Jesse Owens
Jesse Owens nos xogos Olímpicos de Berlín. | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 12 de setembro de 1913 Oakville, Estados Unidos de América (en) |
Morte | 31 de marzo de 1980 (66 anos) Tucson, Estados Unidos de América |
Causa da morte | cancro de pulmón |
Lugar de sepultura | Oak Woods Cemetery (en) 41°46′17″N 87°36′07″O / 41.771286, -87.601975 |
Grupo étnico | Afroamericano |
Educación | Universidade Estatal de Ohio East Technical High School (en) North Platte High School (en) |
Altura | 178 cm |
Peso | 71 kg |
Actividade | |
Ocupación | velocista, atleta, saltador de lonxitude |
Partido político | Partido Republicano |
Membro de | |
Nacionalidade deportiva | Estados Unidos de América |
Deporte | atletismo |
Disciplina deportiva | Salto de lonxitude 200 metros lisos 100 metros lisos 4 x 100 metros estafetas (pt) |
Participou en | |
1936 | Xogos Olímpicos de 1936 |
Familia | |
Cónxuxe | M. Ruth Solomon |
Premios | |
Descrito pola fonte | Obálky knih, |
Páxina web | jesseowens.com |
Cadro de medallas | |||
---|---|---|---|
Atletismo | |||
Xogos Olímpicos | |||
Berlín 1936 | 100 m | ||
Berlín 1936 | 200 m | ||
Berlín 1936 | 4 x 100 m | ||
Berlín 1936 | Salto de lonxitude |
James Cleveland "Jesse" Owens, nado en Oakville (Alabama) o 12 de setembro de 1913 e finado en Tucson (Arizona) o 31 de marzo de 1980, foi un atleta estadounidense de orixe afroamericana. Participou nos Xogos Olímpicos de 1936, onde conseguiu fama internacional ao conseguir catro medallas de ouro: 100 metros lisos, 200 metros lisos, salto de lonxitude e como participante do equipo gañador na carreira de remudas 4x100 metros.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Owens trasladouse a Cleveland (Ohio) cando tiña nove anos. Era o sétimo dos once fillos de Henry e Emma Owens. Owens era o neto dun escravo e o fillo dun granxeiro. Recibiu o sobrenome de "Jesse" dun profesor de Cleveland, que non podía entender o seu acento cando o mozo Owens dixo que se chamaba "J.C." (en inglés, "J.C.", siglas de James Cleveland, teñen unha fonética parecida a "Jesse").
Owens sempre atribuíu a súa exitosa carreira no atletismo ao estímulo do seu adestrador durante os seus estudos no instituto Fairview Junior High, Charles Riley, que o introduciu ao atletismo. Riley, xunto a Harrison Dillard, un atleta de Cleveland, inspiraron ao mozo Owens. Como Owens traballaba arranxando zapatos logo da escola, Riley permitiu a Jesse adestrar antes das clases, no canto do horario habitual de adestramento.
Owens empezou a destacar a nivel nacional en 1933 cando, como estudante do instituto East Technical High School de Cleveland, racha a marca mundial de salto de lonxitude para estudantes de instituto, cunha marca de 7,55 metros e iguala a marca mundial de 100 iardas (91,4 metros) cunha marca de 9,4 segundos.
NCAA
[editar | editar a fonte]Moitas universidades queren fichalo, pero finalmente Owens escolle a Universidade Estatal de Ohio, e só despois de que lle prometesen traballo a el e ao seu pai, asegurándose a estabilidade económica da súa familia.
Durante esta época, na que o alcuman cariñosamente como "Buckeye Bullet", consegue o récord de oito campionatos NCAA (National Collegiate Athletic Association): catro en 1935 e outros catro en 1936. O récord de catro ouros nun ano na NCAA só foi igualado por Xavier Carter, en 2006, pero os seus títulos inclúen medallas das carreiras por relevos.
A maior fazaña de Owens prodúcese nun lapso de 45 minutos o 25 de maio de 1935, durante a Big Ten Conference en Ann Arbor, Míchigan, onde estableceu catro marcas mundiais. Iguala o récord mundial de 100 iardas (91 metros en 9,4 segundos) e rompe as marcas mundiais de salto de lonxitude (8,13 metros, unha marca que durou 25 anos), 220 iardas (201 metros) lisas (20,3 segundos) e 220 iardas vallas (22,6 segundos, converténdose na primeira persoa en baixar dos 23 segundos). Esta incrible xesta é considerada unha das máis grandes proezas do atletismo de todos os tempos. A raíz deste día, empezase a coñecer co sobrenome de "Antílope de Ébano".
Xogos Olímpicos de Berlín
[editar | editar a fonte]En 1936, Owens chega a Berlín, Alemaña, para participar co equipo dos Estados Unidos nos Xogos Olímpicos. Adolf Hitler estaba utilizando estes xogos para mostrar ao mundo unha renacente Alemaña nazi. Hitler e outros membros do goberno teñen grandes esperanzas en que os atletas alemáns dominen os xogos coas súas vitorias. Mentres tanto, a propaganda nazi, promove o concepto da superioridade da raza aria e mostra aos de orixe africana (chamándoos bastardos de Renania) como inferiores.
