Antón Abade
Nome orixinal | (el) Ἀντώνιος |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 251 (Gregoriano) Coma, Exipto |
Morte | c. 357 (105/106 anos) Tebas, Exipto |
Residencia | Dayr al-Maymun (286–305) |
Relixión | Cristianismo |
Actividade | |
Ocupación | monxe cristiano, Anacoreta, escritor |
Período de tempo | Imperio Romano |
Enaltecemento | |
| |
Día de festividade relixiosa | 17 de xaneiro 17 de xaneiro 17 de xaneiro |
Símbolo iconográfico | Cruz de Tau |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron De viris illustribus |
Antón Abade, nado en Come (actual Qiman al-Arus, na rexión de al-Wastah) cara ao 260 e finado cara ao 365, foi un eremita exipcio, un dos precursores do monacato cristián.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fontes
[editar | editar a fonte]As principais fontes para trazar a súa vida son as súas cartas, a biografía mitificada e idealizada Vida de Antón de Atanasio de Alexandría, crónicas e lendas coptas, a Historia Eclesiástica de Sozomeno, a crónica de Xerome e un escrito do Serapión de Thmuis.
Vocación
[editar | editar a fonte]Nado no seo dunha familia rica, refugou unha educación letrada e, unha vez que lle morreron os pais, ocupouse do coidado da súa irmá. Cando oíu nunha igrexa a frase de Xesús de Nazaret no Evanxeo de Mateu: vende todo o que tes, repárteo entre os pobres, ven e sígueme, entendeu que ese dito se dirixía a el e así o fixo, deixando só unha parte para a súa irmá.
Con posterioridade, impactoulle o consello de Xesús: non vos preocupedes polo mañá, polo que deixando a súa irmá a coidado dunhas amigas cristiás, comezou unha vida de ascese e abandono. Convertido da súa condición de nobre, empezou a traballar coas súas mans seguindo o mandato de Paulo de Tarso quen non traballe, que non coma. Co froito do seu traballo compraba algo de pan para el e o resto entregábao entre os necesitados.
Comezou a visitar a homes con sona de santidade:
...de cada un aprendía o celo e a ascese na que sobresaía. Dun contemplaba a amabilidade, doutro a perseveranza na oración, doutro meditaba a paz, doutro o amor aos homes. Observaba ao que velaba e ao que amaba o estudo; admiraba ao austero e ao que xaxuaba e ao que durmía sobre a terra; percibía a dozura dun e a xenerosidade do outro. Pero de todos advertiu a piedade a Cristo e o amor duns para con outrosVida de Antón
Ascese
[editar | editar a fonte]Primeiro viviu dentro dunha tumba ás aforas da cidade ata os 35 anos. Máis tarde foise a habitar a unha fortaleza abandonada no deserto, levando a ela pan para seis meses e encerrándose alí para non ser amolado. Viviu unhas duras batallas espirituais; segundo as crónicas míticas, o demo facíalle aparecer moedas de ouro para provocarlle cobiza, mulleres sensuais para excitar a súa luxuria, feras monstruosas para facerlle caer no pecado do medo. A súa sona de santidade foise espallando e moitos tentaron forzar a entrada do seu refuxio:
Cando o viron ficaron abraiados ao ver que o seu corpo tiña a mesma fasquía que antes. Nin engordara por mor da falla de exercicio físico, nin enfraquecera debido á ascese e as loitas contra o demo... mantiña o equilibrio como guiado polo Verbo e encontrábase en harmonía coa súa naturezaVida de Antón
Carisma
[editar | editar a fonte]Comezou a ter sona de taumaturgo e tamén de mestre:
O Señor concedeu a Antón o don da palabra, e así consolaba a moitos que estaban apouvigados, reconciliaba a outros que estaban en litixio, e a todos dicía que nada tiña que anteporse ao amor de CristoVida de Antón
Predicaba que non había que temer os demos e consideraba os eremitas como un escudo contra eles:
