Congreso Continental
O Congreso Continental é como se coñece a dous corpos sucesivos de representantes das provincias das Trece Colonias no século XVIII na Norteamérica británica:
- O Primeiro Congreso Continental reuniuse a partir do 5 de setembro de 1774 ata o 26 de outubro do mesmo ano.
- O Segundo Congreso Continental reuniuse desde o 10 de maio de 1775 ata a ratificación dos Artigos da Confederación o 1 de marzo de 1781.
Despois da ratificación dos Artigos, o Congreso Continental foi sucedido polo primeiro goberno lexislativo de iure dos Estados Unidos:
- O Congreso da Confederación ou os Estados Unidos Reunidos en Congreso funcionou a partir do 1 de marzo de 1781 ata que o primeiro goberno constitucional estadounidense chegou a ser operativo o 4 de marzo de 1789. Os membros do Segundo Congreso Continental foron trasladados automaticamente ao Congreso da Confederación.
Formado inicialmente para coordinar unha resposta americana común ás Leis Intolerables, o Congreso Continental deveu rapidamente no corpo gobernativo da nova nación na medida en que o conflito co goberno británico foise estendendo e acabou na guerra revolucionaria americana. Unha vez que a guerra terminou, os membros do Congreso funcionaron como corpo gobernativo dos Estados Unidos de América, reorganizado como novo corpo lexislativo nacional.
Primeiro Congreso Continental
[editar | editar a fonte]En setembro de 1774, os representantes das asembleas das colonias reuníronse en Filadelfia. O dilema que enfrontaba ao Congreso non era simple porque tiña que mostrar firmeza ante o goberno inglés e, á súa vez, debía pór freo aos desexos independentistas dos Fillos da Liberdade, que alarmaban aos sectores conservadores, máis proclives a chegar a un acordo coa Coroa británica.
O Congreso aprobou unha Declaración de Dereitos e Agravios dirixida ao pobo de Gran Bretaña e das colonias, e tamén aprobou unha petición ao rei. En ambos os documentos recoñecíase o dereito do Parlamento a regular o comercio exterior pero se defendía o dereito das colonias a manexar os seus propios asuntos internos sen intervención do goberno imperial.
Esta decisión non agradou aos grupos máis radicais, que sostiñan que o Parlamento non tiña ningún dereito sobre as colonias, que os colonos debían amar e honrar ao rei, apoialo nas guerras e respectar os tratados internacionais que este asinase e que as colonias debían gobernarse por medio das súas asembleas. Esta doutrina non ía ser aceptada polo goberno británico, xa que aceptala significaba o fin da relación colonial.
Segundo Congreso Continental
[editar | editar a fonte]En maio de 1775 reuniuse en Filadelfia o Segundo Congreso Continental. Este congreso nomeou a un militar de carreira e gran propietario de terras en Virxinia, o coronel George Washington, comandante en xefe das forzas norteamericanas. Tamén autorizou o envío dunha expedición a Quebec para dominar o Canadá e forzar a súa unión ás Trece Colonias. A guerra á metrópole estaba declarada.
Datas importantes
[editar | editar a fonte]- 2 de xullo de 1776 Resolución Lee, un acto do congreso declarando a independencia das colonias británicas, aprobado polo Congreso.
- 4 de xullo de 1776 Texto final da "Declaración de Independencia" aprobada polo Congreso (O 4 de xullo celébrase como o Independence Day (Día da Independencia) nos Estados Unidos).
- 2 de agosto de 1776 Declaración de Independencia asinada polo Congreso.
- 15 de novembro de 1777 Artigos da Confederación.
- 1 de marzo de 1781 Ratificación dos Artigos da Confederación.
- 17 de setembro de 1787 Adopción da Constitución dos Estados Unidos.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bancroft, George. History of the United States of America, from the discovery of the American continent. (1854–78), vol. 4–10 online edition (en inglés)
- Miller, John C. Triumph of Freedom, 1775–1783 (1948) online edition Arquivado 24 de maio de 2012 en Wayback Machine. (en inglés)
- Miller, John C. Origins of the American Revolution (1943) online edition Arquivado 25 de maio de 2012 en Wayback Machine. (en inglés)
- Journals of the Continental Congress 5 de setembro de 1774 a 2 de marzo de 1789 online (en inglés)