Saltar ao contido

Antón Román Conde

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaAntón Román Conde
Biografía
Nacemento1909 Editar o valor en Wikidata
Vigo, España Editar o valor en Wikidata
Morte1998 Editar o valor en Wikidata (88/89 anos)
Vigo, España Editar o valor en Wikidata
EducaciónEscola Técnica Superior de Arquitectura de Barcelona Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónarquitecto Editar o valor en Wikidata

Dialnet: 2101310

Antón Román Conde, tamén coñecido como Antonio Román Conde, nado en Vigo en 1909 e finado na mesma cidade en 1998, foi un arquitecto galego. Na súa obra combina o racionalismo, o vangardismo e mesmo a estética tradicional, se era a solución axeitada. Foi un arquitecto prolífico pola cantidade, variedade e versatilidade estilística dos varios centos de proxectos asinados co seu nome. A súa pegada está moi presente na cidade e na bisbarra de Vigo en edificios na área urbana, chalés e obra pública. Deixou obras singulares en diversos lugares de Galicia e mais en Guinea Ecuatorial, onde exerceu o cargo de arquitecto xefe delegado do goberno no período colonial, entre 1940 e 1948. Da súa ampla produción cómpre salientar as igrexas do Calvario e Navia polo seu carácter vangardista na concepción da estrutura, que o sitúa no ronsel de Le Corbusier.

Vida persoal

[editar | editar a fonte]

Naceu en Vigo nunha familia ben situada con vivenda en Peniche. Fillo de Luis, militar, e Elvira, tivo cinco irmáns: Luis, Elvira, María Paz, Pedro e Manuel; este último, tenente de aviación, finou nun accidente aéreo en 1946.[1][2] Estudou a carreira de arquitectura na Escola Técnica Superior de Arquitectura de Barcelona, onde obtén o título. Combateu na guerra civil española como militar do exército do aire no bando sublevado[3].

O 10 de abril de 1940 é nomeado arquitecto no Servizo de Obras Urbanas na Guinea Española que era, naquela altura, aínda unha colonia.[4] O 24 de xuño de 1940 chegou a Malabo (Santa Isabel, na toponimia colonial) no vapor correo Río Francolí.[5] Alí coñeceu a súa muller, Angelita Serralta Cases, nada en Bioko (antes Fernando Poo), filla de colonos cataláns que administraban unha extensa propiedade chamada "La Barcelonesa" para a compañía Rius y Torres, onde se cultivaba cacao e café.[6][7][8] Na publicación editada polos misioneiros claretianos La Guinea Española compróbase a importancia da familia Serralta xa que informa polo miúdo do casamento nas páxinas de vida social. Estas notas de sociedade permiten coñecer detalles non documentados nas biografías publicadas de Román Conde e constitúen, ao mesmo tempo, unha crónica da vida colonial. A revista claretiana publicou o anuncio de voda,[9] unha crónica da celebración formal para familiares e autoridades e mais outra da celebración popular previa co persoal que traballaba na propiedade. As diferenzas de clase e raza, así como a importancia da igrexa católica na vida da colonia fanse evidentes.

"San Carlos se vistió de gala el 17 [de junio de 1945] para asistir al enlace matrimonial de la Sra. Angelita Serralta y el Arquitecto Jefe de Construcciones Urbanas D. Antonio Román Conde. La iglesia estaba convertida en un hermoso vergel y adornada con una delicadeza exquisita. […] Después de la ceremonia religiosa, los invitados se trasladaron a La Barcelonesa, donde fueron agasajados espléndidamente. La casa, ya magnífica de por sí, estaba engalanada con colgaduras y farolillos a la valenciana, con potente instalación eléctrica y varios altavoces distribuidos a lo largo de la galería donde estaban colocadas las mesas de los comensales.”[10]

"Era el deseo de todo el poblado de Claret de Batete, que el enlace de la Srta. Angelita Serralta se hiciera en Batete por haber visto la bella desposada la luz del mundo en este poblado. En su delicadeza, agradeció  los votos, y por la mañana del 17, ella, su esposo y Sra. madre, llegaron a recibir los Sacramentos. Por este motivo el pueblo les cantó en la Misa Dominical, el Joseph Fili David con la orquesta del pueblo y otros cánticos de su popular repertorio.[11]