Dos ascetas temen os xaxúns, as súas vixilias, a súa oración, a súa dozura, a súa mansedume, o seu desinterese polo diñeiro e pola vangloria, a súa humildade e o seu amor aos pobres, as súas esmolas, a súa paz e especialmente a súa veneración por CristoVida de Antón
Contra os demos había, segundo el, que estar vixilantes pero non temorosos e teimaba na necesidade de discernir entre espíritos bos e os diaños:
A visión dos santos non perturba... a súa presenza é tan serena e tranquila que axiña agroman na alma o gozo, a ledicia e a confianza, pois con eles está o Señor que é o noso gozo e a forza de Deus PaiVida de Antón
Pola contra, os espíritos malignos distínguense porque
Ao momento se produce o temor da alma, a axitación, os pensamentos desordenados, o abatemento, o odio, a desgana e a tristura, os apegos aos familiares e o temor á morteVida de Antón
O carisma de Antón provocou que moitos imitasen á súa vida e se retirasen ao deserto, creando as primeiras comunidades monásticas do cristianismo dun xeito significativo, se ben estas non tiñan unha regra como a que posteriormente redactaron Basilio o Grande en Oriente ou Bieito de Nursia en Occidente. Atanasio describe estas comunidades de xeito idealizado:
As moradas dos monxes nos montes eran como tendas cheas de coros divinos, onde cantaban salmos, lían a Escritura, xaxuaban, oraban, se alegraban coa esperanza dos bens futuros, traballaban para axudar os necesitados, vivían en amor e concordia recíprocos, podíase ver verdadeiramente unha rexión consagrada a Deus e á xustiza. Ninguén alí sufría inxustizaVida de Antón
Vida pública
[editar | editar a fonte]No ano 311, coa persecución dos cristiáns polo Emperador Maximino, volveu a Alexandría para confortar os prisioneiros nos cárceres e as minas e, en moitos casos, para acompañalos na morte. Moitos monxes seguiron o seu exemplo ata o punto que o perfecto ordenou que non se achegasen á cidade. Antón desafiou a orde.
Pasado este episodio, intensificou a súa ascese e afastouse máis no corazón do deserto, no que chamou a súa montaña interior. Alí, segundo as crónicas, as feras do campo vivían en paz con el e mesmo o protexían.
Regularmente, acudía ao monte Pispir, a súa montaña exterior, para atender aos que a el acudían, xentes de toda clase e condición, incluídos xuíces cos seus condenados. Aos xuíces lembráballes que co mesmo xuízo que eles aplicasen serían xulgados.
Facía cestos para gañar o pan, curaba enfermos e repartía esmolas. O seu carisma ía en aumento, pero el procuraba ser exemplo de sinxeleza:
Preguntaba moito e pedía escoitar aos que estaban presentes. Se algún dicía algo útil, recoñecía obter un beneficio. O seu rostro irradiaba graza... aínda que estivese rodeado de monxes, cando alguén que non o coñecía desexaba velo, corría cara a Antón como atraído polos seus ollos... o gozo da súa alma agromaba no seu rostro... non tiña os modais bastos dun home que vivira só na montaña e que avellentara nela, senón que era afable e sociable e a súa palabra estaba sazonada co sal divino, de maneira que ninguén lle tiña envexa e todos os que o visitaban se alegrabanVida de Antón
O emperador Constantino e os seus fillos Constancio e Constante mandáronlle cartas que el, ao principio, refugou contestar. Ante a insistencia dos monxes, que lle lembraban que agora os emperadores eran cristiáns, acordou responder, lembrándolles que o único Rei de reis era Cristo, e pedíalles que amasen os homes, e que se preocupasen pola xustiza e polos pobres.
No ano 337 volveu á cidade a predicar contra o arianismo na defensa da fe definida no Concilio de Nicea, nun momento en que aquela corrente tiña o apoio das autoridades. Púxose de parte do bispo Atanasio que foi desterrado múltiples veces e acusado de varios delitos. Considerou que na Igrexa o altar estaba corrompido e o goberno en mans de bestas.
