Saltar ao contido

Herba benta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A versión para imprimir xa non se actualiza e pode conter erros de renderizado. Actualice os marcadores do seu navegador e empregue mellor a función de impresión propia do navegador.

A herba benta (Valeriana officinalis), tamén chamada valeriana menor ou herba dos gatos[1], é unha herbácea perenne, pertencente á familia das Valerianáceas.

Nativa de Europa e algunhas partes de Asia, foi introducida en América do Norte. É moi común nos bosques húmidos na beira de regueiros e ríos, dende as chairas até as zonas submontañosas. En Galiza abunda nos prados a carón dos ríos[2], emprégandose coma menciña dende a antigüidade, de aí o seu nome vulgar de herba benta (bieita).

En farmacoloxía e fitoterapia empréganse os órganos subterráneos (rizomas, raíces e estolóns) ou habitualmente os seus fitoextractos. Se se moe ten unha cor parda clara e un fedor típico penetrante que lembra ao queixo curado.

As larvas dalgúns lepidópteros (bolboretas e avelaíñas) aliméntanse dela.

Descrición

É unha planta perenne moi variábel co talo simple que acada os 20–120 cm de altura. Os rizomas son ovoides ou cilíndricos de 3–5 cm, cor cinsenta-amarelenta, cubertos por moitas raíces de pequeno diámetro, case cilíndricas e da mesma cor ca o rizoma. As follas son pinnadas con folíolos dentados. As flores son miúdas de cor rosa pálida, xorden nun mesto corimbo terminal en primavera e no verán.

Micromorfoloxía

  • fragmentos de parénquima
  • Células resinosas pardas.
  • Vasos condutores
  • Grans de amidón, simples ou compostos, ás veces dilo estrelado.
  • Células pétreas rectangulares.

Composición química

  • Óleo esencial: 0,5%, de composición moi variábel.
  • Sesquiterpenos: os máis importantes son os ácidos valerénico e acetoxivalerénico.
  • Iridoides: son típicos da valeriana e reciben o nome de valepotriatos.

Propiedades

É un dos grandes fármacos para o equilibrio nervioso. Úsase moito coma sedante e calmante no histerismo, manifestacións neurasténicas (insomnio, neurose, chambras abdominais (cólicos), hiperexcitabilidade etc.), nas alteracións menopáusicas e como antiespasmódico en sentido lato. Emprégase en trastornos convulsivos con bos resultados, soa ou asociada a anticonvulsivantes. Nalgunhas mulleres o seu uso como sedante suave pode ter o efecto oposto, provocando excitación.[3]

Ten efectos psicoactivos sobre o comportamento dos gatos,[4] que semellan ser pracenteiros xa que o seu cheiro atrainos para a consumir, de aí o nome vulgar galego de herba dos gatos.

O extracto fermentado de valeriana ou a súa infusión aplícase foliarmente en agricultura ecolóxica para protexer as plantas das xeadas serodias.

Historia

O seu uso coma herba medicinal remóntase polo menos á antiga Grecia e ao Imperio romano. Hipócrates describiu as súas propiedades, e Galeno, posteriormente, prescribiuna coma menciña contra o insomnio. Na Suecia medieval, ás veces colocábase na roupa de voda do noivo para evitar a "envexa" dos elfos.[5] Tense usado tamén coma engado para as ratas.

Nomes comúns

  • Herba benta (herba bendita);
  • Virbiriana, verberiana, verliana, virviriana;
  • Valeriana menor, valeriana común, valeriana oficinal ou valeriana medicinal;
  • Herba dos gatos.[7]

Notas

  1. Termos esenciais de botánica Santiago de Compostela, Universidade, 2004. "Botánica" en Vocabulario de ciencias naturais Santiago de Compostela, Xunta, 1991
  2. Web de Ríos Galegos - http://www.rios-galegos.com/plan71.htm#Frundo_ou_Mirto_de_Barbante._
  3. MedlinePlus
  4. Janot MM, Guilhem J, Contz O, Venera G, Cionga E. (1979). "Contribution to the study of valerian alcaloids (Valeriana officinalis, L.): actinidine and naphthyridylmethylketone, a new alkaloid (article in French)". Ann. Pharm. Fr. 37 (9-10): 413–420. PMID 547813. 
  5. Thorpe, Benjamin; Northern Mythology, Vol. 2, pp. 64-65
  6. Sinónimos en Real Jardín Botánico
  7. Nomes vulgares e dialectais galegos en Dicionario de Dicionarios da Universidade de Santiago de Compostela - http://sli.uvigo.es/DdD/ddd_pescuda.php?pescuda=Valeriana+officinalis&tipo_busca=cientifico

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas