Saltar ao contido

Guerra

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Estatua do deus romano da guerra, Marte, achada no foro de Nerva de Roma e que se conserva no museo do Capitolio desa cidade. Moitas relixións politeístas antigas tiñan un deus ou deusa que representaba as virtudes bélicas: Ares, Netón etc.
Desastres da guerra, n.º 33: «Que hai que facer máis?». Francisco de Goya reflicte na súa obra gráfica a brutalidade e barbarie a que se chegou na guerra da independencia española.
Reprodución do Guernica, famoso cadro que Pablo Picasso pintou para reflectir o bombardeo da cidade homónima con bombas incendiarias de fósforo durante a guerra civil española co fin de condenar toda forma de guerra.
A nave de guerra USS Iowa (BB-61) disparando varias pezas de artillaría.

A guerra[1] é un conflito armado entre estados, gobernos, sociedades ou grupos paramilitares como mercenarios, insurxentes e milicias.[2][3][4] Caracterízase xeralmente por unha violencia extrema, destrución e mortalidade, utilizando forzas armadas regulares ou irregulares.

Aínda que algúns estudosos de belicoloxía consideran que a guerra é un aspecto universal e ancestral da natureza humana,[5] outros argumentan que é o resultado de circunstancias socioculturais, económicas ou ecolóxicas específicas.[6] Este tipo de conduta gregaria é extensible á maior parte dos homínidos[7] e atópase estreitamente relacionado co concepto etolóxico de territorialidade.

A guerra é a forma de conflito socio-político máis grave. É quizais a máis antiga das relacións internacionais e xa no comezo das civilizacións se constata o enfrontamento organizado de grupos humanos co propósito de controlar recursos naturais ou humanos (conflitos entre cazadores nómades e recolectores sedentarios que desenvolveron o concepto de propiedade),[8] esixir un desarme ou impor algún tipo de tributo, ideoloxía ou relixión, sometendo, despoxando e no seu caso destruíndo o inimigo, no que se podía chegar ao xenocidio.

As guerras prodúcense por múltiples causas, entre as que adoitan estar o mantemento ou o cambio de relacións de poder, dirimir disputas económicas, ideolóxicas, territoriais etc. En ciencia política e relacións internacionais, a guerra é un instrumento político, ao servizo dun estado ou outra organización con fins eminentemente políticos, xa que en caso contrario constituiría unha forma máis desorganizada aínda que igualmente violenta: o bandoleirismo por terra ou a pirataría por mar.

Segundo Richard Holmes, a guerra é unha experiencia universal que comparten todos os países e todas as culturas.[9] Segundo Sun Tzu, «a guerra é o maior conflito de estado, a base da vida e a morte, o Tao da supervivencia e a extinción. Polo tanto, é imperativo estudala profundamente». Segundo Karl von Clausewitz, a guerra é «a continuación da política por outros medios».[10]

As regras da guerra, e a existencia mesma destas, variaron moito ao longo da historia. O concepto de quen son os combatentes tamén varía co grao de organización das sociedades enfrontadas. As dúas posibilidades máis frecuentes son civís sacados da poboación xeral, xeralmente varóns novos, en caso de conflito, ou soldados profesionais formando exércitos permanentes. Tamén pode haber voluntarios e mercenarios. A combinacións de varios ou de todos estes tipos de militares son así mesmo frecuentes.

As formas de facer unha guerra dependen dos propósitos dos combatentes. Por exemplo, nas guerras romanas, que tiñan como obxectivo expandir o Imperio, o obxectivo militar principal eran os combatentes da nación que se ía conquistar, para incorporar o pobo unha vez conquistado ao imperio.[11]

En ocasións faise distinción entre conflitos armados e guerras. De acordo con este punto de vista, un conflito só sería unha guerra se os belixerantes fixeron unha declaración formal da mesma. Nunha concepción da doutrina militar dos Estados Unidos non se fai distinción ningunha, referíndose aos conflitos armados como guerras de cuarta xeración.[12]

Batalla de Normandía.

Definicións e conceptos

[editar | editar a fonte]
A cidade de Wesel na conca do Ruhr, destruída polos bombardeiros aliados.

Platón non fala de guerreiros, senón de "gardiáns" da polis, e distingue ademais entre a discordia (que se dá entre os gregos) e a guerra (que se dá entre gregos e bárbaros).[13] Aristóteles afirmou que a guerra só sería un medio en vista da paz, como o é o traballo en vista do lecer e a acción en vista do pensamento,Aristóteles, Política, VII, 2 e 3, 14, 1333 a 1335 pois considera que a guerra é tan natural na sociedade humana como a paz, xa que tamén é lexítima a escravitude na natureza para manter a xerarquía do mellor sobre o peor, a orde social:

O exercicio da guerra non debe perseguirse co fin de escravizar aos que non o merecen, senón, en primeiro lugar, para non ser escravizados por outros; en segundo lugar, para procurar a hexemonía polo ben dos gobernados, non por desexo de dominar a todos; e en terceiro lugar, para enseñorearse dos que merecen a escravitude.[14]

A guerra, afirma o Marqués de Olivart, é o litixio entre as nacións que defenden os seus dereitos, no cal é o xuíz a forza e serve de sentenza a vitoria. Hugo Grotius definiuna como status per vincertatium qua tales sunt. Pola súa banda, Alberico Gentilis afirmou que Bellum est armorum publicorum ensta contentio.[15] Funk - Bretano e Alberto Sorel escribiron: "A guerra é un acto político polo cal varios Estados, non podendo conciliar o que cren son os seus deberes, os seus dereitos ou os seus intereses, recorren á forza armada para que esta decida cal de entre eles, sendo máis forte, poderá en razón da forza, impoñer a súa vontade aos demais.[16]".

Joseph de Maistre (1821) dixo, no seu Soirees de Saint Petesburg: "A guerra é divina na gloria misteriosa que lle rodea e no atractivo non menos explicable que nos leva cara a ela. A guerra é divina pola maneira como se produce independentemente da vontade dos que loitan. A guerra é divina nos seus resultados que escapan absolutamente á razón".

G.W.F Hegel escribio: "a guerra é bela, boa, santa e fecunda; crea a moralidade dos pobos e é indispensable para o mantemento da súa saúde moral. É na guerra onde o Estado achégase máis ao seu ideal porque é entón cando a vida e os bens dos cidadáns están máis estreitamente subordinados á conservación da entidade común[16]". O instituto de investigación da paz internacional de Suecia, define a guerra como todo aquel conflito armado que cumpre dous requisitos:[17] enfrontar polo menos unha forza militar, xa sexa contra outro ou outros exércitos ou contra unha forza insurxente e morrer dez mil ou máis persoas.

