundada en 1244 por Donnchadh, Conde de Carrick.[35] Trátase de penny e de farthing de cobre e de bronce de escasa calidade.[22]

A tipoloxía xeral dos anversos do penny é un globo terráqueo con bandas rodeado pola lenda +IACOBVS DEI GRA REX. No reverso, unha cruz latina e a inscrición CRVX PELLIT OMNE CRIMEN.[36][37][35]

No caso do farthing hai dúas tipoloxías principais. O primeiro tipo amosa no anverso as letras I R (Iacobus rex) e arredor IACOBVS D G R (con variantes), e no reverso unha cruz longa e, nos cuarteis, MO NE PA VP (moneta pauperum).[38] O segundo tipo presenta no anverso un trevo, en tanto que o reverso é similar ao do primeiro tipo.[39][22]

Período 1488-1542

[editar | editar a fonte]
Testoon de María I (1542-1567)
MARIA DEI G SCOTOR REGINA; escudo coroado, con M-R aos lados. IN VIRTVTE TVA LIBERA ME. Cruz de Xerusalén.
Testoon. 1556 (1ª serie). Ceca de Edimburgo. AG. 27 mm. 6,02 g. [40]
Testoon de María e Francisco
FR•AN • ET • MA • D • G • R • R • SCOTORVM • D • D • VIE[N]; armas coroadas de Francisco e María sobre cruz potenzada. • FECIT • VTRAQVE • VNVM •. Monograma FM coroado, con cruces de Lorena aos lados.
Testoon. 1558 (2ª serie). AG. 30 mm. 5,81 g. [41]

Durante o século XVI trasladouse a Edimburgo toda a produción monetaria do reino, aínda que a casa de moeda de Stirling cuñou unha serie de bawbee durante o reinado de María Estuardo (1542-1567).[42] Baixo Xacobe IV (1488-1513) e Xacobe V (1513-1542) as moedas foron similares ás de Xacobe III, coa introdución do bawbee.

María Estuardo (1542-1567)

[editar | editar a fonte]

Con María I de Escocia producíronse grandes cambios que reflicten a inestable situación política desta época. Os numismáticos consideran cinco períodos.[42]

  • Primeira serie (1542-1558). Trátase do período anterior ao casamento co Delfín de Francia, posteriormente rei Francisco II (1559-1560), que se iniciou co ascenso de María ao trono aos nove meses de idade. As moedas de ouro cuñadas foron a coroa (ou écu) de 20 xilins, o lion de 44 xilins, o medio lion e o ryal de 3 esterlinas.[43] En prata cuñouse o testoon, inicialmente de 4 xilins, que foi a primeira moeda escocesa producida mecanicamente. En billón emitíronse o bawbee e o medio bawbee, así como o novo lion ou hardhead, de 1½ peniques, e o plack, de 4 peniques.
  • Segunda serie (1558-1560). Prodúcese durante o período do primeiro matrimonio de María, con Francisco de Francia, quen acadou entón o título de rei consorte. Nesta época introduciuse como nova moeda de ouro o ducat ("ducado") de 60 xilins ou tres esterlinas, cuñado en 1558 en substitución do ryal, que tiña o mesmo valor. En prata continuouse coa emisión do testoon, agora de 5 xilins e 11 peniques, xunto coa de medio testoon, moedas que non portaban a efixie real, senón as armas de Escocia e de Francia nos reversos, en tanto que nos anversos amosaban as iniciais F e M entrelazadas nun monograma.[42] As moedas de billón foron o groat de 12 peniques e o lion ou hardhead de 1½ penique, xa emitidos con anterioridade.
  • Terceira serie (1560-1565). Logo da morte de Francisco cando só tiña 16 anos, María enviuvou por primeira vez. As moedas emitidas durante este período foron a coroa de ouro de 20 xilins (da que só se coñece un exemplar) e un testoon de prata de 5 xilins e 11 peniques.[42]
  • Cuarta serie (1565-1567). Trátase do período do seu segundo matrimonio, con Henrique Estuardo, Lord Darnley. Nesta época cuñouse un ryal de prata as súas fraccións de 2/3 e de 1/3. As lendas destas moedas levaban o nome de ambos os gobernantes no anverso. A lenda do reverso na primeira emisión era QVOS DEVS CONIVNXIT HOMO NON SEPARET[44], en tanto que na segunda foi mudada por DAT GLORIA VIRES.[45] EXVRGAT DEVS[46].[42]
  • Quinta serie (1567). Esta serie abrangue todas as moedas emitidas durante a segunda viuvez de María. As moedas cuñadas durante este período foron o ryal de prata e as súas fraccións, que son iguais aos da época anterior agás polas súas lendas.

As moedas das series terceira, cuarta e quinta aparecen adoito con contramarcas.[42] En 1567, María foi obrigada a abdicar en favor do seu fillo, quen ascendeu ao trono co nome de Xacobe VI (1567-1625).

Xacobe VI (1567-1603)

[editar | editar a fonte]
ryal de Xacobe VI (1567-1625)
IACOBVS • 6 • DEI • GRATIA• REX • SCOTORVM •; armas reais coroadas, con I-R coroadas aos lados. PRO • ME • SI • MEREOR • IN • ME. Espada vertical, con man cara á dereita e XXX.
Ryal. 1569 (1ª serie). Prata. 42 mm. 30,39 g. [47]
Noble de Xacobe VI
IACOBVS · 6 · DEI · GRATIA · REX ·SCOTORVM ·. Armas reais coroadas. 6 (xilins) e 8 (peniques) aos lados. · SALVVM · FAC · POPVLVM · TVVM ·DNE ·. Cruz adornada con estrela no centro.
Noble (= ½ merk). 1577. AG. 32 mm. 6,57 g. [48]
Rider de Xacobe VI
IACOBVS · 6 · D · G · R · SCOTORVM. Rei de a cabalo con espada ergueita. · SPERO · MELIORA ·. Armas coroadas.
Rider (5 libras). 1593 (7ª serie). AU. 4,98 g. [49]
Sword & sceptre de Xacobe VI
· IACOBVS · 6 · D · G · R · SCOTORVM · ; armas reais. · SALVS · POPVLI · SVPREMA · LEX ·. Espada e cetro coroados, flanqueados por cardos.[50]
Sword & sceptre (= 6 libras). 1601 (8ª serie). AU. 29 mm. 5,08 g. [51]

