Saltar ao contido

Bagram

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaBagram
بگرام (fa) Editar o valor en Wikidata
Imaxe

Localización
Mapa
 34°56′00″N 69°14′00″L / 34.9333, 69.2333
EstadoAfganistán
ProvinciaParwan (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Capital de
Xeografía
Altitude1.492 m Editar o valor en Wikidata

Bagrām, tamén chamada Begram e antigamente Kapici ou Kapisa, é unha antiga cidade de Afganistán situada a uns 60 km ao noroeste de Cabul. Está situada na conxunción dos vales dos ríos Ghorband e Panjshīr, preto da cidade de Charikar. Foi un punto de paso obrigado cara á India pola Ruta da Seda, cara a Cabul e Bamiyán, famosa polos seus Budas xigantes.

Alexandría do Cáucaso estaba localizada no sur de Bactriana, na cordilleira do Hindú Kush.

A cidade foi destruída por Ciro II, restaurada por Darío I, e posteriormente refundada, fortificada e reconstruída por Alexandre o Grande, nos contrafortes meridionais da cordilleira do Hindú Kush,[1] no territorio dos paropamisades. A colonia recibiu o nome de Alexandría do Cáucaso (ou Alexandría Paropamisos). Alexandre poboouna con 7000 macedonios, 3000 mercenarios e miles de nativos,[2] ou con 7000 nativos e 3000 non combatentes e unha cantidade indeterminada de mercenarios,[3] en marzo de 329 a.C. Construíu fortes aos pés do Hindú Kush, que substituíron os que levantou no mesmo lugar Ciro II (c. 500 a. C.)

Capital indogrega

[editar | editar a fonte]

Alexandría do Cáucaso foi unha das capitais do Reino Grecobactriano (180 a. C.-10). Durante o reinado de Menandro I de Bactriana, a cidade tivo unha próspera comunidade budista, ao cargo de monxes gregos. Na literatura budista, o monxe budista yona,[4] Mahadhammarakkhita (sánscrito Mahadharmaraksita), dise que veu de “Alasandra” (crese que podería referirse a Alexandría do Cáucaso) con 30 000 monxes para a cerimonia fundacional do Maha Thupa (gran estupa) de Anuradhapura, en Sri Lanka:

De Alasanda, a cidade dos yonas, veu o maior deles, Mahadhammarakkhita, con tres mil bhikkhus.

A divindade da cidade parece ser Zeus, como suxire unha moeda de prata do rei grecobactriano Eucrátides I (170-145 a. C.), coa seguinte lenda, que menciona a Alexandría/ Kapisa:

  • no anverso, xunto ao seu busto, aparece inscrito BASILEOS MEGALOY EUKRATIDOY «Gran Rei Eucrátides»
  • no reverso figura a divindade de Kapisa cunha palma na man esquerda, probabelmente Zeus, estendendo unha coroa sobre a cabeza dun pequeno elefante. E a seguinte lenda escrita en alfabeto kharoṣṭhī: KAVISIYE NAGARA DEVATA «Divindade da cidade de Kapisa».

A cidade estaba amurallada con ladrillos, e reforzada con torres. A rúa central tiña tendas e talleres.

O tesouro de Bagram

[editar | editar a fonte]
Gladiador grecorromano, Bagram, século II.

Begram (Kapisa) converteuse na capital de verán do Imperio Cuxano no século I.

O emperador Kanishka construíu moitos edificios na cidade. Na construción dos palacios incluíronse tesouros, do período de devandito emperador: tallos chapados de marfil de orixe india, caixas vernizadas da dinastía chinesa Han, estatuas con motivos helenísticos, moldes de estuco, e vaixelas de prata de orixe mediterránea (probabelmente de Alexandría).

O chamado «Tesouro de Bagram» é indicativo de intensos intercambios comerciais entre todos os centros culturais da época clásica, posto que o Imperio Cuxano promoveu o comercio por terra e mar, desde o leste cara ao oeste.

Con todo, as obras de arte atopadas en Bagram son basicamente de orixe helenístico, romano, chinés ou indio, con indicacións pequenas de sincretismo cultural atopadas na arte greca-budista.

A cidade foi aparentemente abandonada despois das campañas do emperador dos sasánidas Sapor I, no ano 241.

Arqueoloxía

[editar | editar a fonte]

Algunhas evidencias arqueolóxicas concernentes a Alexandría do Cáucaso foron reunidas por Charles Masson (1800-1853). Achou moedas, aneis, selos e outros obxectos pequenos. Nos anos 30, Roman Ghirshman, mentres dirixía unhas escavacións preto de Bagram, atopou cristalaría exipcia e siria, figuras de bronce, estatuas e cuncas. Isto é unha indicación de que as conquistas de Alexandre abriron as portas da India ás importacións do leste.

Século XX-XXI

[editar | editar a fonte]
Restos da base aérea soviética de Bagram.

O aeródromo de Begram, que nos anos 1980 foi unha importante base do Exército soviético. Como outros tantos sitios históricos de Afganistán, Begram foi saqueado durante os anos que seguiron ao derrocamento do réxime comunista. Moitos dos seus monumentos históricos foron destruídos durante o réxime dos talibán. Albergou posteriormente a Base Aérea de Bagram, desde a que desenvolvía a maior actividade aérea os Estados Unidos en Afganistán. Foi abandonada en 2021.[5]

  1. O Hindú Kush foi designado na época clásica como o Cáucaso, paralelamente ao seu equivalente occidental as Montañas do Cáucaso, situadas entre Europa e Asia.
  2. Quinto Curcio Rufo, Historia de Alejandro Magno vii.3.23.
  3. Diodoro Sículo, Biblioteca histórica xviii.83.2.
  4. en idioma pali literalmente xonio.
  5. Murado, Miguel-Anxo (11 de xullo de 2021). "Avenida Disney". La Voz de Galicia. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]