Johan Huizinga establece que a guerra obtén un carácter lúdico cando se cumpre coa condición agonal; o elemento agonal empeza a actuar no momento no que os adversarios se consideran inimigos que loitan por unha cousa á que pretenden ter dereito.[18]

Os fins do dereito son a paz e a xustiza, vocábulos polisémicos; a paz inclúe a seguridade;[19] por iso a guerra supón a suspensión do dereito. O xurista Rudolf von Ihering no seu Der Kampf ums Recht ou A loita polo Dereito (1872) sostivo que a forza é a base do dereito e que o dereito sen a forza é unha utopía.[20] Pero o dereito é a loita contra a inxustiza:

Todo dereito no mundo debeu ser adquirido pola loita; eses principios de dereito que están hoxe en vigor foi indispensable impoñelos pola loita aos que non o aceptaban, polo que todo dereito, tanto o dereito dun pobo, como o dun individuo, supón que están o individuo e o pobo dispostos a defendelo. O dereito non é unha idea lóxica, senón unha idea forza; velaí porque a xustiza, que sostén nunha man a balanza onde pesa o dereito, sostén na outra a espada que serve para facerlle efectivo. A espada, sen a balanza, é a forza bruta, e a balanza sen a espada, é o dereito na súa impotencia; complétanse reciprocamente: e o dereito non reina verdadeiramente, máis que no caso en que a forza despregada pola xustiza para soster a espada, iguale á habilidade que emprega en manexar a balanza.[21]

Causas da guerra

[editar | editar a fonte]
'A colleita da batalla (1918), óleo de Christopher Nevinson sobre a primeira guerra mundial

Buscar unha ou varias causas ás guerras foi unha constante para moitos historiadores e políticos co fin de evitar posibles conflitos futuros ou atopar culpables.[22] Pero o xurista Papiniano afirmaba que "é máis fácil cometer un crime que xustificalo" e o senador Hiram Johnson escribiu xa en 1917 que «a primeira vítima cando chega a guerra é a verdade». Autores como Brian Hayes sinalan, con todo, que hai consenso en ter como certas algunhas causas.

Causas tradicionais

[editar | editar a fonte]

Unha das causas da guerra é que dúas nacións teñan diferenzas profundas en diversos temas, que só poden resolverse coa vía armada. O historiador grego Tucídides afirma no seu "Diálogo dos melios", incluído na súa Historia da guerra do Peloponeso que "non é vergoñoso someterse a un inimigo máis forte, especialmente un que está a ofrecer termos razoables... A xustiza só tense en conta no razoamento dos homes se as forzas son iguais en ambos os lados; no caso contrario, os fortes exercen o seu poder e os débiles deben ceder ante eles", pero de feito moitos inferiores non se someten á razón senón á guerra. Desde o punto de vista sociofilosófico, avanzáronse moitas teorías sobre a orixe e causa da guerra. A primeira, máis contundente, resumida, filosófica, racional (en canto a explicar a orixe dun fenómeno) é a que propón Platón en A República (tras afirmar que unha cidade é feliz se se ocupa de dispoñer do necesario e nada máis):

Se queremos ter bastantes pastos e terras de labor, teremos necesidade de usurpar algo aos nosos veciños e os nosos veciños farán outro tanto connosco se, traspasando os límites do necesario, entréganse como nós ao desexo insaciable de enriquecerse? [...] Faremos, pois, a guerra en pos disto? [...] Descubrimos nós a orixe deste azoute, que cando descarga, carrexa funestos males aos estados e aos particulares.

Ademais, parece posible tratar de clasificar, moi en xeral, as teorías en dúas grandes divisións: a que ve a guerra como produto racional de certas condicións, primariamente condicións políticas (Carl von Clausewitz argumentou que a guerra é a continuación da política por outros medios[23]) e outra "irracionalista", que ve a guerra como produto dunha tendencia, ultimamente irracional, dos seres humanos.

As teorías irracionalistas poden aproximarse desde dous puntos de vista:

Por mor da aparición das armas nucleares cambiouse o concepto de guerra: por primeira vez podíase dar por resultado a aniquilación total dos dous bandos.

1. Aquelas que ven a orixe da guerra en causas non atribuíble a fundamento racional,[24] por exemplo, sentimentos relixiosos[25][26] ou emocións.[27][28] O extremo lóxico desta visión —que o home é un animal inherentemente agresivo suxeito a tendencias tanto de competición como cooperación que se observan en animais sociais, situación que demanda a expresión ocasional de tales tendencias— atópase nalgunhas explicacións xa sexa biolóxicas, psicolóxicas[29] ou da psicoloxía social da orixe de conflitos (ver, por exemplo: Experimento de Robber's Cave).

2. A visión alternativa dentro desta posición ve a guerra como orixinándose, nalgúns casos, debido a equivocacións ou percepcións erróneas. Así, por exemplo, Lindley e Schildkraut[30] argumentan, a partir dunha análise estatística, que a cantidade de guerras que se podería aducir tiveron unha orixe racional ha diminuída dramaticamente en tempos recentes (Lindley e Schildkraut ofrecen como exemplos de tales equivocacións a Guerra das Malvinas aínda que se di que a causa foi en verdade subir a popularidade de Margaret Thatcher de Inglaterra declarando ela a guerra xa que Arxentina non matara a ninguén e eles afundiron ao Belgrano que estaba a ir ao continente matando á metade de todos os arxentinos que morreron, e a Guerra de Iraq) que outros aluden ao desexo de petróleo, riquezas e dominio á causa.

A visión alternativa, da guerra como actividade racional, baséase en dúas percepcións. A orixinal de von Clausewitz acerca da guerra constituíndo a persecución de (obxectivos de) a política por outros medios, e unha percepción posterior (implícita en von Clausewitz) que indica que se recorrería á guerra cando se estima que as ganancias superan ás perdas potenciais (é dicir, a través dunha análise de custo-beneficio). Á súa vez, pódense distinguir dúas posicións:

1. A teoría da primacía das políticas domésticas: atópase, por exemplo, nas obras de Eckart Kehr e Hans-Ulrich Wehler (op. cit). Para esta posición, a guerra é o produto de condicións domésticas. Así, por exemplo, a primeira guerra mundial non foi produto de disputas internacionais, tratados secretos ou consideracións estratéxicas, senón o resultado de condicións sociopolíticas, incluíndo económicas, que, a pesar de ser comúns a varias sociedades, facían sentir tensións a cada unha delas en forma interna, tensións que só se puideron resolver a través da guerra.