Cando se produciu a abdicación de María, o seu fillo Xacobe só tiña un ano. Entre 1567 e 1603 foi rei de Escocia, e neste último ano herdou tamén a coroa de Inglaterra. O período anterior a 1603 é un dos máis complexos da historia numismática escocesa, e os numismáticos adoitan dividir a produción de moedas de prata e de ouro desta época en oito series, á parte das cuñaxes en cobre e en billón, que se toman adoito como un obxecto de estudo separado.[52][53]

É salientable a progresiva desvalorización do xilin de prata: en 1584 cuñouse unha moeda de ouro de 5,066 gramos (o lion noble), con valor de 75 xilins; en 1593 o rider, con idéntico peso, valorábase en 100 xilins, e en 1601 o valor do sword & sceptre, tamén co mesmo peso, alcanzaba o valor de 120 xilins.

  • Primeira serie (1567-1571). Neste primeiro período non se cuñaron moedas de ouro. En prata cuñouse anualmente tanto o ryal como as súas fraccións de 2/3 e de 1/3. O ryal conservaba o mesmo peso que o que xa emitiran María e Henrique dous anos antes, é dicir ca. 30,397 gramos. O seu anverso estaba caracterizado polo escudo coroado co león escocés e, aos lados, as letras I e R.[54] A lenda do reverso era PRO • ME • SI • MEREOR • IN • ME, que rodeaba, como tipo principal, unha espada en posición vertical, xunto cunha man que indicaba cara á espada e a indicación do valor: XXX, XX ou X, segundo se tratase da unidade, de 2/3 ou de 1/3.[47]
  • Segunda serie (1571-1580). En ouro cuñouse en 1575 unha moeda de 20 esterlinas cun peso de arredor de 29,75 gramos. En prata emitiuse o noble (ou medio merk), de 6 xilins e 8 peniques, xunto con pezas de medio e de 3/4 de noble; tamén en prata, cuñáronse moedas de merk e de dobre merk, esta última coñecida tamén co nome de thitle dollar ("dólar do cardo").[50]
  • Terceira serie (1580-1581). Cuñouse o ducado de ouro de 80 xilins escoceses e pezas de prata de 16, 8, 4 e dous xilins.
  • Cuarta serie (1582-1588). Foi nesta serie cando se introduciu o lion noble de ouro (tamén coñecido como angel escocés), xunto coas súas fraccións de 2/3 e de 1/3. No anverso destas moedas representábase un león coroado sedente de fronte con dúas espadas nas gadoupas dianteiras ergueitas. En prata producíronse moedas cos valores de 40, 30, 20 e 10 xilins.
  • Quinta serie (1588). Emitiuse unicamente o noble de ouro, de aproximadamente 7,6 gramos, de ouro de 23 quilates. No seu anverso portaba o escudo co león de Escocia, en tanto que no reverso aparecía unha nave navegando, con bandeiras na proa e na popa e coas armas reais no centro.[55]
  • Sexta serie (1591-1593). Esta sexta serie está caracterizada por dous tipos de moeda pouco comúns. Por unha banda, o ouro está representado polo hatpiece, unha moeda que amosa no seu anverso unha figura dun chapeu particularmente alto (hat, en inglés, de onde colle o nome), en tanto que no reverso aparece un león sedente, co cetro na gadoupa dereita e unha inscrición en hebreo co nome de Xehová.[56][57] Por outra parte, a prata está representada por senllas moedas de ½ e de 1/4 merk, cunha nova tipoloxía (coñecida como balance merk), caracterizada pola aparición como motivo principal do reverso dunha balanza e unha espada detrás, rodeadas pola lenda HIS DIFFERT REGE TYRANNVS.[58]
  • Sétima serie (1593-1601). Retomoue a cuñaxe do rider de ouro, que fora xa introducida en 1491 por Xacobe III; a moeda conservaba o peso e a lei da moeda orixinal, e mesmo a súa tipoloxía era moi semellante. O que si que cambiou, por mor da desvalorización do xilin, foi o valor: en tanto que o rider de Xacobe III valía 23 xilins, o de Xacobe VI valía 100.[22] Xunto a este rider de ouro, cuñáronse en prata moedas de 10 e de 5 xilins, e de 30 e 12 peniques.
  • Oitava serie (1601-1604). Nesta serie introduciuse unha nova moeda de ouro, coñecida como sword & sceptre, cun peso de 5,066 gramos e un valor de 120 xilins, da que tamén se cuñou a súa fracción de ½. O nome provén do seu reverso, caracterizado pola presenza dunha espada e un cetro cruzados. En prata cuñouse un merk coñecido como thistle merk (polo cardo que preside o seu reverso), así como as súas fraccións de ½, 1/4 e 1/8.[50]
  • Emisións en billón e en cobre. Ademais das moedas de prata e de ouro vistas ata agora, en billón cuñouse a nome de Xacobe VI o plack (de 8 peniques) entre 1583 e 1590, unha moeda que xa fora introducida por Xacobe III, xunto coas súas fraccións de ½ (4 peniques) en 1594, coñecida como saltire plack, e de 1/4 (2 peniques) en 1588, coñecida como hardhead.[59] En cobre emitíronse moedas de dous peniques (coñecida como bodle ou turner) e dun penique, unicamente en 1597.[60]

