Saltar ao contido

Roda do Ano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Roda do Ano é un calendario usado nalgunhas relixións pagás e neopagás para marcaren e celebraren o ciclo das Estacións. Este ciclo consiste en oito festivais chamados "Sabbats" ou aquelarres. Segundo a paganismo actual, a Roda do Ano está a reflectirse nas nosas vidas: nacer, medrar, avellentar e morrer.

Na relixión Wicca e outras relixións pagás da natureza, os procesos naturais son vistos como un ciclo continuo. O paso do tempo é tamén visto como cíclico e é representado por unha roda ou un círculo. A evolución de nacer, medrar, avellentar e morrer, como se experimenta na vida humana, repítese na progresión das Estacións. Os wiccans empregan a vida, morte e renacemento do Deus e a fertilidade da Deusa para explicaren a evolución das estacións e da Roda do Ano.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

Mentres moitos destes nomes derivan de antigos festivais, os nomes Litha e Mabon, os cales se fixeran populares na Wicca practicada nos Estados Unidos, foron inventados por Aidan Kelly nos anos 70. A palabra "sabbat" deriva do inglés antigo sabat, do francés antigo sabbat, do latín sabbatum, do grego sabbaton (ou sa'baton) e do hebreo shabbat que significa "descansar".

As festividades da Roda do Ano toman os seus nomes de festivais relixiosos céltas e xermánicos precristiáns. Malia iso, existe unha gran liberdade nas formas e significados dos festivais, en parte polos elementos introducidos pola Wicca así como outras influencias. A similitude entre estes festivais xeralmente termina cun nome en común.

As oito Festividades

[editar | editar a fonte]

Os wiccanos e seguidores doutras relixións neopagás observan oito festividades anuais usualmente chamados "Sabbats" ou aquelarres. Catro destas celebracións caen nos solsticios e nos equinoccios e son coñecidos como Sabbats Menores; os outros catro caen (aproximadamente) a medio camiño entre os primeiros catro e son chamados Sabbats Maiores. Os Sabbats Menores están baseados en termos xerais en antigos festivais xermánicos, os chamados Sabbats Maiores son inspirados en festivais gaélicos. A pesar diso, as interpretacións modernas varían e algúns grupos wiccans poden celebrar e conceptualizar estes festivais de diferentes formas. Os oito aquelarres ou Sabbats son diferentes dos Esbats.

Datas das Festividades

[editar | editar a fonte]
A Roda do Ano no Hemisferio Norte. No Hemisferio Sur estes festivais son comunmente desprazados por seis meses para que coincidan coas estacións locais.

Narracións

[editar | editar a fonte]

Entre os wiccanos, a narración máis común da Roda do Ano é a dualidade do Deus e da Deusa. Neste ciclo, O Deus nace da Deusa en Yule, medra en poder no Equinoccio de Primavera e a Deusa regresa ó seu aspecto de Moza. En Beltane, o Deus cortexa e fecunda a Deusa. En Lughnassadh, o Deus comeza a minguarlle o seu poder e influencia e morre e entra na Terra do Verán Eterno ou Summerland en Samhain para renacer novamente da Deusa en Yule; a cal xa pasara do seu aspecto de "Nai" á "Anciá". Esta narración é equiparable a moitas narracións de pobos antigos nas que se explica o proceso interminable das estacións. O Deus está nas narracións representado polo Sol e a Deusa pola Terra.

Outra narración "solar" é a do "Rei Carballo" (Oak King en inglés) e a do "Rei Acivro" (Holly King en inglés), un rexe o Inverno e o outro o Verán. No solsticio de Verán o Rei Carballo está no punto máximo da súa forza, mentres o Rei Acivro está no seu punto máis fráxil. O Rei Acivro comeza a gañar poder no equinoccio de Outono chegando ó seu máximo poder durante o solsticio de Inverno.

Hemisferios

[editar | editar a fonte]

A Roda do Ano orixinouse no hemisferio norte, por tanto moitos pagáns do hemisferio sur axustan estas datas para que coincidan coas estacións dese hemisferio. Xa que logo, mentres no hemisferio norte se celebra o sabbat de Litha, no hemisferio sur celebran Yule.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]