2. A teoría da primacía da política internacional, que se atopa, por exemplo, na concepción de Leopold von Ranke, de acordo a quen é as decisións de estadistas motivados por consideracións xeopolíticas as que conducen á guerra.

Pedro Luís Lorenzo Cadarso sintetiza en tres grupos de teorías a orixe das guerras:[31]

  1. Teoría psicoxenética, que considera que a guerra é unha forma de canalizar a agresividade humana, que existe ben por razóns xenéticas —instintivas, polo tanto—, ben por determinada configuración psicolóxica do noso carácter. O evolucionista Richard Dawkins vincúlaa ao que chama o xene egoísta.[32] Freud[33] e o psicanálise vincúlana co complexo de Edipo, xerador da frustración-competencia que se acha nas orixes da agresividade e a competitividade. Anthony Storr considera que a agresividade humana pode ser controlada e canalizada, pero non suprimida e a especie humana é a máis desapiadada dentro do reino animal.[34]
  2. Teoría socioeconómica ou infraestrutural, que vincula o recurso á guerra á existencia de desequilibrios entre poboación e recursos ou ben á competencia entre grupos pola posesión ou ampliación dos recursos dispoñibles. Un expoñente destas teorías é o antropólogo Robert Ardrey.[35]
  3. Teoría política. Os partidarios desta teoría tenden a analizar a guerra sen apriorismos morais nin doutro tipo: a guerra existe porque nun hipotético balance de custos e beneficios resulta rendible politicamente. É a teoría de Clausewitz; non é senón unha estratexia máis no eterno enfrontamento pola repartición do mundo entre as nacións e a repartición do poder e a riqueza entre os grupos sociais. Paradoxalmente, a guerra é útil socialmente porque saber que pode estalar obriga aos homes para ser máis tolerantes e recorrer á negociación e á política para evitala.[36]

Decepción estatística

[editar | editar a fonte]

Este desexo de coñecer as causas para poder predicir cando estalará o próximo conflito foi abordado en varias ocasións. Un dos investigadores do fenómeno bélico foi Lewis Fry Richardson. Este autor investigou todos os conflitos desde o século XIX ata a década dos 1950; considerando conflito aquel enfrontamento onde morreron persoas por causa intencionada doutra persoa; deste xeito xuntaba os conflitos bélicos coas mortes por asasinato e homicidio, a mestura foi intencionada polas súas experiencias na segunda guerra mundial polas cales puido comprobar o efecto de moitas das ordes que viu dar e a sorte corrida por moitos soldados, enviados á morte por mor desas ordes.[22]

Richardson tivo a idea de catalogar as guerras segundo o número de mortos dunha forma similar a como se catalogan os terremotos: segundo a súa intensidade. Así, unha guerra de magnitude 6 sería na que morrerían de 1000 000 a 1 999 999 persoas; pero por todas as dificultades que achou para saber o número de mortos nunha contenda (chegou a dicir que resultaba máis fácil saber o número de estrelass dunha galaxia ou de neutrinos no universo) Richardson aplicou un índice de erro de 0,5 (máis menos); con este índice de erro unha guerra de magnitude 3 sería aquela na que pereceron entre 316 228 e 3 162 278.

Aínda que Richardson non foi o primeiro en recompilar conflitos bélicos o seu traballo é un dos máis exhaustivos, pois comezou en 1940 e seguiu ata o ano da súa morte en 1953. Segundo os seus estudos entre 1820 e 1950 houbo 315 conflitos de magnitude 2,5 ou superior (polo menos 300 mortos).

A pesar de recoñecer que resulta moi difícil saber cando comeza un conflito e cando termina, se é un ou varios ao tempo ou o xa citado número de mortos; os resultados foron decepcionantes en certo xeito:

A frecuencia coa que estalan as guerras é moi similar á de calquera suceso aleatorio, o que parece indicar que as guerras son imprevisibles.

A frecuencia coa que estalan as confrontacións segue a distribución de Poisson, o que parece indicar que as guerras son un suceso aleatorio. Así pois o autor concluíu que a principal causa da guerra é a casualidade.

En segundo lugar, colocou os conflitos cronoloxicamente e segundo a súa magnitude, para saber se algún tipo de conflito repetíase ou se un tipo de guerra ía en aumento ou en detrimento respecto a os demais. Os resultados tampouco foron concluíntes, volvendo mostrar unha distribución moi similar ao suceso aleatorio. Desta forma a conclusión é que das guerras non se aprende a evitalas e que a probabilidade de que estale un novo conflito é a mesma para calquera día, non importa se antes sucedeu outro nin o tamaño destoutro.

Profundando no seu traballo realizou un estudo de países veciños que entraban en guerra. Medindo as fronteiras chegou á conclusión de que un país linda con outras 6 nacións máis ou menos; polo que a probabilidade de que unha nación entrase en guerra cun veciño era case do 10 %, se fose un proceso aleatorio; con todo a estatística indicaba que a probabilidade era do 87,33 % (de 94 guerras estudadas só 12 non tiñan fronteira común). Polo tanto, segundo o matemático, outra causa da guerra é a veciñanza.

Richardson tamén relacionou as guerras con outros factores comunmente indicados polos historiadores, como crise económica ou relixión, chegando a outras tantas decepcionantes conclusións:

  • A carreira de armamento non ten porqué desembocar nun conflito armado: de 315 conflitos só en 13 había unha carreira de armamento preparatoria.[37]
  • Un idioma común non evita as guerras.
  • Unha crise económica non ten por que desembocar en guerras civís, nin tampouco entre estados.
  • Só pobos de distintas relixións teñen máis probabilidade de establecer guerras entre eles. Así mesmo, parece que os pobos cristiáns mostran máis belicosidade que os doutros credos, ao intervir nunha proporción moito maior de conflitos que o resto.

Con todo Richardson concluíu que nin sequera a relixión é unha causa de grande importancia.

O seguinte en investigar neste ámbito é H. van Velzen e W. Wetering, quen, nunha análise comparativa sobre residencia e conflito, chegaban á conclusión de que os grupos fraternos locais e a patrilinealidad constitúen as variables máis significativas en relación coa frecuencia da guerra. Algúns anos máis tarde, esta idea sería retomada por K.Otterbein, quen, nunha nova investigación transcultural, sinalaría outra variable importante: a poliginia.