A unión da coroa (1603-1625)

[editar | editar a fonte]
Unit de Xacobe VI
· IACOBVS · D · G · MAG · BRIT · FRAN · & · HIB · REX ·; rei coroado de medio corpo, cara á dereita, con cetro e orbe. · FACIAM · EOS · IN · GENTEM · VNAM ·; armas reais, co escudo de Escocia nos cuarteis primeiro e cuarto.
Unit. Ca. 1609-1625 (10ª serie). Ouro. 10 g. [61]

A partir da unión das coroas escocesa e inglesa en 1603, as moedas escocesas pasaron a semellar máis ás escocesas que ás do continente.[62] Neste período era habitual que as moedas se usasen en diferentes países, dado que o seu valor viña expresado polo do metal precioso en que estaban cuñadas. Unha das diferenzas máis salientables radica nas pezas de unit, nas que, no caso da versión inglesa as armas inglesas se atopan nos cuarteis I e IV do escudo, as dúas posicións máis relevantes, en tanto que na versión escocesa estas posicións están ocupadas polas armas de Escocia. Ademais, nestas últimas aparece a coroa de Escocia sobre o escudo, e como marca de ceca figura o clásico cardo.[50] A relación entre as dúas moedas circulantes en ambos os reinos é de 12 esterlinas escocesas = 1 esterlina inglesa.[62] Os títulos usados por Xacobe VI logo da ascensión ao trono de Inglaterra son os de rei de Gran Bretaña, Francia e Irlanda.[63]

As moedas de ouro cuñadas nesta época foron as seguintes:[64]

  • Unit (ou sceptre), de 9,989 gramos e 22 quilates, con valor de 12 esterlinas escocesas (1 esterlina inglesa ou 20 xilins ingleses).
  • Media unit (dobre coroa), de 4,99 gramos (10 xilins ingleses).
  • Coroa, de 2,497 gramos (5 xilins ingleses).
  • Media coroa, de 1,526 gramos (2,5 xilins ingleses).
  • Thistle crown, de 1,997 gramos (4 xilins ingleses ou 48 xilins escoceses).

En prata cuñáronse moedas de 60, 30, 12, 6, 2 e 1 xilins, e de 6 peniques. A moeda base do sistema escocés de prata era a de 60 xilins (29,96 gramos, ou sexa 0,5 gramos por xilin), en tanto que en Inglaterra era o penny (de 0,5 gramos). Xa que logo, o xilin escocés tiña o mesmo valor que o penny inglés, acorde coa proporción xeral de 12 a 1 entre o valor das denominacións escocesas e as inglesas.[64]

Pola súa banda, en cobre cuñáronse pezas de 1 e de 2 peniques escoceses.[64]

Carlos I (1625-1649)

[editar | editar a fonte]
Unit de Carlos I (1625-1649)
CAROLVS D G MAG BRITAN FRAN ET HIB REX; rei coroado de medio corpo, cara á dereita, con cetro e orbe. HIS • PRÆSVM • VT • PROSIM •; armas reais, co escudo de Escocia nos cuarteis primeiro e cuarto.
Unit. Ca. 1637-1642 (3ª serie). AU. 36 mm. 9,99 g. [65]

A primeira etapa de emisións abrangue entre 1626 e 1636, e caracterízase pola continuidade con respecto ás derradeiras emisións a nome de Xacobe VI, coa única diferenza do nome do monarca. Durante o reinado de Carlos I introduciuse a mecanización na cuñaxe da moeda en Escocia. Para tal efecto, en agosto de 1635 nomeouse como novo encargado da ceca principal escocesa, en Edimburgo, a Nicolas Briot (ca. 1579-1646), un gravador e inventor francés proveniente da Lorena que previamente traballara na Monnaie de Paris e, desde 1628, na Royal Mint de Londres, na que chegara a ser nomeado gravador xefe en 1633.[66] Briot estaba familiarizado co uso da prensa de volante na cuñaxe, que xa utilizara en París.[67]

En 1636 produciuse unha nova serie monetaria, caracterizada pola cuñaxe de tres moedas de prata, que aínda estaban cuñadas a martelo: o medio merk, e dúas pezas de 40 e de 20 peniques. E o ano seguinte iniciouse unha terceira serie no período de Carlos I, para a que xa se xeneralizou o uso da prensa de volante. Máis tarde, Briot uniuse co seu xenro, John Falconer, que acabou por substituílo logo do seu retorno a Londres.[67] Esta terceira serie de Carlos I retomou tamén as mesmas denominacións que as cuñadas por Xacobe VI.

Pouco despois, en 1642, estoupou a guerra civil inglesa e saíron á circulación as derradeiras moedas a nome de Carlos I, algunhas moedas de cobre e as pezas de 2 e de 3 xilins que foran encargadas en marzo dese mesmo ano.[67] Logo do falecemento de Carlos en 1649 naceu a Commonwealth de Inglaterra e en Escocia produciuse a suspensión das cuñaxes, que non se retomaron ata 1663 baixo Carlos II (1660-1685).[68]

De Carlos II (1660-1685) a Xacobe VII (1695-1689)

[editar | editar a fonte]
Merk de Carlos II (1649-1685)
CAROLVS · II · DEI : GRA ·; busto real cara á dereita. : MAG BRI · FRA ET · HIB REX ·; armas dispostas en cruz e valor no centro.
Merk. 1671. Ceca de Edimburgo. AG. 26 mm. 6,19 g. [69]
1/16 dólar de Carlos II
· CAROLUS · II · · DEI · GRA ·; busto real laureado cara á esquerda. SCO · ANG · FRA · ET · HIB · REX ·; cruz de Santo André con coroa no centro.
1/16 dólar. 1678. AG. 16 mm. 1,61 g. [70]

