Valencia Club de Fútbol
Valencia | ||||
---|---|---|---|---|
Nome | Valencia Club de Fútbol, S.A.D. | |||
Alcume(s) | Los ches Valencianistas | |||
Fundación | 18 de marzo de 1919 (105 anos) | |||
Estadio | Mestalla, Valencia, España | |||
Inauguración | 20 de maio de 1923 | |||
Capacidade | 49.800 | |||
Propietario | Peter Lim | |||
Presidente | Khojama Kalimuddin | |||
Adestrador | Rubén Baraja | |||
Liga | Primeira División | |||
2019–20 | 9º | |||
Vestimenta | Adidas | |||
Na rede | ||||
http://www.valenciacf.es | ||||
| ||||
O Valencia Club de Fútbol, S.A.D. (en valenciano: València Club de Futbol) é un club de fútbol español da cidade de Valencia. Fundouse o 18 de marzo de 1919 e actualmente compite na Primeira División de España.
Na Clasificación histórica da LFP o Valencia ocupa o 3º posto por detrás de Real Madrid e Barcelona. É o quinto club español con máis títulos nacionais (14 campionatos): 6 títulos de Liga, 7 Copas e unha Supercopa de España. E con 6 títulos europeos (1 Copa da UEFA, 2 Copas de Feiras, 1 Recopa e 2 Supercopas) é o cuarto equipo español con máis títulos internacionais.[1] Ademais, formaba parte do conxunto de clubs máis importantes de Europa, o desaparecido G-14.
En 2011 era o 19º club máis rico do mundo, cuns ingresos de 116,8 millóns de euros,[2] o cuarto equipo español por detrás de Real Madrid, Barcelona e Atlético de Madrid.
Ten 38.000 socios,[3] á espera dunha nova ampliación, e máis de 800 peñas,[4] é xa que logo o cuarto club en número de socios e peñas do país. Á vez, segundo a enquisa do CIS de xuño de 2014, o Valencia é o cuarto club de fútbol en porcentaxe en canto a simpatizantes en España (3,5%), unicamente por detrás de Real Madrid (37,9%), Barcelona (25,4%) e Atlético de Madrid (6,1%).[5]
Historia
[editar | editar a fonte]Fundación e debut nas competicións
[editar | editar a fonte]O club xestouse o 5 de marzo de 1919, no céntrico Bar Torino, situado na rúa Barcelonina, por un grupo de seareiros que decidiron formar un novo club que representase á cidade de Valencia tras a desaparición do Club Valencia de fútbol anos antes. O 19 de marzo dese mesmo ano apróbanse oficialmente os Estatutos, nace así o Valencia Foot-ball Club. O 4 de abril constitúese a primeira Xunta Directiva, o primeiro presidente foi Octavio Augusto Milego Díaz, elixido ao chou lanzando unha moeda ao aire con Gonzalo Medina Pernas. O primeiro partido da historia disputouse contra o Gimnástico en Castelló e perdeuno o Valencia por 1-0.
Durante a década de 1920 o Valencia disputa o Campionato Rexional, o cal gaña por primeira vez en 1923. Este título deulle a oportunidade de participar por primeira vez na Copa de España previa eliminación do Murcia FC nunha eliminatoria. O 16 de xaneiro de 1923 o Valencia comprou uns terreos por 316.439,20 pesetas ao barón de Bellver e o 20 de maio de 1923 inaugurouse o campo de Mestalla cun aforamento de 17.000 espectadores nun partido entre o Valencia FC e o FC Levante que concluíu con resultado de 1-0 para os locais. En 1928 iníciase o campionato de Liga e o Valencia xoga na Segunda División tras perder na eliminatoria previa contra o Racing de Santander. O equipo ché termina a tempada 1928/29 en quinta posición.
A década de 1930 está marcada pola Guerra civil española, tras a cal o campo de Mestalla quedou arrasado e houbo que reconstruílo. En 1934 o Valencia disputou e perdeu a súa primeira final de Copa contra o Real Madrid en Barcelona.
