A procura do falso Grial
A procura do falso Grial | |
---|---|
Autor/a | Manuel Forcadela |
Orixe | Galiza |
Lingua | galego |
Colección | colección Costa Oeste |
Xénero(s) | Novela negra |
Editorial | editorial Galaxia |
Data de pub. | 2006 |
Formato | rústica |
Páxinas | 216 |
ISBN | ISBN 978-84-8288-848-4 |
Precedido por | Fóra de xogo |
[ editar datos en Wikidata ] |
A procura do falso Grial é unha novela negra escrita por Manuel Forcadela, publicada en 2006 por Editorial Galaxia. Trátase da cuarta entrega das aventuras de Toni Barreiro.
Trama
[editar | editar a fonte]A acción desenvólvese en Vigo. Toni Barreiro é un ex-lexionario e ex-boxeador (alcumado "O Touro do Calvario") que traballa para unha xestoría, encargándose xeralmente de lograr que a xente pague débedas pendentes.
Nesta ocasión encárgaselle que atope unha antiga copa de madeira con incrustacións de pedra que foi roubada nun chalé do Val Miñor. Nin a alarma soou, nin o can ladrou, nin houbo pegadas, agás unha fiestra forzada. A procura semella moi difícil, pero os donos da peza asegúranlle que non van reparar en gastos, ó ser unha peza de gran valor sentimental. Coa axuda do seu compañeiro Elvis, intentarán atopalo.
En Porto un vello xudeu alemán infórmaos de que a peza está feita en Palestina hai uns 2000 anos, e con outras pistas deducen que o cáliz é o Santo Graal. Comezan a ser ameazados (e mesmo intentan asasinar a Toni) para que deixen de investigar. Toni infórmase ben, e descobre que un velliño vigués, que se fai chamar cun nome anódino, non é outro que Heinrich Himmler, o comandante das Schutzstaffel alemás.
Seguindo unha das múltiples intuicións de Toni, descobren preto de Baiona unha cova mariña onde se agochaban submarinos desde a segunda guerra mundial. A cova, conectada cunha mina de volframio, é usada agora por unha sociedade secreta encargada de custodiar o Santo Graal. A sociedade, de doce persoas, seguidora dos Cabaleiros da Táboa Redonda, celebra naquel lugar ritos secretos, chegando mesmo a secuestrar en Balaídos e asasinar o Secretario Xeral da ONU.
Ó igual que nos tres libros anteriores da saga de Toni Barreiro, faise un profundo retrato da cidade olívica. Doutra volta os edificios grises e o tráfico contaminante volven ser personaxes propios. Neste caso, a neve a piques de chegar tamén ten un gran papel, relacionada coas intuicións de Toni, que desde o principio pensa que o asunto se resolverá cando comece a nevar.