August Loehr
August Loehr [1] | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 31 de marzo de 1882 Viena, Austria |
Morte | 11 de xullo de 1965. Viena. Austria. |
Lugar de sepultura | Cemiterio evanxélico Matzleinsdorfer. |
País de nacionalidade | Austríaca |
Educación | Universidade de Viena |
Actividade | |
Campo de traballo | Numismática, historia e museoloxía. |
Ocupación | Historiador da economía, profesor universitario, numismático |
Empregador | Universidade de Viena |
Membro de | |
Premios | |
(1959): Medalla Eckhel (ÖNG). | |
Descrito pola fonte | Memorial Book for the Victims of National Socialism at the Austrian Academy of Sciences (en) >>>:August Loehr, |
August Oktavian Ritter von Loehr, máis coñecido como August Loehr,[2] nado en Viena o 31 de marzo de 1882 e finado na mesma cidade o 11 de xullo de 1965, foi un numismático austríaco especialista na historia da moeda e do diñeiro, que dirixiu o Gabinete Numismático de Viena.[3]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]August Loehr naceu en Viena o 31 de marzo de 1882, fillo do numismático e enxeñeiro ferroviario August Loehr (1847-1917) e de Josefa Maria Fail (1854-1937).[4][5][6]
Logo de cursar o ensino secundario na escola pública beneditina Stiftsgymnasium Seitenstetten en Seitenstetten, na Baixa Saxonia, en 1900 iniciou os seus estudos universitarios de Historia, Xeografía e Historia da Arte nas Universidades de Viena, Heidelberg e Grenoble. Posteriormente, entre 1903 e 1905 desenvolveu un traballo de investigación no Instituto de Investigación Histórica de Austria, da Universidade de Viena, e ese último ano acadou o grao de doutor logo da presentación dunha tese sobre o comercio medieval no Danubio titulada Die Schiffahrt im Donaugebiet bis zum Ende des 14. Jahrhunderts, baixo a dirección de Oswald Redlich (1858-1944).[5][7] No curso 1905-1906 desprazouse ao Instituto Austríaco en Roma e en 1911 completou os seus estudos en Dereito e Economía na Universidade de Viena.[4][6][8]
En 1906 comezou a traballar no Gabinete Numismático de Viena, do cal foi nomeado director en 1913.[6] Nesta institución achegou unha nova perspectiva ao estudo da moeda, afastándose do tradicional descritivismo e proporcionando un enfoque máis integrador coa historia cultural e económica. Durante este período realizou diversas viaxes por Europa para coñecer os gabinetes numismáticos máis importantes do continente e incorporar melloras na organización do gabinete vienés.[4][8] Desde ese posto, Loehr xogou un importante papel como asesor científico na reclamación ante os tribunais internacionais, por parte do Estado Austríaco, do patrimonio artístico proveniente da Casa de Habsburgo-Lorena logo da súa deposición en 1918, pola derrota na primeira guerra mundial.[5]
En 1938 o Anschluss fixo que Loehr fose destituído do seu cargo no Gabinete, o que o obrigou a retirarse o día 31 de xullo. A partir deste suceso dedicouse pola súa conta á investigación numismática non só en Viena, senón tamén en Londres, Frankfurt, Colonia e Berlín, aínda que con escaseza de medios. Mais en 1943 foi reincorporado como contratado laboral e o 16 de abril de 1945 foi restituído como director do gabinete e, simultaneamente, como director do Museo de Historia da Arte (Kunsthistorischen Museum), no que se encadra o gabinete, postos que desenvolveu ata 1948 e 1949, respectivamente.[4][8] En 1949 foi nomeado tamén Director Xeral das Coleccións de Historia Cultural do Goberno Federal de Viena, ata a súa xubilación o 31 de decembro dese mesmo ano.[5][6]
Paralelamente á súa dedicación ao Gabinete Numismático de Viena e ao Museo de Historia da Arte, August Loehr foi nomeado en 1929 profesor honorario da cátedra de Numismática e Historia Monetaria, que se acababa de crear na Facultade de Filosofía da Universidade de Viena. Tamén foi elixido en 1933 membro correspondente en Alemaña da Academia Austríaca de Ciencias. Porén, en 1939 viuse obrigado a dimitir tanto deste posto como da súa cátedra universitaria, por cuestións raciais a raíz do Anschluss. Posteriormente, en 1945 reingresou en ambas as institucións con restitución dos seus cargos.[4][5][6] Como profesor universitario retirouse en 1957, ao facer os 75 anos.[8]
Loehr xogou un papel decisivo na creación do Museo de Cultura Austríaca en Hofburg. Tamén foi asesor de numismática, museoloxía e monumentos económico-históricos no Departamento para a Protección de Edificios e Monumentos Históricos. En 1949 foi un dos fundadores da Federación de Sociedades de Historia de Austria, da que foi elixido presidente honorario en 1961.[4][6][8]
Entre outras entidades académicas e asociativas, Loehr foi membro da Sociedade Numismática Austríaca desde 1907 e presidente da Comisión Internacional de Numismática desde 1950.[6]
August Loehr morreu no Palacio de Schönbrunn en Viena, o 11 de xullo de 1965.[5] Foi soterrado no cemiterio evanxélico Matzleinsdorfer.[6]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]- 1918: Cabaleiro da Orde Imperial de Francisco Xosé.[4]
- 1952: Medalla de Honra da cidade de Viena.[6]
- 1959: Medalla Eckhel, da Sociedade Numsimática Austríaca, de Viena.[9]
Publicacións
[editar | editar a fonte]August Loehr é autor de máis dun cento de artigos en diversas revistas históricas e numismáticas da súa época.[10] Esta é unha escolma dos traballos monográficos máis representativos publicados por Loehr ao longo da súa carreira, algúns deles como separata, logo da publicación como artigo dunha revista.[11][12]
- (1917). Zum Korpus der deutschen Schaumünzen des Deutschen Vereins für Kunstwissenschaft. Österreichische Numismatische Gesellschaft, Viena.