En síntese, Otterbein sostén que as sociedades patrilocales e poligínicas e con grupos locais fraternos recorren máis facilmente á violencia que as non patrilocales e poligínicas e sen os devanditos grupos.

É máis, segundo este autor, as sociedades con maior número de conflitos armados son aquelas que posúen comunidades políticas similares. Orrerbein denomina guerra interna ao conflito entre estas, para distinguilo do que se orixina entre comunidades culturalmente distintas ou guerra externa. Así, tomando como basee a súa propia tabulación estatística resulta que, sobre unha mostra de vinte e oito sociedades patrilocales, un 71 % caracterízase por guerra interna frecuente e un 19 % por guerra interna esporádica, mentres que en catorce sociedades non patrilocales, só un 55 % presenta conflitos internos frecuentes.

Concepto filosófico

[editar | editar a fonte]
O Praefatio de Thomas Hobbes, De cive, onde a frase «Bellum omnium contra omnes / Guerra de todos contra todos» aparece por vez primeira. Tomada da edición revisada impresa en 1647 en Ámsterdam (apud L. Elzevirium).

Para Maquiavelo e Thomas Hobbes está na natureza humana o desexo e a ambición, o que induce á inseguridade colectiva e á guerra de todos contra todos, e, polo tanto, esa inseguridade é o fundamento da lei e do estado, que debe cando menos reducila.[38] Hobbes determina que as causas principais da guerra entre os homes son:

A primeira é a competencia; en segundo lugar, a desconfianza; e en terceiro lugar, a gloria. A primeira fai que os homes invadan o terreo doutros para adquirir ganancia; a segunda, para lograr seguridade; e a terceira, para adquirir reputación. A primeira fai uso da violencia, para que así os homes fáganse donos doutros homes, das súas esposas, dos seus fillos e do seu gando. A segunda usa a violencia cun fin defensivo. E a terceira, para reparar pequenas ofensas, como unha palabra, un sorriso, unha opinión diferente, ou calquera outra sinal de desprezo dirixido cara á propia persoa ou, indirectamente, aos parentes, aos amigos, á patria, á profesión ou ao prestixio persoal.[39]

Suxeriuse se, desde un punto de vista moral ou filosófico, sería posible falar dunha guerra xusta ou lícita. Se ese é o caso, hai que distinguir:

  • Se a guerra en xeral pode ser lícita.
  • Se se cumpren ou garanten as condicións requiridas.

A primeira vista parece posible propoñer que a guerra non é necesariamente ilícita. Existe o dereito natural de autodefensa ou de lexítima defensa contra o inimigo exterior cando ese ataca inxustamente a un pobo. Se se nega este dereito de lexítima defensa, se robustece ao agresor e ponse en perigo a paz dos pobos. Con todo, suxeriuse desde unha perspectiva ética que, para que unha guerra poida ter unha licitud ética, existen unha serie de condicionantes adicionais:

  • Que haxa unha inxustiza real, verdadeira e de gravidade.
  • Inviabilidade de defenderse por vía pacífica.
  • Perspectiva e esperanza de éxito final.
  • Que se poida evitar un prexuízo a terceiros inocentes.

A defensa do ben público prevalece sobre calquera dereito do agresor e mesmo sobre os riscos que poidan ter os propios agredidos. Pero considérase ilícita a matanza inxusta.

Desde ese mesmo punto de vista filosófico, considérase que o movemento a favor da paz faise acredor do máis alto recoñecemento. Devandito movemento é difusor dun espírito de entendemento e comprensión entre os pobos. O seu fin ético e moral é conseguir a paz e os acordos sen derramamiento de sangue.

Tratadistas

[editar | editar a fonte]

O xeneral chinés Sun Tzu, na súa soada obra A arte da guerra, afirmou que a guerra había que gañala antes de declarala ou de que existise en si mesma. Neste aspecto, o soado xeneral expoñería nunha sucinta frase a súa concepción sobre o carácter da guerra: «A guerra, é o Tao do engano»; así, pretendería establecer que o estratego virtuoso debía basear todas as súas decisións militares, buscando primeiramente distraer a atención do inimigo nos elementos máis sobresaíntes da súa posición, e de non telos, inventalos.

O pensamento de Sun Tzu, deixaría un profundo sinal no pensamento militar moderno, non só en recoñecidos pensadores, senón tamén en eximios estrategos como Napoleón Bonaparte, quen na súa renombrada vitoria na batalla de Austerlitz, aplicase aqueles preceptos do engano.

O concepto de guerra xusta foi presentado sistematicamente por Tomé de Aquino en Summa Theologiae.

Erasmo de Rotterdam, o recoñecido humanista renacentista, cualificaba á guerra coa frase Doce bellum inexpertis est, cuxa tradución ao galego é ‘A guerra é doce para os inexpertos’.

O historiador árabe Ibn Khaldún descubriu por primeira vez as causas materiais da guerra.

Carl von Clausewitz, na súa clásica obra Da guerra, pensaba que a guerra moderna é «A continuación da política por outros medios» e que o fin da mesma era «desarmar ao inimigo», non exterminalo; de aquí naceu o concepto de desarmamento mutuo, que imposibilita toda guerra e dá paso á política. A guerra sería pois un «acto político» e esta manifestación poñía en xogo o que el consideraba o único elemento racional da guerra.

As porcentaxes de homes mortos na guerra en oito sociedades tribais, e en Europa e os Estados Unidos no século XX. (Lawrence H. Keeley, arqueólogo).
O asedio exipcio de Dapur no século XIII a.C., desde o Ramesseum, Tebas.

