Xosé Leyra
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 6 de maio de 1912 Ferrol, España |
Morte | 31 de decembro de 1997 (85 anos) Ferrol, España |
Actividade | |
Ocupación | pintor, escritor |
Membro de | |
- Non confundir con Xosé Leira López.
Xosé Leyra Domínguez, nado en Ferrol o 6 de maio de 1912 e finado na mesma cidade o 31 de decembro de 1997, foi un escritor e pintor galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Xosé Leyra tivo na súa cidade natal unha activa traxectoria en diversos terreos do traballo e da cultura; como mestre, profesor mercantil e licenciado en Dereito; como escritor, xornalista e conferenciante; e como prolífico pintor cunha produción de ao redor de tres milleiros de obras.
Foi membro correspondente da Real Academia Galega desde 1951 e membro numerario da Real Academia Galega de Belas Artes desde 1978. Foi fundador da Asociación de Artistas Ferrolanos en 1956, e Presidente de honra da Sociedad de los Amigos del Paisaje Gallego.
Como escritor foi un autor moi variado. Dúas obras de interese son En torno a Pablo Iglesias (1995), unha detallada biografía sobre o político ferrolán e os acontecementos políticos da súa época, e Xacobe e Prisciliano (1997), un estudo histórico sobre un controvertido personaxe da igrexa galega.
Os seus contos e narracións curtas presentan unhas historias que mostran unha especial habilidade e coñecemento do país, casos de Unha man ao pé do cruceiro, A pousada do Pote Grande, Gurgullos mareiros e A morte do boi. Deixou ademais inéditas varias obras como un traballo autobiográfico titulado Desenterrando recuerdos, El Papa Juan XXIII y el escultor Giacomo Manzú e unha Historia de San Sadurniño.
Pintura
[editar | editar a fonte]Dedicadas de maneira concreta ao seu mestre, o pintor Felipe Bello Piñeiro, escribiu outras dúas obras. En La decoración mural de Bello Piñeiro en el Casino Ferrolano (1963) describe polo miúdo as singulares pinturas modernistas coas que Bello Piñeiro decorou a Sala de conversas do edificio dunha sociedade ferrolá en 1925. Bello Piñeiro y su tiempo (1967) é un ensaio da vida e obra do pintor do Seixo e da pintura galega da época, con prólogo de Otero Pedrayo.
Sobre o tema específico da pintura ferrolá publicou en 1985 Aportación de Ferrol al arte pictórico, tema do seu discurso de recepción na Real Academia Galega, contestado por Juan Naya Pérez, e en 1987 publicou Pintura ferrolana, un completo estudo sobre os pintores de Ferrol, con prólogo por Camilo José Cela. Previamente, en 1980, no Catálogo da Exposición Pintores ferrolanos publicado pola Deputación da Coruña, escribiu o artigo Sahumando recuerdos, no que fai un percorrido pola pintura de Bello Piñeiro, Carmelo González, Rafael Martínez Vilela e Antolín López Porta.
De interese para Ferrol foi a súa obra Ensayo en torno al periodismo ferrolano (1989). Amais da súa faceta como conferenciante sobre temas históricos e culturais, Xosé Leyra publicou numerosos ensaios literarios e traballos críticos en diversas publicacións como Aturuxo, Nordés, Vida Gallega, Arte Galicia, Abrente, Finisterre, Libredón (Santander), Alborada (Barcelona) e Vida Galega (Bos Aires).
Como pintor, Leyra Domínguez, que baixo a firma de moitos dos seus cadros engadía o nome de Galicia, foi un autor de temática esencialmente paisaxística, mostrando nas súas obras un país tradicional moitas veces humanizado pola presenza dos habitantes da terra. Son de grande interese as súas paisaxes de breña e sotos que mostran os canotos e os vellos troncos de árbores, mentres que a súa pintura se ve reforzada cunha paleta rica en cores, onde apuntan os seus característicos verdes, mentres busca a compañía do mellor xogo de luces. Foi tamén pintor de mariñas reflectindo nos seus cadros o mar de fóra, ese mar forte e intenso que bate os lugares máis fragosos da costa ferrolá desde San Xurxo da Mariña a Valdoviño.
Leyra Domínguez non fixo demasiadas exposicións, practicamente todas elas dentro de Galicia. Levou a cabo a primeira delas o ano 1946 na Escola Elemental do Traballo de Ferrol, onde alternou con varios pintores, entre eles Bello Piñeiro. Expuxo tamén, entre outros lugares, no Casino Ferrolano, Asociación de Artistas da Coruña e o Círculo das Artes de Lugo.
A súa última exposición foi unha mostra antolóxica organizada polo Ateneo Ferrolano na súa memoria en novembro-decembro do ano 2000, dous anos despois da súa morte, no Centro Cultural Municipal, mostrando setenta obras seleccionadas entre os tres mil cadros que pintou.
Conservan cadros da súa autoría a Academia de Belas Artes da Coruña, o Concello de Ferrol, o Casino Ferrolán, o Real Coro Toxos e Froles, o Ateneo Ferrolano e a pinacoteca do Hospital de Caridade.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "Leyra Domínguez, Xosé". Diccionario enciclopédico galego universal 38. La Voz de Galicia. 2003-2004. p. 13. ISBN 84-7680-429-6.
- "Leyra Domínguez, Xosé". Dicionario biográfico de Galicia 2. Ir Indo Edicións. 2010-2011. p. 226.
- "Leyra Domínguez, Xosé". Diciopedia do século 21 2. Do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 1221. ISBN 978-84-8288-942-9.
- "Leyra Domínguez, Xosé". Enciclopedia Galega Universal 11. Ir Indo. 1999-2002. p. 163. ISBN 84-7680-288-9.
- "Leyra Domínguez, José". Gran Enciclopedia Galega (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- Barrera, F., ed. (1993). Gallegos. Quién es quien en la Galicia de los 90. El Correo Gallego. ISBN 84-8064-027-8.
- Colmeiro, Ilarri, Pablos, Pousa e Quesada: Plástica Gallega, Caja de Ahorros Municipal de Vigo, 1981, ISBN 84-7231-603-3
- Fernández del Riego, F. (1992). Diccionario de escritores en lingua galega. Do Castro. p. 629.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Pintores de Galicia, ficha en Pintores Gallegos