Éxitos nacionais e europeos
[editar | editar a fonte]A década de 1940 foi posiblemente a mellor do club na súa historia. Tívose que castelanizar o nome do club a Valencia Club de Fútbol por orde da Delegación nacional de Deportes. O Valencia consegue o seu primeiro título nacional ao gañar a Copa do Xeneralísimo de 1941 ao Español por 3-1 na final. Na tempada 1941/42 o club gaña o primeiro Campionato de Liga da súa historia. Tamén se proclama campión nas tempadas 1943/44 e 1946/47. Os heroes desta década son Epi, Amadeo, Mundo, Asensi e Gorostiza quen integraban a xa mítica "Dianteira eléctrica". En 1949 gana de novo a Copa do Xeneralísimo.
Durante a década de 1950 vólvese a gañar outra Copa do Xeneralísimo na edición de 1954 e chega a outra final na de 1952. En liga o equipo pasa sen pena nin gloria polo campionato.
Na década de 1960 chegan os primeiros éxitos europeos ao gañar as Copas de Feiras das tempadas 1961/62 e 1962/63 a Barcelona e Dinamo Zagreb respectivamente. Tamén consegue unha nova Copa do Xeneralísimo en 1967 gañando na final ao Athletic.
A década de 1970 comeza cun novo título de liga na tempada 1970/71. En 1976 chega procedente de Rosario Central o dianteiro Mario Alberto Kempes, quen marcaría unha época no club. Na súa primeira tempada conseguiu o pichichi con 24 goles. Cun Kempes estelar o Valencia consegue a Copa do Rei de 1979 derrotando ao Real Madrid por 2-0 con 2 goles do Matador. En 1980 o Valencia conquista outro título europeo, a Recopa.
Anos difíciles
[editar | editar a fonte]A pesar de que comezou cunha Recopa, a década de 1980 foi negra para o valencianismo. O club viuse obrigado a vender a Kempes ao River Plate. Debido ás obras en Mestalla polo Mundial de España 82 o club viuse inmerso nunha grave crise financeira. Na tempada 1982/83 o Valencia salvouse do descenso cun gol de Tendillo na última xornada ante o Real Madrid en Mestalla. A débeda seguiu aumentando ano a ano o que afectou ao rendemento deportivo do equipo. Na tempada 1985/86 o Valencia descende a Segunda División despois de máis de 50 anos na máxima categoría. Retorna tras un ano no inferno con Arturo Tuzón como presidente e un persoal repleto de xogadores da canteira. Con Tuzón na presidencia péchanse varias tempadas con superavit, polo que se vai reducindo a débeda aos poucos. No deportivo o equipo tamén se recupera e finaliza a tempada 1989/90 como subcampión.
A década de 1990 están marcados pola conversión obrigada do club en sociedade anónima deportiva en 1992. Tras a conversión chega á presidencia Paco Roig. No deportivo o equipo mantense nos postos de media táboa, con excepción da tempada 1995/96 na que finaliza segundo.
Época dourada
[editar | editar a fonte]En 1999 o equipo volve gañar un título, a Copa do Rei, con Claudio Ranieri como adestrador. O Valencia eliminou en semifinais ao Real Madrid cun histórico 6-0 en Mestalla, antes de gañar ao Atlético na final.
A entrada no século XX supón a segunda idade de ouro do Valencia. Na tempada 1999/00 chégase por primeira vez á final da Liga de Campións da UEFA. Tras pasar as dúas liguillas, superou a Lazio e Barcelona para chegar á final na que foi derrotado polo Real Madrid por 3-0. Ao ano seguinte repite final e logo de eliminar a equipos como o Arsenal e o Leeds United, perde na final contra o Bayern de Múnic, que arrebata o título aos valencianistas na quenda de penaltis.
Na tempada 2001/02, cun ata entón descoñecido Rafa Benítez como adestrador, o Valencia gaña de novo un título de Liga tras 31 anos. Na seguinte tempada perde a Supercopa, é eliminado na Copa do Rei e na Liga de Campións, e na liga acaba en quinta posición.
