Saltar ao contido

Angela Gheorghiu

Este é un artigo de calidade da Galipedia
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Modelo:BiografíaAngela Gheorghiu

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(ro) Angela Burlacu Editar o valor en Wikidata
7 de setembro de 1965 Editar o valor en Wikidata (59 anos)
Adjud, Romanía (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
EducaciónNational University of Music Bucharest (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupacióncantante de ópera, música, actriz Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1990 Editar o valor en Wikidata -
Xénero artísticoÓpera Editar o valor en Wikidata
ProfesoresArta Florescu (en) Traducir e Mia Barbu (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
TesituraSoprano Editar o valor en Wikidata

InstrumentoVoz Editar o valor en Wikidata
Selo discográficoEMI Classics Editar o valor en Wikidata
Familia
CónxuxeRoberto Alagna (1996–2013) Editar o valor en Wikidata
Premios

Descrito pola fonteBiblioteca dixital BEIC Editar o valor en Wikidata
Páxina webangelagheorghiu.com Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm0315636 Allocine: 540949 Allmovie: p298026
BNE: XX1679461 Spotify: 5pLMWE1tVs9C7F9Qqauo44 Musicbrainz: 875705c2-152d-4ead-bfb2-16982ab419c3 Songkick: 427025 Discogs: 899551 Allmusic: mn0000179761 Editar o valor en Wikidata

Ro-Angela Gheorghiu.ogg Angela Gheorghiu (nome real Angela Burlacu), nada o 7 de setembro de 1965 en Adjud (Romanía),[1] é unha soprano romanesa. Dende o seu debut profesional en 1990 ten interpretado os papeis principais de numerosas óperas na Metropolitan Opera de Nova York, a Royal Opera House de Londres, a Wiener Staatsoper de Viena, o Teatro alla Scala de Milán e moitos outros teatros de ópera de Europa e dos Estados Unidos. Ten unha abundante discografía, principalmente cos selos EMI Classics e Decca, e é especialmente coñecida polas súas interpretacións de óperas de Puccini, se ben é considerada, a raíz das súas interpretacións de La traviata, como unha das mellores Violetta do mundo.[2]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos

[editar | editar a fonte]

Gheorghiu naceu en 1965 en Adjud, unha pequena cidade na provincia romanesa de Moldavia a 300 km de Bucarest, filla dun maquinista ferroviario amante da música e dunha modista. Gheorghiu creceu nunha familia sen tradición musical e sen interese no canto, «nin sequera la la la», bromea agora.[3] A relación co canto da soprano romanesa remóntase á súa primeira infancia, cando xa cantaba na escola infantil, sendo dende aquela cantante de ópera e estudante, Gheorghiu afirmaba nunha entrevista: «Son cantante dende que nacín».[4] Cando era nena, o compositor e director de orquestra estadounidense Leonard Bernstein tiña un programa semanal na televisión romanesa, e o pai de Angela sintonizábao para velo coas súas dúas fillas, isto motivou que, xunto coa súa irmá máis nova Elena Dan, Angela cantase ópera dende moi nova, converténdose as dúas en pequenas celebridades na súa cidade natal, como indicou: «Eramos as divas da vila».[5][6] Gheorghiu cantou por primeira vez en público aos seis anos de idade, xunto a súa irmá Elena, un canto de berce de Brahms no Pazo da Cultura da súa localidade natal. O seu evidente talento levaríaa finalmente á capital romanesa aos 14 anos de idade para estudar no George Enescu Lyceum.[3]

A Opera Națională Română din Cluj-Napoca, onde Gheorghiu realizou o seu debut operístico profesional en 1990.

Estudos e inicios como profesional

[editar | editar a fonte]

Aos 14 anos, Gheorghiu comezou a estudar canto na Universitatea Națională de Muzică București (Universidade Nacional de Música de Bucarest), principalmente con Mia Barbu e con Arta Florescu.[7][8] En 1990 graduouse como a primeira da súa especialidade cun grao de honra.[6] A súa graduación seguiu ao derrocamento de Nicolae Ceaușescu o ano anterior, o que lle permitiu procurar unha carreira internacional inmediatamente. Se ben o seu debut profesional foi con 18 anos interpretando a Solveig en Peer Gynt de Edvard Grieg, o seu debut operístico profesional tivo lugar na Opera Națională Română din Cluj-Napoca (Ópera Nacional Romanesa Cluj-Napoca) encarnando a Mimì en La Bohème en 1990, e ese mesmo ano gañou a Belvedere International Competition.[8][9]

