Groat escocés
Groat de David II (1329-1371 | |
---|---|
+DAVID x REX x SCOTORVm, busto coroado cara á esquerda con cetro. | Externo: +DNS PROTECTOR MS F LIBATOR MS
Interno: VILL A ED InBV RGh Cruz longa con estrelas nos cuarteis. |
Groat. (ca. 1367-1371). Ceca de Edimburgo. AG. 27 mm. 3,11 g. [1] |
O groat foi unha moeda escocesa de prata introducida en 1357 no sistema monetario do Reino de Escocia polo rei David II (1329-1371), inicialmente co valor de catro peniques escoceses, e que mantivo a súa existencia ata 1559, baixo o reinado de María Estuardo (1542-1567), cando valía 12 peniques escoceses ou un xilin.[2][3][4]
A denominación groat, así como os seus equivalentes europeos groschen e grosch (en alemán), groot (en neerlanés), grote (en baixo alemán), grosz (en polaco), gros (en francés), grosso (en italiano) etc., deriva do adxectivo latino grossus ("groso"). As moedas con estas denominacións, moi estendidas por toda Europa entre os séculos XIII e XV, tiñan en común estaren cuñadas en prata sobre discos de maior grosor e peso que o daquelas ás que substituían.[5]
Historia
[editar | editar a fonte]David II (1329-1371): nacemento do groat escocés
[editar | editar a fonte]David II (1329-1371) foi o primeiro monarca escocés en cuñar esta moeda, xunto co medio groat (half-groat), como complemento dos peniques, medios peniques e farthings que constituíran ata ese momento a base do sistema monetario escocés.[2][5][6][7][8]
David tiña apenas cinco anos cando finou o seu pai, Roberto I (1306-1329). Acadou a súa maioría de idade en 1341 e en 1346 invadiu Inglaterra, onde foi derrotado, capturado e feito prisioneiro polo seu cuñado, o rei Eduardo III de Inglaterra (1327-1377). Durante a súa estadía alí, coñeceu as novas moedas que introducira Eduardo III no sistema inglés (o noble de ouro, de 80 peniques, e o groat de prata, de catro peniques) e, logo da súa liberación en 1358,[9] introduciu en Escocia esas novidades, aínda que continuou tamén coa cuñaxe dos peniques escoceses.[10]
A tipoloxía adoptada por David II para estes primeiros groats escoceses copiaba case exactamente a dos groats ingleses de Eduardo III, aínda que cunha diferenza substancial: o motivo principal do anverso en ambas as moedas era un busto do monarca, que no caso da inglesa se amosaba de fronte, en tanto que nos groats escoceses aparecía de perfil ("tres cuartos").[5][11] A lenda do anverso era DAVID + DEI + GRA + REX + SCOTORVM ("David, pola graza de Deus, rei dos escoceses").[6]
Pola súa banda, o reverso, tamén fortemente inspirado no do groat inglés, estaba caracterizado por unha cruz longa con estrelas en cada cuartel, que corta unha lenda escrita en dúas liñas, do tipo: DNS PTECTOR MS LIBATOR MS ("Deus é o meu valedor e o meu redentor") / VILLA + EDINBVRGH ("Cidade de Edimburgo"). Esta lenda inclúe a mención da cidade a modo de marca de ceca, que nestas primeiras emisións pode ser Edimburgo ou Aberdeen.[6]
Este primeiro groat, cuñado a partir de 1357, tiña un valor de 4 peniques escoceses, un peso de 72 grans de prata pura (ca. 4,65 gramos) e un diámetro de 27 milímetros.[6] Dez anos despois, en 1367, iniciouse en Escocia un proceso de redución xeral no peso das moedas, motivada pola crise económica que estaba a atravesar o país, que provocou diverxencia entre o valor das moedas escocesas e o das súas homónimas inglesas. Ese ano, o groat de David II baixou ata os 60 grans (ca. 3,87 gramos), mantendo o valor de 4 peniques.[12]
De Roberto II (1371-1390) a María Estuardo (1542-1567)
