Podocito
Os podocitos son células situadas nos riles, que rodean os capilares dos glomérulos das cápsulas de Bowman, onde se realiza a filtración do sangue. A cápsula de Bowman filtra o sangue, conservando as células e macromoléculas como as proteínas no sangue, e deixando pasar a auga e as pequenas moléculas que leva en disolución, como sales, azucres, urea e outras, o que é o primeiro paso para a formación da urina.
Os podocitos presentan longos procesos celulares ou pedicelos que se estenden envolvendo os capilares, e deixan entre eles uns espazos chamados fisuras de filtración. O sangue fíltrase por entre esas fisuras. Requírense varias proteínas, como a nefrina, a CD2AP e outras para que os pedicelos rodeen os capilares e funcionen. Os riles dos recentemente nados con certos defectos nesas proteínas non poden funcionar, e existen variacións individuais nesas proteínas, que nalgúns casos predispoñen a desenvolver unha insuficiencia renal co paso dos anos. A nefrina é unha proteína que funciona como unha cremalleira que forma o diafragma de filtración (que cobre a fisura de filtración), deixando pequenos espazos entre os dentes da cremalleira, grandes dabondo como para permitir o paso de auga, azucres e moléculas pequenas, pero demasiado pequenos para que pasen as proteínas. O CD2AP regula o citoesqueleto do podocito e estabiliza a fisura de filtración.[1][2]
Funcións
[editar | editar a fonte]Os podocitos interdixítanse uns con outros para cubrir a lámina basal, que está intimamente asociada cos capilares glomerulares, pero sempre deixando as pequenas fisuras de filtración.
As fisuras están cubertas polos diafragmas de filtración, que están formados por proteínas como a nefrina, podocalixina, e P-cadherina, que non permiten o paso de macromoléculas.
As pequenas moléculas que poden atravesar estes diafragmas forman o ultrafiltrado, que despois sufrirá un maior procesamento ao longo do nefrón para orixinar a urina definitiva.[3]
Os podocitos están tamén implicados na regulación da taxa de filtración glomerular. Cando os podocitos se contraen, causan o peche das fisuras de filtración. Isto fai descender a taxa de filtración glomerular ao reducir a superficie de filtración.
Características
[editar | editar a fonte]A célula ten forma estrelada con prolongacións primarias grosas das que saen outras prolongacións menores chamadas pedicelos, que se interdixitan coas dos podocitos veciños. O corpo celular arquéase sobre os capilares e os pedicelos subxacentes doutros podocitos e as prolongacións descansan sobre a membrana basal que cobre os capilares do glomérulo. Os pedicelos esténdense desde o podocito e incrementan a súa área superficial o cal é crucial para a eficiencia da ultrafiltración. O glicocálix da membrana plasmática dos pedicelos é groso e con moitos ácidos siálicos[4].
As características estruturais dos podocitos indican un intenso tráfico vesicular na célula. Presentan moitas vesículas revestidas e depresións revestidas da membrana ao longo da zona basolateral do podocito.
No seu citoplasma os podocitos posúen un retículo endoplasmático ben desenvolvido e un gran aparato de Golgi, o que indica unha gran capacidade de síntese proteica e de modificacións postraducionais.
Hai cada vez máis evidencias de que teñen un gran número de corpos multivesiculares e outros compoñentes lisosómicos, o que indica unha intensa actividade de endocitose.
Patoloxía
[editar | editar a fonte]A distorsión dos diafragmas de filtración ou a destrución dos podocitos pode orixinar unha masiva proteinuria na cal se perden grandes cantidades de proteínas sanguíneas pola urina.
Un exemplo disto acontece no trastorno conxénito chamado nefrose de tipo finés, que se caracteriza por unha proteinuria neonatal, que orixina na súa fase final insuficiencia renal. Esta doenza está causada por unha mutación no xene da nefrina.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Ingrid Wickelgren. First components found for key kidney filter. Science, 8 October 1999, 286:225
- ↑ Löwik, M. M.; Groenen, P. J.; Levtchenko, E. N.; Monnens, L. A.; Heuvel, L. P. (2009). "Molecular genetic analysis of podocyte genes in focal segmental glomerulosclerosis—a review". European Journal of Pediatrics 168 (11): 1291–1304. doi:10.1007/s00431-009-1017-x. PMC 2745545. PMID 19562370. http://www.pubmedcentral.nih.gov/articlerender.fcgi?tool=pmcentrez&artid=2745545. [1]
- ↑ "Podocyte definition -". Arquivado dende o orixinal o 22 de setembro de 2015. Consultado o 22 de decembro de 2011.
- ↑ D. W. Fawcett. Tratado de Histología. Editorial Interamericana-Mc. Graw Hill. 11ª edición. Páxinas 765-767. ISBN 84-7605-361-4