Tribuno militar
Un tribuno militar é tanto un oficial dunha lexión romana como un cargo oficial do estado romano.
No período republicano había seis tribunos militares asignados a cada lexión. Dábaselles a autoridade a un deles e ían rotando no mando entre o seis. Os tribunos eran homes do rango senatorial, e eran elixidos polo Senado. Para conseguir o posto importaba máis a posición aristocrática da persoa en cuestión que a súa idoneidade para o cargo.
Doutra banda, durante o comezo da república, os tribunos ás veces eran elixidos para ocupar o posto dos cónsules, como xefes do estado romano. Estes cargos eran coñecidos en latín como Tribuni militum consulari potestate, Tribunos militares con Poder Consular. Nese caso, no canto dos dous cónsules elixíanse entre catro e seis Tribunos militares, durante un mandato dun ano (a mesma duración que o mandato dos cónsules).
Non están moi claras as razóns para iso, aínda que Tito Livio en ocasións alude ás loitas entre as clases sociais (patricios e plebeos) desta época. É posible que os patricios apoiasen a elección de cónsules e os plebeos a de tribunos militares en parte polo feito de que, segundo ese autor, a maxistratura do consulado estaba por entón reservada ós patricios, mentres que non existía esa restrición no caso do tribuno militar. Con todo, esta opción caeu en desuso despois do ano -366.
Tras as reformas realizadas por Caio Mario creando un exército profesional, as lexións pasarían a estar dirixidas por un legado. Seguíronse nomeando para cada lexión seis tribunos, pero os seus deberes e responsabilidades cambiaron.
O segundo no mando tras o legado era o tribuno laticlavio, un home novo de rango senatorial. Dábaselle este posto para observar e aprender do legado. Os outros cinco tribunos eran lixeiramente inferiores en rango, e eran chamado tribunos augusticlavios. Eran homes da clase ecuestre e que xa participaran en anteriores accións militares.
Os tribunos no exército profesional non tiñan deberes específicos. O legado encargábase de asignar as tarefas cando fose necesario.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Tito Livio. Historia de Roma desde su fundación. Ed. Gredos. ISBN 84-249-1429-5.
- E. Lle Bohec, El ejército romano: instrumento para la conquista de un imperio, Ed. Ariel, Barcelona, 2004, ISBN 84-344-6723-2 978-84-344-6723-1
- Adrian Goldsworthy, El ejército romano, Ed. Akal, Madrid 2005, ISBN 84-460-2234-6, 978-84-460-2234-6