Gheorghiu realizou o seu debut internacional en 1992 na Royal Opera House de Londres no papel de Zerlina en Don Giovanni.[10] Ese mesmo ano debutou na Wiener Staatsoper no papel de Adina en L'elisir d'amore, e en 1993 fixo o seu debut na Metropolitan Opera de Nova York encarnando a Mimì en La Bohème, de Puccini.[2][11] Ao ano seguinte, en 1994, debutou en La Monnaie de Bruxelas no papel de Micaëla na ópera de Bizet Carmen, nunha representación que atraeu o interese de críticos como Joel Kasow, da revista Opera News. Ese mesmo ano regresou á Royal Opera House para encarnar a Nina na ópera de Massenet Chérubin.[12]

Éxito internacional

[editar | editar a fonte]

En 1994, foi escoitada por Sir Georg Solti para unha nova produción de La traviata que sería retransmitida pola BBC e gravada en directo por Decca. Durante un ensaio o propio Solti declarou:

Estaba en bágoas. Tiña que saír. A moza é marabillosa. Pode facer todo.[13]

O seu debut como Violetta no escenario londiniense levouna á fama internacional, os xornais e revistas anunciaron «Naceu unha estrela», e dende ese momento as súas aparicións nos teatros de ópera máis importantes do mundo non pararon de aumentar. En 1995 asinou o seu primeiro contrato en exclusiva con Decca, gravando para o selo británico numerosos CDs e DVDs. Porén, unha traxedia familiar chegaría pouco despois, cando en 1996 a súa irmá, a tamén soprano Elena Dan, morría a causa dun ataque ao corazón aos 30 anos de idade o mesmo ano no que Angela contraía matrimonio co tenor francés Roberto Alagna. Co seu marido formaría parella artística durante moito tempo, sendo considerados a «Parella de Ouro da Ópera».[5][13]

En 1998 asinou o seu segundo contrato en exclusiva, desta vez con EMI Classics, e ao ano seguinte participou cun grande éxito no concerto «Michael Jackson and Friends» que se celebrou na cidade alemá de Múnic[13]

Roberto Alagna e Angela Gheroghiu en Cannes.

En decembro de 2000, Gheorghiu interpretou o papel principal na película Tosca, dirixida por Benoit Jacquot, xunto con Roberto Alagna e Ruggero Raimondi.[14] Ao ano seguinte, en 2002, Gheorghiu interpretou a Xulieta na película Romeo e Xulieta, xunto a Roberto Alagna e Tito Beltrán, tamén realizada en DVD.[15]

En 2003 debutou no papel de Nedda en Pagliacci e no de Marguerite en Faust. Gravou Tosca (tamén levada ao cine en 2001, dirixida polo director francés Benoît Jacquot) e Leonora en Il trovatore para EMI, e cantou por primeira vez o papel de Tosca na Royal Opera House en 2006, colleitando un grande éxito.

Gheorghiu participou en numerosos concertos, cantando en solitario ou con outros compañeiros. Entre algúns dos máis importantes, a reapertura da Royal Opera House Covent Garden (1999) e o Teatro Malibran de Venecia (2001), e a inauguración do Palau de les Arts Reina Sofía de Valencia en presenza da raíña española Sofía en 2005. Cantou tamén no «Prom at the Palace» en 2002, o evento que sinala o Xubileu da Raíña Isabel II, un concerto dispoñible en DVD. Tamén cantou na Gala do Xubileu da Raíña Beatriz en Ámsterdam (2005), no New Year's Eve Concert do Palais Garnier en París (2006), no «Met Summer Concert» en Prospect Park (Nova York, 2008), ou no concerto homenaxe a Luciano Pavarotti en Petra (2008). En 2009, Gheorghiu foi invitada para homenaxear a Grace Bumbry durante o 32º Kennedy Center Honors, en Washington, D.C.. No acto cantou «Vissi d'arte» da ópera de Puccini Tosca, en presenza do presidente dos Estados Unidos, Barack Obama.[16]

En novembro de 2010, Gheorghiu realizou o seu debut na ópera de Cilea Adriana Lecouvreur, unha nova produción da Royal Opera House, Covent Garden. The Observer escribiu:

É difícil imaxinar a alguén mellor que Angela Gheorghiu neste papel. A súa voz, lixeira como unha pluma e cremosa mais cun núcleo de aceiro, coincide coa forma líquida que se move no escenario. Ela é unha actriz natural e fixo a escena da morte desgarradoramente crible e a súa pegada na aria 'Poveri fiori' simplemente inesquecible.[17]

Por outra banda, The Telegraph sinalou:

Adriana é coñecida como unha bonita, doada de cantar para as envellecidas ou experimentadas prima donnas (non hai notas agudas difíciles, e unha orquestra dócil), así que Gheorghiu, no seu mellor momento vocal, debera tela atopado un xogo de nenos. Mais a súa primeira aria foi desigual e nerviosa, e amañou o final da segunda. Noutros momentos, en duetos e declamacións, cantou decotío de forma exquisita.[18]

