Saltar ao contido

Demografía de Alemaña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Alemaña é o primeiro país da Unión Europea en poboación, e o segundo de todo o continente, só superado por Rusia. A afluencia á zona occidental de alemáns doutros puntos do país e de inmigrante de distintas nacionalidades, así como a tendencia ao estancamento do crecemento vexetativo, teñen sido as principais características da evolución demográfica.

Demografía

[editar | editar a fonte]
Evolución da demografía de Alemaña.

A maior parte da poboación descende de diversos grupos xermánicos que se estabeleceron na rexión centro-europea o primeiro milenio antes da era cristiá. Eses grupos partillaban a mesma lingua, aínda que expresa en moitos dialectos, mais presentaban características étnicas heteroxéneas que se acentuaron ao longo da historia a consecuencia da fusión con outros pobos, como os celtas e os eslavos. Na moderna Alemaña, as diferenzas humanas e lingüísticas das varias rexións se atenuaron, aínda que a prolongada división política xerase certas peculiaridades culturais que distinguen os alemáns do leste daqueles do oeste. A chegada de inmigrantes á Alemaña occidental na segunda metade do século XX compensou as perdas humanas ocasionadas pola segunda guerra mundial, estimadas en cerca de tres millóns de persoas, na maioría mozos do sexo masculino.

Alén da poboación de orixe xermánica, conviven na antiga Alemaña occidental diversas minorías étnicas de nacionalidade alemá, como xudeus, eslavos e daneses, así como franceses descendentes dos hugonotes fuxidos de seu país no fin do século XVII. Os traballadores inmigrantes, chegados á Alemaña sobre todo nas décadas de 1960 e 1970, eran principalmente turcos, iugoslavos, italianos, gregos, españois e portugueses.

Na Alemaña Oriental, que constituíu un estado autónomo entre 1949 e 1990, as perdas humanas provocadas pola guerra foron compensadas co ingreso de varios millóns de alemáns expulsados de Polonia, Checoslovaquia e Hungría. Con todo, as dificultades económicas derivadas do pagamento das indemnizacións de guerra e da política de colectivización estimularon o movemento migratorio cara Alemaña Occidental, calculado en 1,7 millón de persoas.

A interrupción do crecemento da poboación e mesmo a redución desta se inclúen entre as características máis notábeis da evolución do país nas últimas décadas do século XX, tanto na zona occidental como na oriental. Iso se traduce nun envellecemento da poboación, isto é, no aumento dos grupos de idade máis alta en relación á poboación moza, a consecuencia dos baixos niveis de natalidade e do prolongamento da expectativa de vida.

Actualmente Alemaña conta cunha poboación de 83,4 millóns de habitantes. Estímase que uns 90.000 galegos viven en Alemaña.[1] A composición étnica actual é a seguinte:

Etnia Porcentaxe (%)
Alemáns e outros europeos 96,3
Turcos 2,1
Asiáticos 1,0
Africanos 0,3
Americanos 0,2

Nota: Outros europeos son compostos na maioría de italianos, serbios, gregos, polacos e croatas.

Relixión

[editar | editar a fonte]
A Catedral de Colonia é Patrimonio Mundial da UNESCO.

As principais confisións relixiosas en Alemaña son o Luteranismo e o Catolicismo, respectivamente, con 32,9% e 32,3% de fieis.[2] Preto do 24,9% de alemáns se declararon non relixiosos ou ateos. Seguen como minorías, o islamismo (4%), seguido polo xudaísmo e o budismo (ambos con 0,25%). O Hinduísmo ten só 90.000 seguidores (0,1%), mentres outras relixións corresponden a 50 mil persoas ou o 0,05% da poboación alemá.

Dende Martiño Lutero, e a Reforma protestante, Alemaña foi escenario de conflitos relixiosos entre os seguidores de Lutero, posteriormente chamados de luteranos, xeralmente máis numerosos no norte, e os católicos, por regra xeral máis fortes no sur. No entanto, a distribución das relixións está lonxe de ser homoxénea.

Zonas cunha poboación predominantemente católica son Baviera e Renania. O actual Papa Bieito XVI naceu precisamente en Baviera. Zonas cunha poboación predominantemente luterana son os estados do leste e do norte. No norte, ao longo da fronteira cos Países Baixos, hai tamén a presenza de calvinistas. Pobos non relixiosos, incluíndo ateos e agnósticos, son crecentes en número e proporción, unha tendencia constatada tanto en Alemaña canto noutros países europeos. En Alemaña concéntranse principalmente na antiga Alemaña Oriental e nas áreas metropolitanas.

Artigo principal: Lingua alemá.
Coñecemento do alemán na Unión Europea e outros países europeos.

O alemán é a lingua oficial e a predominantemente falada en Alemaña. É unha das 23 linguas oficiais da Unión Europea, e unha das tres linguas de traballo da Comisión Europea, xunto co inglés e o francés. As linguas minoritarias recoñecidas son o dinamarqués, o baixo saxón, o sorabo, o romaní e o frisón.

O alemán padrón é unha lingua xermánica occidental e é próxima e clasificada no mesmo grupo do inglés, neerlandés e o frisón. A maioría do vocabulario alemán deriva do brazo xermánico da familia das linguas indo-europeas. Unha minoría significativa de palabras deriva do latín, do grego, do francés e, máis recentemente, do inglés. O alemán escríbese usando o alfabeto latino. Alén das 26 letras latinas comúns, o alemán ten tres vogais con diérese, ä, ö e ü, así como o Eszett ou scharfes S (s forte) que é escrito "ß" ou alternativamente "ss".

Os dialectos alemáns son distinguidos por algunhas variacións do alemán padrón. Os dialectos alemáns son as variacións locais tradicionais e derivan das distintas tribos xermánicas que hoxe compón a Alemaña. Moitas delas non son facilmente comprensíbeis para algúns que só coñecen o alemán padrón, xa que presentan diferenzas no léxico, fonoloxía e sintaxe (como o bávaro, ás veces clasificado como dialecto e ás veces como lingua).

En todo o mundo o alemán é falado por aproximadamente 100 millóns de falantes nativos e máis 80 millóns de falantes non-nativos. O alemán é a lingua principal de aproximadamente 90 millóns de persoas (18%) na UE. 67% dos cidadáns alemáns din seren capaces de comunicarse en polo menos unha lingua estranxeira, 27% en polo menos dúas linguas alén da materna.

  1. "Galegos en Europa". Arquivado dende o orixinal o 10 de maio de 2008. Consultado o 21 de setembro de 2010. 
  2. "Religionen in Deutschland: Mitgliederzahlen". Arquivado dende o orixinal o 28 de maio de 2014. Consultado o 21 de setembro de 2010.