A evidencia máis antiga de guerra prehistórica é un cemiterio mesolítico en Jebel Sahaba, cuxa antigüidade se determinou nuns 13.400 anos.[40] Ao redor do corenta e cinco por cento dos esqueletos presentaban signos de morte violenta, concretamente lesións óseas traumáticas.[41]

Desde o xurdimento dos estados fai uns 5.000 anos,[42] a actividade militar produciuse en gran parte do planeta. As estimacións sobre o total de mortes debidas á guerra varían enormemente. Para o período comprendido entre 3000 a.C. e 1991, as estimacións oscilan entre 145 millóns e 2.000 millóns.[43] Segundo unha estimación, crese que as guerras primitivas anterior ao ano 3000 a.C. cobraronse 400 millóns de vítimas, partindo da base de que supuñen o 15,1% de todas as mortes.[44] A modo de comparación, calcúlase que no século XX morreron 1.680.000.000 de persoas por mor de enfermidades infecciosas.[45]

No libro War Before Civilization (A guerra antes da civilización), Lawrence H. Keeley, profesor da Universidade de Illinois, afirma que aproximadamente o 90-95% das sociedades coñecidas ao longo da historia participaron en guerras polo menos ocasionalmente,[46] e moitas loitaron constantemente.[47]

Keeley describe varios estilos de combate primitivo, como as pequenas e grandes incursións e os masacres. Todas estas formas de guerra foron utilizadas polas sociedades primitivas, un achado apoiado por outros investigadores.[48] Keeley explica que as primeiras incursións bélicas non estaban ben organizadas, xa que os participantes carecían de formación militar. A escaseza de recursos facía que as fortificacións non fosen unha forma rendible de protexer á sociedade contra as incursións inimigas.[49]

William Rubinstein escribiu "As sociedades preliterarias, incluso as organizadas de forma relativamente avanzada, eran famosas pola súa grande crueldade'".[50] A invención da pólvora, e o seu eventual uso na guerra, xunto coa aceleración dos avances tecnolóxicos fomentaron cambios importantes na guerra mesma.

Un samurai xaponés atacando un barco mongol, século XIII

Na Europa Occidental, desde finais do século XVIII, tiveron lugar máis de 150 conflitos e unhas 600 batallas.[51] Durante o século XX, a guerra intensificou drasticamente o ritmo dos cambios sociais e foi un catalizador crucial para o crecemento da política de esquerdas.[52]

Soldados finlandeses durante a guerra de Inverno

.

En 1947, en vista das consecuencias cada vez máis destrutivas da guerra moderna, e con especial preocupación polas consecuencias e os custos da recentemente desenvolvida bomba atómica, Albert Einstein declarou célebremente: "Non sei con que armas librarase a terceira guerra mundial, pero a cuarta guerra mundial librarase con paus e pedras."[53]

Mao Tse Tung instou o campo socialista a non temer unha guerra nuclear cos Estados Unidos xa que, aínda que "a metade da humanidade morrese, a outra metade permanecería mentres o imperialismo sería arrasado e o mundo enteiro converteríase en socialista".[54]

Unha característica distintiva da guerra desde 1945 é que os combates foron en gran medida guerras civís e insurxencias.[55] As principais excepcións foron a guerra de Corea, a guerra indo-paquistaní de 1971, a guerra iraniana-iraquí, a guerra do Golfo, a guerra eritreo-etíope e a guerra ruso-ucraína.

Tanques estadounidenses en formación durante a guerra do Golfo

.

O informe sobre a seguridade humana 2005 documentou un descenso significativo do número e a gravidade dos conflitos armados desde o final da guerra fría a principios da década de 1990. Con todo, as probas examinadas na edición de 2008 do estudo "Paz e Conflito" do Centro para o Desenvolvemento Internacional e a Xestión de Conflitos indicaban que o descenso xeral dos conflitos habíase estancado.[56]

Tipos e características

[editar | editar a fonte]
  • A guerra asimétrica é un conflito violento no que se constata unha abismal diferenza cuantitativa e cualitativa entre os recursos militares, políticos e dos medios dos contendentes comprometidos, e que polo tanto obriga aos bandos para utilizar tácticas atípicas, que pasan o manido marco da tradición militar recorrente.[57]
  • A guerra biolóxica, ou guerra bacteriolóxica, é o uso de axentes biolóxicos infecciosos ou toxinas como bacterias, virus e fungos contra persoas, plantas ou animais. Pódese levar a cabo mediante tecnoloxías sofisticadas, como municións de acio,[58] ou con técnicas rudimentarias como catapultar un cadáver infectado tras as liñas inimigas,[59] e poden incluír axentes patóxenos con ou sen armas.
  • A guerra química consiste no uso de armas químicas en combate. O gas velenoso como arma química utilizouse principalmente durante a primeira guerra mundial, e calcúlase que causou máis dun millón de vítimas, entre elas máis de 100.000 civís.[60]
  • A guerra fría é unha rivalidade internacional intensa sen conflito militar directo, pero cunha ameaza sostida do mesmo, incluíndo altos niveis de preparativos militares, gastos e desenvolvemento, e pode implicar conflitos activos por medios indirectos, como a guerra económica, a guerra política, as operacións encubertas, o espionaxe, a ciberguerra ou a guerra por poderes. Exemplo de guerra fría, foi a tensión militar e escalada armamentística latente que enfrontou ó bloque comunista do COMECON cos países da OTAN trala segunda guerra mundial, chegando á máxima crispación coas guerras de Corea, Vietnam e, en Cuba, a errada invasión de Baía de Cochinos en 1961 e a crise dos mísiles de 1962.
  • Guerra convencional é a guerra declarada entre estados na que as armas nucleares, biolóxica ou químicas non se utilizan ou teñen un despregamento limitado.
  • Guerra informática ou ciberguerra implica as accións dunha nación-estado ou organización internacional para atacar e tentar danar os sistemas de información doutra nación.
  • Insurxencia é unha rebelión contra a autoridade, cando os que participan na rebelión non son recoñecidos como belixerantes (combatentes legais). Unha insurxencia pode combaterse mediante a contrainsurxencia, e tamén pode opoñerse con medidas de protección da poboación e con accións políticas e económicas de diversa índole destinadas a socavar as pretensións dos insurxentes contra o réxime no poder.
  • A guerra da información é a aplicación de forza destrutiva a gran escala contra os activos e sistemas de información, contra os ordenadores e redes que soportan as catro infraestruturas críticas (a rede eléctrica, as comunicacións, as finanzas e o transporte).[61]
  • A guerra nuclear é unha guerra na que as armas nucleares son o método principal, ou un dos principais, para lograr a capitulación.
  • Unha guerra civil, coma a española ou a estadounidense, onde se loita no territorio de só un país porque as dúas faccións teñen ideoloxías distintas;
  • Unha guerra mundial, cada unha das dúas guerras internacionais que se produciron nos períodos de 1914-1917 e 1942-1945. Tiveron coma referente histórico común a loita entre Alemaña xunto cos seus aliados fronte a outro grupo de países (entre eles Francia e o Reino Unido), xa que houbo países que modificaron as súas alianzas ou entraron ou non se inmisciron na segunda (EEUU). Con todo, a segunda tivo unha escala mundial pois, ademais do Xapón, entraron na guerra países coma o Brasil ou Australia;

