Metralladora
Unha metralladora é unha arma de fogo automática deseñada para disparar unha gran cantidade de balas a partir dun cartucho ou un cinto de municións, e que normalmente e nun lapso breve e de forma sostida, pode disparar centos de balas por minuto, debido ao seu mecanismo de disparo automático. As metralladoras xeralmente son pesadas, voluminosas e están montadas sobre un afuste. O uso moderno desta palabra refírese ás metralladoras automáticas, que foron precedidas polas metralladoras manuais con algúns detalles automáticos.[1]
Historia
[editar | editar a fonte]Aínda que existiron ao longo do século XIX armas capaces de disparar de forma parecida á metralladora, como as armas Gatling, con media ducia ou máis canóns de fusil dispostos en posición circular ao redor dun eixo e alimentados por un cargador vertical ou cilíndrico, non eran verdadeiras metralladoras, xa que a enerxía para o proceso obtíñase dunha manivela accionada por un soldado, mentres que na metralladora auténtica só é necesario montar o peche da arma e apertar o gatillo para que a arma automaticamente siga disparando ata soltar o gatillo ou esgotar a munición.[2][3]
En 1884 aparece a primeira auténtica metralladora, inventada polo estadounidense nacionalizado británico Hiram Stevens Maxim e utilizaba a presión de saída dos gases de proxección para provocar o retroceso do canón, o montado do peche, a expulsión do casquete e a alimentación con outro novo cartucho obtido dunha cinta no lateral da arma.[4]
Maxim realizou demostracións por toda Europa e a súa metralladora foi adoptada pola maioría dos exércitos do continente. En 1885 nos Estados Unidos o fabricante Browning sacou un modelo de metralladora accionado polo gas que se recolle do canón a través dun émbolo dentro dun tubo conectado ao canón da arma, sistema adoptado despois para os fusís semiautomáticos e de asalto.
En 1917 Browning saca o seu modelo máis famoso que segue sendo empregado na actualidade e que funciona polo retroceso do canón. As Browning foron adoptadas polo exército estadounidense e en moitos outros países da OTAN posteriormente, cambiando as súas calibres co tempo.[5]
Impacto na guerra
[editar | editar a fonte]A súa aparición cambiou decisivamente o sistema de combater que non sufrira grandes evolucións desde as épocas napoleónicas e xunto á artillaría obrigou ao uso de trincheiras e converteu a guerra en liñas estáticas desde as que se lanzaban asaltos masivos de infantaría contra as liñas inimigas que normalmente acababan en masacres inútiles.[5]
Como resposta á metralladora apareceron o carro de combate para asaltar as liñas defendidas por metralladoras e as primeiras solucións que permiten á infantaría levar armas automáticas para o asalto como o subfusil ou as primeiras metralladoras lixeiras.[5]
Evolución da metralladora
[editar | editar a fonte]Durante a primeira guerra mundial as metralladoras eran armas pesadas, montadas sobre un trípode ou rodas ao estilo dun pequeno canón. Para resistir os refachos continuos sen quedar inoperativas, os canóns ían montados dentro de cilindros que se podían encher con auga para refrixerar a arma.[5]
As metralladoras lixeiras da primeira guerra e de entreguerras son en aparencia grandes fusís deseñados para tiro automático como apoio ao pelotón de fusileiros tradicional. Armas como a estadounidense BAR (Browning Automatic Rifle) empregada nas dúas guerras mundiais ou a inglesa Bren, empregada na segunda guerra mundial, entran dentro desta categoría.[4] Normalmente aliméntanse mediante cargadores ou tambores de entre 30 e 100 cartuchos e dispón dun pequeno bípode no extremo para disparar comodamente tombado. O concepto permanece hoxe en día, e a maioría das metralladoras actuais deste tipo son fusís de asalto modificados para dar unha maior duración ao canón, cun bípode e cargadores de máis capacidade que os estándares do fusil do que proceden, aínda que hai modelos actuais de cinta deseñados expresamente como metralladoras lixeiras como a FN Minimi belga (empregada polo exército estadounidense e moitos países da OTAN) e a CETME Ameli española.