Carlos II foi nomeado rei de Escocia o mesmo ano da morte do seu pai e foi coroado no Aninovo de 1651, aínda que non foi ata 1660 cando se restaurou a monarquía logo dun decenio da Commonwealth. A partir do reinado de Carlos II todas as moedas escocesas, así como as inglesas, foron xa cuñadas mecanicamente. Carlos II emitiu en Escocia dúas series de moedas de prata: a primeira estaba baseada na moeda de catro merks e a segunda no dollar. O peso, a lei e o valor de ambas as moedas eran iguais, e só cambiaban o nome e os tipos representados. A moeda de catro merk (e a subsecuente do dollar) pesaba 26,787 gramos e posuía un valor de 53 xilins e 4 peniques. As outras moedas da serie eran as de 2, 1 e ½ merk. No anverso amosaban todas elas o busto do rei cara á dereita e no reverso unha cruz formada polos escudos reais, coa indicación do seu valor (en xilins e peniques) no seu centro.[71][72]

A partir de 1675 a moeda de catro merk foi substituída polo dollar. Paralelamente ao cambio de denominación houbo algunhas modificacións na súa tipoloxía: o busto do rei pasou a ollar cara á esquerda e o valor que figuraba no seu centro foi substituído pola inicial C. Nos cuarteis da cruz figuraban os escudos nacionais. A moeda de menor valor desta serie foi a de 1/16 de dollar, que non tiña correspondente na denominación anterior: no reverso portaba a cruz de Santo André cos escudos nacionais nos seus cuarteis.[71][72]

En 1677, Carlos II introduciu un bawbee de cobre, co valor de 6 peniques escoceses, cun cardo coroado no reverso en lugar da figura da Britannia característica das moedas de cobre cuñadas en Inglaterra.[72]

Logo da morte de Carlos, que non tivera fillos lexítimos por mor da infertilidade da súa muller, subiu ao trono o seu irmán, Xacobe VII de Escocia e II de Inglaterra (1685-1688). O novo rei era de relixión católica e foi deposto pola Revolución Gloriosa de 1688.[73] A partir deste momento, todas as moedas de prata pasaron a estar denominadas en xilins.[72] No seu breve reinado cuñáronse unicamente moedas de prata con valores de 40 e de 10 xilins nos anos 1687 e 1688. Nelas utilizouse por vez primeira un canto dotado dunha inscrición, coa finalidade de impedir a práctica fraudulenta do recorte e da limadura; a lenda era NEMO ME IMPUNE LACESSIT. A moeda de 10 xilins pesaba 4,593 gramos e a de 40 xilins pesaba 18,37 gramos. Coñécese tamén outra moeda, con valor de 60 xilins, a nome de Xacobe VII, aínda que se trata dunha cuñaxe efectuada en 1828.[22]

Logo da Revolución Gloriosa foi chamado a reinar Guillerme de Orange, co nome de Guillerme II para Escocia e de Guillerme III de Inglaterra (1689-1702).[73]

Guillerme III (1689-1702), María II (1689-1694) e Ana (1702-1714)

[editar | editar a fonte]

Guillerme reinou xunto coa súa muller, María (1689-1694), filla de Xacobe VII, ata o falecemento desta. Baixo o seu reinado cuñáronse en prata moedas con valores de 60, 40, 20, 10 e 5 xilins. O padrón utilizado foi o mesmo que o anterior de Xacobe. O seu anverso está caracterizado pola presenza dos bustos acaroados e a indicación do valor abaixo. No seu reverso aparece o escudo coroado, coas armas de Escocia nos cuarteis I e IV, e os de Inglaterra e Irlanda nos restantes. No canto incluíuse a lenda PROTEGIT ET ORNAT - ANNO REGNI PRIMO (SECUNDO etc.).

Logo do falecemento de María, Guillerme reinou só. A súa produción de moeda de prata foi como a precedente e, nesta ocasión, reintroduciuse a cuñaxe do ouro cunha nova moeda de 12 esterlinas escocesas ou, o que é o mesmo, 20 xilins ingleses. Esta moeda pesaba 6,84 gramos e emitiuse, xunto con outra coa metade do valor e do peso, unicamente en 1701.

Tras a morte de Guillerme ascendeu ao trono Ana (1702-1714), a irmá de María. Durante o seu reinado aprobouse a Lei de Unión que, de facto, supuxo a fin das emisións monetarias escocesas de xeito autónomo con respecto ás inglesas. As derradeiras series de moeda escocesa foron cuñadas entre 1702 e 1707; trátase das moedas de prata con valores de 10 e de 5 xilins escoceses, consonte o mesmo padrón das emisións precedentes.

A Lei de Unión (1707)

[editar | editar a fonte]

Un dos artigos do tratado de unión establecía que Escocia mantería a súa casa de moeda, aínda que este artigo, do mesmo xeito que outros moitos, non foi respectado.

(Inglés)

«That, from and after the Union, the coin shall be of the same standard and value throughout the United Kingdom as now in England, and a Mint shell be continued in Scotland under the same rules as the Mint in England ; and the present officers of the Mint continued subject to such regulations and alterations as Her Majestie, her heirs or successors, or the Parliament of Great Britain shall think fit.»

(Galego)

«Que, da Unión en adiante, a moeda terá o mesmo padrón e o mesmo valor en todo o Reino Unido que agora en Inglaterra, e que a casa de moeda se manterá en Escocia coas mesmas normas que a de Inglaterra; e que os actuais traballadores da ceca continuarán suxeitos ás mesmas regulacións e alteracións que a Súa Maxestade, os seus herdeiros e os seus sucesores ou o Parlamento de Gran Bretaña consideren oportuno».

