Guy Maddison
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 31 de marzo de 1965 (59 anos) Perth, Australia |
Actividade | |
Ocupación | músico, baixista |
Período de actividade | 1985 - |
Membro de | |
Xénero artístico | Garage punk |
Instrumento | Baixo |
Guy Maddison, nado en Perth o 31 de marzo de 1965, é un músico australiano, coñecido principalmente pola súa asociación á música punk rock e grunge, e principalmente por ser o baixista da banda de Seattle Mudhoney, substituíndo a Matt Lukin no ano 2001.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Maddison comezou a tocar a mediados dos anos 80 na banda de punk rock The Greenhouse Effect en Perth. Despois de mudarse a Sydney en 1986, tocou o baixo con Lubricated Goat, ás veces co pseudónimo Buster Smallgoods, gravando un álbum e un EP con eles. O líder Stuart "Stu Spasm" Grey e Maddison foron os únicos membros da banda que saíron de xira polos Estados Unidos, alistando ao guitarrista Renestair EJ e ao batería Martin Bland para xirar con eles. Foi tamén un membro ocasional do grupo improvisado The Unconscious Collective, e do experimental Merge.
Despois da xira polos Estados Unidos, Maddison deixou Lubricated Goat e formou un proxecto con Peter Hartley, que tocara a guitarra no primeiro álbum de Lubricated Goat. Bautizaron á banda co nome Monroe’s Fur e nesas datas Maddison marchou a vivir a Seattle, Washington.
A mediados dos 90 tocou o baixo na terceira encarnación de Bloodloss, unha banda de blues punk orixinaria de Adelaida, Australia, co vocalista Mark Arm, o guitarrista e saxofonista Renestair EJ e Martin Bland. A finais da década, Maddison foi o líder do grupo de Seattle Tall Poppies, onde tocaba a guitarra e cantaba.
No ano 2001, despois da marcha do baixista orixinal de Mudhoney, Matt Lukin, Maddison aceptou unha invitación para unirse á banda. Guy apareceu nos seus tres álbums máis recentes, que recibiron críticas bastante favorables. Como proxecto paralelo, Maddison canta e toca a guitarra na actualidade nunha banda de rock psicodélico chamada Bricklane.
Maddison tamén traballa de enfermeiro coidando de enfermos críticos.