En xullo de 2011, Gheorghiu cantou o papel principal de Tosca na Royal Opera House baixo a dirección de Antonio Pappano, e o seguinte setembro regresou alí para a reposición de Faust, que foi retransmitida en directo en salas de cine de todo o mundo. En abril de 2012 debutou no Teatro Colón de Buenos Aires nun concerto de duetos con Roberto Alagna.[19]

En xuño de 2012, Gheorghiu celebrou os seus 20 anos dende o seu debut no escenario da Royal Opera House (Londres) nunha representación de La Bohème con Roberto Alagna. En xullo dese mesmo ano impartiu a súa primeira masterclass na Georg Solti Accademia de Castiglione della Pescaia, Italia. En novembro de 2012 regresou á San Francisco Opera para representar novamente Tosca, de Puccini. Nunha entrevista á revista austríaca Kurier en febreiro de 2014, Gheorghiu expresou o seu interese en representar o papel de Norma e de gravar o de Desdemona (Otello).[20] O seu debut máis recente nun papel foi o de Charlotte en Werther de Massenet en marzo de 2015 na Wiener Staatsoper, cun grande éxito de crítica.[21]

Premios e recoñecementos

[editar | editar a fonte]

Gheorghiu ten gravado numerosos álbums de recitais e óperas completas, e ten aparecido en televisión e concertos. A gravación para EMI Classics do Manon de Jules Massenet con Gheorghiu no papel principal gañou un Premio Gramophone á «Mellor Gravación de Ópera», e foi nomeada ao Premio Grammy á «Mellor Gravación de Ópera» en 2002.[22][23] A gravación para EMI Classics de Tosca de Puccini con Gheorghiu, Roberto Alagna e Ruggero Raimondi nos papeis principais reportoulle o Deutscher Schallplattenpreis en 2002.[24]

Tamén ten gañado o Diapason d'Or, o Choc du Monde de la Musique en Francia, o Cecilia Prize en Bélxica, o Premio Echo, o Musica e dischi en Italia, o Foreign Lyric Production Award e o USA Critics' Award. Gheorghiu gañou o título de Female Artist of the Year dos Classic Brit Awards en 2001 e 2010,[25] e recibiu a Medaille Vermeille de la Ville de París, así como o nomeamento de Officier de l’Ordre des Arts et Lettres e Chevalier de l’Ordre des Arts et Lettres polo Ministerio de Cultura de Francia.[13] En decembro de 2010, Gheorghiu foi nomeada Doutor Honoris Causa pola Universidade de Artes en Iasi (Romanía)[26] e obtivo tamén a Estrela de Romanía, o máis alto galardón entregado polo Presidente de Romanía.[27] En outubro de 2012, Gheorghiu recibiu a condecoración real Nihil Sine Deo do rei Miguel I de Romanía, como recoñecemento á súa contribución para promover a cultura romanesa no mundo.[28]

Controversias co Met e outros teatros

[editar | editar a fonte]
Gheorghiu mantivo unha difícil relación con diversos teatros, entre eles o Met.

En ocasións, Gheorghiu tivo difíciles relacións cos xerentes e directores dos teatros de ópera. Algúns, mais non todos, destes conflitos xurdiron pola súa oposición aos directores que, como ela mesma sinalou nunha entrevista ao xornal español ABC «queren expresar as súas propias fantasías, esquecéndose das personaxes. Ás veces, o que se representa no escenario vai en contra da historia e da música».[29] Gheorghiu ten atribuído a súa franqueza á súa crianza en Romanía baixo o réxime totalitario de Nicolae Ceaușescu:

Porque eu crecín nun país no que non había a posibilidade de ter unha opinión, iso fíxome máis forte agora. Moitos dos cantantes teñen medo de non ser invitados novamente a un teatro de ópera se opinan. Mais eu teño o valor de ser, en certo modo, revolucionaria. Eu quero loitar pola ópera, para que sexa tomada en serio. A música pop é para o corpo, mais a ópera é para a alma

— Angela Gheorghiu para The Times.[30]

Gheorghiu tivo unha relación problemática co antigo xerente da Metropolitan Opera (Met) Joseph Volpe logo do seu debut neoiorquino en 1993 como Mimì. En 1996, Gheorghiu foi elixida para encarnar a Micaela nunha nova produción de Carmen, con Waltraud Meier e Plácido Domingo. A produción de Franco Zeffirelli exixía a Micaela a levar unha perruca loira, co que Gheorghiu non concordaba. Cando o Met realizou unha xira polo Xapón en 1997, ela negouse a levala na primeira noite, e Volpe declarou: «A perruca continuará, con ou sen ti» e substituíuna por unha suplente.[31][32] En 1998 regresou ao Met para seis representacións de Romeo e Xulieta xunto co seu marido, o tenor Roberto Alagna, como Romeo. Volpe planeara contratar a Gheorghiu para encarnar a Violetta Valery para unha nova produción de La traviata, que se estrearía en novembro dese mesmo ano e estaría dirixida novamente por Zeffirelli. Alagna cantaría o papel do amante de Violetta, Alfredo Germont. Segundo Volpe, Gheorghiu e Alagna discutiron co persoal e o director sobre detalles da produción e demoraron continuamente a sinatura do contrato. Finalmente ambos firmaron os seus contratos e os enviaron ao Met un día despois da data límite. Volpe negouse a aceptalos e finalmente a produción contou con Patricia Racette e Marcelo Álvarez interpretando aos amantes.[31]