(Arigo XVI da Lei de Unión)[74]

A principal tarefa da Casa da Moeda de Edimburgo foi a recuñaxe das vellas moedas escocesas de prata e de ouro segundo a tipoloxía da moeda inglesa, utilizando para iso os cuños da Casa da Moeda de Londres, co obxectivo de unificar a moeda en todo o Reino Unido.[74] Este proceso levouse a cabo baixo a dirección de Isaac Newton, quen xa dirixira con anterioridade procesos de recuñaxe semellantes en Inglaterra na súa condición de director da Royal Mint.[75] O labor tivo que ser intenso, xa que a produción das novas moedas concluíu en só dous anos, en 1709, aínda que a ceca non foi suprimida suprimida ata 1817 e, finalmente, vendida en 1830.[76] A súa clausura provocou un baixo nivel de protestas, o que foi sinalado polo escritor escocés Walter Scott (1771-1832), aínda que seguiu a ser motivo de conflito e protagoniozou panfletos de grupos nacionalistas ata pasada a década de 1950. O título de "Gobernador da Casa da Moeda de Escocia" (Governor of the Mint of Scotland), que pasara ao Ministro de Facenda en virtude da Lei de cuñaxe de 1870, foi finalmente abolido na lei de cuñaxe de 1971.[77]

Malia algunhas flutuacións nos tipos de cambio entre ambas as moedas desde 1603, na recuñaxe aplicouse unha proporción de 12:1 (un xilin escocés por cada penique inglés), aínda que tamén se aboou unha compensación. Para as moedas resultantes da recuñaxe tomouse como padrón ponderal a onza troy (12 onzas troy por libra), en lugar das unidades tradicionais escocesas (equivalentes a 16 onzas troy por libra). As novas moedas producíronse tanto en Londres como en Edimburgo; as cuñadas na capital escocesa levan a modo de marca de ceca a inicial E baixo o busto do monarca.[75] Baixo a supervisión dos moedeiros da Royal Mint, recuñouse en Edimburgo un peso total de 103,346 libras troy en coroas, medias coroas, xilins e moedas de 6 peniques, por un valor de 320.372 libras esterlinas da época[78] (equivalentes aproximadamente a uns 17 millóns de libras actuais, tendo en conta a evolución da valoración da prata e dos tipos de cambio).[79]

O derradeiro lote de moedas recuñadas, consistente en xilins e medias coroas, entregouse o día 5 de outubro de 1709, e estas foron as derradeiras moedas cuñadas en Escocia.[75]

Moedas privadas e locais (tokens)

[editar | editar a fonte]
Tokens comerciais escoceses de finais do s. XVIII.[80]

Durante os séculos XVIII e XIX producíronse en Escocia, do mesmo xeito que no resto do Reino Unido, numerosas emisións de moedas e fichas comerciais privadas ou locais (coñecidas en numismática como tokens), para suplir a carencia de moeda miúda. Anteriormente, xa se recorrera a esta práctica en Inglaterra no período 1649-1672,[76] e tamén en Escocia houbera algún precedente a estas emisións, como o farthing emitido na localidade de Dunbar, con data 1665, a nome de Geo Combes.[81][82]

A finais do século XVIII había en todo o Reino Unido escaseza de moeda miúda, o que favoreceu a aparición destas emisións, ás veces de carácter privado, emitidas por establecementos comerciais ou fabrís, e outras veces promovidas por entidades públicas locais.[82] Este fenómeno finalizou cara ao ano 1817.[83]

Denominacións

[editar | editar a fonte]

Moitas das moedas escocesas, do mesmo xeito que outras unidades de medida do país, teñen en ocasións o mesmo nome que outras emitidas en Inglaterra, aínda que con frecuencia con valores moi diferentes.

  • Demy, demi-lion ou half-crown: coa metade de valor que o lion de ouro, foi introducido por Roberto III e tamén cuñado por Xacobe I e Xacobe II.[84][85][86]
  • Ducat ("ducado"): creado por Xacobe V en 1539 con valor de 40 xilins e retomado por María Estuardo en 1558 (con valor de 60 xilins ou tres esterlinas, en substitución do ryal) e por Xacobe VI en 1580 (80 xilins).[87][88][89]
  • Hatpiece: emitida con valor de 80 xilins escoceses por Xacobe VI de Escocia (1567-1625), caracterizada polo busto real do seu anverso, que loce un chapeu particularmente alto.[56][57]
  • Lion ou crown ("coroa"): creado por Roberto III inicialmente co valor de 5 xilins escoceses e tamén cuñado por Xacobe II con valor de 10 xilins (para a moeda de medio lion, véxase demy).[1][90]
  • Noble: primeira moeda de ouro escocesa, introducida por David II en 1357, equivalente a medio merk ou 6 xilins e 8 peniques. Foi reintroducida por Xacobe VI.[91][92]
  • Pistole: 12 libras escocesas. Cuñada por Guillerme II en 1701; a derradeira moeda escocesa de ouro.[93]
  • Rider: introducido por Xacobe III en 1476 con valor de 23 xilins e revalorado en 1488 en 23 xilins; reintroducido por Xacobe VI co mesmo peso, mais co valor de 100 xilins (5 esterlinas escocesas).[94][49]
  • Ryal: introducido por María Estuardo en 1555 con valor de 60 xilins escoceses (tres esterlinas escocesas) e cuñado en diversas ocasións por esta raíña.[95]
  • Sword & sceptre: cuñada por Xacobe VI entre 1601 e 1604, cun peso de 5,07 gramos e o valor de 6 libras ou 120 xilins escoceses.[51]
  • Unicorn: introducido por Xacobe III en 1484-1485, con valor de 18 xilins escoceses; emitiuse tamén o medio unicorn, coa metade do valor.[96]
  • Unit: creada por Xacobe VI co valor de 12 esterlinas escocesas ou unha esterlina inglesa, cun peso próximo aos 10 gramos; foi retomada por Carlos I.[61][65]
  • Dollar ("dólar"): creado por Xacobe VI e cuñado entre 1578 e 1580 con valor de 26 xilins e 8 peniques (2 merks); retomado por Carlos II co valor de 4 merks.[97]
  • Farthing: moeda da cuarta parte dun penique, cuñada en prata desde 1280, baixo Alexandre III, ata o reinado de David II.[98][99]
  • Groat: creada en 1357 por David II co valor de catro peniques; con Xacobe I sobe o seu valor a 6 peniques e con Xacobe II emparéllase co xilin ao equivaler a 12 peniques.[100][101][102]
  • Merk: cuñada baixo Xacobe VI, Carlos I e Carlos II; valía inicialmente 160 peniques (13 sillins e 4 peniques) ou 2/3 da esterlina escocesa, ou medio dollar.[103]
  • Noble: cuñado por Xacobe VI na súa segunda serie, con valor de 6 xilins e 8 peniques.[48]
  • Penny ("penique"): cuñado por primeira vez en prata por David I cara a 1135, foi a primeira moeda escocesa e a única ata 1280. Equivalía a 1/240 da libra escocesa.[104] Con Xacobe III pasa a ser cuñada en billón.[105]
  • Ryal: creado por María Estuardo e posteriormente reintroducido por Xacobe VI; o seu valor era de 30 xilins escoceses (unha esterlina e media).[106][107]
  • Shilling ("xilin"): valía 12 peniques, ou sexa, unha vixésima parte da esterlina escocesa. O groat de Xacobe II, inicialmente inferior, adquiriu o mesmo valor do xilin a partir de 1451, aínda que nos monarcas posteriores ascendeu a 1 xilin e 6 peniques.[102] A partir de Xacobe VI cuñáronse moedas dun xilin e múltiplos de 2, 5, 6, 20, 30 e 60 xilins.[108]
  • Testoon: cuñada por María Estuardo desde 1553 co valor de catro xilins, e que de camiño acadou os 5 xilins e 11 peniques; foi a primeira moeda de prata escocesa cuñada en prensa de volante.[109]