[editar | editar a fonte]Baixo o seu sucesor, Roberto II (1371-1390) o groat mantivo o mesmo peso, en tanto que no reinado de Roberto III (1390-1406) este flutuou, cun lixeiro ascenso nas súas primeiras emisións seguido dunha diminución que chegou ata os 46 grans (ca. 2,97 gramos).[13] Con Roberto III produciuse tamén un notable cambio no busto dos anversos, que deixou de representarse de perfil (como viña sucedendo desde David II) e pasou amosarse de fronte, de xeito que pasou a semellarse máis ao seu homónimo inglés.[14]
Baixo Xacobe I (1406-1437) o valor do groat ascendeu ata os 6 peniques escoceses,[2] en tanto que o seu peso caeu aos 36 grans. A calidade da moeda debilitouse notablemente, ata o punto de que nas súas lendas se chegaron a producir erros de ortografía (en ocasións: TRACIA no canto de GRACIA e PTECOTOR en lugar de PROTECTOR).[15][16]
A primeira emisión a nome de Xacobe II (1437-1460) conservaba as mesmas características que a precedente, mais en 1451 producíronse reaxustes no sistema que levaron consigo unha subida do peso do groat de ata 60 grans e un valor de 8 peniques, que ascendeu posteriormente a 12 peniques, co que se igualou co xilin escocés.[2][15][17]
O peso mantívose constante baixo Xacobe III (1460-1488). Xacobe emitiu os seus primeiros groats seguindo unha tipoloxía idéntica á do seu pai.[18] No entanto, a partir de 1485 comezaron a producirse cuñaxes con tipos renovados, que amosaban un retrato máis realista do monarca, coroado e de perfil.[19] Segundo Stewart, o busto de Xacobe III do groat de 1485 "ademais de ser o primeiro retrato realista dun rei nunha moeda escocesa, probablemente sexa o primeiro retrato renacentista nunha moeda fóra de Italia".[20] Nos últimos anos do reinado de Xacobe III chegaron a emitirse groats cunha prata de maior lei e cun valor de ata 14 peniques.[2][21]
Durante o reino de Xacobe IV (1488-1513) o groat e a súa fracción (medio groat) foron emitidos seguindo dous estándares de peso e lei: un groat lixeiro, con valor de 12 peniques ou un xilin, e outro forte, valorado en 14 peniques.[2][22]
Baixo Xacobe V (1513-1542) o peso do groat recuperouse levemente ata chegar aos 42 grans e o seu valor reaxustouse nun xilin e 6 peniques (ou o que é o mesmo, 18 peniques). Neste período, a súa tipoloxía cambiou radicalmente, cun retrato de perfil cara á dereita de corte claramente renacentista e, no reverso, sobre a cruz, o escudo de Escocia co león rampante, rodeado por unha lenda disposta nunha soa liña, na que unicamente se dá conta do lugar de cuñaxe (do tipo OPPIDVM EDINBVRGI ou VILLΛ EDINBRVG). Aínda que baixo outros monarcas foi habitual a emisión de moedas de medio groat, Xacobe V substituíu este valor fraccionario polo dun terzo de groat (6 peniques escoceses).[2][5][23][24] Porén, en 1538, o terzo de groat foi substituído por unha nova moeda, de billón con apenas un 25 % de prata, denominada bawbee, con ese mesmo valor de 6 peniques.[2][25]
O derradeiro reinado en que se emitiu o groat escocés foi o de María Estuardo (1542-1567), en concreto durante a súa segunda serie de emisións (1558-1560). Nes época, a moeda deixou de cuñarse en prata e pasou a ser de billón, aínda conservando o valor de 12 peniques. A súa tipoloxía era radicalmente innovadora: o anverso estaba caracterizado por un gran monograma coroado formado polas letras MF (de María e o seu esposo, Francisco II de Francia) flanqueado por cun cardo coroado á dereita (símbolo nacional de Escocia) e un golfiño coroado á esquerda (indicativo da condición de Delfín de Francia que Francisco tiña naquel momento). No reverso, unha cartela cadrada flanqueada por senllas cruces de Lorena contiña unha lenda en catro liñas: IAM NON / SVNT DVO / SED VNA / CARO ("Xa non son dúas, senón unha soa carne").[26][27]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Groat de David II de Escocia". Numista.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 "Scottish Coins". Elks, K. Coinage of Great Britain. Celtic to Decimalisation. Part 12.