Mantivo polémicas con sabios pagáns e platónicos que se burlaban del por consideraren ridícula a crenza na encarnación e nun Deus crucificado. Atanasio reprochaba aos pagáns esquecérense do Creador e creren en fábulas e aos platónicos acusábaos de sosteren que a caída das almas fora provocada pola Mente Suprema ao tempo que consideraban aquelas imaxes desta. Con isto incorrían en blasfemia contra o Pai da Mente Suprema que era Deus.
Final e reliquias
[editar | editar a fonte]Finalmente, adiviñando a súa morte, pediu aos discípulos que non o enterrasen como os exipcios, que gardaban os cadáveres nas casas, senón que o soterrasen nun lugar secreto para que o seu corpo non fose venerado. Porén no ano 561 afirmouse que o seu corpo fora atopado e trasladouse a Alexandría. No ano 635 levouse a Constantinopla. Dende 1491 atópase na Igrexa de St. Julien en Arlés (Francia).
Significación
[editar | editar a fonte]A Vida de Antón foi un dos libros máis lidos na Cristiandade tardorromana, provocou unha explosión de eremitismo e a súa influencia permaneceu ao longo da Idade Media. Antón Abade é moi venerado na Igrexa Ortodoxa Copta. A Igrexa Católica celebra a súa festa o 17 de xaneiro. Está considerado patrón dos porcos e en xeral dos animais domésticos, así como dos cesteiros, os pasteleiros e os teceláns.
Para o monacato do cristianismo oriental foi case un paradigma e un prototipo, os ditos dos chamados pais do deserto din beber da súa ensinanza. Representaba un ideal de monxe que todos os ascetas arelaban imitar:
Quen se achegou a el aflixido e non retornou alegre? Quen non se achegou chorando polos seus mortos e non se esvaíu axiña o loito? Quen se achegou con carraxe e non se converteu en amigo? Quen non se achegou atormentado polos seus pensamentos e non saíu coa mente serena?Vida de Antón
Santo Antón na cultura popular galega
[editar | editar a fonte]Santo Antón é invocado polos pastores como protector do gando contra os ataques do lobo e das aves rapaces. Contan por terras de Monforte que unha vez andaba un pastor coas cabras no monte pero veu o lobo e colleulle a mellor cabra do rabaño. Axiña caeu de xeonllos e púxose a rezar o responso a Santo Antón sen que a cabra regresase. Entón quitou a saca que levaba na cabeza para protexerse da choiva e seguiu rezando e, desta vez, o lobo ceibou a cabra. Ó ver que agora eran atendidos os seus rezos exclamou: Válgate Dios o Santo, qu'eres ben caprichoso. E nese instante, o lobo deu volta e volveu coller a cabra.
En Maderne recolleuse un ensalmo para protexer o gando das aves rapaces: Aigue maldita, que en el cielo estás escrita con papel y agua bendita, abre as pernas, cerra a cancela, déixame eso que levas que hei rezar a San Antoñín meu que non comas tu nin eu.
Na obra Terra de Melide do Seminario de Estudos Galegos (Editorial Nós, 1933)[1][2] sinálase que o santo Antón era avogoso dos obxectos perdidos. Tamén existía o costume en Galicia de manter un porco da parroquia en ofrenda ao santo que non se sacrificaba nin consumía.