En setembro de 2007, Gheoghiu foi despedida polo Xestor Xeral da Lyric Opera of Chicago, William Mason, dunha produción de La bohème por faltar aos ensaios e probas de vestiario, e en xeral por un comportamento «pouco profesional». Gheorghiu dixo nun comunicado que se perdera algúns ensaios por pasar tempo co seu marido, que estaba cantando no Met Romeo e Xulieta e ensaiando para Madama Butterfly de Puccini, e engadiu:

Teño cantado Boheme centos de veces, e pensei que perder uns poucos ensaios non sería unha traxedia. Era imposible facer as probas de vestiario ao mesmo tempo que estaba en Nova York.[33]

Seis meses despois, Gheorghiu realizou o seu debut na San Francisco Opera, recibindo críticas favorables pola súa Magda na nova produción de La rondine.[34][35] A produción da San Francisco Opera orixinouse na Royal Opera House de Londres, onde se estreou o 7 de maio de 2002 con Gheorghiu e Alagna como Magda e o seu amante Ruggero. É unha que admira en particular:

Cando o pano abre en La rondine no Covent Garden, o público quedou sen alento e aplaudiu. A xente quere soñar. Se os directores queren facer algo novo coas óperas, por que non fan algo fermoso?[36]

A pesar destes desacordos, Gheorghiu e Alagna regresaron á Metropolitan Opera para cinco representacións de L'elisir d'amore en 1999 e para catro representacións de Faust en 2003. Gheorghiu tamén interpretou no Met a Liù en Turandot no ano 2000; como Violetta en La traviata xunto a Jonas Kaufmann en 2006 e 2007; como Amelia en Simon Boccanegra en 2007; como Mimì en La bohème en 2008;[37] encarnou a Magda na tempada 2008-09 na coprodución da Royal Opera House e a San Francisco Opera de La rondine, a primeira representación desta ópera no Met dende 1936;[38] e tamén na tempada 2009-10, cando encarnou a Violetta, substituíndo o seu contrato previo como Marie Antoinette nunha nova e rara montaxe de The Ghosts of Versailles de John Corigliano, que foi cambiada por problemas de presuposto da compañía.[39]

O 31 de decembro de 2008, Gheorghiu estreou unha nova produción de La rondine no Met xunto con Roberto Alagna, Marius Brenciu, Lisette Oropesa e Samuel Ramey. A ópera fora interpretada por última vez no teatro máis de 70 anos atrás. Gheorghiu recibiu algunhas críticas favorables pola súa interpretación de Magda: «Gheorghiu encarna o papel, como actriz e cantante, cun carisma natural».[40] A opinión do New York Times foi máis variada: «Vocalmente, os dous protagonistas son algo decepcionantes. A Sra. Gheorghiu, como Magda, canta cun son brillante e cores escuras no rexistro máis forte da súa voz. Mais o terreo rico do seu rexistro medio ás veces tórnase velado, e o seu rexistro grave é curiosamente feble».[41]

En agosto de 2009, Gheorghiu cancelou todos os seus contratos para representacións de Carmen no Met de 2010 por «motivos persoais».[42] Debía ter sido a súa primeira representación pública do papel principal (escrito e normalmente cantado por unha mezzosoprano). Tamén cancelou outros contratos co Met cerca do final de 2010. En marzo de 2011 cancelou todos os seus contratos para a representación do Romeo e Xulieta de Gounod no Met alegando enfermidade. Só días despois de que cancelara todos os seus contratos para as representacións dunha nova produción de Faust durante a tempada 2011-12. Segundo o seu representante, «ela sentíase incómoda co concepto». Peter Gelb, o xerente do Met, dixo que as súas frecuentes cancelacións se converteran nun «problema cada vez máis difícil para o Met». Gelb chegou a dicir que, dende aquela, os plans para que Gheorghiu regresara ao escenario do Met continuaban, e engadiu: «Isto non ten nada que ver con perrucas».[43] Gheorghiu regresou ao Met en decembro de 2014 para representar con éxito de crítica o papel de Mimi en La Bohème, xunto a Michael Fabiano.[44] Para a tempada 2015-2016, está programado que represente Tosca por primeira vez no Met, na produción de Bondi.[45]

Vida persoal

[editar | editar a fonte]

Angela Gheorghiu casou, cando aínda era estudante, co enxeñeiro hidráulico Andre Gheorghiu,[6] de quen tomou o apelido e conservou logo de divorciarse del por consello da súa discográfica. Andre Gheorghiu pertencía a unha importante familia de músicos de Romanía.[3]

Roberto Alagna, segundo marido de Gheorghiu, en 2004.

