Uncial
A uncial é unha grafía particular dos alfabetos latino e grego. Nos sistemas de escritura grego e latino, son os tipos de letras utilizados ata o século VIII d.C. caracterizados polo uso de letras maiúsculas.
Foi Xerome quen deu a estas letras, relativamente grandes, o nome de litterae unciales, isto é, letras dunha polgada de altura. Desde o século III d.C. a uncial grega é utilizada, xunto coa latina, na tradición libraria e o seu foco principal de difusión é o norte de África. É nos ambientes cristiáns onde se desenvolve de xeito máis extenso, é por iso que cando Ulfilas adapta o alfabeto grego para a súa versión da Biblia ao gótico, crea o alfabeto gótico a partir das unciais gregas.
Uncial latina
[editar | editar a fonte]Historia
[editar | editar a fonte]O termo foi adaptado sobre todo para o alfabeto latino. En efecto, a palabra uncial designa un tipo concreto de grafía, que se desenvolve entre os séculos III e IV da nosa era, a partir da capital quadrata e da antiga cursiva romana. É a escritura por excelencia dos códices, adaptada á pluma, pois é moito menos angulosa cá quadrata, que é (aínda actualmente) a das inscricións.
A uncial durou en uso ata o principio do século IX, a partir do cal a minúscula carolina tende a substituíla. Entre os séculos VIII e XIII, consérvase sobre todo para trazar os principios de libros, de capítulos ou de seccións, á maneira das nosas maiúsculas, nos manuscritos en minúscula carolina ou en gótica, dúas grafías que lle deben algunhas formas, como as do d ou do a.
Aínda que relegada a un papel ornamental tras a súa época dourada, a uncial continuou a ser empregada para códices completos ata ben despois; só a imprenta a deu feito desaparecer definitivamente dos usos correntes; con todo aínda hoxe é moi prezada polos calígrafos.
Notar que a grafía chamada semiuncial non deriva da uncial senón da nova cursiva romana e que as escrituras nacionais desenvolvidas despois da caída do Imperio Romano (lombarda, visigótica, merovinxia, insular etc.) xorden principalmente desta nova cursiva ou da semiuncial no caso das escrituras insulares (irlandesa e anglosaxoa).
Trazados
[editar | editar a fonte]Nota: esta imaxe só representa unha posibilidade de trazado da uncial. En efecto, ao evolucionaren no transcurso dos séculos e dos lugares (por non falar dos escribas), non ofrece unha aparencia fixa e invariable.
A uncial latina caracterízase polas súas curvas. As letras máis características son A, D, E, H, M, Q e V, que se distinguen das correspondentes en quadrata e que han deixar a súa pegada no trazado das minúsculas actuais (via un percorrido complexo, porén: as nosas minúsculas non derivan en efecto directamente da uncial). Aínda non existe a letra J distinta de I (que tampouco non leva aínda o punto); U e V tampouco non se distinguen. Finalmente, W aínda non fixo a súa aparición.
As letras non teñen unha altura regular: algunhas exceden a liña, cousa que se ve doadamente con D, H, K e A' pola altura de ollo e F, G, N, P, Q, R, X e Y (ás veces cun punto enriba) pola liña de base. Segundo os manuscritos, algunhas destas letras son máis regulares: é o caso de N, por exemplo, que pode ficar circunscrito ás dúas liñas.
As palabras non está separadas ao principio, pero un pequeno espazo serve ás veces de separador de frases, tamén pode aparecer un punto. A puntuación está, non sendo ese punto, case ausente e como a escritura aínda non é bicameral, empréganse ás veces grandes letras para marcar os principios de páxina e mesmo de frase, pero non caracteres diferentes.
As abreviacións son aínda raras nos manuscritos antigos: as máis frecuentes son os nomina sacra, a suspensión nasal (M en fin de liña é substituído por un trazo subscrito acompañado ou non dun punto, N por un trazo subscrito). A enclítica -que (que significaba e en latín) e a desinencia -bus de dativo / ablativo plural aparecen ás veces, como en capitais, Q. e B.; os manuscritos de dereito, con todo, son xa ricos en abreviacións.
Atópanse algunha ligaduras en final de liña así como o E caudata (Ę) que pode substituír o AE, e que fai a súa aparición a partir do século VI.
