Saltar ao contido

Skeleton

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O skeleton é un deporte olímpico de inverno que xunto co bobsleigh e o luge representan distintas modalidades de descenso en zorra.

O skeleton é a máis antiga das tres modalidades de descenso en zorra. Naceu como tal a finais do século XIX en St. Moritz, Suíza cando un inglés chamado Child introduciu unha nova zorra de metal cuxa forma lembraba un esqueleto humano, de aí o seu nome. De xeito oficial comezouse a practicar no Club Alpino de Konigsee, en Alemaña, onde está a pista de skeleton máis antiga que existe.

Ao igual que no luge e no bobsleigh é moi importante a saída, que ten que ser explosiva para coller velocidade o máis axiña posible, de aí que se empregue un calzado especial coa máxima adherencia. Unha vez collida velocidade nos primeiros 50 metros, o piloto-esbarador colócase boca abaixo na zorra, procurando que a súa postura sexa o máis aerodinámica e plana posible.

O casco que se emprega ten unha protección especial no queixo, xa que a cara do esbarador pasa moi preto do chan. Os traxes que se empregan actualmente están fabricados con fibras sintéticas e especialmente deseñados para axustarse ao corpo e ofrecer a mínima resistencia ao aire.

Outra característica importante é que non existe un volante ou temón para afrontar as curvas, senón que é propio esbarador o que carga o seu peso cara a un lado ou outro segundo a dirección que deba tomar a zorra.

A diferenza do luge ou o bobsleigh, no skeleton só existe a modalidade individual, e as competicións celébranse en dúas mangas, sumándose os tempos acadados en ambas, e gañando o esbarador que totalice menor tempo.

Como deporte olímpico tivo un desenvolvimente peculiar, pois tras debutar nos Xogos Olímpicos de 1928 celebrados precisamente en St. Moritz, logo desapareceu do programa, para retornar en 1948, cando os Xogos se celebraron outra vez en St. Moritz. Tras esta cita volveu desaparecer do programa durante 54 anos. Retornou nos Xogos Olímpicos de Salt Lake City 2002, e continuou nos de Turín 2006. A competición celébrase tanto en categoría masculina como feminina.

En 2002 os campións foron Jim Shea de Estados Unidos en categoría masculina, e Tristan Gale, tamén de Estados Unidos, na feminina.