En 1992, Gheorghiu coñeceu ao que sería o seu futuro marido, Roberto Alagna (con quen ten cantado frecuentemente no escenario e en gravacións de estudio), cando cantou con el La Bohème na Wiener Staatsoper. Dende o primeiro instante, segundo o esposo, sentíronse apaixonados, mais os dous estaban casados, e só casaron en 1996 despois da morte da dona de Alagna por un cáncer de cerebro e do divorcio de Gheorghiu. A cerimonia tivo lugar durante unha representación de La Bohème no escenario da Metropolitan Opera, na cidade de Nova York coa presenza do daquela alcalde da cidade Rudolph Giuliani.[46]

Gheorghiu ten dúas fillas adoptivas: Ornella, filla de Alagna coa súa primeira muller, que vive en París; e Uana, que vive en Londres e é a súa sobriña, filla da súa irmá Elena, que morreu nun accidente automobilístico en 1996.[47]

Famosa polas súas esixencias e pola súa oposición ás producións que modernizan a acción ou a trama das óperas, a soprano viuse envolta nunha serie de escándalos debido aos cancelamentos e malos entendidos en producións nas que participou.[48] En 2003, abandonou unha produción de La Traviata en Madrid por discordar coa interpretación, que consideraba «vulgar». En 2007, foi despedida da Lyric Opera of Chicago por faltar a ensaios mentres viaxaba a Nova York.[49]

Estes feitos, sumados ao comportamento presuntamente imperioso da parella, reportáronlles a ela e a seu home Roberto Alagna unha especial cobertura dos medios, que lles outorgou varios alcumes: La Draculette, Bonnie & Clyde, Ceausescus.[46] Sobre o seu comportamento exixente e voluntarioso, Angela Gheorghiu confesou nunha entrevista:[50]

Porque eu crecín nun país onde non había ningunha posibilidade de ter unha opinión, iso fíxome máis forte agora. Moitos cantantes teñen medo de non ser convidados novamente por un teatro de ópera se se impoñen. Mais eu teño a coraxe de ser, en certo modo, revolucionaria. Eu quero loitar pola ópera, pois ela debe ser tomada en serio. A música pop é para o corpo, mais a ópera é para a alma.

Encarnando o modelo da diva ao estilo antigo, Gheorghiu é paradoxalmente unha estrela da ópera bastante moderna. Xa ten realizado numerosos rexistros discográficos e aparece frecuentemente en televisión e en concertos de grandes audiencias. O seu primeiro grande éxito, unha produción de La Traviata dirixida por Georg Solti, chegou a ser vista por máis dun millón de persoas no Reino Unido.[51][52]

En 2006 foi escollida no posto 74 das «mulleres máis sexis do mundo» pola revista FHM.[53][54] En outubro de 2009, Alagna dixo nunha entrevista en Le Figaro que el e mais Gheorghiu se separaran.[55]

Despois da separación, Gheorghiu negouse a cantar con Alagna nunha produción de Carmen na Metropolitan Opera en decembro de 2009.[56] O divorcio, non obstante, foi cancelado en decembro dese mesmo ano.[57] Nunha entrevista en marzo de 2011 para o Daily Express afirmou que ela e Alagna estaban xuntos de novo, e se lles viu de novo xuntos no backstage da Royal Opera House de Londres, onde Alagna estaba a interpretar Aida. Tamén afirmou nunha entrevista que aínda quería cantar separada do seu home por un tempo.[58][59][60] Máis tarde ese ano, ambos inauguraron un anfiteatro grego no Emirato de Qatar.[61] En xuño de 2012, cantaron xuntos en dúas representacións de La Bohème na Royal Opera House para conmemorar os 20 anos dende que se coñeceran na mesma produción. Tamén cantaron nun concerto conxunto en Buenos Aires, e planearon representar xuntos Manon Lescaut e Adriana Lecouvreur en tempadas futuras.[62] Gheorghiu dixo da súa separación: «Foi estúpido pola nosa parte estar separados».[63] Porén, en xaneiro de 2013, Gheorghiu anunciou que acordaran o seu divorcio.[64]

Repertorio

[editar | editar a fonte]

Os papeis máis destacados que ten interpretado Gheorghiu ao longo da súa carreira inclúen, entre outros, a:[65]