Uncial grega
[editar | editar a fonte]Cando se fala do alfabeto grego, adóitase falar dunha das súas grafías co termo de uncial. Neste caso trátase dunha denominación bastante menos precisa que para o alfabeto latino: en efecto, é máis a causa do destino do texto que polo trazado ou o tipo de letras que se denomina así. A uncial grega é en efecto un tipo de capitais utilizado para os códices a partir da época helenística, moi parecido ás capitais lapidarias, que debería ser chamada «libresca». Oponse nisto á escritura de cancelaría e ás minúsculas.
É a partir da metade do século IV antes da nosa era cando asistimos a unha separación, bastante pouco marcada, entre as capitais lapidarias e as que se empregan para os libros, termo polo que se designa documentos públicas e non privados, que se escriben en diversos tipos que tendían máis ou menos cara cursiva. Os trazos máis sorprendentes atinxen a moi poucas letras; como na uncial latina, os trazos dereitos teñen a tendencia a se curvaren, cousa que permite a escritura sobre pergameo:
- o sigma toma a forma do sigma lunar : Σ → С.
- o épsilon cúrvase (épsilon lunar): Ε → Є.
- o omega toma a forma que dará nacemento á minúscula: Ω → Ѡ.
Para as outras letras, nótase, como para o latín, une irregularidade de altura (que se manifeste sobre todo en que excede a liña inferior) e unha simplificación crecente do trazado dalgunhas letras, como o Α que, ao principio, permanecía próxima do modelo lapidario e que, aos poucos, chegou a se trazar á maneira do A uncial latino, o Ξ, cuxas tres liñas se unen, ou mesmo o Λ, cuxa hasta esquerda se fai máis pequena. Estes dous últimos trazados están, como podemos ver, moi próximos ás minúsculas actuais λ e ξ (minúsculas que son tributarias dunha mestura de formas que se estenden sobre máis de dous milenios).
Unha vez fixado o modelo, ha permanecer invariable durante máis dun milenio nos usos manuscritos librescos, substituído despois na imprenta polas capitais lapidarias voltas ao gusto da época mentres que as minúsculas se impoñían.
Velaquí un exemplo teórico de letras gregas unciais:
A propósito da palabra uncial
[editar | editar a fonte]A palabra galega vén do adxectivo latino uncialis, «dunha onza (peso e moeda)». A relación entre a onza e as letras non está clara. É en Xerome onde se atopa unha primeira atestación do termo, no seu prefacio á súa tradución do Libro de Xob:
- Habeant qui uolunt ueteres libros, uel in membranis purpureis auro argentoque descriptos, uel uncialibus ut uulgo aiunt litteris onera magis exarata quam codices.
- « Hainos que queren vellos libros, ben en pergameo coloreado de púrpura e con letras trazadas en ouro e prata, ben en unciais, como se di habitualmente, que son máis fardos escritos ca códices ».
Parece que non hai que ver aquí máis que un termo que designa todo tipo de grandes letras (capitais) e non precisamente a uncial. Hai que esperar a Charles-François Toustain e a René Prosper Tassin (no século XVIII) para que a palabra uncial se especialice no senso actual.
A palabra pode tamén empregarse para designar códices (normalmente cristiáns) escritos nesta grafía ou polo menos en letras capitais gregas, por oposición aos cursivos, escritos en minúsculas gregas. Coñécense numerosos códices en unciais, como:
- o codex Vaticanus.
- o codex Sinaiticus.
- o codex Alexandrinus.
- o codex Coislinianus.
- o Codex Bezae (bilingüe grego / latino, en uncial tamén).
- o Codex Petropolitanus.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Charles Higounet, L'écriture, Presses universitaires de France, collection « Que sais-je ? », numéro 653, París, 1955 para a 1ª edición, 2003 para a 2ª edición;
- «Du signe à l'écriture», anexo da revista Pour la science, artigo « Trois millénaires d'écriture grecque » de Jean Irigoin, octobre/janvier 2002;
- Franz Steffens, Paléographie latine, Honoré Champion, París, 1910;
- The World's Writing Systems, obra colectiva baixo a dirección de Peter T. Daniels e William Bright, Oxford University Press, Nova York, 1996.