- ↑ Grueber, H. (1899).
- ↑ Klütz, K. (2004).
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 "Groat". En Frey, A. R. (1916). Páxina 98.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 Groat de David II de Escocia. Numista.
- ↑ ½ groat de David II de Escocia. Numista.
- ↑ Stewart, I. (1955).
- ↑ Foi liberado coa promesa dun rico rescate, mais a mala situación económica impediu o pagamento.
- ↑ Bateson, D. (1987).
- ↑ Groat de Eduardo III de Inglaterra. Numista.
- ↑ Groat de David II de peso reducido (1367-1371). Numista.
- ↑ Groat de Roberto II de Escocia. Numista.
- ↑ Groat de Roberto III de Escocia. Numista.
- ↑ 15,0 15,1 Stewart, I. (1955).
- ↑ Groat de Xacobe I de Escocia. Numista.
- ↑ Groat de Xacobe II de Escocia (12 peniques). Numista.
- ↑ Groat de Xacobe III de Escocia (busto de fronte). Numista.
- ↑ Groat de Xacobe III de Escocia (busto de perfil). Numista.
- ↑ Stewart, I. (1955). Páxina 67.
- ↑ "Coin (obverse), groat, from reign of James III". National Museums Scotland.
- ↑ Groat de Xacobe IV de Escocia. Numista.
- ↑ Groat de Xacobe V de Escocia. Numista.
- ↑ 1/3 groat de Xacobe V de Escocia. Portable Antiquities Scheme.
- ↑ Bawbee de Xacobe V. Numista.
- ↑ Mateu, 10, 8.
- ↑ Groat de María Estuardo. Numista.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Groat escocés |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bateson, D, (1987). Scottish Coins. Shire Publications Ltd. ISBN 0-85263-847-7
- Belaubre, J. (1996). Dictionaire de Numismatique médiévale occidentale. París. Léopard d'Or. ISBN 2-86377-121-3
- Burns, E. (1887). The Coinage of Scotland. Volume I, volume II, volume III. Black, Edimburgo.
- Clarke, J. (1971). "The Early Unicorns and the Heavy Groats of James III and IV". En British Numismatic Journal. British Numismatic Society. Vol. 40. Páxinas 62-96.
- Clarke, J. (1980). "Some Placks and Base Groats of James III of Scotland" (con M. R. Cowell). En Metcalf, D. M.; Oddy, W. A. (eds). Metallurgy in Numismatics I. Royal Numismatic Society. Páxinas 180-183. ISBN 9780901405142
- De Cardonnel, A. (1786). Numismata Scotiæ or a series of the scottish coinage, from the reign of William the Lion to the Union. Edimburgo. G. Nicol.
- Frey, A. R. (1916). A dictionary of numismatic names; their official and popular designations. American Journal of Numismatics. Vol 50.
- Grueber, H. (1899). Handbook of the Coins of Great Britain and Ireland in the British Museum. Londres. [Reimpresión en 1970; ISBN 1-4021-1090-1]
- Holmes, N. (1998). Scottish Coins. Edimburgo. NMS Publishing. ISBN 1-901663-02-7
- Klütz, K. (2004). Münznamen und ihre Herkunft. Viena. Moneytrend Verlag. ISBN 3-9501620-3-8
- Martinori, E. (1915). La moneta. Vocabolario generale Arquivado 20 de setembro de 2020 en Wayback Machine.. Roma. Istituto italiano di numismatica.
- Mackay, J.; Mussel, J. (2016). Coin Price Guide to British Coins. Token Publishing Ltd.
- Seaby, P.; Purvey, F. (1984). Coins of Scotland Ireland and the Islands. Sanford J. Durst. ISBN 978-0900652646
- Stewart, I. (1955). The Scottish Coinage. Londres. Spink & Son.