Miguel González Garcés
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Miguel González Garcés, nado na Coruña o 12 de xaneiro de 1916 e finado o 12 de decembro de 1989, foi un escritor en lingua castelá e galega, xornalista e docente, pertencente á Xeración do 36, chamado pola crítica o "mineiro de luz".[1]
Monumento a Miguel González Garcés fronte ao Reitorado da Universidade da Coruña. | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 12 de xaneiro de 1916 A Coruña, España |
Morte | 12 de decembro de 1989 (73 anos) A Coruña, España |
Formación profesional | Filosofía e Letras |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Lugar de traballo | Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés |
Ocupación | poeta, bibliotecario |
Membro de | |
Xénero artístico | Poesía |
Familia | |
Fillos | Alberto González-Garcés Santiso |
Traxectoria
editarLicenciado en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela. Posteriormente fixo oposicións ao Corpo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos, e obtivo o número un da súa promoción. Foi destinado inicialmente en Madrid e ao ano seguinte pediu o traslado á Coruña, onde pasou a dirixir a Biblioteca Pública do Estado durante os seguintes 40 anos. Simultaneamente dirixiu o Centro provincial coordinador de Bibliotecas.
Como poeta bilingüe en castelán e galego, destacan Poema ó meu mar, co que obtivo a Rosa de Ouro na Festa da Cantiga de 1969; Claridade en que a tentas me persigo, que lle valeu o Premio da Crítica de 1978; e Un nome só na néboa, presentado o día do pasamento do poeta e seleccionado para o Premio Nacional de Poesía de 1990.
Foi colaborador en diversas publicacións literarias como Atlántida, da que foi un dos impulsores, e a revista Nordés. A súa obra, traducida a varios idiomas, está presente nas principais antoloxías de poesía española das últimas décadas, así como nun estudo de The Oxford Companion to Spanish Literature.
Como compilador, publicou dúas pezas fundamentais para a comprensión da poesía do segundo terzo do século XX: Poesía galega contemporánea, de 1974 e Poesía gallega de post-guerra 1930-1975, de 1975; amais do libro de 1979 Antoloxía, estudio, selección e traducción dos poemas en lingua galega de Luis Pimentel.
Miguel González Garcés foi un home polifacético, grande admirador do Renacemento, que non limitou a súa actividade a un só aspecto da cultura. As súas amplas lecturas e viaxes por Europa e América permitíronlle realizar un gran número de traballos xornalísticos, publicados fundamentalmente en La Voz de Galicia sobre temas de diversa natureza, polos que lle foi concedido o Premio Fernández Latorre en 1960. Durante o seu derradeiro ano traballou nunha escolma destes artigos, que quedou inconclusa pola súa morte en 1989.
Unha das súas principais preocupacións foi a transmisión da cultura, na que destacaron a súa produción xornalística e a docencia de Arte e Literatura no Colexio Academia Galicia da Coruña, labor que foi premiado co título de colexiado distinguido do Colexio de Doutores e Licenciados do Distrito Universitario de Santiago. Tamén foi presidente durante máis de 20 anos da Asociación Cultural Iberoamericana, que organizou durante as décadas dos 60 e os 70 gran cantidade de conferencias e exposicións.
Pertencía á "Association internationale de la critique littéraire", que lle comportou un gran prestixio nas Letras francesas, polo que foi recoñecido co título de Cabaleiro da Orde das Palmas Académicas, galardón francés concedido polos eminentes servizos prestados en prol da educación e o espallamento da cultura francesa fóra do país.
Grande investigador da súa cidade natal, é autor de ensaios sobre distintos aspectos da historia da Coruña, entre os que destacan os traballos sobre a Torre de Hércules, os nomes das rúas da Cidade Vella e as especies dos xardíns da cidade. Como Director do Arquivo Municipal da Coruña, publicou en 1987 un estudo histórico monumental, Historia de La Coruña, así como María Pita, símbolo de la libertad de La Coruña, en 1989, coincidindo co cuarto centenario da heroína.