Repertorio operístico
Personaxe Título Compositor
Carmen Carmen Bizet
Adriana Adriana Lecouvreur Cilea
Fanny Marius et Fanny Cosma
Adina L'elisir d'amore Donizetti
Fedora Fedora Giordano
Xulieta Romeo e Xulieta Gounod
Marguerite Faust Gounod
Suzel L'amico Fritz Mascagni
Manon Manon Massenet
Charlotte Werther Massenet
Nedda Pagliacci Leoncavallo
Mimì La Bohème Puccini
Cio-Cio San Madama Butterfly Puccini
Giorgetta Il tabarro Puccini
Angelica Suor Angelica Puccini
Lauretta Gianni Schicchi Puccini
Magda La rondine Puccini
Tosca Tosca Puccini
Liu Turandot Puccini
Leonora Il trovatore Verdi
Violetta La traviata Verdi
Nannetta Falstaff Verdi
Amelia Simon Boccanegra Verdi

Características

[editar | editar a fonte]

Moitos críticos teñen aclamado a Angela Gheorghiu como unha das voces máis electrizantes do mundo da ópera, especializada na interpretación de heroínas románticas do repertorio francés e italiano.[12] Moitos dos que teñen escoitado á soprano romanesa coinciden na beleza do seu canto, a súa pulcra emisión e unha técnica depurada, malia que segundo as súas propias palabras, nunca tivera un instrutor para a voz ou canto.[2] Gheorghiu é unha intérprete bastante coidadosa coa súa voz, que construíu a súa carreira lentamente, concentrándose nos papeis cos que posúe unha maior afinidade vocal e interpretativa. Entre eles están: Violetta (La traviata), Mimì (La Bohème), Magda (La rondine), Adina (L'Elisir d'Amore) e Xulieta (Romeo e Xulieta).[66] En 2003, ampliou o seu repertorio cos papeis de Nedda en Pagliacci e Marguerite no Faust de Gounod.

Gheorghiu ten sido eloxiada tanto polo seu talento dramático como pola súa voz. O colaborador da revista Opera News John Allison referiuse á falla de novas divas no mundo da ópera como as sopranos que precederon a Gheorghiu, afirmando:

Gheorghiu, coa súa beleza animada, un ton de soprano suave e escuro que é á vez firme e vulnerable, máis presenza no escenario que moitas das súas predecesoras, chegou xusto no momento axeitado.[12]

Neil Crory defínea como unha soprano cun gran rexistro e unha voz escura que é tamén capaz de cantar papeis de spinto.[67] Por outra banda, Alan Blyth define a voz da soprano romanesa como a «máis natural e persoal da súa xeración, capaz tanto dunha notable flexibilidade e de expresar un intenso sentimento».[8]

Discografía

[editar | editar a fonte]
A maior parte das gravacións de Gheorghiu foron realizadas co selo EMI Classics.

Angela Gheorghiu ten gravado numerosos discos, tanto de estudio como en directo, que colleitaron eloxios da crítica e numerosos premios.[13] Os seus rexistros discográficos abranguen óperas completas e discos recompilatorios de arias. A maior parte dos seus traballos discográficos tenos realizado co selo discográfico EMI Classics, mais tamén ten gravado con Decca, e en menor medida con RCA, Teldec, Warner Classics, Larghetto, Deutsche Grammophon, ou MediaPro Music. O seu primeiro contrato discográfico foi co selo británico Decca en 1992, e catro anos máis tarde realizou a súa primeira gravación con EMI Classics xunto co seu segundo marido Roberto Alagna, Duets and Arias (1996), con este último selo asinou un contrato en 1998.[12]

Tamén ten realizado numerosas gravacións en vídeo de óperas e recitais, principalmente co selo EMI Classics, e en menor medida con Decca, Arthaus Musik, Kultur Video, Beckmann Visual Publishing e Opus Arte. Estas gravacións están dispoñibles en DVD e Blu-ray.[68]

