Robinson Crusoe
Robinson Crusoe | |
---|---|
Robinson Crusoe e Venres por Carl Offterdinger | |
Título orixinal | Robinson Crusoe |
Autor/a | Daniel Defoe |
Ilustrador/a | John Penebacker |
Orixe | Reino Unido |
Lingua | Inglés |
Colección | Biblioteca Galega de Clásicos Universais |
Xénero(s) | Novela |
Editorial | William Taylor Edicións Xerais |
Data de pub. | 17 de abril de 1719 1986 |
Formato | Tapas duras e brandas |
Páxinas | 245 (gl) |
ISBN | ISBN 84-7507-240-2 |
Tradución | Gonzalo Navaza |
Na rede | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Robinson Crusoe[1][2] é unha novela do escritor Daniel Defoe, publicada por vez primeira o 25 de abril de 1719. A primeira edición acredita ó protagonista da obra, Robinson Crusoe, como o autor, o que levou a moitos lectores a crer que se trataba dunha persoa real e que o libro era unha crónica de acontecementos reais.[3]
Presentado dun xeito epistolar, confesional e didáctico, o libro é como unha autobiografía do personaxe principal (cuxo nome de nacemento é Robinson Kreutznaer), un náufrago que pasa 28 anos nunha illa deserta preto de Trinidad, onde se encontra con caníbales, presos e amotinados antes de ser rescatado. Crese que a historia pode estar baseada na vida de Alexander Selkirk, un náufrago escocés que viviu durante catro anos nunha illa do Pacífico chamada "Más a Tierra", hoxe parte de Chile, que foi renomeada como Illa Robinson Crusoe en 1966.[4]
Malia o seu estilo narrativo sinxelo, Robinson Crusoe foi ben recibida polo mundo literario e a miúdo é considerada como a obra que marcou o comezo da ficción realista como xénero literario. Tamén é considerada como a primeira novela inglesa.[5] Antes do remate de 1719, o libro xa tiña catro edicións, e converteuse nun dos libros máis publicados da historia, xerando tantas imitacións, non só na literatura senón tamén no cinema, televisión e radio, que o seu nome se utiliza para definir un xénero, a Robinsonada.
Foi traducida ó galego por Gonzalo Navaza e publicada por Edicións Xerais no ano 1986.[1] No ano 2005, foi publicado de novo coa tradución de Pichel dentro da colección Biblioteca Galega de Clásicos Universais.[6]
Historia e características
[editar | editar a fonte]O xénero
[editar | editar a fonte]Trátase dunha autobiografía ficticia de Robinson Kretznaer, que por mor da corrupción das palabras en Inglaterra rematou por derivar en Robinson Crusoe que é como pronunciamos e mais escribimos nós mesmos e como me chamaron sempre os meus compañeiros[7]. Nela relátanse as aventuras dun náufrago inglés que encontra os medios e recursos necesarios para sobrevivir nunha illa deserta durante 28 anos. É categorizada en moitas clasificacións como literatura xuvenil.
A inspiración
[editar | editar a fonte]Daniel Defoe inspirouse en varias historias reais de náufragos. Os dous antecedentes reais máis próximos foron o do mariñeiro escocés Alexander Selkirk, abandonado no arquipélago Juan Fernández que foi rescatado catro anos máis tarde, e o dun capitán da mariña española Pedro Serrano que foi recollido en 1534 despois de pasar oito anos nun banco de area do Caribe.
A recepción
[editar | editar a fonte]O interese da novela radica non tanto na verdade psicolóxica dos personaxes (aínda que as aventuras se enmarcan nun discurso emocional e espiritual) coma na presentación dos feitos narrados como reais nun ambiente descrito con toda sorte de detalles. O estilo narrativo é realista, directo e moi simple.
A recepción inmediata do libro na Inglaterra da época foi moi positiva. Ó final do primeiro ano xa coñecía cinco edicións, que sumarían máis de 700 diferentes adaptacións e traducións nos tres séculos seguintes. É a novela inglesa máis popular de todos os tempos e o segundo libro máis lido despois da Biblia.
As interpretacións
[editar | editar a fonte]A pesar da ausencia do amor como motivo, o libro sempre gozou de moita aceptación no mundo literario. Dende un punto de vista global, Robinson Crusoe narra os comezos do mundo mercantilista e capitalista moderno. Tópicos como o do home con vontade extrema que é capaz de facerse a si mesmo, de autocontrolarse e de perseverar nas situacións máis difíciles, ou como o da racionalización da actividade humana e do control sobre a natureza e sobre os demais aparecen aquí perfectamente deseñados.
