Saltar ao contido

AstroTurf

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
AstroTurf (na imaxe no campo exterior) dentro do Houston Astrodome durante un encontro o 7 de xuño de 1969 entre os Houston Astros e o St. Louis Cardinals

AstroTurf é unha marca de herba artificial[1]. Aínda que o termo é unha marca patentada e rexistrada[2], ás veces úsase como descrición xenérica de calquera tipo de herba artificial, especialmente en lingua inglesa. O produto orixinal AstroTurf era un rolo de céspede curto sintético; os produtos actuais incorporan características modernas como protección antimicrobiana, recheo de caucho, sistemas de respaldo e fibras de nailon, fíos e plásticos diversos.

O principal motivo para incorporar céspede artificial nos terreos de xogo é reducir o custo da colocación de herba natural, especialmente nos deportes de sala.

AstroTurf foi co-inventado en 1965 por Donald L. Elbert, James M. Faria e Robert T. Wright, empregados de Monsanto. Foi patentado en 1967[3] e orixinalmente vendido co nome de Chemgrass. O seu nome foi cambiado por AstroTurf polo empregado John A. Wortmann despois do seu primeiro uso moi publicitado no Houston Astrodome en 1966. Na década de 1960 e posteriores foi moi usado en campos de béisbol e outros deportes.

En 1987, Monsanto consolidou a xestión, mercadotecnia e actividades técnicas de AstroTurf en Dalton, Xeorxia, como AstroTurf Industries, Inc. En 1988, Balsam AG adquiriu a totalidade do capital de AstroTurf Industries, Inc. En 1994, Southwest Recreational Industries, Inc. (SWRI) adquiriu a marca de céspede artificial. En 1996, SWRI foi adquirida por American Sports Products Group Inc. (ASPG). En 2001, SWRI lanzou un sistema de céspede chamado NexTurf.[4] En 2003 SWRI cambiou o seu nome a SRI Sports e un ano despois quebra coa empresa matriz, ASPG, conservando os dereitos sobre o céspede artificial. En 2005, Textile Management and Associates (TMA) adquiriu AstroTurf de ASPG e os activos de propiedade intelectual e comezou a comercializar a marca AstroTurf baixo a empresa AstroTurf LLC. En 2006, General Sports Venue (GSV) converteuse en socio de TMA da marca AstroTurf para o mercado americano. AstroTurf LLC encárgase da comercialización de AstroTurf no resto do mundo.

Termo en sociopolítica

[editar | editar a fonte]

Astroturfing é unha estratexia de manipulación da opinión pública por parte de partidos e outras entidades simulando o apoio público espontáneo, por exemplo nas redes sociais, a unha idea. Úsase en contraposición a Grassroots, termo en lingua inglesa para designar os movementos de base, termo formado por herba (grass) e raíces (roots)[5]. A primeira vez en aparecer con ese significado foi en 1985[6] cando o senador do Partido Demócrata de Texas, Lloyd Bensten, comentaba numerosas cartas que recibira, de presuntos cidadáns, que defendían a mesma posición que as compañías de seguros mentres Lloyd estaba involucrado nun debate sobre as prestacións do seguro de vida; dixo que «un texano coñece a diferenza entre a grassroots ou herba natural e AstroTurf»[6]. Así, afirmou que as cartas que recibira, con contido similar, foran creadas para simular o apoio popular, casualmente, ás mesmas reclamacións por parte das aseguradoras.

Con posterioridade, a propia compañía fabricante de AstroTurf, Monsanto, foi acusada de facer astroturfing para apoiar o glifosato, composto principal do seu produto RoundUp.[7]

  1. "Unha historia de herba sintética". gl.eferrit.com. Consultado o 2022-06-26. 
  2. Stephens, Chris. "AstroTurf". AstroTurf (en inglés). Consultado o 2022-06-26. 
  3. Faria, James M.; Wright, Robert T. (1967-07-25). "Monofilament ribbon pile product". Consultado o 2022-06-26. 
  4. "Breaking the surface: uncovering your sports surfacing needs - page 2…". archive.ph (en inglés). 2012-07-08. Archived from the original on 08 de xullo de 2012. Consultado o 2022-06-26. 
  5. Contenidos, Javier Echeverría DN (2022-02-17). "Astroturfing: qué es, en qué consiste y ejemplos". diariodenavarra.es (en castelán). Consultado o 2022-06-26. 
  6. 6,0 6,1 Quotes, Wise Famous. "Lloyd Bentsen Quotes: Fellow from Texas can tell the difference between grass-roots and AstroTurf. ...". www.wisefamousquotes.com (en inglés). Consultado o 2022-06-26. 
  7. "Astroturfing: o que é e alguns exemplos". Astroturfing. Consultado o 2022-06-26. 

Ver tamén

[editar | editar a fonte]