Saltar ao contido

Cantiga de berce

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cantiga de berce irlandesa.

Unha cantiga de berce, arrolo ou anaina é unha canción relaxante de ritmo suave, empregado para facer durmir os nenos. Practicamente cada cultura musical ten as súas propias formas de arrolos, adaptadas as súas particularidades musicais.

Características

[editar | editar a fonte]
Berceuse, de William-Adolphe Bouguereau (Século XIX)

En occidente a música das cantigas de berce adoitan a ser repetitivas e de ritmo lento, o que facilita a súa interpretación con abondosas melismas. En ocasións úsanse melodías que se empregan noutros ámbitos, tirándolle o cambiándolle a letra. A súa temática é moi variada: a ausencia dos pais, o medo, as preocupacións e traballos da nai, ... Non era raro falarlles de cousas que lles asustaban como animais (lobos e outras feras) ou seres fabulosos. Hai as letras nas que a nai avisa, de xeito máis ou menos claro, o seu amante que non soba, posto que o marido está na casa:

quen é este ghatiño
que está no tellado
que o meu maridiño
está aquí deitado
válghame dios
que non me comprendedes
esta noite nonhe
mañá volveredes
o ronrón ronrón
mañá si e hoxe non

As estrofas poden estar previamente definidas ou improvisarse no momento, normalmente sobre estruturas xa construídas, paralelismos ou variando outras xa coñecidas. Non ten un ritmo característico nin unha estrutura ríxida. Dado que a finalidade é durmir o neno, poden repetirse estrofas ou incluír en ocasións pequenas frases musicais tararexadas máis curtas ou murmurios suaves, que seguen o ritmo da estrofa principal.

A RUN, RUN (Cantiga popular)

A run run, run run, meu neno.
A run run, a run run, meu amor.
Dentro das pallas, hai un meniño,
brando e roxiño, que dá primor.
A run run, run run, meu neno.
A run run, a run run, meu amor.
O boi marelo, de comer deixa,
e co alento, dálle calor.
A run run, run run, meu neno.
A run run, a run run, meu amor.

Créese que os cantos de berce lévanse empregando dende antigo. O arrolo latino 'Lalla, Lalla, Lalla, aut dormi, aut lacte' (Ou choras ou mamas) aparece como un escolio de Aulus Persius Flaccus, e pode ser a máis antiga das conservadas. En 1072 o escritorio turco Mahmud al-Kashgari fala dos cantos de berce turcos chamados 'balubalu' no seu libro 'Dīwānu l-Luġat al-Turk'. Tamén se especula que o termo inglés lullaby proceda de "Lilith-bye" ou "Lilith-Abi" (en hebreo, "Vaite, Lilit"). Segundo a tradición xudía Lilit roubaba os nenos pola noite. Moitos versos medievais que falan do nacemento do neno Xesús pasaron a cultura popular con forma de arrolos.

Moitos compositores clásicos inspiráronse nos arrolos populares para as súas creacións. É habitual o uso do termo berceuse, palabra francesa que significa a un tempo arrolo e berce. A composición Wiegenlied Op.49 núm.4 que Brahams escribiu polo nacemento do seu segundo fillo pode que sexa o arrolo máis coñecido, e emprégase en multitude de aparellos para durmir os nenos. A Berceuse para piano, de Chopin (opus 57) tamén é moi coñecida. Maurice Ravel, Falla, Igor Stravinskii, George Gershwin, Franz Liszt, Camille Saint-Saëns e outros moitos compuxeron tamén este tipo de pezas. Curiosamente o Arrorró composto polo canario Teobaldo Power converteuse en 2003 no Himno da Comunidade Autónoma de Canarias.

Cancións coma "Nin non" de Lluís Llach, Duerme negrito de Atahualpa Yupanqui, son unha boa mostra de cancións de berce na música actual. En Galicia Fuxan os Ventos converteu unha Cantiga de berce nun canto de marcado carácter reivindicativo.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]