  1. John Warrack and Ewan West, 'Gheorghiu, Angela', The Concise Oxford Dictionary of Opera, Oxford University Press, 1996; Nicolas Slonimsky and Laura Diane Kuhn, Baker's Biographical Dictionary of Musicians, Gale Group, 2001, p. 1264; David M. Cummings, 'Gheorghiu, Angela', International Who's Who in Classical Music, Routledge, 2003, p.274
  2. 2,0 2,1 2,2 Angela Gheorghiu en laopera.net
  3. 3,0 3,1 3,2 "Biography". Arquivado dende o orixinal o 17 de xullo de 2011. Consultado o 28 de decembro de 2013. 
  4. «Yo tengo el control en la ópera» ABC, 18 de maio de 2007
  5. 5,0 5,1 Roberto Alagna – People Magazine, 21 de xuño de 1999
  6. 6,0 6,1 6,2 Romania's divine diva has the voice of the age
  7. "Perfil en IMG artists". Arquivado dende o orixinal o 31 de decembro de 2013. Consultado o 30 de decembro de 2013. 
  8. 8,0 8,1 8,2 Blyth, Alan (2008). Oxford University Press, ed. The Grove Book of Opera Singers. Nova York. p. 188. ISBN 978-0-19-533765-5. Consultado o 18 de febreiro de 2014. 
  9. "Vienna Chamber Opera: International Hans Gabor Belvedere Singing Competition". Arquivado dende o orixinal o 18 de abril de 2008. Consultado o 20 de decembro de 2013. 
  10. "Biography on Official website (2004)" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 28 de agosto de 2008. Consultado o 28 de agosto de 2008. 
  11. "Biography of Angela Gheorghiu – The Metropolitan Opera". Arquivado dende o orixinal o 05 de setembro de 2012. Consultado o 20 de decembro de 2013. 
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 Angela Gheorghiu Biography
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 13,4 "Biografía no sitio web oficial (2014)". Arquivado dende o orixinal o 13 de xaneiro de 2014. Consultado o 12 de xaneiro de 2014. 
  14. Tosca de Jacquot en Internet Movie Database
  15. Roméo et Juliette de Jacquot en Internet Movie Database
  16. Torrance, Kelly Jane Kennedy Center honorees reflect America's diversity, The Washington Times, 7 de decembro de 2009
  17. Pritchard, Stephen The Observer, Londres, 21 de novembro de 2010
  18. Christiansen, Rupert The Daily Telegraph, Londres, 19 de novembro de 2010
  19. Artigo no Bucharest Herald Arquivado 14 de abril de 2012 en Wayback Machine., 9 de abril de 2012.
  20. ""Warum muss sie sterben?"". Kurier (en alemán). 16 de febreiro de 2014. Arquivado dende o orixinal o 05 de xaneiro de 2016. Consultado o 2 de novembro de 2015. 
  21. "Aufwühlender Seelenschmerz: Massenets Werther an der Wiener Staatsoper". Bachtrack (en alemán). 10 de marzo de 2015. Consultado o 2 de novembro de 2015. 
  22. 2002 Grammy Nominees Arquivado 12 de setembro de 2008 en Wayback Machine., Grammy Award Spotlight, CNN. Nota: os premios Grammy recoñecen os logros dos músicos no ano anterior.
  23. Paul Cutts Alagna scores second Gramophone Awards success, Gramophone, 19 de outubro de 2001.
  24. Deutscher Schallplattenpreis Arquivado 22 de xullo de 2011 en Wayback Machine. Detalles sobre o premio
  25. "Angela Gheorghiu won Classical Brit Award in 2010". Arquivado dende o orixinal o 31 de decembro de 2010. Consultado o 20 de decembro de 2013. 
  26. Victoria Cantir Ziarul de Iasi, 07.12.2010
  27. Monitorul Oficial Arquivado 07 de outubro de 2011 en Wayback Machine., Decretul 921 din 27 septembrie 2010 privind conferirea Ordinului National Steaua Romaniei in grad de Comandor
  28. "Decoratia regala Nihil Sine Deo". Arquivado dende o orixinal o 12 de febreiro de 2015. Consultado o 20 de decembro de 2013. 
  29. "que quiere expresar sus fantasías, olvidándose de los personajes. A veces, lo que se representa en el escenario va en contra de la historia y de la música." por Susana Gaviña, «Yo tengo el control en la ópera», ABC, 18 de maio de 2007. Consultado o 3 de xuño de 2008.
  30. Warwick Thompson, Her serene highness Arquivado 15 de xuño de 2011 en Wayback Machine. The Times, 4 de maio de 2007
  31. 31,0 31,1 Tommasini, Anthony (4 de abril de 1998). "Hesitating Celebrity Couple Loses a Met Opera Contract". The New York Times.
  32. Fiedler, Johanna (2001). Molto Agitato: The mayhem behind the music at the Metropolitan Opera. Doubleday, p. 299. ISBN 0-385-48187-X
  33. Lyric Opera of Chicago fires soprano Angela Gheorghiu Associated Press, vía The International Herald Tribune, 28 de setembro de 2007. Consultado o 3 xuño de 2008.
  34. Joshua Kosman, Gheorghiu's debut worth the wait in Opera's 'La rondine', San Francisco Chronicle, 9 de novembro de 2007
  35. Georgia Rowe, "Angela Gheorghiu is the wind beneath the wings of La rondine", The Oakland Tribune, 13 de novembro de 2007