Nos anos 50 foi un dos máis firmes defensores do criterio xeográfico, segundo o cal se consideraría literatura galega a feita por escritores nados dentro das fronteiras administrativas de Galiza con independencia da lingua na que se expresasen. Estas ideas levárono a diversas polémicas xornalísticas no diario compostelán La Noche, especialmente con Xosé Luís Méndez Ferrín e con Gonzalo Rodríguez Mourullo, ambos defensores do criterio lingüístico, amplamente recoñecido a día de hoxe.
En 1966, Xesús Ferro Couselo, Álvaro Cunqueiro e Joaquín Freire de Andrade propuxérono como membro numerario da Real Academia Galega. Porén, a proposta non prosperou.[2]
Recoñecementos
editarComo homenaxe á súa figura, a Deputación da Coruña instituíu en 1991 o Premio de poesía Miguel González Garcés.
Obra en galego
editarPoesía
editar- Bailada dos anxos, 1961, Colección Salnés, Galaxia.[3]
- Poema ao meu lar, 1968.
- Poemas a Albertiño, 1970.
- Nas faíscas do soño, 1972, Galaxia.
- Paso soa de luz, 1975, Adonais, Madrid.
- Claridade en que a tentas me persigo, 1977, edición do autor, A Coruña.
- Sede e luz, 1986, Ediciós do Castro.
- Un nome só na néboa, 1987, Deputación da Coruña.
- Poesía galega: antoloxía, 1998, Espiral Maior.
- Porta de aire: escolma poética, 2005, A Nosa Terra.
Obras colectivas
editar- Antoloxía da poesía galega actual. Nordés, 1978, Ediciós do Castro.
Obra en castelán
editarPoesía
editar- Vibraciones, 1947.
- Isla de dos, 1953, Palma, Madrid.[4]
- Poema del imposible sosiego, 1954, edición do autor, A Coruña.
- El libro y el verso, 1958, Aturuxo, A Coruña.
- Alrededor del mar, 1961, Ágora, A Coruña.
- El cuervo en la ventana, 1967, Vigo.
Ensaio
editar- Poesía gallega contempóranea, 1974, Plaza & Janés, Barcelona.
- Poesía gallega de postguerra (1939-1975), 1976, Ediciós do Castro.
Notas
editar- ↑ Fernán-Vello, Miguel Anxo (9/4/2010). "Garcés, mineiro de luz". Galicia Hoxe. Arquivado dende o orixinal o 04/05/2019. Consultado o 04/05/2019.
- ↑ "Carta de Xosé María Álvarez Blázquez a Carballo Calero e Bouza-Brey" 17/1/1967, CCG.
- ↑ Bailada dos anxos en Google Books.
- ↑ Unha edición posterior, de Ágora (Madrid), levou dez ilustracións de Urbano Lugrís González.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Homenaxe a Miguel González Garcés. Deputación da Coruña, 1991.
- "González Garcés, Miguel". Diccionario enciclopédico galego universal 31. La Voz de Galicia. 2003-2004. p. 40-41. ISBN 84-7680-429-6.
- "González Garcés, Miguel". Dicionario biográfico de Galicia 2. Ir Indo Edicións. 2010-2011. p. 169.
- "González Garcés, Miguel". Diciopedia do século 21 2. Do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 996. ISBN 978-84-8288-942-9.
- "González Garcés, Miguel". Enciclopedia Galega Universal 10. Ir Indo. 1999-2002. p. 50. ISBN 84-7680-288-9.
- "González Garcés, Miguel". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- Couceiro Freijomil, Antonio (1951-53). Diccionario bio-bibliográfico de escritores (en castelán) II. Bibliófilos Gallegos. p. 189.
- Fernández del Riego, F. (1992) [1990]. Diccionario de escritores en lingua galega (2ª ed.). Do Castro. p. 190. ISBN 84-7492-465-0.
- López Valcárcel, Xulio (2009). Miguel González Garcés. Mineiro de luz Arquivado 09 de abril de 2019 en Wayback Machine. Edicións Laiovento. ISBN 84-8487-174-6.
- Méndez Ferrín, Xosé Luis (1984). De Pondal a Novoneyra. Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-139-2.
- Vilavedra, Dolores, ed. (1995). Diccionario da literatura galega. Autores I. Vigo: Editorial Galaxia. p. 270-271. ISBN 84-8288-019-5.