En xullo de 1945 embarcan no Dómine cara á Península,[12] poida que como viaxe de vodas. O primeiro dos seus sete fillos, Luis, naceu en 1946. O seu bautizo aparece destacado en La Guinea Española.[13] O 4 de febreiro de 1948 embarcan de novo no Dómine[14] e instálanse en Vigo,[15][16] onde Antón Román encarga unha lancha automóbil nos Estaleiros Lagos de Bouzas feita con madeiras de Guinea (palisandro, caoba, ébano).[17]

Desenvolveu diversas afeccións artísticas. Na mocidade dedicouse á acuarela en pequeno formato sobre temas recorrentes como a navegación, o motociclismo e a figura feminina. Durante a súa estadía en África xurdiu o seu interese pola fotografía, tirando instantáneas da paisaxe, as construcións da colonia e escenas de vida. O fotógrafo Pep Parer reproduciu algunhas das súas instantáneas e retratos para a acción de posta en valor da arquitectura denominada Patrimonio Guinea 2020. O seu legado artístico pertence á colección privada da familia Conde Serralta.[8] O seu fillo Antonio e as fillas Ana e María del Mar teñen dado testemuño do labor do pai.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Na súa estadía en Guinea desenvolve moito traballo administrativo. A través das páxinas La Guinea Española pódese documentar un concurso para a construción dun pavillón para europeos no hospital xeral de Malabo e el mesmo prepara unha clasificación das vivendas oficiais a que poden ter dereito funcionarios e traballadores da administración colonial. Publica un artigo sobre arquitectura colonial e proxecta edificios para uso institucional, equipamentos públicos e vivendas.

Forma parte da denominada xeración de transición na arquitectura galega, canda Arturo Fraga Ramil. No desarrollismo, un momento de importante desenvolvemento urbano de Vigo e a súa bisbarra, participa moi activamente na edificación de obra nova. Nesa altura só hai oito arquitectos colexiados na cidade, e iso parece explicar que Román asine centos de proxectos de variada tipoloxía e estilo.

Foi un dos arquitectos seleccionados na exposición de instalacións deportivas e culturais que tivo lugar no Instituto Politécnico Nacional de Cidade de México dentro da programación de actividades paralelas aos Xogos Olímpicos de 1968 en México, curada por Ruth Rivera e Vladimir Kaspé. Ademais de Antón Román na extensa exposición incluíronse traballos (fotografías, planos ou maquetas) de Francisco Castro Represas e Pedro Alonso Pérez (do Estudio de Arquitectura Castro e Alonso, de Bouzas, Vigo), e Alejandro de la Sota.[18]

Presidiu o Colexio de Arquitectos de León, Asturias e Galicia, e, posteriormente, formou parte do Colexio de Arquitectos de Galicia. Retirouse en 1988.

En 2003 a delegación de Vigo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia elixiu as igrexas do Calvario e Navia para celebrar o Día Mundial da Arquitectura.[19]

Construción con lámina de formigón

[editar | editar a fonte]
Igrexa parroquial da Inmaculada Concepción.

A finais da década de 1960 construíu os seus dous edificios máis vangardistas en canto á proposta estrutural: a igrexa parroquial da Inmaculada Concepción no Calvario, tamén coñecida como "os Picos", e a igrexa parroquial de San Paio de Navia, que logo foron modificadas, minguando a espectacularidade do proxecto orixinal. Iago Valverde pon en relación estes templos co Pavillón Philips (Bruxelas, 1958) que construíra dez anos antes Le Corbusier e mais co traballo realizado con estruturas laminares de formigón de Félix Candela e Francisco Coello de Portugal.

Igrexa parroquial de San Paio de Navia.

