Veleno
Un veleno é calquera substancia tóxica,[1] xa sexa sólida, líquida ou gasosa, que pode producir unha enfermidade, lesión, ou que altera as funcións do organismo cando entra en contacto cun ser vivo, ata provocando a morte.
Características
Os velenos son substancias que bloquean ou inhiben unha reacción química, uníndose a un catalizador ou enzima máis fortemente que o reactivo normal. Esta definición descarta fenómenos físicos como a calor, a radiación, a presión etc., que tamén poden provocar lesións nos organismos.
Segundo Theophrastus Bombastus von Hohenheim, chamado Paracelso:
Alle Dinge sind ein Gift und nichts ist ohne Gift. Allein die Dose macht, dáß ein Ding kein Gift ist. ("Todo é veleno, nada é sen veleno. Só a dose fai o veleno".)
Segundo a observación de Paracelso, todas as substancias son tóxicas a doses altas, como a auga, o osíxeno e as vitaminas. Os velenos son substancias nocivas a doses ou concentracións moi baixas.
A diferenza entre un veleno e un fármaco é a dose administrada ou acumulada no corpo, pero xeralmente un veleno é mortal a unha determinada dose e sen ningunha función terapéutica.
Orixe
Os velenos poden ter unha orixe:
- Mineral: Como o arsénico, o mercurio.
- Vexetal: Como algunhas "plantas velenosas". A maioría das plantas medicinais conteñen substancias tóxicas que son velenos a determinadas concentracións, por exemplo, a cicuta.
- Animal: Como o veleno das serpes, das abellas, chamados normalmente pezoñas.
- Artificial: Coma moitas das substancias sintetizadas polo ser humano na industria.
A ciencia encargada dos estudos de velenos ou substancias tóxicas chámase toxicoloxía.
Notas
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para veleno.