Con todo, a tempada 2003/04 foi a mellor da historia do Valencia coa consecución de dous títulos e dun terceiro en agosto de 2004. A dous xornadas para o final, o Valencia proclamábase campión de Liga por sexta vez na súa historia. O 19 de maio gañaba a final da Copa da UEFA contra o Olympique de Marsella (2-0), conseguindo o histórico dobrete. Tras o éxito, Rafa Benítez márchase ao Liverpool. O 27 de agosto gañaba a Supercopa de Europa por 2-1 ao Porto, con Claudio Ranieri como novo técnico na súa segunda etapa no Valencia.
Crise económica e actualidade
[editar | editar a fonte]A pesar da Supercopa gañada, en Liga o rumbo do equipo non é nada bo e Ranieri termina cesado. Ese mesmo ano chega á presidencia Juan Bautista Soler. Coa xestión de Soler o equipo entra nunha grave crise económica, que leva á paralización das obras do Nou Mestalla que o propio Soler puxo en marcha. Conséguese un novo título de Copa na tempada 2007/08, con todo ese ano en Liga o equipo vese envolvido na loita por evitar o descenso.
No verán de 2008 Soler coloca na presidencia a Vicente Soriano, quen asegura durante meses que ten unha solución para a situación económica do club. Tras un esperpéntico ano no social, con problemas de cobro para os xogadores e coa aparición dunha empresa pantasma uruguaia chamada Inversiones Dalport, as institucións valencianas ven obrigadas a desaloxar a Soler e Soriano do club mediante unha ampliación de capital levada a cabo polo presidente Manuel Llorente e Javier Gómez conseguindo estabilidade social. No deportivo, con Unai Emery como adestrador, o Valencia volve na tempada 2009/10 á Liga de Campións como terceiro clasificado. A tempada 2010/11 revalida o terceiro posto sen excesivos problemas cunha certa vantaxe respecto ao cuarto clasificado. Na tempada seguinte (2011/12) o Valencia consegue golear por 7-0 ao Genk belga en Liga de Campións, a pesar de non poder acceder á seguinte fase. Aínda así, consegue a terceira praza no seu grupo e accede á Europa League, onde volve ser eliminado polo Atlético de Madrid, esta vez en semifinais cun contundente 5-2 no global da eliminatoria. Esa tempada repite por terceiro ano consecutivo o terceiro posto na liga.
Uniforme
[editar | editar a fonte]- Uniforme titular: Camiseta branca con detalles negros, pantalón negro, medias brancas.
- Uniforme alternativo: Camiseta laranxa con detalles negros, pantalón branco, medias laranxas.
- Terceiro uniforme: Camiseta azul, pantalón branco, medias azuis.
Himno
[editar | editar a fonte]O himno do Valencia foi un encargo do club ao director da banda municipal de Valencia, Pablo Sanchez Torrella, que compuxo a música na forma tradicional valenciana, o pasodobre. A letra foi escrita por Ramón Gimeno Gil. Estreouse e tivo presentación oficial con motivo dos festexos do 75º aniversario do Club no Palau da Música o 21 de setembro de 1993.
Estadio
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Estadio de Mestalla.
Os primeiros anos trala súa fundación, o equipo adestrou e disputou os seus encontros no desaparecido campo de Algirós. No ano 1923 inaugurouse o estadio de Mestalla, que durante de 1969 a 1995 denominouse Luís Casanova na honra do histórico presidente. Ten capacidade para 55 000 espectadores, todos sentados, e unhas dimensións de 105 por 70 metros.
Actualmente está en construción o Nou Mestalla, que terá unha capacidade duns 75 000 espectadores.
