Saltar ao contido

Cemiterio de Santo Amaro da Coruña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Capela de Santo Amaro.

O cemiterio de Santo Amaro é un camposanto situado na Coruña, inaugurado en 1812.

A superficie do cemiterio é de máis de 26 000 m²[1] e está composto por tres áreas,[2] a relixiosa, a civil e a británica. Esta última está pechada e é propiedade do Reino Unido.[1]

Frontón na entrada.

Os primeiros enterramentos da zona datan de 1781.[3]

En 1812 fíxose efectiva na Coruña a lei que prohibía os enterramentos nas igrexas e na súa contorna. Por ese motivo construíuse o cemiterio de Santo Amaro segundo o proxecto de Fernando Domínguez Romay,[4] que o deseñou con forma cuadrangular e dividido en catro zonas, correspondentes ás catro parroquias da Coruña nese tempo, Santa María, Santiago, San Xurxo e San Nicolao. As obras tiveron lugar entre maio de 1812 e a súa inauguración o 9 de novembro do mesmo ano.[1]

A capela neoclásica da entrada do cemiterio levantouse en 1833,[5] obra de Alejo Andrade Yáñez, baseada no proxecto de Juan de Villanueva para o Cementerio General Norte de Madrid, que nunca se construíu.[6] A capela xa estaba no proxecto inicial, mais non puido ser construída por falta de fondos e só puido levantarse polo legado de Fernando Queipo de Llano.[1]

Plano do ano 1900.[7]

En 1862 Faustino Domínguez Domínguez deseñou o gabinete de autopsias.[1]

O cemiterio británico construíuse a partir de 1867 nos terreos comprados polo cónsul inglés na cidade Guillermo Congreve Cutliffe Brackerburry, que foi o primeiro en ser enterrado alí.[1] Porén, xa en 1836 se enterrara no lugar o cadáver dun oficial do buque Endymion.[8] O proxecto foi de Juan de Ciórraga e ten un pórtico de Faustino Domínguez Coumes-Gay.[1]

O primeiro cemiterio civil apareceu na ampliación de Juan de Ciórraga de 1882, mais as malas condicións e o pouco espazo do lugar fixeron necesario crear un novo cemiterio. O proxecto encargado ao arquitecto municipal Pedro Mariño foi aprobado en 1901. O primeiro enterro que tivo lugar no novo espazo foi o do avogado Arturo Casares Quiroga (1903). Coa chegada da Segunda República derrubouse o muro que separaba o cemiterio civil do relixioso.[1]

En 1931 ampliouse novamente o cemiterio segundo o proxecto de Antonio Tenreiro.[1]

En 1944 inaugurouse un mausoleo nazi que chegou a ter dezaseis sepulturas. Os corpos trasladáronse ao cemiterio alemán de Cuacos de Yuste en 1982 e só quedan algúns restos da construción.[9]

En 2012 o cemiterio ingresou na Asociación Europea de Cemiterios Significativos (ASCE)[3] e no ano seguinte entrou na Rede de Cemiterios Europea.[2]

Personaxes ilustres

[editar | editar a fonte]

Entre os persoeiros enterrados no cemiterio atópanse:

Entrada.
Fachada do cemiterio británico.

Destacan tamén os monumentos aos Mártires da Liberdade, ás vítimas da folga xeral de 1901 e ás vítimas do accidente aéreo de Montrove de 1973.[2]

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 O cemiterio de Santo Amaro. Memoria de dous séculos. Concello da Coruña, Fundación Emalcsa. 2012. ISBN 978-84-616-1077-8. 
  2. 2,0 2,1 2,2 "Cemiterio municipal de San Amaro". Concello da Coruña. Arquivado dende o orixinal o 05 de xaneiro de 2017. Consultado o 12 de outubro de 2015. 
  3. 3,0 3,1 "Cemetery of San Amaro (A Coruña, Spain)". Association of Significant Cemeteries in Europe. Consultado o 12 de outubro de 2015. 
  4. Devesa, José (2011). Santo Amaro dos Mortos. Concello da Coruña. 
  5. "Capela do cemiterio de San Amaro". Concello da Coruña. Arquivado dende o orixinal o 13 de agosto de 2017. Consultado o 12 de outubro de 2015. 
  6. Molina, César Antonio (2003). Viaje a la Costa da Morte. Huerga Fierro. 
  7. Plano de 1900.
  8. "Un templo para todos en San Amaro". La Opinión de A Coruña. 11 de febreiro de 2013. Consultado o 12 de outubro de 2015. 
  9. "La esvástica oculta del cementerio de San Amaro". La Voz de Galicia (en castelán). 11 de abril de 2011. Consultado o 12 de outubro de 2015. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]