Obxectivos

[editar | editar a fonte]
Soldados do Exército dos Estados Unidos de América nun tiroteo con insurxentes talibáns durante a guerra de Afganistán, 2009

As entidades que se expoñen entrar en guerra e as que se expoñen pór fin a unha guerra poden formular "obxectivos de guerra" como ferramenta de avaliación/propaganda. Os obxectivos de guerra poden ser un substituto da determinación militar nacional.[62]

Definición

[editar | editar a fonte]

Fried define os obxectivos de guerra como "os beneficios territoriais, económicos, militares ou doutro tipo que se esperan tras a conclusión con éxito dunha guerra".[63]

Clasificación

[editar | editar a fonte]

Obxectivos tanxibles/intanxibles:

  • Obxectivos de guerra tanxibles poden implicar (por exemplo) a adquisición de territorio (como no obxectivo alemán de Lebensraum na primeira metade do século XX) ou o recoñecemento de concesións económicas (como nas guerras anglo-holandesas).
  • Obxectivos de guerra intanxibles - como a acumulación de credibilidade ou reputación[64] – pode ter unha expresión máis tanxible («a conquista restablece o prestixio, a anexión aumenta o poder»).[65]

Obxectivos explícitos/implícitos:

  • Os obxectivos de guerra explícitos poden implicar decisións políticas publicadas.
  • Obxectivos de guerra implícitos[66] pode adoptar a forma de actas de debate, memorandos e instrucións.[67]

Obxectivos positivos/negativos:

  • Os «obxectivos de guerra positivos» cobren resultados tanxibles.
  • Os «obxectivos de guerra negativos» preveñen resultados non desexados.[68]

Os obxectivos da guerra poden cambiar no transcurso do conflito e acabar transformándose en «condicións de paz»[69] – as condicións mínimas nas que un Estado pode deixar de librar unha guerra determinada.