Owens causa unha gran sorpresa ao gañar catro medallas de ouro: o 3 de agosto nos 100 metros lisos derrotando a Ralph Metcalfe; o 4 de agosto en salto de lonxitude, logo duns amables e útiles consellos do seu rival alemán Lutz Long; o 5 de agosto en 200 metros lisos; finalmente, xunta ao equipo de relevos 4x100 metros consegue a súa cuarta medalla o 9 de agosto. Esta marca de catro medallas de ouro nunhas olimpíadas non foi igualada ata 1984 por Carl Lewis.
O primeiro día, Hitler só aplaudiu coas vitorias de Alemaña, e hai quen afirma que se negou a dar a man a Cornelius Johnson, que era afroamericano, aínda que segundo o portavoz de Hitler, este saíu do estadio antes do previsto. Os directivos do Comité Olímpico Internacional insisten a Hitler en que aplauda a todos os medallistas ou a ningún. Hitler opta pola segunda opción e non está nas seguintes presentacións de medallas[1][2].
Owens, na súa autobiografía (The Jesse Owens Story, 1970), conta como posteriormente Hitler saudouno de todas as maneiras:
When I passed the Chancellor he arose, waved his hand at me, and I waved back at him. I think the writers showed bad taste in criticizing the man of the hour in Germany.
Cando pasei, o Chanceler levantouse, saudoume coa man e eu devolvinlle o saúdo. Penso que os escritores tiveron mal gusto ao criticar ao home do momento en Alemaña.
Owens foi aclamado por 110.000 persoas no Estadio Olímpico de Berlín e máis tarde moitos berlineses pedíanlle autógrafos cando o vían pola rúa. Durante a súa estancia en Alemaña, estaba excluído da cidadanía baixo a Lei de Cidadanía do Reich do 15 de setembro de 1935. Con todo, a Owens permitíuselle viaxar e hospedarse nos mesmos hoteis que os brancos, o que nese momento non deixaba de ser unha ironía, xa que os afroamericanos nos EUA non tiñan igualdade de dereitos.
Logo dun parada da bolsa de Nova York no seu honor, Owens volve ao seu traballo no hotel Waldorf-Astoria. Máis tarde contaría:
When I came back to my native country, after all the stories about Hitler, I couldn't ride in the front of the bus. I had to go to the back door. I couldn't live where I wanted. I wasn't invited to shake hands with Hitler, but I wasn't invited to the White House to shake hands with the President, either.
Cando volvín ao meu pais natal, logo de todas as historias sobre Hitler, non puiden viaxar na parte dianteira do autobús. Volvín á porta de atrás. Non podía vivir onde quería. Non fun invitado a estreitar a man de Hitler, pero tampouco fun invitado á Casa Branca a dar a man ao Presidente.
Logo da Olimpíadas
[editar | editar a fonte]Logo dos Xogos, tivo moitas dificultades e pasou a ser un promotor do deporte, esencialmente un animador de espectáculos. A súa autopromoción acabou eventualmente converténdoo en relacións públicas en Chicago, incluíndo unha longa tempada como pinchadiscos de música jazz. En 1968, Owens recibiu algunhas críticas por apoiar os turbulentos disturbios raciais que sucederon nos Xogos Olímpicos de México dese ano.
Jesse Owens foi premiado coa Medalla Presidencial da Liberdade dos Estados Unidos en 1976 por Gerald Ford e, a título póstumo, a Medalla de Ouro do Congreso por George H. W. Bush o 28 de marzo de 1990.
En 1984, unha rúa de Berlín foi renomeada co seu nome, do mesmo xeito que unha escola secundaria no distrito Lichtenberg.
Owens, fumador dun paquete de tabaco diario durante 35 anos, faleceu con 66 anos de idade por mor dun cancro de pulmón. Foi enterrado no cemiterio Oak Woods de Chicago.
Na cultura popular
[editar | editar a fonte]Durante os Xogos de 1936, foi gravado para o seu filme Olympia pola cineasta Leni Riefenstahl. En 2012 foi producido o documental Jesse Owens, premiado na edición dos Emmy Awards de 2013.[3] En 2016 produciuse o filme O heroe de Berlín sobre a súa historia.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 13 de maio de 2011. Consultado o 07 de decembro de 2006.
- ↑ [1]
- ↑ "Winners Announced for the 34th Annual News & Documentary Emmy® Awards ; The Emmy Awards - The National Academy of Television Arts & Sciences". web.archive.org. 2015-03-31. Arquivado dende o orixinal o 31 de marzo de 2015. Consultado o 2024-08-07.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Jesse Owens |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Sitio Oficial (en inglés)
- Atletas olímpicos dos Estados Unidos de América
- Saltadores de lonxitude
- Velocistas
- Medallistas olímpicos en atletismo
- Medallistas olímpicos de ouro polos Estados Unidos de América
- Medallistas nos Xogos Olímpicos de 1936
- Nados no condado de Lawrence, Alabama
- Nados en 1913
- Finados en 1980
- Atletas nos Xogos Olímpicos de 1936