Billón e cobre

[editar | editar a fonte]
  • Bawbee: moeda de seis peniques, inicialmente de billón, cuñada por primeira vez por Xacobe V en 1537, xunto coa de medio bawbee, e retomada na primeira serie de María Estuardo e, posteriormente, baixo Carlos II, ata a súa desaparición con Guillerme II, convertida en moeda de cobre a partir de 1677.[110][111][112]
  • Bodle: tamén chamada turner; moeda de cobre de 2 peniques cuñada por primeira vez por Xacobe VI en 1597 e retomada por Carlos I, Carlos II e Guillerme II.[113][114].[115][116][117].
  • Farthing: herdeira da anterior moeda de prata do mesmo nome, co valor de 1/4 dun penique, cúñase en cobre a partir de Xacobe III.[98][99] Tamén foi utilizada nas cuñaxes eclesiásticas do século XV.[22][35]
  • Hardhead: moeda de billón, tamén coñecida como lion, creada por María Esturado con valor de 1½ penique e retomada por Xacobe VI con valor de 2 peniques.[118][119]
  • Lion: véxase hardhead.
  • Penny ("penique"): herdada da anterior moeda de prata co mesmo nome, mantén o valor de 1/240 da libra escocesa e cúñase en billón a partir de Xacobe III e finalmente en cobre desde Xacobe VI.[105][120] Tamén foi a base das cuñaxes eclesiásticas do século XV.[22][35]
  • Plack: moeda de billón de 4 peniques cuñada por primeira vez por Xacobe III e que se mantivo ata 1594, baixo Xacobe VI.[121][122] No período entre 1583 e 1590, co mesmo monarca, tivo o valor de 8 peniques.[123]
  • Turner: véxase bodle.

A datación da aparición dalgunhas das cecas escocesas non é precisa. Así e todo, téndomos en conta que nos reversos dos primeiros peniques figuraba o nome da cidade e nos anversos o nome do monarca que autorizaba a emisión, é posible deducirmos datos cunha certa precisión acerca das épocas de actividade de cada un destes obradoiros monetarios. Canto á Casa da Moeda de Edimburgo, sábese que comezou o seu labor xa no século XII, baixo David I, e foi a derradeira en funcionamento, xa no século XIX. Practicamente emitiu moeda a nome de todos os reis de Escocia, coas excepcións de Malcolm IV (1153-1165) e de Alexandre II (1214-1249).[124]

A de Carlisle foi, probablemente, a ceca na que se produciron as primeiras cuñaxes de moeda do Reino de Escocia en 1136. Segundo Bateson, David deu inicio alí á emisión de moeda cando, logo da conquista da cidade e do seu castelo, tivo a posibilidade de controlar as casas de moeda da contorna e de cuñar nelas moeda ao seu nome. As moedas de David I e as do seu fillo Henrique foron as únicas cuñadas para Escocia nesta cidade, xa que Carlisle retornou posteriormente a estar baixo dominación inglesa.[14]

O período en que estivo operativo un maior número de cecas foi o do reinado de Alexandre III (1249-1286), cun total de 16 obradoiros en actividade. Baixo Xacobe IV (1488-1513) a única casa de moeda que permanecía activa era a de Edimburgo. Esta exclusividade só se viu interrompida durante un breve período coa reapertura da ceca de Stirling, para a cuñaxe de bawbee a nome de María Estuardo (1542-1567).[124]

Cecas escocesas e monarcas que emitiron moeda en cada unha
  David I Príncipe
Henrique
Malcom IV Guillerme I Alexandre II Alexandre III Xoán I Roberto I David II Roberto II Roberto III Xacobe I Xacobe II Xacobe III Xacobe IV Xacobe V María I [seguintes]
Aberdeen x x x x x x
Ayr x
Bamborough x
Berwick x x x x x x
Carlisle x x
Corbridge x
Dumbarton x
Dunbar x x
Dundee x
Edimburgo [125] x x x x x x x x x x x x x x x
Forfar x
Forres x
Glasgow x
Hamer x
Inverness x x
Jedburgh x
Kelso x
Kinghorn x
Lanark x
Linlithgow x x
Montrose x
Perth x x x x x x
Roxburgh x x x x x
St Andrews x x x [126]
Stirling x x x x x

Monarcas escoceses que emitiron moeda

[editar | editar a fonte]

Época contemporánea

[editar | editar a fonte]
Xilin de Xurxo VI co escudo inglés (esquerda) e co escocés (dereita).

