Saltar ao contido

Existencia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Existencia (existentia, en Latín). En filosofía este termo ten dous significados básicos. Un sentido xeral asociado principalmente á filosofía cristiá medieval e outro máis específico propio das filosofías da existencia do século XX. No primeiro caso a existencia oponse á esencia e significa o feito de que algo sexa real. Neste sentido a existencia é aplicable a calquera ente ou propiedade dun ente que efectivamente esta aí, é dicir, que aparece aí como dado. Por exemplo, “esta árbore que está aí”. A filosofía existencial, en cambio, usa o termo existencia unicamente para referirse á realidade humana. Esta última é unha realidade sempre individual e constantemente facéndose a si mesma, polo que non sería definible do mesmo xeito que se definen os outros entes. En consecuencia, respecto da existencia humana non ten sentido preguntar qué é, senón só cómo é. A primeira pregunta apuntaría á esencia, sempre fixa, compartida por todos os individuos dunha mesma especie. Pero a existencia humana, posto que a súa condición é a dunha realidade sempre inacabada, non pode nunca definirse como un caso particular dunha esencia común. Toda existencia humana é peculiar, propia de cada un e, como tal, só experimentable polo propio individuo no seu propio existir. Nisto residiría a condición fundamental do ser humano. De aí que a definición dun ser humano calquera afecte só a el, reflectindo a súa peculiaridade. No caso do ente humano, polo tanto, ou ben a súa esencia vén dada pola pura existencia (Martin Heidegger), ou ben a existencia precede á esencia (Jean-Paul Sartre).

O estudo da existencia humana efectuado por Heidegger en Ser e tempo recibe o nome de hermenéutica existencial, e o efectuado por Sartre en O ser e o nada foi acuñado por este co nome de existencialismo.