Casa de Alba
Casa de Alba | |
Escudo da Casa de Alba na actualidade. | |
Orixe | Casa de Toledo |
Materna | Casa de Silva Casa de Fitz-James Stuart |
Títulos | Ducado de Alba de Tormes (1472) Ducado de Huéscar (1563) |
Herdeira | Cayetana Fitz-James Stuart (Duquesa de Alba) |
A casa de Alba de Tormes, coñecida habitualmente como casa de Alba, é unha casa nobiliaria española, orixinaria da coroa de Castela, cuxas orixes se remontan ao século XIV.
O seu nome provén do ducado de Alba de Tormes, título con Grandeza de España, que ostenta o seu xefe ou cabeza.
Tradicionalmente o herdeiro do ducado de Alba ostenta o ducado de Huéscar. A súa actual titular é Cayetana Fitz-James Stuart, XVIII duquesa de Alba de Tormes.
Historia
[editar | editar a fonte]A casa de Alba está na liñaxe dos Álvarez de Toledo, e nela se mantivo até que á morte sen descendencia de María do Pilar Teresa Caietana de Silva e Álvarez de Toledo, XIII duquesa, pasou á liñaxe dos Berwick, na persoa de Carlos Miguel Fitz-James Stuart, sobriño-bisneto de Fernando de Silva e Álvarez de Toledo, XII duque Alba de Tormes e avó da XIII duquesa. A casa de Berwick era unha rama ilexítima da casa de Estuardo de Escocia, que eran duques de Berwick en Inglaterra e duques de Liria e Jérica en España.
A familia dos Álvarez de Toledo (orixinaria de Alba de Tormes) xorde na historia nobiliaria española ao obteneren no século XIV os señoríos de Oropesa e Valdecorneja como recompensa polos servizos prestados ao rei Henrique II de Castela, aínda que o ascenso da familia produciuse, fundamentalmente, a partir do século XV, grazas ao apoio prestado á coroa de Castela nos seus conflitos coa nobreza.
En 1429 Gutierre Álvarez de Toledo, bispo de Palencia e arcebispo de Sevilla e de Toledo, obtén de Xoán II o señorío de Alba de Tormes, localidade próxima a Salamanca (España), herdado polo seu sobriño Fernando Álvarez de Toledo, ao que Xoán II converte en conde de Alba de Tormes en 1438, e sería co seu fillo García Álvarez de Toledo, marqués de Coria e conde de Salvaterra, cando o título se eleve a ducado, converténdose, por tanto, no primeiro duque de Alba, en 1472, por concesión de Henrique IV de Castela.
O segundo Duque Alba de Tormes, Fadrique Álvarez de Toledo y Enríquez, e o terceiro, Fernando Álvarez de Toledo, coñecido como o Gran Duque de Alba, foron os que tiveron maior notoriedade histórica.
Ao longo da súa historia, a casa entroncou coa dinastía portuguesa e con importantes casas nobiliarias españolas, tendo como antepasados ao Conde-Duque de Olivares e aos duques de Veragua e, con estes últimos, a Cristovo Colón.
Os títulos nobiliarios da casa de Alba propiamente dita son o ducado de Alba de Tormes e o ducado de Huéscar. Porén, o xefe da casa ostenta outros moitos títulos por incorporación doutras casas nobiliarias debido a casamentos e heredanzas como, por exemplo, a casa de Olivares, a de El Carpio e a de Villanueva del Río, converténdose a casa de Alba na casa nobre europea con maior cantidade de títulos no seu haber.[1]
O seu importante papel histórico e gran fortuna fan á casa de Alba propietaria dunha das mellores coleccións privadas de arte de España, conservada en máis de vinte palacios e castelos repartidos por todo o país, algúns dos cales están cedidos a institucións públicas para a súa mellor conservación e uso.
O seu importante patrimonio cultural levou á familia a establecer a Fundación Casa de Alba, dedicada á súa administración e xestión, con sede no Palacio de Liria, en Madrid.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Para coñecer estes títulos véxase o artigo referido a Cayetana Fitz-James Stuart, XVIII duquesa de Alba.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Calderón Ortega, José Manuel (2005): El Ducado de Alba: la evolución histórica, el gobierno y la hacienda de un Estado señorial (siglos XIV-XVI). Madrid: Dykinson. ISBN 9788497727617.
- Kamen, Henry (2004): El Gran Duque de Alba: soldado en la España imperial. Madrid: La Esfera de los libros. ISBN 9788497342209.
- Maltby, William (2007): El Gran Duque de Alba. Editorial Atalanta. Vilaür, Girona: ISBN 9788493531386.