Na actualidade, existen tres bancos escoceses que emiten os seus propios billetes: Bank of Scotland, Royal Bank of Scotland e Clydesdale Bank. Escocia é o único membro do Reino Unido onde se manteñen en uso os billetes dunha libra.[127]

No relativo á moeda, aínda non sendo, en efecto, cuñadas en Escocia, senón na Royal Mint de Londres, e pertencendo ao sistema da libra esterlina, algunhas moedas do século XX mantiñan a diferenza entre os escudos de Inglaterra e de Escocia nos seus reversos, aínda que a a súa área de circulación fose común. Este é o caso das moedas dun xilin emitidas entre 1937 e 1970, con anterioridade á decimalización do sistema monetario.[128]

  1. 1,0 1,1 "1 Lion - Robert III". Numista.
  2. 2,0 2,1 2,2 Robertson, A. S. (1983).
  3. Koch, J. T. (2006). Celtic Culture: A Historical Encyclopedia. ABC-CLIO. ISBN 9781851094400
  4. Ganster, P.; Lorey, D. E. (2004). Borders and border politics in a globalizing world. Rowman & Littlefield Pub. ISBN 978-0842051040
  5. McKenzie, S. "Ancient coins discovered on beach". En BBC News. 12 de xullo de 2007.
  6. Keys, D. "Romans paid Scots protection money Arquivado 12 de febreiro de 2021 en Wayback Machine.". En The Independent. 3 de novembro de 2000.
  7. 7,0 7,1 Stewart, I. (1955). Páxinas 1-8.
  8. Bateson, D.; Holmes, N. (1997).
  9. Robinson, C. (2003). Get set for English language. Edinburgh University Press. Páxina 62. ISBN 978-0-7486-1544-5
  10. 10,0 10,1 Stewart, I. (1955). Páxina 1.
  11. "Sale: CNG 69, Lot: 2124". Classical Numismatic Group.
  12. "Scotland, David II Bruce, 1329-1371, AR Penny Arquivado 12 de febreiro de 2021 en Wayback Machine.". Vcoins.com
  13. Mackay, J.; Mussel, J. (2016).
  14. 14,0 14,1 Bateson, D. (1987).
  15. Seaby, P.; Purvey, F. (1984). Páxina 1.
  16. Cribb, J.; Cook, B.; Carradice, I. (1990). Páxinas 17-18.
  17. Alfaro Asins, C. et al. (2009). " Penique". Páxina 143.
  18. "1 Penny - David I". Numista.
  19. "1 Penny - Prince Henry". Numista.
  20. "Farthing", "½ penique" e "penique" de Alexandre III. Numista.
  21. Stewart, I. (1955). Páxinas 16-24.
  22. 22,0 22,1 22,2 22,3 22,4 22,5 22,6 Stewart, I. (1955).
  23. "1 Demy - James II". Numista.
  24. Stewart, I. (1955). Páxinas 25-34.
  25. Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Noble". Páxina 132.
  26. Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Groat". Páxina 92.
  27. 27,0 27,1 Grierson, P. (1991). Páxinas 157-158.
  28. 28,0 28,1 28,2 Klütz, K. (2004).
  29. Portoeus, J. (1969). Páxinas 149-150.
  30. Cribb, J.; Cook, B.; Carradice, I. (1990). Páxina 18.
  31. Grueber, H. (1899). Páxinas 192, 194.
  32. Stewart, I. (1955). Páxina 67.
  33. "383, Lot: 790". Classical Numismatic Group.
  34. "Crux Pellit Copper". Numista.
  35. 35,0 35,1 35,2 35,3 Holmes, N. (2008).
  36. "Crux Pellit Copper". Numista.
  37. A lenda tómase dun verso de Hymnus ante somnum, de Prudencio: Crux pellit omne crimen: / Fugiunt crucem tenebrae: / Tali dicata signo / Mens fluctuare nescit.
  38. "1 Farthing - James III Type III". Numista.
  39. "1 Farthing - James III Type IV". Numista.
  40. "Scotland. Mary. 1542-1567. AR Testoon". Classical Numismatic Group.
  41. "1 Testoon - Mary I 2nd Period, Type I". Numista.
  42. 42,0 42,1 42,2 42,3 42,4 42,5 Stewart, I. (1955). Páxinas 80-90.
  43. Clarke, J. (1979).
  44. Mateu 19, 6 ("O que Deus uniu, non o separe o home").
  45. Ovidio. Tristia, V,12. v. 37.
  46. Salmo LXVII de David.
  47. 47,0 47,1 "Scotland. James VI. 1567-1625. AR Ryal". Classical Numismatic Group.
  48. 48,0 48,1 "½ Merk - James VI". Numista.
  49. 49,0 49,1 "1 Rider - James VI 7th coinage". Numista.
  50. 50,0 50,1 50,2 50,3 O cardo é o símbolo de Escocia.
  51. 51,0 51,1 "Sword and Sceptre Piece - James VI". Numista.
  52. Seaby, P.; Purvey, F. (1984). Páxina 55.
  53. Cribb, J.; Cook, B.; Carradice, I. (1990). Páxina 18.
  54. Iniciais de IACOBUS REX ("Rei Xacobe").
  55. "1 Thistle Noble - James VI 5th Coinage". Numista.
  56. 56,0 56,1 "Hat piece". En Frey, A. R. (1916). Páxina 106.
  57. 57,0 57,1 "Hat Piece - James VI 6th Coinage". Numista.
  58. "Balance ½ Merk - James VI 6th Coinage". Numista.