Nos dous templos emprega unha lámina de formigón armado pregada recuberta con verniz de silicona. Esta lámina cumpre as funcións de estrutura, cuberta e envoltorio, o que permite acadar un interior sen columnas ou pilastras. A estrutura responde a unha concepción trigonométrica da pregadura que marca ángulos (ou picos) e crea ondulacións entre eles. O volume dos templos resólvese como unha forma envolvente que por fóra lembra unha figura de papiroflexia ou un tipi e no interior o direccionamento da luz e as pregaduras suxiren unha espiritualidade ancestral e de elevación que cadra coa renovación dos espazos litúrxicos promovida polo Concilio Vaticano Segundo. A procura da máxima entrada de luz para crear unha atmosfera de recollemento resólvese de maneira diferente nas dúas igrexas: nos Picos, os uves da pregadura chegan ata o chan, o que permite abrir celosías de vidro e plástico nos espazos en uve invertido e dar entrada á luz natural; en Navia, un espazo de menor tamaño, a luz entra filtrada pola parte superior e, daquela, a iluminación é moito máis sutil. Pablo Costa[20] sinala que o volume papirofléxico da lámina de formigón non responde á "teoría da pregadura" dos arquitectos Sol Madrileños e Sancho Osinaga, senón á aplicación da fórmula de igualdade xeométrica , o paraboloide hiperbólico.

O terceiro dos proxectos realizado con láminas de formigón, tamén dese período, é a remodelación do Estadio Municipal de Balaídos, en 1969, asinado cos aparelladores Emilio Presa e José Lumbreras. A obra debía realizarse en moi pouco tempo e cumpría aumentar a zona de pé e mais de asento baixo viseira en Marcador, Tribuna e Gol, que na súa lonxitude máxima acada os 16,5 metros.

Estas tres obras realizáronse en colaboración coa empresa madrileña Construcciones Laminares S.L., dos arquitectos José Ruiz-Castillo y Ucelay e mais Ricardo Urgoiti, especializados nas láminas de formigón armado.[21] Ruiz-Castillo e Urgoiti foron discípulos de Félix Candela en México, e colaboraron, entre outros, con Jaime Carceller, Francisco Coello de Portugal e Kurt Schäffer. Carmen Castro, na necrolóxica de Ricardo Urgoiti, que finou asasinado en 1972, describe como o cálculo técnico de Ruiz-Castillo e Urgoiti crea atmosfera e afectos nos traballos de Román Conde:

A igrexa do Calvario de Vigo ten unha forma máis biolóxica, orgánica, porque xorde en zonas verdes e en ambiente húmido de orballo gris, por iso é branca, branca. E a pequena igrexa de Navia é como unha carapucha que arroupa o sentir. E deste xeito, en toda a obra, o cálculo exprésase de xeito vivísimo e grato. O bo cálculo asegura pervivencia á forma amable para vivila no xogo deportivo, no traballo, na intimidade transcendente.[22]

Román Conde tamén empregou a solución da cuberta en formigón para a gasolineira da praza de España de Vigo, substituída máis tarde por unha estrutura corporativa.

Arquitectura colonial

[editar | editar a fonte]
Sofitel Malabo President Palace.

Como arquitecto no Servizo de Obras Urbanas na Guinea colonial, asinou equipamentos públicos, como escolas, hospitais e residencias.[6] Entre os edificios máis destacados están:

  • Residencia do Gobernador de Bata.
  • Mercado de Malabo.
  • Edificio Sofitel President, en 1946, na praza da Independencia de Malabo. Está situado no que fora o emprazadamento da Misión Católica (1859) dos claretianos e, logo dun incendio, en 1889, unha igrexa de madeira e aceiro feita polo enxeñeiro Manuel Torreto Paniagua e despois unha igrexa. Román Conde crea un edificio de aire neoclásico que foi construído por Diego Rubio e Antonio Cabrera. Reconverteuse en hotel.
  • Hospital de Bata.
  • Hospital de Malabo.
  • Vivendas para funcionarios, na rúa Serrano, Malabo.
  • Casino de Malabo.

Arquitectura relixiosa

[editar | editar a fonte]

Construíu en Vigo tres templos católicos en dous estilos diferentes:

Capela do Carme, no Vao.
  • Capela do Carme, no Vao, Coruxo, en 1951. Edificio de inspiración rústica baixo a influencia do Templo Votivo do Mar de Panxón, de Antonio Palacios. Pon de relevo o saber de cantaría co emprego de cachote e perpiaño.
  • Igrexa parroquial da Inmaculada Concepción, tamén coñecida como igrexa dos Picos, no Calvario, en 1968. Seguindo o estilo arquitectónico de Le Corbusier, a nave, de case 1000 metros cadrados, está construída en formigón, ten feitura de tipi e o tellado faise cunha lámina de formigón que se apunta ao ceo. O xogo de volumes, inspirado na papiroflexia, combina as formas redondeadas cos pregues.[23] Inaugurouse o 12 de abril de 1970. A igrexa está incluída no catálogo de Patrimonio Galego co código RI.000035765.[24]
  • Igrexa parroquial de San Paio de Navia, en 1969. Segue o estilo dos Picos mellorando a atmosfera interior ao entrar a luz entre os pregues da cuberta. A planta do templo é de 32,5 x 19,25 m, e foi cuberta por unha sucesión de vinte paraboloides hiperbólicos.[25]

Torres e vivendas na bisbarra de Vigo

[editar | editar a fonte]
Pazo de Sensat.

