Asno andaluz
O asno andaluz, por veces tamén chamado cordobés por se-la súa principal área de dispersión, é unha raza de burros introducida en Andalucía desde o Norte de África hai uns 3.000 anos (é un descendente do Equus asinus africanus). O censo de reprodutores con suficiente grao de pureza estímase en 73 exemplares (datos de 1999).
Descrición
[editar | editar a fonte]É un animal de gran talle (145–160 cm de alzada, nos machos, e 135–150 cm, nas femias), peso duns 370 kg (os machos) e perfil subconvexo. Conformación robusta, perfil subconvexo, fronte ampla e órbitas dos ollos saíntes no seu bordo posterior, o que produce un ollo lixeiramente oblicuo. Orellas ergueitas e de proporcións medias, moi móbiles. Pescozo musculoso, co bordo superior lixeiramente convexo, con crinas finas e caídas a un lado. Liña dorsolumbar recta, tronco cilíndrico e amplo e ventre recollido. Rabo con abundantes sedas no extremo. A capa típica é torda clara, rodada, con pelo fino.
Burro majorero
[editar | editar a fonte]Nas illas Canarias existe outra variedade, da mesma orixe, denominada burro majorero. Foi introducido nas illas a través de Fuerteventura, ó redor do ano 1450.
Posúe a capa torda, de gris escuro a parda, coas degradacións características no fociño, ollos, ventre e bragada. Resulta característico o listón no espiñazo e escápulas.
Protección
[editar | editar a fonte]Dispón de Libro Xenealóxico desde 1939.
O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación recoñece como entidade de criadores de équidos [1], concretamente do burro andaluz, a Unión de Ganaderos y Arrieros de la Gran Raza Asnal Andaluza, domiciliada en Écija (Sevilla). No caso do asno majorero trátase da Asociación SOO Grupo para la Conservación y Fomento del Burro Majorero, domiciliada en Fuerteventura (Las Palmas).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Burro (artigo principal)
- Burro zamorano-leonés.
- Burro catalán (a e raza mallorquina, unha variante).
- Burro de las Encartaciones (do País Vasco).