Datos numéricos

[editar | editar a fonte]
  • A guerra máis breve que se coñece é a que se declarou entre Gran Bretaña e Zanzíbar o 27 de agosto de 1896; segundo os rexistros, durou 38 minutos.[70]
  • A guerra máis longa foi a guerra dos Cen Anos que durou 116 anos. Ademais, as cruzadas foron unha serie de batallas que duraron preto de 200 anos e a chamada guerra de Arauco foi unha serie interrompida de batallas que durou 300 anos con longos períodos de tregua.[70]
  • A guerra máis sanguenta polo número de mortos foi a segunda guerra mundial, con máis de 60 millóns de falecidos por unha ou outra causa. Porén, a guerra da Tripla Alianza seríao en relación á aniquilación dunha poboación nacional organizada (a poboación paraguaia descendeu de 1 400 000 a 220 000, quedando só uns 30 000 varóns en idade fértil).[70]
  • A segunda guerra mundial tamén foi a guerra máis custosa economicamente.[70]
  • As guerras que máis continentes, territorios e países abrangueron en todo o mundo foron a primeira e a segunda guerra mundial.[70]
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para guerra.
  2. "Definition of WAR". merriam-webster.com. Consultado o 2024. 
  3. Reinel Sánchez, José (marzo de 2004). "Una respuesta a la pregunta "¿Qué es la guerra?"" (PDF). Aposta - Revista de Ciencias Sociales (6): 18. Consultado o 9 de outubro de 2016. 
  4. Arabia Zúñiga, Ana María (2009). Nociones de la Guerra Internacional, del concepto clásico de la guerra a los conflictos de baja intensidad. Caso de estudio: guerra contra el terrorismo internacional en Afganistán (PDF) (en castelán). Universidad Colegio Mayor de Nuestra Señora del Rosario- Facultad de Relaciones Internacionales. p. 3-4. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 10 de outubro de 2016. Consultado o 9 de outubro de 2016. 
  5. Šmihula, Daniel (2013). The Use of Force in International Relations. p. 67. ISBN 978-80-224-1341-1. 
  6. James, Paul; Friedman, Jonathan (2006). "Globalization and Violence, Vol. 3: Globalizing War and Intervention". Sage Publications. Arquivado dende o orixinal o 2020. 
  7. Guillermo Altares, "Viaje al origen de la guerra. Nuevos hallazgos indican que los conflictos bélicos son anteriores a las sociedades organizadas", en El País, 6-II-2016 http://cultura.elpais.com/cultura/2016/02/05/actualidad/1454697897_262483.html
  8. José Manuel Nieves, "Una cruel matanza, la primera guerra de la Historia", en Abc de Madrid, 20-I-2016: http://www.abc.es/ciencia/abci-cruel-matanza-primera-guerra-historia-201601201857_noticia.html y Nuño Domínguez, "Paleoantropología. Una masacre hace 10.000 años habla sobre el origen de la guerra. Los restos de la primera matanza documentada entre cazadores y recolectores cuestionan que las sociedades primitivas fueron menos sanguinarias", El País, 20-I-2016: http://elpais.com/elpais/2016/01/20/ciencia/1453311077_947443.html
  9. Holmes Richard, La experiencia de la guerra, capítulo 13 de Soldados, BBC, Londres, 1985
  10. "Frases de Karl von Clausewitz". Arquivado dende o orixinal o 23 de maio de 2013. Consultado o 07 de outubro de 2017. 
  11. Marón, Virxilio. "VI". Eneida. pp. 851–853. Ti, Romano, lembra que debes gobernar os pobos co Imperio / estas serán as túas artes / e impoñer a civilización con paz / perdoando aos vencidos e sometendo aos rebeldes. 
  12. "Definción de Guerra de Cuarta Generación". definicionabc.com. Consultado o 2023. 
  13. Amadeo, Javier; Rojas, Gonzalo (1999). "Apéndice. La categoría de “guerra” en el pensamiento platónico-aristotélico" (PDF). La categoría de Guerra en el pensamiento platónico-aristotélico. La filosofía política clásica. De la Antigüedad al Renacimiento. Buenos Aires: CLACSO. Consultado o 1 de agosto do 2023. 
  14. Aristóteles, La política, Madrid: Centro de Estudios Constitucionales, 1989, libro IV.º, p. 140, citado por J. Amadeo y G. Rojas, op. cit.
  15. Enciclopedia Universal Ilustrada Europeo Americana. Espasa - Calpe. Madrid 1925. Tomo XXVII, página 38
  16. 16,0 16,1 Enciclopedia Universal Ilustrada Europeo Americana. Espasa - Calpe. Madrid, 1925. Tomo XXVII, página 39
  17. Ayuso Javier, Las guerras del fin de siglo, El País Semanal, Grupo Prisa, Madrid, 10 de febrero de 1991
  18. 1872-1945., Huizinga, Johan,. Homo ludens : a study of the play-element in culture. ISBN 0807046817. 
  19. Ángel Latorre, "Los fines del derecho", en su Introducción al derecho. Barcelona: Ariel, 1984, p. 39 y ss.
  20. Guerra, Enciclopedia Espasa, vol. 27, p. 36.
  21. Rudolf von Ihering, La lucha por el derecho, cap. 1.`.
  22. 22,0 22,1 Hayes Brian, Estadísticas dos conflictos bélicos, n.º 332 de Investigación y ciencia versión española de Scientific American, Prensa científica, Barcelona, maio de 2004, ISSN 0210-136X
  23. Carl von Clausewitz: [Ligazón morta]
  24. por exemplo, Kalevi Jaakko Holsti (Peace and war) nota que na concepción moderna común a guerra é considerada como unha aberración, unha catástrofe ou crime, o abandono de políticas racionais por algunha outra cosa etc.
  25. Pinnock, Sarah Katherine. Transcendence and Violence: The Encounter of Buddhist, Christian, and Primal Traditions (review) Arquivado 25 de novembro de 2015 en Wayback Machine. Buddhist-Christian Studies - Volume 26, 2006, pp. 231-235
  26. Shadia B. Drury: Augustinian Radical Transcendence: Source of Political Excess Arquivado 02 de febreiro de 2009 en Wayback Machine. Journal article by Humanitas, Vol. 12, 1999
  27. Alexander Moseley A Philosophy of war
  28. RALPH PETERS War’s irrational motivators
  29. por exemplo, E.F.M. Durban o John Bowlby
  30. Lindley, Daniel. and Schildkraut, Ryan. [Ligazón morta] (ver resumo en http://www.allacademic.com/one/prol/prol01/index.php?click_key=1 Arquivado 11 de xuño de 2008 en Wayback Machine.
  31. Cf. Pedro Luis Lorenzo Cadarso, Fundamentos teóricos del conflicto social. Madrid: Siglo Veintiuno de España Editores S. A. 2001, pp. 58-61.
  32. Vid. Richard Dawkins, El gen egoísta. Las bases biológicas de nuestra conducta. Madrid, 1991.
  33. As dúas obras claves de Sigmund Freud sobre este asunto son Psicología de las masas y análisis del yo, 1921 (traducida o castelán en 1959) e La ansiedad en la cultura, 1930, ed. en castelán en 1959.
  34. Anthony Storr, La agresividad humana. Madrid: Alianza Editorial, 2004.
  35. Robert Ardrey, The Territorial Imperative, Nueva York, 1966 e íd., El instinto de dominio en la vida animal y en los orígenes del hombre. Barcelona, 1970.
  36. P. L. Lorenzo Cadarso, op. cit.
  37. Predicir cando estalará o próximo conflito https://www.tablerodecomando.com/
  38. Galea, Walter Federico (xullo de 2013). "Naturaleza humana, deseo y guerra en Hobbes: la necesidad del estado político" (PDF). Eikasia, Revista de Filosofía núm 50. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de agosto de 2022. Consultado o 4 de agosto do 2023. 
  39. Vid. Thomas Hobbes, Leviathan: or the matter, form and power of a commonwealth ecclesiastical and civil, London: J. M. Dunt & Sons LTD., 1957, p. 64.
  40. Charles, Krista (27 de maio de 2021). "Earliest known war was a repeated conflict in Sudan 13,400 years ago". New Scientist (en inglés). Consultado o 2 de agosto do 2023. 
  41. Crevecoeur, Isabelle; Dias-Meirinho, Marie-Hélène; Zazzo, Antoine; Antoine, Daniel; Bon, François (2021-05-27). "New insights on interpersonal violence in the Late Pleistocene based on the Nile valley cemetery of Jebel Sahaba". Scientific Reports (en inglés) 11 (1). p. 9991. Bibcode:2021NatSR..11.9991C. ISSN 2045-2322. PMC 8159958. PMID 34045477. doi:10.1038/s41598-021-89386-y. 
  42. Diamond, Jared, Guns, Germs and Steel
  43. Eckhardt, William (1991). "War-related deaths since 3000 BC.". Bulletin of Peace Proposals 22 (4). pp. 437–443. doi:10.1177/096701069102200410. 