Realizou centos de chalés e edificios na área urbana. Ramón Eiras sinala que entre os seus clientes estaban Rodrigo Alonso, Alejandro Barreras, Leopoldo Curbera, Manuel Sas, Luis Solano Aza ou Alberto Casal.[16] Algunhas das obras realizadas son:

Pazo de Montecelo.
  • Pazo de Montecelo (ou Casa Durán Gómez) para Casimiro Durán, en 1949.
  • Pazo de Sensat, ou Finca Miramar, en Alcabre, promovido polo armador e empresario Javier Sensat na década de 1950. Está formada pola vivenda principal e a dos caseiros, ademais de edificacións auxiliares. Realizouse en estilo palaciano mesturado con neomedievalismo, emprega na decoración exterior vieiras, ameas  e gárgolas. O arco de entrada ten setes doelas cos escudos de armas das familias García, Ribera, Losada, Ozores, Ribadeneira, Quiroga, Valcarcel, Bolaño, Sarmiento, Lemos, Sotomayor, Saavedra y Somoza. Foi reconvertida no ano 2000 no Hotel Pazo dos Escudos e debe o nome á colección de ducias de escudos galegos da familia Sensat, que se conservan.[26]
  • Torre para a Caixa de Aforros de Vigo, na Praza de América, de doce plantas.
  • Torres en Coia.
  • Edificio Reguera, onde tiña o seu estudo.
  • Chalé da praia da Fontaíña, en Coruxo.
  • Chalé en praia América, Nigrán, para Fernando Portanet.

Equipamentos públicos e industriais

[editar | editar a fonte]
ETEA.

Realizou complexos deportivos, centros docentes, equipamentos culturais, naves industriais e diversas reformas en distintos puntos de Galicia, entre as que cómpre destacar:

  • Complexo militar da ETEA (Escola de Transmisións e Electricidade da Armada), en Teis (Vigo), na década de 1950.[27]
  • Edificio da rúa Falperra do complexo da Panificadora, en Vigo, en 1958 e 1962, para Antonio Valcarce García. Construción en formigón armado e pedra. O complexo constaba, ademais, de: edificio principal, de 1924, proxectada por Manuel Gómez Román cos enxeñeiros Otto Werner e Jorge Büchi de W&P; o almacén de fariñas, do enxeñeiro Antonio Fernández, en 1948, así como silos, vivendas para empregados, pombal e espazos abertos.[28]

É a segunda edificación máis grande da Panificadora, ocupa uns 1060 m2 contando cuns 3600 m2 de plantas. O edificio desenvólvese todo ao longo do frente da parcela cara á rúa Falperra (121 m), mentres que o ancho vai dos 8,20 aos 10 metros. É o edificio máis moderno, construído en dúas fases consecutivas entre 1958 e 1962; ámbalas fases foron proxectadas por Antonio Román Conde, que lle imprimiu ao edificio un sobrio estilo racionalista moi similar á coetánea Estación Marítima de Vigo. O edificio salva dous desniveis. Hai un desnivel ao longo do edificio, entre a esquina r/ Falperra co Paseo de Alfonso XII (cota 43) e o cruzamento de r/ Falperra con r/ Cachamuíña (cota 49), de tal xeito que as plantas teñen varios chanzos que lles fai perder altura gradualmente.[29]