Datos do club
[editar | editar a fonte]- Tempadas en 1ª: 84 (incluída a 2018/19)
- Tempadas en 2ª: 4
- Tempadas en 2ªB: 0
- Tempadas en 3ª: 0
- Posto na Clasificación histórica da Liga: 3º
- Mellor posto na liga: 1º
- Peor posto na liga: 16º
- Partidos xogados en liga: 2.902
- Gañados: 1 050
- Empatados: 543
- Perdidos: 767
- Goles a favor: 3 926
- Goles en contra: 3 089
- Puntos: 2 902 puntos
- Diferenza de goles: 837
- Maiores goleadas conseguidas:
- Na casa:
- Valencia 8-0 Sevilla FC (1943-44)
- Valencia 8-0 Sporting de Gijón (1953-54)
- Fóra:
- Real Madrid 1-6 Valencia (1950-51)
- Málaga CF 1-6 Valencia (2003-04)
- Na casa:
- Maiores goleadas recibidas:
- Máis partidos disputados: Fernando (552), Arias (500), Angulo (417), Cañizares (416).
- Máis minutos disputados: Fernando (51.811), Arias (45.454), Cañizares (37.957), Giner (37.094).
- Máis goles marcados: Mundo (206), Waldo (147), Kempes (145), Fernando (140).
Xogadores
[editar | editar a fonte]Cadro actual
[editar | editar a fonte]Actualizado a 2 de setembro de 2019.
|
|
- Os xogadores con dorsais maiores que o 25 poden alternar o primeiro equipo co filial.
Xogadores míticos
[editar | editar a fonte]Adestradores
[editar | editar a fonte]O corpo técnico na tempada 2018-19 está composto polos seguintes membros:
|
Presidentes
[editar | editar a fonte]
|
|
Palmarés
[editar | editar a fonte]Torneos rexionais
[editar | editar a fonte]- Campionato Rexional de Valencia (8): 1926, 1927, 1931, 1932, 1933, 1934, 1938, 1939
- Campionato de Levante (3): 1923, 1925, 1937
- Trofeo Feria de Julio (1): 1921
Torneos nacionais
[editar | editar a fonte]- Liga de España (6): 1941-42, 1943-44, 1946-47, 1970-71, 2001-02, 2003-04
- Copa do Rei (8): 1941, 1949, 1954, 1967, 1979, 1999, 2008, 2019
- Supercopa de España (1): 1999
- Copa Eva Duarte (1): 1949
- Segunda División de España (2): 1930-31, 1986-87
- Subcampión da Liga de España (6): 1947-48, 1948-49, 1952-53, 1971-72, 1989-90, 1995-96.
- Subcampión da Copa do Rei (10): 1933-34, 1936-37, 1943-44, 1944-45, 1945-46, 1951-52, 1969-70, 1970-71, 1971-72, 1994-95
- Subcampión da Supercopa de España (3): 2002, 2004, 2008
- Subcampión da Copa Eva Duarte (1): 1947
Torneos internacionais
[editar | editar a fonte]- Copa de Feiras (2): 1961-62, 1962-63
- Copa da UEFA (1): 2003-04
- Recopa de Europa (1): 1979-80
- Supercopa de Europa (2): 1980-81, 2004-05
- Copa Intertoto da UEFA (1): 1997-98
- Subcampión da Copa de Feiras (1): 1963-64
- Subcampión da Liga de Campións (2): 1999-00, 2000-01
- Subcampión da Copa Intertoto (1): 2005
Filial
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Valencia CF Mestalla.
O Valencia Mestalla é o primeiro equipo filial do Valencia. Foi fundado no ano 1944 e xurdiu coa idea de fornecer xogadores para o primeiro persoal do club. Debutou en Terceira División na tempada 1946-47 e ese mesmo ano logrou o ascenso a Segunda División, categoría na que xogou 21 tempadas na súa historia. Actualmente milita na Segunda División B.
De 2002 a 2004 o Valencia contou cun segundo filial, o Valencia C. Desapareceu ao baixar o Mestalla a Terceira División en 2004, arrastrando ao "C" a Preferente.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Fútbol Europeo: Valencia CF". Arquivado dende o orixinal o 31 de xaneiro de 2010. Consultado o 13 de febreiro de 2010.
- ↑ Lista de equipos máis ricos da tempada 2010/11.
- ↑ O Valencia quere aumentar o número de socios.
- ↑ "Censo de penas Valencianistas". Arquivado dende o orixinal o 08 de decembro de 2009. Consultado o 13 de febreiro de 2010.
- ↑ Enquisa do CIS en xuño de 2014