- (1918). Die Münzen- und Medaillensammlungen des Erzherzogs Franz Ferdinand von Österreich-Este. Tempsky, Viena.
- (1923). Kunsthistorisches Museum, Wien, Geldwesen. Kunsthistorisches Museum, Viena.
- (1930). Die Niederländische Medaille des 17. Jahrhunderts. Hölzel, Viena.
- (1932). Die Porträtsammlung des Erzherzogs Ferdinand von Tirol. Kunsthistorischen Sammlungen, Viena.
- (1935). Führer durch die Ausstellung der Bundessammlung von Medaillen, Münzen und Geldzeichen. Kunsthistorisches Museum, Viena.
- (1937). Frühe Formen von Wertpapieren. Zur Geschichte der Zahlungsmittel. Separata de Numismatische Zeitschrift. Österreichische Numismatische Gesellschaft, Viena.
- (1944). Numismatik und Geldgeschichte. Kunsthistorisches Museum, Viena.
- (1946). Österreichische Geldgeschichte. Universum, Viena.
- (1947). Allgemeine Museumskunde. Österreichischen Akademie der Wissenschaften, Viena.
- (1947). Wiederbelegung der Wiener Medaille. Die Kunst der Medaille in Wien. Österreichische Numismatische Gesellschaft, Viena.
- (1948). Österreichische Münzprägungen, 1519-1938 (con E. Holzmair e V. von Miller). Verein der Museumsfreunde, Viena.
- (1951). Pflege wirtschaftsgeschichtlicher und technischer Denkmale. Roehrer, Viena.
- (1952). Entwicklung von Wertpapieren und Geldzeichen. Rohrer, Viena.
- (1953). Entwicklung von Wertpapieren und Geldzeichen 2. Österreich 1703 - 1816. Rohrer, Viena.
- (1955). Mitteilung der Weistümer-Kommission: Österreichische Weistümer als Quelle zur Geldgeschichte (con B. Koch). Viena.
- (1957). Geschichte und Aufgabe der österreichischen Museen. Österreich. Geschichtsvereine, Viena.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Loehr, August Octav Ritter von". En The Catholic encyclopedia and its makers. The Encyclopedia Press, Nova York (1917). Páxina 101 (fotografía en lámina anterior).
- ↑ O seu nome completo é August Oktavian Julius Perpetuus Maria Karl Josef Ritter von Loehr, mais a partir do 10 de abril de 1919 utilizou nos seus traballos a forma reducida August Loehr.
- ↑ "Loehr, August Octav Ritter von". En The Catholic encyclopedia and its makers. The Encyclopedia Press, Nova York (1917). Páxina 101 (fotografía en lámina anterior).
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 "August Loehr, kMI 1933, wM 1945". Österreichische Akademie der Wissenschaften.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 Auer, E. M. (1987).
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 6,7 6,8 "August Oktavian von Loehr". Wien Geschichte Wiki.
- ↑ Fellner, F.; Corradini, D. (2001).
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 "August von Loehr (Löhr)". Memorial Book for the Victims of National Socialism at the University of Vienna in 1938. Universität Wien.
- ↑ "Die Eckhel Medaille". Sitio web da ÖENG.
- ↑ "August Loehr (31.3.1882 - 11.7.1965). Verzeichnis der Numismatischen und Geldgeschichtlichen Schriften". Coinsgallery.de
- ↑ "Loehr, August Octavian f. 1882, d. 1965 Arquivado 28 de outubro de 2021 en Wayback Machine.". WorldCat Identities.
- ↑ "Loehr, August". Regesta Imperii.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Auer, E. M. (1987). "Loehr, August Ritter von". En Neue Deutsche Biographie). Vol 15. Duncker & Humblot, Berín. Páxinas 44-45. ISBN 3-428-00196-6
- Fellner, F.; Corradini, D. (2001). "Loehr, August Oktavian". En Ein wahrhaft patriotisches Werk": die Kommission für Neuere Geschichte Österreichs 1897-2000. Böhlau, Viena. Páxina 271. ISBN 3-205-99376-4
- Haupt, H. (1991). Das Kunsthistorische Museum. Die Geschichte des Hauses am Ring. Hundert Jahre im Spiegel historischer Ereignisse. Brandstätter, Viena. ISBN 3-85447-409-1
- Holzmair, E. (1965-a-). "Nachruf auf August Loehr". En Numismatische Zeitschrift. Nº 81. Páxinas 68-75.
- Holzmair, E. (1965-b-). "August von Loehr 1882-1965". En Compte rendu, 12. International Numismatic Commission. Páxina 25.
- Lhotsky, A. (1966). "August Loehr". En Österreichische Akademie der Wissenschaften. Almanach. Nº 115. . Páxinas 273-283.
- Nados en 1882
- Finados en 1965
- Nados en Viena
- Numismáticos de Austria
- Historiadores de Austria
- Historiadores económicos
- Galardoados coa medalla Eckhel
- Alumnos da Universidade de Viena
- Alumnos da Universidade de Heidelberg
- Alumnos da Universidade de Grenoble
- Profesores da Universidade de Viena
- Membros da Academia Austríaca de Ciencias
- Directores de museos