  • Primeiras naves da Zona Franca, en Vigo.
  • Cine Rialto, Gondomar, en 1959.[30]
  • Edificio de oficinas para o estaleiro Hijos de J. Barreras, en Vigo, en 1960.
  • Cine Montefaro (Cine Domaio), en 1961.[30]
  • Cine Nigrán, na estrada de Panxón, en 1962.[30]
  • Almacén frigorífico para Rodrigo Alonso, en Santa Perpètua de Mogoda, en 1966.[16]
  • Reforma do Estadio Municipal de Balaídos, en Vigo, en 1968, construído pola empresa Ramón Beamonte.[31]
  • Gasolineira da Praza de España, en Vigo. Desaparecida.[27]
  • Reforma da Casa do Concello de Moaña, en 1974.
  • Pista polideportiva na Xunqueira, Moaña, en 1974.
  • Reforma de Povisa, en Vigo, en 1983.
  • Reforma do Instituto Xelmírez, en Santiago de Compostela.
  • Facultade de Farmacia e Ciencias Biolóxicas, en Santiago de Compostela en 1972. Construíuse nos terreos adxacentes á Residencia de Estudantes. Segundo os planos orixinais constaba de catro pavillóns, un de dúas plantas e tres de catro.[32]
  • Reforma da antiga Casa de Xordomudos e Cegos de Galicia, na rúa San Caetano de Santiago de Compostela, a mediados da década de 1960 para convertela de cuartel militar en instituto de bacharelato. Mantivo o aspecto exterior orixinario proxectado por Ricardo Velázquez Bosco, en 1910, mais no interior realizou modificacións de moita importancia.[33] En 1985 realizouse unha rehabilitación para convertelo na sede dos Edificios Administrativos San Caetano da Xunta de Galicia.[34]

Publicacións

[editar | editar a fonte]

Aparecen algúns artigos seus e dos seus colaboradores en revistas especializadas en arquitectura, como:

