Saltar ao contido

Bawbee

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bawbee de María Estuardo (1542-1567)
+MARIA D G REGINA SCOTORV; cardo coroado flanqueado por M R OPPIDVM EDINBVRGI, cruz de Santo André e flores
Bawbee. BI. 21 mm. 2,35 g. [1]

O bawbee foi unha moeda escocesa co valor de seis peniques escoceses (equivalentes a medio penique inglés), cuñada por primeira vez en billón por Xacobe V en 1538 e que se deixou de emitir, xa como moeda de cobre, baixo o reinado de Guillerme II de Escocia (1694-1701).[2][3]

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

Consonte o Brewer's Dictionary of Phrase and Fable, hai dúas posibles orixes da denominación desta moeda. A máis sustentable atribúea a unha derivación do topónimo Sillebawby, parroquia de orixe dun dos mestres de ceca (Alexander Orok, Lord of Sillebawby) que se ocupou da cuñaxe dos primeiros bawbees, segundo consta nun apuntamento das contas do tesoureiro da ceca de 1541: In argento receptis a Jacobo Atzinsone, et Alexandro Orok de Sillebawby respective.[4][5]

A segunda hipótese, considerada como máis especulativa, sitúa a orixe desta denominación na expresión francesa bas billon ("baixo billón", pola escasa proporción de prata na aliaxe).[5]

Emisións

[editar | editar a fonte]
Bawbee de 1678 a nome de Carlos II (1660-1685)[6]

O primeiro bawbee, introducido por Xacobe V (1513-1542), naceu en 1538 como moeda de billón equivalente a seis peniques (ou un terzo do groat naquel momento).[7] Esta moeda amosaba no anverso un monograma I5 (Iacobus V) que flanqueaba o característico cardo coroado da moeda escocesa, e no reverso unha ampla cruz de Santo André cunha coroa no centro.[8] As lendas eran IACOBVS · D · G · REX · SCOTORVM ("Xacobe rei dos escoceses pola graza de Deus") no anverso e OPPIDVM .·. EDINBURGI (cidade de Edimburgo) no reverso [9] Xacobe V emitiu asemade moedas fraccionarias de medio bawbee e dun cuarto de bawbee.[10][11]

Cara ao ano 1544, a viúva de Xacobe V e raíña consorte, María de Guisa, emitiu tamén bawbees no castelo de Stirling, co monograma MR no anverso, rodeado pola lenda MARIA · D · G · REGINA · SCOTORV, e a cruz de Lorena no reverso.[12]

A emisión de bawbees e de medios bawbees foi retomada así mesmo pola súa filla, María Estuardo (1542-1567). Aínda en billón, estas moedas foron cuñadas na ceca establecida no palacio de Holyrood, en Edimburgo, e tamén na casa de moeda de Stirling.[13][14][11]

A partir de 1677, durante o reinado de Carlos II (1660-1685), o bawbee pasou a cuñarse en cobre. Unha das características desta moeda foi a súa lenda, NEMO ME IMPUNE LACESSIT ("Ninguén me provoca impunemente"), un lema que aínda aparece en ocasións impreso no canto das actuais moedas dunha libra esterlina.[6][15]

  1. "1 Bawbee - Mary I 1st Period". Numista.
  2. "Bawbee". En Frey, A. R. (1916). Páxina 21.
  3. "Baw-bee". En Martinori, E. (1915). Páxina 31.
  4. "Bawbee". En Collins Dictionary.
  5. 5,0 5,1 "Bawbee". En Brewers Prase and Fable.
  6. 6,0 6,1 "1 Bawbee - Charles II". Numista.
  7. "Scottish Coins". Elks, K. Coinage of Great Britain. Celtic to Decimalisation. Part 12.
  8. O cardo é un dos símbolos nacionais de Escocia.
  9. "1 Bawbee - James V 3rd Coinage". Numista.
  10. "½ Bawbee - James V". Numista.
  11. 11,0 11,1 Stevenson, R. B. K. (1989).
  12. "1 Bawbee - Mary I". Numista.
  13. "1 Bawbee - Mary I 1st Period". Numista.
  14. Stewart, I. (1955). Páxinas 80-90.
  15. Seaby, P.; Purvey, F. (1984). Páxinas 79-83.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Stewart, I. (1955). The Scottish Coinage. Londres. Spink & Son.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]