  44. Matthew White, 'Primitive War' Arquivado 2013-04-14 en Wayback Machine.
  45. David McCandless, '20th Century Death' Arquivado 2021-09-17 en Wayback Machine.
  46. "Review: War Before Civilization". Brneurosci.org. 4 de setembro de 2006. Arquivado dende o orixinal o 21 de novembro de 2010. Consultado o 2 de agosto do 2023. 
  47. Spengler (4 July 2006). "The fraud of primitive authenticity". Asia Times Online. Arquivado dende o orixinal o 6 July 2006. Consultado o 2 de agosto do 2023. 
  48. Martin, Debra L.; Harrod, Ryan P.; Pérez, Ventura R., eds. (2012). The Bioarchaeology of Violence. Gainesville: University Press of Florida. Arquivado dende o orixinal o 4 de novembro de 2013. Consultado o 2 de agosto do 2023. 
  49. Keeley, Lawrence H: War Before Civilization: The Myth of the Peaceful Savage. p. 55.
  50. W. D. Rubinstein (2004). Genocide: A History. Pearson Longman. p. 22. ISBN 978-0-582-50601-5. Arquivado dende o orixinal o 8 de agosto de 2013. Consultado o 2 de agosto do 2023. 
  51. World War One – A New Kind of War | Part II Arquivado 2018-02-27 en Wayback Machine., From 14–18 Understanding the Great War, by Stéphane Audoin-Rouzeau, Annette Becker
  52. Kolko 1994, p. xvii–xviii: "A guerra neste século converteuse nunha condición previa esencial para o xurdimento dunha esquerda numericamente poderosa, desprazándoa das marxes ao centro mesmo da política europea durante 1917-18 e de todos os asuntos mundiais despois de 1941".
  53. "Albert Einstein: Man of Imagination". 1947. Arquivado dende o orixinal o 4 de xuño de 2010. Consultado o 2 de agosto do 2023.  Nuclear Age Peace Foundation paper
  54. "Instant Wisdom: Beyond the Little Red Book". Time. 20 de setembro de 1976. Arquivado dende o orixinal o 29 de setembro de 2013. Consultado o 2 de agosto do 2023. 
  55. Robert J. Bunker and Pamela Ligouri Bunker, "The modern state in epochal transition: The significance of irregular warfare, state deconstruction, and the rise of new warfighting entities beyond neo-medievalism." Small Wars & Insurgencies 27.2 (2016): 325–344.
  56. Hewitt, Joseph, J. Wilkenfield and T. Gurr Peace and Conflict 2008, Paradigm Publishers, 2007
  57. "Asymmetrical warfare | Britannica". www.britannica.com (en inglés). Consultado o 27 de agosto do 2023. 
  58. Guillemin, Jeanne (xullo de 2006). "Scientists and the history of biological weapons: A brief historical overview of the development of biological weapons in the twentieth century". EMBO Reports (en inglés) 7 (S1). pp. S45–9. ISSN 1469-221X. PMC 1490304. PMID 16819450. doi:10.1038/sj.embor.7400689. 
  59. Wheelis, Mark (2002). "Biological Warfare at the 1346 Siege of Caffa - Volume 8, Number 9—September 2002 - Emerging Infectious Diseases journal - CDC". Emerging Infectious Diseases (en inglés) 8 (9). pp. 971–975. PMC 2732530. PMID 12194776. doi:10.3201/eid0809.010536. 
  60. D. Hank Ellison (2007). Handbook of Chemical and Biological Warfare Agents (2nd ed.). CRC Press. pp. 567–570. ISBN 978-0-8493-1434-6. 
  61. Lewis, Brian C. "Information Warfare". Federation of American Scientist. Arquivado dende o orixinal o 17 de xuño de 1997. Consultado o 29 de xaneiro do 2024. 
  62. Sullivan, Patricia (2012). "War Aims and War Outcomes". Who Wins?: Predicting Strategic Success and Failure in Armed Conflict. Oxford University Press, US. p. 17. ISBN 978-0199878338. doi:10.1093/acprof:oso/9780199878338.003.0003. Arquivado dende o orixinal o 13 de setembro de 2015. Consultado o 12 de marzo do 2024. Un Estado con maior capacidade militar que o seu adversario ten máis probabilidades de imporse en guerras con obxectivos de guerra "total", o derrocamento dun goberno estranxeiro ou a anexión dun territorio, que en guerras con obxectivos máis limitados. 
  63. Fried, Marvin Benjamin (2014-07-01). Austro-Hungarian War Aims in the Balkans During World War I. Palgrave Macmillan (publicado o 2014). p. 4. ISBN 978-1137359018. Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2015. Consultado o 14 de marzo do 2024. Os obxectivos de guerra son os beneficios territoriais, económicos, militares ou doutro tipo que se esperan tras a conclusión con éxito dunha guerra. 
  64. Welch distingue: «bens tanxibles como as armas, a riqueza e -sempre que sexan estratéxica ou economicamente valiosos- o territorio e os recursos» de “bens intanxibles como a credibilidade e a reputación”-. Welch, David A. (1995). Justice and the Genesis of War. Cambridge Studies in International Relations. Cambridge University Press. p. 17. ISBN 978-0521558686. Arquivado dende o orixinal o 18 de setembro de 2015. Consultado o 13 de setembro do 2024. 
  65. Fried, Marvin Benjamin (2014-07-01). Austro-Hungarian War Aims in the Balkans During World War I. Palgrave Macmillan (publicado o 2014). p. 4. ISBN 978-1137359018. Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2015. Consultado o 13 de setembro do 2024. Os intanxibles, como o prestixio ou o poder, tamén poden representar obxectivos bélicos, aínda que a miúdo (aínda que non sempre) a súa consecución enmárcase nun contexto máis tanxible (por exemplo, a conquista restaura o prestixio, a anexión aumenta o poder, etc.). 
  66. Compare:Katwala, Sunder (2005-02-13). "Churchill by Paul Addison". Books. The Guardian (Guardian News and Media Limited). Arquivado dende o orixinal o 28 de setembro de 2016. Consultado o 13 de setembro do 2024. [Churchill] tomou posesión do seu cargo e declarou que 'non se converteu no Primeiro Ministro do Rei para supervisar a liquidación do imperio británico'. [...] A súa opinión era que unha alianza angloamericana de fala inglesa trataría de preservar o imperio, aínda que acabar con el estaba entre os obxectivos implícitos de guerra de Roosevelt. 
  67. Compare Fried, Marvin Benjamin (2014-07-01). Austro-Hungarian War Aims in the Balkans During World War I. Palgrave Macmillan (publicado o 2014). p. 4. ISBN 978-1137359018. Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2015. Consultado o 13 de setembro do 2024. Ás veces, os obxectivos de guerra declarábanse explicitamente a nivel interno ou externo nunha decisión política, mentres que outras veces [...] os obxectivos de guerra simplemente discutíanse pero non se publicaban, senón que quedaban en forma de memorandos ou instrucións. 
  68. Fried, Marvin Benjamin (2015-07-01). "'A Life and Death Question': Austro-Hungarian War Aims in the First World War". En Afflerbach, Holger. The Purpose of the First World War: War Aims and Military Strategies. Schriften des Historischen Kollegs 91. Berlin/Boston: Walter de Gruyter GmbH (publicado o 2015). p. 118. ISBN 978-3110443486. Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2015. Consultado o 13 de setembro do 2024. O Ministerio de Asuntos Exteriores [austriaco] [...] e o Alto Mando Militar [...] estaban de acordo en que a hexemonía política e militar sobre Serbia e os Balcáns Occidentais era un obxectivo de guerra vital. O Primeiro Ministro húngaro, István Conde Tisza, pola contra, estaba máis preocupado polos denominados «obxectivos de guerra negativos», en particular evitar a intervención hostil romanesa, italiana e mesmo búlgara. 
  69. Haase, Hugo (1932). "The Debate in the Reichstag on Internal Political Conditions, April 5–6, 1916". En Lutz, Ralph Haswell. Fall of the German Empire, 1914–1918. Hoover War Library publications. Stanford University Press. p. 233. ISBN 978-0804723800. Arquivado dende o orixinal o 25 de outubro de 2015. Consultado o 13 de setembro do 2024. Señores, cando chega o momento de formular as condicións da paz, é hora de pensar noutra cousa que non sexan os obxectivos da guerra. 
  70. 70,0 70,1 70,2 70,3 70,4 Varios, Libro Guinness dos Récords, Ediciones MAEVA, Estella, 1987, ISBN 84-86478-04-9

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]