O Santo Antonio, abogoso das cousas perdidas, que s'atopan rezándolle o responso. Com'en toda Galiza e Portugal, o responso do Santo Antonio é o remédeo pra unha chea de cousas, e ó Santo pódeselle pedir calquera, por difícil que sexa. Tamén eisiste o costume d'atar a imaxe do Santo, e telo atado ata que se consiga o qu'un pide. Noutro tempo, na vila e nalgunha parroquia, San Antonio tiña un porco que lle mantiñan os veciños, asegún o costume tan esteso en Galiza.[3]
O porco de santo Antón
[editar | editar a fonte]Espasante conserva a tradición do porquiño de san Antón,[4], tradición centenaria ligada á orde Antoniana (Irmáns Hospitalarios de Santo Antonio). Consiste en que a parroquia cría un porquiño que anda ceibe polas rúas e é alimentado polos vecinos, sen que ninguén o moleste. Posteriormente é poxado.
De aquí naceron expresións como "Andar coma o porco de San Antonio", co significado de vivir das esmolas que se poidan conseguir, ou "Andar/ser coma o porquiño de Santo Antón", co significado de comer nas casas alleas (de gorra) ou comer de todo, que todo lle senta ben a un.
Relacionado con este costume, Benito Losada escribiu o conto O porco de San Antón:
Refraneiro
[editar | editar a fonte]- Cando era pobriño, todos chamábanme Toniño, agora que teño abondo, pra todos son don Antonio.
- Dazasete de xaneiro, santo Antón lacoeiro.
- Dezasete de xaneiro é o santo Antón verdadeiro, que o do trece de san Xoán é o santo Antón mentirán.
- Santo Antón verdadeiro, dezasete de xaneiro, aínda que a festa lla fan o día trece do san Xoán.
- O porco que é pra o lobo, non hai santo Antón que o garde.
- Polo santo Antón toda galiña pon. Pola Candelaria, a boa e a mala.
- Porco que se está cebando, non hai santo Antón que poida gardalo.
- Santo Antón a san Roque meteulle preito porque o seu porquiño traboullo o cadelo.
- Se o deixasen, vendía o porco de santo Antón.
Cantigueiro
[editar | editar a fonte]- San Antón, gárdame o gado/e mais o meu becerriño,/que está na corte bruando/pola nai: que é pequeniño.
- San Antón o de Padua,/en Portugal leterado,/do perdido fai achado,/ampárame o meu gado,/até que o sol sexa nado.
- San Antoniño garda o gando,/San Xoán garda as ovellas,/Santa Lucía as costureiriñas/que andan polas casas alleas [6].
- San Antoniño pequeno/anda no monte co gado,/descalciño pola neve,/chovendo e sarabiando.
- San Antoniño pequeno/no monte gardou o gado/todo cuberto de neve,/vestido de colorado.
- San Antonio e o seu porco/iban por un caminiño/íballe o porco dicindo:/dáme unha pinga de viño.
- San Antonio garde o gando/e mais a vaca marela,/e mais a filla máis nova/se non quer gardar a vella.
- San Antonio garde o gando/e mais o meu becerriño/que está na corte bruando/pola nai que é pequeniño.
- San Antonio garde o gando/e máis o meu tesouriño,/que está na corte coa nai/porque é moi pequeniño.
- San Antonio garde o gando e san Xoán as ovellas, e mais as costureiriñas que andan polas casas alleas.
- San Antoño garde as cabras/e san Ramón as ovellas,/tamén garde as costureiras/que andan por portas alleas.
- San Antoño garde os porcos,/san Ramón garde as ovellas,/san Roque os cas de palleiro, santa Rita as costureiras
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Erro no código da cita: Etiqueta
<ref>
non válida; non se forneceu texto para as referencias de nomeasociación
- ↑ Ficha en Galiciana
- ↑ Terra de Melide. p. 431.
- ↑ Durán Penabad, Ana (2021). "A tradición do porquiño de San Antón no Porto de Espasante". Terras do Ortegal, nº 8. Dossier Espasante: 297–324.
- ↑ "Contiños de Benito Losada, en Nós, suplemento nº 12, Santos 1929, px. 5. No texto escribe Ramón no primeiro verso pero Simón no sexto, erro evidente que non corriximos.
- ↑ Santa Rita é avogosa dos imposibles.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Antón Abade |