James Joyce falou del como símbolo do colonialismo británico e do espírito anglosaxón: o sentido da independencia, a crueldade inconsciente, a persistencia, a intelixencia eficaz, a apatía sexual... Robinson sería neste sentido o prototipo de colonizador e de conquistador universal guiado pola razón única e eficiente.
Outros críticos coma J.P Hunter, tendo en conta o puritanismo cristián de Defoe, viron en Robinson Crusoe non a un heroe senón ó home común, que comeza de vagabundo nun mar que non entende e acaba de peregrino cara a unha terra prometida na súa procura de Deus. Robinson le a Biblia na súa illa remota, e é capaz de chegar a través das súas propias reflexións e accións a unha certa felicidade. A igrexa anglicana entendeu a mensaxe do libro como pouco ortodoxa, anárquica e próxima á herexía.
Intertextualidade e influencias culturais
[editar | editar a fonte]Houbo infinidade de adaptacións, versións e reescrituras da historia de Robinson ás máis diversas linguas e culturas, dende The Swiss Family Robinson do pastor suízo Johann David Wyss de 1812, á adaptación cinematográfica de Luis Buñuel: Robinson Crusoe de 1954.
En Emilio ou Da educación, Jean-Jacques Rousseau desexa que Emilio se identifique con Crusoe e que o imite na confianza que mostra en si mesmo. A Emilio, o principal personaxe deste tratado, permíteselle que lea un só libro antes dos doce anos e ese libro é Robinson Crusoe. É a necesidade o que debería guiar o que debe ser aprendido e logrado.
Unha ópera cómica de Jacques Offenbach chamada Robinson Crusoé baseada nunha versión pantomímica é de 1867.
En 1971, o escritor francés Michel Tournier publicou unha sátira de Robinson Crusoe, Venres ou os Limbos do Pacífico, na que estigmatiza o protestantismo de Robinson.
A novela do Premio Nobel J.M. Coetzee, Foe, de 1986 é basicamente unha reimaxinación e reavaliación da mesma historia en termos de racismo.
Traducións ao galego
[editar | editar a fonte]Foi traducida a centos de linguas (incluídas entre outras o inuit, o copto e o maltés). A versión galega apareceu por primeira vez en 1986, traducida por Gonzalo Navaza e publicada por Edicións Xerais de Galicia. Esa mesma tradución sería a que se publicaría anos despois na imprenta de Arteixo de La Voz de Galicia, na medida na que Robinson Crusoe foi un dos títulos elixidos para formar parte da colección Biblioteca Galega de Clásicos Universais.
Existen ademais algunhas adaptacións da obra traducidas ao galego, como a realizada por Valentín Arias para a colección "Kalafate" de Almadraba Editorial en 2011[8] ou a de Isabel Soto López para a colección "Cucaina" de Vicens Vives en 2013.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Robinson Crusoe. Traducido por Gonzalo Navaza (1ª ed.). Vigo: Edicións Xerais. 1986. ISBN 84-7507-240-2 – vía Biblioteca da Tradución Galega.
- ↑ O título orixinal completo en inglés foi The Life and Strange Surprizing Adventures of Robinson Crusoe, Of York, Mariner: Who lived Eight and Twenty Years, all alone in an un-inhabited Island on the Coast of America, near the Mouth of the Great River of Oroonoque; Having been cast on Shore by Shipwreck, wherein all the Men perished but himself. With An Account how he was at last as strangely deliver'd by Pyrates.
- ↑ Fiction as Authentic as Fact
- ↑ Severin, Tim, In search of Robinson Crusoe, New York: Basic Books, 2002 ISBN 0-465-07698-X, pp. 23–24.
- ↑ "Defoe", The Oxford Companion to English Literature, ed. Margaret Drabble (Oxford: Oxford University Press, 1996), p. 265.
- ↑ Robinson Crusoe. Traducido por Gonzalo Navaza (1ª ed.). Arteixo: La Voz de Galicia. 2005. ISBN 84-9757-206-8 – vía Biblioteca da Tradución Galega.
- ↑ Daniel Defoe. Robinson Crusoe. Tradución de Gonzalo Navaza. Edicións Xerais. ISBN 84-9782-386-9.
- ↑ Robinson Crusoe – vía Biblioteca da Tradución Galega.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Robinson Crusoe |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Roig, B.; Domínguez, M.; Mociño, I. (2006). Produción da literatura infantil e xuvenil en galego (CD-ROM). ISBN 978-84-611-5082-3.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Texto inglés en Wikisource.
- Versión gratuíta en inglés do Project Gutenberg.
- Notas críticas sobre a novela (en inglés).