  59. "1 plack", "1/2 plack" e "hardhead". Numista.
  60. "2 peniques (turner)" e "1 penique". Numista.
  61. 61,0 61,1 "1 Unit - James VI 10th coinage". Numista.
  62. 62,0 62,1 Stewart, I. (1955). Páxina 101.
  63. Grueber, H. (1899). Páxina lii.
  64. 64,0 64,1 64,2 Stewart, I. (1955). Páxina 102.
  65. 65,0 65,1 "Scotland. Charles I. 1625-1649". Classical Numismatic Group.
  66. Grueber, H. (1899).
  67. 67,0 67,1 67,2 Stewart, I. (1955). Páxinas 105-111.
  68. Craig, J. (1953). Páxinas 147-149.
  69. "1 Merk - Charles II". Numista.
  70. "1/16 Dollar - Charles II". Numista.
  71. 71,0 71,1 Os escudos son o cardo para Escocia, a [[Rosa (flor)|rosa]] para Inglaterra, a arpa para Irlanda e a flor de lis para Francia.
  72. 72,0 72,1 72,2 72,3 Seaby, P.; Purvey, F. (1984). Páxinas 79-83.
  73. 73,0 73,1 Ballance, E. "The Glorious Revolution". En BBC. 17 de febreiro de 2011.
  74. 74,0 74,1 Stewart, I. (1955). Páxinas 120 e seguintes.
  75. 75,0 75,1 75,2 Murray, A. L. (1997). "Sir Isaac Newton and the Scottish recoinage, 1707–10". En Proceedings of the Society of Antiquaries of Scotland. 127.
  76. 76,0 76,1 Stewart, I. (1955). Páxinas 122-123.
  77. Murray, A. L. (1999).
  78. Hocking, J. W. (1915). "Notes on a collection of coining instruments in the National Miseum of Antiquities, Edimburg". En Proceedings of the Society of Antiquaries of Scotland. 49. Páxinas 308-332.
  79. "Silver Price History / 2000-2010". The Silver Institute.
  80. Reproducido en Scottish Notes and Queries. Vol VIII. 1894-1895. Aberdeen.
  81. Batty, D. T. (1877). Descriptive Catalogue of the Copper Coinage of Great Britain, Ireland, British Isles, and Colonies. Manchester. Páxina 621.
  82. 82,0 82,1 Stewart, I. (1955). Páxina 124.
  83. Stewart, I. (1955). Páxina 126.
  84. "1 Demy-Lion - Robert III Heavy Coinage, 1st Issue". Numista.
  85. "1 Demy - James I Type II". Numista.
  86. "1 Demy - James II 1st Coinage, Type IVa". Numista.
  87. "Ducat - James V 3rd Coinage". Numista.
  88. "1 Ducat - Mary 2nd Period". Numista.
  89. "Ducat - James VI 3rd Coinage". Numista.
  90. "1 Lion - James II 2nd Coinage, Type II". Numista.
  91. "1 Noble - David I". Numista.
  92. "1 Thistle Noble - James VI 5th Coinage". Numista.
  93. "1 Pistole - William II". Numista.
  94. "1 Rider - James III Issue of 1475-83, Type I". Numista.
  95. "Scotland, Mary 1555 gold three pounds ryal". Sovereighn Rarities LTD.
  96. "1 Unicorn - James III Issue of 1484-88". Numista.
  97. "1 Dollar - Charles II 2nd Coinage". Numista.
  98. 98,0 98,1 "1 Farthing - Alexander III 2nd Coinage". Numista.
  99. 99,0 99,1 "1 Farthing - David II 1st Coinage, 1st Issue". Numista.
  100. "1 Groat - David II 2nd Coinage, Class A". Numista.
  101. "1 Groat - James I 1st Fleur-de-lis Issue". Numista.
  102. 102,0 102,1 "1 Groat - James II 2nd Coinage, 2nd Issue, Type II". Numista.
  103. "Thistle Merk - James VI 8th Coinage". Numista.
  104. "1 Penny - David I Period A". Numista.
  105. 105,0 105,1 "1 Penny - James III Type A". Numista.
  106. "1 Ryal - Mary I 5th Period". Numista.
  107. "1 Ryal - James VI 1st Coinage". Numista.
  108. "2 Shillings - James VI 9th & 10th Coinages". Numista.
  109. "1 Testoon - Mary I 1st Period, Type I". Numista.
  110. "1 Bawbee - James V 3rd Coinage". Numista.
  111. "1 Bawbee - Mary I 1st Period". Numista.
  112. "1 Bawbee - Charles II". Numista.
  113. "1 Bodle - William & Mary". Numista.
  114. "1 Bodle - William II". Numista.
  115. "1 Turner - James VI". Numista.
  116. "1 Turner - Charles I Coinage of 1629". Numista.
  117. "1 Turner - Charles II". Numista.
  118. "1 Lion - Mary I 2nd Period". Numista.
  119. "1 Hardhead - James VI". Numista.
  120. "1 Penny - James VI Issue of 1614". Numista.
  121. "1 Plack - James III". Numista.
  122. "Fourpenny Plack - James VI". Numista.
  123. "1 Plack - James VI". Numista.
  124. 124,0 124,1 Stewart, I. (1955). Páxina 197.
  125. Clarke, J. (1991).
  126. Emisións eclesiásticas.
  127. "Banknotes". Committee of Scottish Bankers.
  128. "1 Shilling - George VI Scottish crest". Numista.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]