  1. S.A. (10/02/1946). "Esquela de Manuel Román Conde" (PDF). La Guinea Española (1214): 54. 
  2. "Trágico accidente de aviación en Salamanca". ABC. Hemeroteca (en castelán). 1946-02-08. p. 11. Consultado o 2018-08-04. 
  3. Foi nomeado, sucesivamente, Alférez provisional (no Boletín Oficial del Estado do goberno de Franco, do 12/03/1939) e Tenente do Corpo de Enxeñeiros Aeronáuticos do Exército do Aire con data de antiguidade 23/02/1939 (Boletín Oficial, Ministerio del Aire, 31/07/1945, p. 76).
  4. O nomeamento publícase no BOE do 15 de abril de 1940. Tiña un soldo anual de 8.000 pesetas e un sobresoldo de 16.000 pesetas.
  5. [S.A.] (30/06/1940). "Relación de pasajeros llegados en el vapor "Río Francolí"" (PDF). La Guinea Española (1137): 221. 
  6. 6,0 6,1 Laida, Memba Ikuga; Villaverde, Montserrat (2017). L'illa de Bioko : arquitectura viscuda = The Bioko island : lived architecture. [Malabo]: Patrimonio Guinea 2020. ISBN 9788460851370. OCLC 1027695432. 
  7. Pódese ver unha foto de Angelita Vilalta en 2004, procedente da colección de Marta Estrada Ibars, no portal web Crónicas de la Guinea Española.
  8. 8,0 8,1 Eiras, Ramón (26/4/2014). "El legado de Antón Román Conde". Vigoempresa. Arquivado dende o orixinal o 16/09/2021. Consultado o 24/7/2018. 
  9. "Para días no lejanos se anuncia el matrimonio de la srta. Angelita Serralta, de La Barcelonesa, con el reputado Arquitecto Jefe de Construcciones Urbanas D. Antonio Román Conde. La boda promete ser un acontecimiento en San Carlos y en Batete de donde es natural la agraciada señorita. Plácemes a los novios y matrimonio Serralta de La Barcelonesa”. [S.A.] (25/05/1945). "Noticiario colonial" (PDF). La Guinea Española (1197): 170. 
  10. [S.A.] (25/06/1945). "Noticiario colonial" (PDF). La Guinea Española (1199): 206–207. 
  11. [S.A.] (25/07/1945). "Claret de Batete" (PDF). La Guinea Española (1201): 240. 
  12. [S.A.] (10/07/1945). "Noticiario colonial" (PDF). La Guinea Española (1200): 225. 
  13. [S.A.] (25/05/1946). "Ecos de Guinea" (PDF). La Guinea Española (1221): 195. 
  14. [S.A.] (10/03/1948). "Pasajeros idos a España" (PDF). La Guinea Española (1264): 100. 
  15. O 1 de setembro de 1948 publícase no Boletín Oficial a excedencia voluntaria do cargo. O cesamento do cargo de arquitecto en Guinea é do 5 de marzo de 1968, por orde publicada no BOE de 18 de marzo de 1968, xusto antes da proclamación da independencia do país.
  16. 16,0 16,1 16,2 Cúbica Comunicación. "Vigo casi secreto | Inicio". www.vigocasisecreto.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 14/02/2021. Consultado o 24/7/2018.  |archiveurl= e |url-arquivo= redundantes (Axuda); |archivedate= e |data-arquivo= redundantes (Axuda); |deadurl= e |url-morta= redundantes (Axuda)
  17. Torres Carbajo, Fernando (6/7/2015). "Astilleros Lagos prepara su centenario". Vigo, capital de la costa oeste. Consultado o 24/7/2018. 
  18. L’Olympiade culturelle. México: Comité organisateur des Jeux de la XIX Olympiade, México 68. 1968. pp. 707–710. 
  19. "Las iglesias vanguardistas de Antón Román Conde". La Voz de Galicia (en castelán). 2003-10-04. Arquivado dende o orixinal o 01 de agosto de 2018. Consultado o 2018-08-01. 
  20. Costa, Pablo (01/08/2010). "La ecuación afinada". El Correo Gallego. Arquivado dende o orixinal o 24/07/2018. Consultado o 2018-07-27.  |archiveurl= e |url-arquivo= redundantes (Axuda); |archivedate= e |data-arquivo= redundantes (Axuda); |deadurl= e |url-morta= redundantes (Axuda)
  21. No artigo publicado polos arquitectos na revista Informes de la construcción, pódense consultar os planos e a descrición técnica da realización da obra.
  22. Castro, Carmen (1972). "Ricardo Urgoiti. Doctor arquitecto.". Arquitectura 166: I–IV. 
  23. 20Minutos. "El arte de la papiroflexia aplicado a la arquitectura". 20minutos.es - Últimas Noticias (en castelán). Consultado o 24/7/2018. 
  24. "Igrexa da Inmaculada Concepción". Patrimonio Galego. Consultado o 24/7/2018. 
  25. "Iglesia parroquial de San Paio de Navia, Vigo. Román Conde + Urgoiti + Ruiz Castillo. 1969". ..oO (en castelán). 2012-04-03. Consultado o 24/7/2018. 
  26. "Descubre Cada Día: Pazo Los Escudos, antigua Casa Sensat (Alcabre-Vigo)". Descubre Cada Día. Consultado o 26/7/2018. 
  27. 27,0 27,1 "Marinaetea muestra los edificios del antiguo recinto militar al hijo del arquitecto". Faro de Vigo. Consultado o 24/7/2018. 
  28. "Miúda Arquitectura". www.miuda-arquitectura.es. Consultado o 24/7/2018. 
  29. Reinoso Masset, Uxío (15/02/2013). "Dossier Panificadora de Vigo" (PDF) ((dossier in progress)). Entremos na Panificadora & Tank (Territorio ANimado Kolectivo). Consultado o 01/08/2018. 
  30. 30,0 30,1 30,2 "Inventario de cines" (PDF). Ministerio de Educación y Ciencia. 2016. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 25/07/2018. Consultado o 24/07/2018. 
  31. "El arquitecto del coso acabó haciendo el complejo deportivo". La Voz de Galicia (en castelán). 2009-02-04. Consultado o 24/7/2018. 
  32. Costa Buján, Pablo (2013). "Evolución urbana y cambios morfológicos, Santiago de Compostela 1778-1950". RUC (Tese de doutoramento). Universidade da Coruña. Consultado o 25/07/2018. 
  33. Barral Martínez, Margarita (2001). "Do Colexio de Xordomudos e Cegos en Santiago de Compostela". Entre nós : estudios de arte, xeografía e historia en homenaxe ó profesor Xosé Manuel Pose Antelo. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela. p. 623. ISBN 84-8121-969-X. OCLC 51921907. 
  34. O proxecto de rehabilitación de 1985 foi asinado por Alberto Baltar, Jesús Díaz García, Manuel Gallego Jorreto e José Enrique Pérez-Ardá Criado.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]