Hyperpyron
O hyperpyron (do grego: νόμισμα ὑπέρπυρον; "moeda moi refinada") foi unha moeda de ouro en uso durante a Baixa Idade Media, instituída pola reforma monetaria de Aleixo I en 1092, que substituíu o sólido bizantino ou nomisma como moeda base do sistema monetario áureo do Imperio Bizantino ata a súa desaparición no século XIV.[1][2]
Historia
[editar | editar a fonte]A moeda de ouro tradicional do Imperio bizantino ata entón era o sólido bizantino ou nomisma, cuxo contido de ouro se mantivera firme en 24 quilates durante sete séculos, co que conseguira un notable prestixio. A partir da década de 1030, no entanto, a moeda comezara a desvalorizarse progresivamente, ata que na década de 1080, nun contexto de desastres militares e guerras civís, o seu contido en ouro chegou a reducirse practicamente a cero.[3] Consecuentemente, en 1092, o emperador Aleixo I (1081–1118) acometeu unha revisión drástica do sistema monetario bizantino e introduciu unha nova moeda de ouro, o hyperpyron, co mesmo peso có sólido (4,45 gramos), aínda que cun menor contido de ouro (20,5 quilates no canto de 24).[4][5]
O hyperpyron mantívose como moeda estándar de ouro do Imperio Bizantino durante case tres séculos, aínda que tamén coñeceu, coma o seu antecesor, unha progresiva desvalorización: baixo o Imperio de Nicaea (1204–1261), o seu contido de ouro caeu ata os 18 quilates; posteriormente, baixo Miguel VIII Paleólogo (1259–1282), ata os 15, e baixo o seu fillo e sucesor, Andrónico II Paleólogo (1282–1328) baixou a 12 quilates. Asemade, o peso das moedas tamén foi en declive, ata o punto de que no século XIV carecía de calquera uniformidade.[6] O derradeiro hyperpyron e, xa que logo, a derradeira moeda bizantina de ouro, foi emitida polo emperador Xoán VI Cantacuzeno (1347–1352) e, a partir de entón, a denominación mantívose simplemente como unidade de conta, e o seu valor, a modo de fraccións, en moedas de prata como o basilikon (un doceavo de hyperpyron) ou o stavraton (medio hyperpyron).[7][8][9]
O nome foi adoptado con distintas variedades idiomáticas por algúns estados occidentais e outros eslavos dos Balcáns posteriores, sobre a base da denominación latina perperum (como o italiano perpero ou os eslavos perper, iperpero, etc.), para designas diferentes moedas, normalmente de prata, e tamén como unidade de conta.[10]
A denominación xenérica de besante abrangueu diversas moedas creadas sobre a base do sólido bizantino ou nomisma, e sobre o dinar dos califatos musulmáns, entre elas tamén o hyperpyron.[11]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Hyperpyron". En Alfaro Asins, C. et al. (2009).
- ↑ "Hyperpyron". En Grierson, Ph. (2005).
- ↑ Grierson (1999). Páxina 10.
- ↑ Grierson (1999). Páxina 11.
- ↑ Kazhdan (1991). Páxina 964.
- ↑ Grierson (1999). Páxinas 11-12.
- ↑ "La monnaie au XIVe et au XVe siècle: hyperpère, basilikon et stavraton". En Morrisson, C. et al. (2015).
- ↑ Grierson (1999). Páxina 12.
- ↑ Kazhdan (1991). Páxinas 964-965.
- ↑ Kazhdan (1991). Páxina 965.
- ↑ "Besante". En Alfaro Asins, C. et al. (2009).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Hyperpyron |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Moeda bizantina
- Cecas bizantinas
- Imperio Bizantino
- Sólido (moeda)
- Nomisma
- Besante
- Perper montenegrino
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Alfaro Asins, C. et al. Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura. Madrid, 2009. ISBN 978-84-8181-405-7
- Grierson, Philip. Byzantine Coinage. Dumbarton Oaks. Washington, 1999. ISBN 978-0-88402-274-9
- Hendy, Michael F. The Economy, Fiscal Administration and Coinage of Byzantium. Variorum Reprints. Londres, 1989. ISBN 0-86078-253-0.
- Hendy, Michael F. Studies in the Byzantine Monetary Economy c. 300–1450. Cambridge University Press, 1985. ISBN 0-521-24715-2.
- Kazhdan, Alexander Petrovich, ed. The Oxford Dictionary of Byzantium. Oxford University Press, 1991. ISBN 978-0-19-504652-6
- Morrisson, C. et al. Byzance et sa monnaie (IVe-XVe siècle). Lethielleux. 2015. ISBN 9782249623127
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Digital Library Numis Arquivado 05 de xullo de 2018 en Wayback Machine. (bibliografía en liña de numismática bizantina)