  36. Robert Thicknesse, The angel comes down to earth Arquivado 15 de xuño de 2011 en Wayback Machine., The Times, 11 de xuño de 2004. Consultado o 3 de xuño de 2008.
  37. "Todas as representacións de Gheorghiu no Met" (en inglés). Nova York: The Metropolitan Opera. Consultado o 9 de novembro de 2015. 
  38. "[Met Performance] CID:352796" (en inglés). The Metropolitan Opera. Consultado o 9 de novembro de 2015. 
  39. Gelbert, Bruce-Michael. "Thanks to Manhattan School, “Ghosts of Versailles” Return to Entertain & Haunt Again". QOnStage.com (en inglés). Consultado o 9 de novembro de 2015. 
  40. Fruehauf, Rosemarie, "The Met's La rondine Charms" Arquivado 21 de outubro de 2013 en Wayback Machine.,The Epoch Times, 15–21 de xaneiro de 2009
  41. Tommasini, Anthony (1 de xaneiro de 2009). "Puccini and Operetta? He Does It His Way". The New York Times. Consultado o 16 de abril de 2011.
  42. Walker, Tim, "Soprano Angela Gheorghiu refuses to sing in New Year", The Telegraph, 13 de agosto de 2009
  43. Wakin, Daniel J.. "Gheorghiu Withdraws From Faust at Met". The New York Times, 7 de marzo de 2011.
  44. "Winter Surprises at the Met: A Star is Born and a Stunning Voice Returns". Observer (en inglés). 18 de decembro de 2014. Consultado o 2 de novembro de 2015. 
  45. "The Metropolitan Opera" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 24 de marzo de 2015. Consultado o 2 de novembro de 2015. 
  46. 46,0 46,1 Angela Gheorghiu and Roberto Alagna: A double act of arias and anger
  47. Lynn Barber (29-06-2003). "The soprano" (en inglés). Consultado o 28-12-2014. 
  48. Marty Umans (decembro de 2008). "Angela Assoluta" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 06-12-2008. Consultado o 18-02-2014. 
  49. Matthew Westphal (28-09-2007). "Angela Gheorghiu Responds to Lyric Opera Firing" (en inglés). Consultado o 28-12-2013. 
  50. "Warwick Thompson, Her serene highness" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 15 de xuño de 2011. 
  51. "La Traviata sensation clears BBC Two schedule". BBC (en inglés). 19 de xuño de 2015. Consultado o 9 de novembro de 2015. 
  52. "Angela Gheorghiu" (en inglés). Junta de Andalucía. Arquivado dende o orixinal o 25 de setembro de 2019. Consultado o 9 de novembro de 2015. 
  53. Ed Vulliamy, Angela Gheorghiu and Roberto Alagna: A double act of arias and anger, The Observer, 17 de decembro de 2006; With a voice like that, she's allowed to be a nightmare Arquivado 25 de setembro de 2019 en Wayback Machine., The Times, 11 de xuño de 2006.
  54. "ANGELA & ...demoni" (en inglés). enricostinchelli.it. Consultado o 9 de novembro de 2015. 
  55. Lutaud, Léna "Roberto Alagna et Angela Gheorghiu se séparent", Le Figaro, 8 de outubro de 2009
  56. Bernheimer, Martin "Carmen", Financial Times, 4 de xaneiro de 2010
  57. Antena 3. "Soprana Angela Gheorghiu nu mai divorțează" 12 de decembro de 2009 (en romanés).
  58. Grant, Brigit. "Diva Angela Gheorghiu is a Little Angel". Daily Express, 13 de marzo de 2011.
  59. Angela Gheorghiu and her husband, tenor Roberto Alagna are back together, nova no Bucharest Herald do 14 de marzo de 2011
  60. Alagna nunha entrevista no Diapason de setembro de 2011.
  61. Townson, Peter (13 de decembro de 2011). "Cultural village amphitheatre opens with inspiring concert" Arquivado 14 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine.. Gulf Times
  62. Franini, Piera Anna (26 de setembro de 2010). "Gheorghiu: è il mio periodo «zen»". Il Giornale. Consultado o 7 de xaneiro de 2013 (en italiano).
  63. Smith, Julia Llewellyn (25 de novembro de 2011). "Opera singer Angela Gheorghiu says of her marital difficulties with Roberto Alagna: 'It was stupid of us to be apart'". The Daily Telegraph. Consultado o 7 de xaneiro de 2013.
  64. Eden, Richard. (6 de xaneiro de 2013). "Opera's Posh & Becks, Angela Gheorghiu and Roberto Alagna, bow out". The Daily Telegraph. Consultado o 7 xaneiro de 2013.
  65. "Repertoire. Career" (en inglés). angelagheorghiu.instantencore.com. Arquivado dende o orixinal o 25 de setembro de 2019. Consultado o 9 de novembro de 2015. 
  66. "Biografía. Angela Gheorghiu" (en inglés). last.fm. Consultado o 9 de novembro de 2015. 
  67. Crory, Neil (2005) "Recommended CD Recordings: Puccini: Angela Gheorghiu" Opera Canada 46(2): p.47
  68. "Discography. DVD" (en inglés). angelagheorghiu.com. Arquivado dende o orixinal o 30 de decembro de 2015. Consultado o 9 de novembro de 2015. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]