Os alemáns antes da segunda guerra mundial inventaron á súa vez a metralladora polivalente ou media. Esta arma pode actuar como unha metralladora de posición normal ao estilo da primeira guerra mundial montada nun trípode pesado con miras para actuar ata 1.200 metros ou pode ser desmontada, axustada a un bípode e utilizada no rol de metralladora lixeira, pero cunha potencia moi superior ás concibidas expresamente como talles.[4]
Na segunda guerra mundial os alemáns empregaron a MG-34 e a MG-42, esta é unha versión simplificada da anterior, coa maior parte das súas pezas en chapa estampada para abaratala. A MG-42 permanece ata hoxe en día en servizo na OTAN coa denominación MG-3. Outros modelos son a M-60 estadounidense da época de Vietnam ou a PKS rusa.[4]
Metralladoras antiblindaxe
[editar | editar a fonte]Na segunda guerra mundial apareceu un tipo de metralladoras de gran calibre, alcance e capacidade de penetración, as metralladoras pesadas, empregadas como antiaéreas ou para destruír vehículos con pouco ou sen blindaxe, son capaces de desmembrar a un soldado, polo que tamén se empregan como metralladoras de posición e adoitan ser elixidas para montalas en carros de combate como arma auxiliar, blindados de asalto ou helicópteros. Con calibres entre o 0.50 (12,70 mm) e 20 mm, moitas teñen case 3.000 metros de alcance e poden perforar blindaxes lixeiras.
Un tipo de arma relacionada coas metralladoras pero que necesita axuda mecánica adicional aos gases do disparo para o seu funcionamento é o canón automático, de entre 20 e 30 mm, montado en torres en blindados de asalto ou en helicópteros e cazas. En ocasións dispón de múltiples tubos ao estilo dos antigos Gatling para soportar o desgaste e arrequecemento ao que se ve sometida a arma durante o seu uso. Este tipo de canón, que emprega proxectís con núcleo perforante e velocidade de máis de 1.000 m/s, permite perforar blindaxes de máis entidade e esnaquizar vehículos con gran facilidade. Por exemplo o canón automático multitubo GAU-8 de 30 mm que emprega o avión cazacarros A-10 Thunderbolt é capaz de perforar a blindaxe superior de calquera carro de combate ou de danalo gravemente provocando feridas aos ocupantes pola metralla."[6]
Desgaste do canón
[editar | editar a fonte]As metralladoras son armas que sofren un forte desgaste debido á gran cantidade de impactos e rozamentos dos seus mecanismos e á erosión e calor que se xera no canón. Os canóns non adoitan resistir máis duns centenares de disparos continuos sen dilatarse de forma que se pode chegar a inutilizar temporalmente a arma, polo que hai que dosificar os disparos en forma de refachos con intervalos, e os raiados do canón desgástano de tal forma que hai que substituír todo o canón cada 10.000 ou 15.000 disparos para manter as características balísticas da arma.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Marchant-Smith, C.J., & Haslam, P.R., Small Arms & Cannons, Brassey's Battlefield Weapons Systems & Technology, Volume V, Brassey's Publishers, London, 1982, p.169
- ↑ Harold L. Peterson (2000). Arms and Armor in Colonial America, 1526-1783. Courier Dover Publications. pp. 217–218. ISBN 0-486-41244-X.
- ↑ United States Continental Congress (1907). Journals of the Continental Congress. USGPO., pages 324, 361
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 Emmott, N.W. "The Devil's Watering Pot" United States Naval Institute Proceedings Septembro 1972 pp.72
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 Francis Bannerman Sons Bannerman Military Goods Catalogue #28 (1954) p.103
- ↑ U.S. Army Training and Doctrine Command Field Manual 3-22.68 "Crew-Served Machine Guns", para. 4-207 https://rdl.train.army.mil/soldierPortal/atia/adlsc/view/public/6713-1/fm/3-22.68/chap4.htm#sec5 [Ligazón morta]
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Metralladoras |
Vexa a entrada do Galizionario acerca de Metralladora |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Harold L. Peterson (2000). Arms and Armor in Colonial America, 1526-1783. Courier Dover Publications. ISBN 0-486-41244-X.
- United States Continental Congress (1907). Journals of the Continental Congress. USGPO.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Guerra
- Primeira guerra mundial
- Segunda guerra mundial
- Arma
- Espada
- Arma de fogo
- Carro de combate
- Explosivo
- Pólvora