Royal Delft
Royal Delft (De Koninklijke Porceleyne Fles) | |
---|---|
Marca de Royal Delft | |
Edificio sede da compañía Royal Delft | |
Tipo | Sociedade de responsabilidade limitada |
Fundación | 1653 |
Localización | Rotterdamseweg 196. 2628AR Delft Holanda Meridional Países Baixos |
Fundador | David Anthonisz van der Pieth |
Persoas clave | Director actual: Henk Schouten. |
Industria | Produción de obxectos de Cerámica e museo. |
Produtos | Artigos de "louza de Delft". |
Na rede | |
https://www.royaldelft.com/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Royal Delft (marca internacionalmente recoñecida da compañía De Koninklijke Porceleyne Fles, anteriormente De Porceleyne Fles) é, xunto con De Delftse Pauw, a única fábrica de louza que mantén a súa actividade das 32 que no século XVII se estableceron na cidade surholandesa de Delft, nos Países Baixos. É coñecida pola súa produción da sonada "louza de Delft", á que se dedica desde hai máis de 350 anos sen interrupción.[1][2]
Á parte da produción, a súa sede alberga tamén un museo onde se expoñen artigos fabricados ao longo da súa historia e unha tenda onde se poden adquirir os seus produtos. En 2015 contou con 128.000 visitantes.[3][4]
Historia
[editar | editar a fonte]A "louza de Delft", coñecida tamén como "azul de delft" comezou a producirse nos Países Baixos no século XVII cando a Compañía Holandesa das Indias Orientais empezou a importar a característica louza azul da China, que serviu de inspiración aos artesáns oleiros que tiñan a súa actividade en Delft.[5][6]
Século XVII
[editar | editar a fonte]A historia de Royal Delft comeza cando en 1653 David Anthonisz van der Pieth decidiu transformar a súa casa nunha fábrica de louza, da que o seu fillo se desfixo axiña ao non querer continuar co proxecto, malia ser unha época de auxe desta actividade en todo o país. Os novos propietarios foron Wouter van Eenhoorn e Quirinus van Kleijnoven, dous homes de negocios que tamén tiñan intereses noutras fábricas do sector. En 1653, Van Eenhoorn vendeulle a súa parte ao seu socio, que quedou como único propietario. Tras a súa morte, a súa viúva vendeulle a compañía a Johannes Knotter.
No ambiente propicio desta época, motivado en parte pola escasa produción dos talleres chineses por mor da guerra civil que vivía aquel país, Royal Delft chegou a abrir varias fábricas esparexidas por toda a cidade de Delft.
Século XVIII
[editar | editar a fonte]Tras poucos anos a cargo da empresa, Knotter vendeulla a Marcelis de Vlught, que contratou como mestre artista a Jan Sixtus van der Hoeck. A partir de 1750, a propiedade pasou polas mans de Christoffel van Doorne, Pieter van Doorne, Jacobus Harleen, Dirck Harlees.
Á medida que avanzaba o século, a industria da louza en Delft empezou a pasar cada vez por máis dificultades, debidas en parte a que diversas zonas de Europa comezaban a producir produtos similares e aos descubrimentos científicos do inglés William Cookworthy, que en 1746 obtivo unha arxila branca de calidade superior á utilizada en Delft.[7]
Século XIX
[editar | editar a fonte]A situación de crise do sector herdada das décadas anteriores acentúase cara a mediados do século XIX, cando a crise sufrida por este sector fixeron de Royal Delft unha das escasas factorías que se mantiña, das 32 que chegaran a fundarse, aínda que nunha situación pouco prometedora. As razóns para este declive foron, fundamentalmente, a competencia que supuña a puxante marca inglesa Wedgwood e o feito de que a louza feita na China resultaba máis barata.
A propiedade da factoría neste século comeza con Henricus Arnoldus Piccardt, sucedido pola súa filla Geertruida Piccardt en 1849. Esta última foi a encargada de substituír as vellas formas de produción á man por outras que permitisen a fabricación de produtos en serie.
En 1876, o empresario e enxeñeiro de Delft Joost Thooft propúxose revitalizar a produción de azul de Delft e para iso comprou a fábrica Royal Delft, coa intención de retomar o clásico pintado á man que caracterizaba a marca. Thooft descubriu unha nova mestura de arxila moi próxima en fortaleza e brancura á que se producía en Inglaterra. Coa colaboración de Leo Senf, un dos deseñadores de máis sona da época, conseguiu levar novamente a empresa ás cotas que alcanzara nas súas orixes, no século XVII, e alcanzou o recoñecemento internacional.
Tras o seu falecemento, o seu socio Abel Labouchere converteuse en propietario total da compañía.
Século XX
[editar | editar a fonte]En 1904, a empresa, que nese momento se chamaba De Porceleyne Fles, converteuse nunha sociedade de responsabilidade limitada. En 1916 acabouse coa descentralización da empresa que se producira xa no século XVII e unificáronse todas as actividades en Rotterdamseweg, na cidade de Delft, no edificio en que se manteñen aínda hoxe, que en 2002 recibiu o recoñecemento como monumento nacional dos Países Baixos (rijksmonument).[8] Tres anos máis tarde, en 1919, a Casa Real dos Países Baixos recoñeceu a compañía co título de "real" (en neerlandés: koninklijk).
Entre 1950 e 1965, a empresa contou entre os seus deseñadores coa figura do ilustrador e escultor holandés Cornelis Dam.[9]
En 2003 a empresa celebrou o seu 350 aniversario cunha nova liña de produtos denominada Jubilee.[10]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "The craftmanship of Royal Delft. Handmade since 1653 Arquivado 05 de decembro de 2017 en Wayback Machine.". Royal Delft (en inglés)
- ↑ "Royal Delft (De Porceleyne Fles)". En Bluedelft.com (en inglés)
- ↑ "Visit the experience Arquivado 11 de decembro de 2017 en Wayback Machine.". Royal Delft (en inglés)
- ↑ Kerncijfers 2015[Ligazón morta] (pdf). Páxina 8. Gemeente Delft (en neerlandés)
- ↑ "Delft Blue". En Holland.com (en inglés)
- ↑ "Timeline Arquivado 09 de maio de 2019 en Wayback Machine.". Royal Delft (en inglés)
- ↑ Selleck, "William Cookworthy, an 18th century polymath". En Pharmaceutical historian. Decembro de 1979. Páxinas 8-12 (en inglés)
- ↑ Ficha de inscrición do edificio no Rijksmonumentenregister Arquivado 01 de decembro de 2017 en Wayback Machine. (en neerlandés)
- ↑ "Cor Dam: docent beeldend Arquivado 15 de setembro de 2019 en Wayback Machine.". En Vak-delft.nl (en neerlandés)
- ↑ "Royal Delft. History of Blue Delftware Arquivado 09 de maio de 2019 en Wayback Machine.". Royal Delft (en inglés)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Royal Delft |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Dobbelmann, Theo. Beeldend aardewerk, experimentele afdeling van De Porceleyne Fles te Delft. Catálogo da exposición no Museo Boymans. Museum Boymans. Roterdam, 1957 (en neerlandés)
- Erickson, Rick. Royal Delft. A guide to De Porceleyne Fles. Schiffer Publishing, Atglen PA u. a. 2003. [ISBN 0-7643-1804-7] (en inglés).
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Sitio web oficial de Royal Delft
- Koninklijke Porceleyne Fles / Royal Delft. Información e horarios para a visita do museo (en neerlandés)