Fulquerio de Chartres
Nome orixinal | (fr) Foucher de Chartres |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | Foucher de Chartres Ca. 1059 Chartres, Francia |
Morte | Ca. 1127 Xerusalén, Reino de Xerusalén |
Causa da morte | peste |
Capelán | |
1100 – | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | francesa |
Relixión | católica |
Q89547790 | A súa crónica da Primeira Cruzada |
Actividade | |
Ocupación | escritor, historiador e capelán |
Lingua | latín |
Carreira militar | |
Conflito | Primeira cruzada |
Obra | |
Obras destacables | |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Encyclopædia Britannica |
Fulquerio de Chartres, nado contra 1059 en Chartres, e finado contra 1059 en Xerusalén (Reino de Xerusalén), foi un clérigo francés, cronista da Primeira cruzada.
Traxectoria
O seu nomeamento como capelán de Balduíno de Boulogne en 1097 suxire que tiña formación de clérigo, posibelmente na escola de Chartres, aínda que seguramente non era membro do capítulo da Catedral de Chartres, pois non aparece nos listados da mesma.
Os detalles que dá na súa historia sobre o concilio de Clermont suxiren que estivo presente nel, ou quizais alguén a quen coñecía, como o bispo Ivo de Chartres.
Fulquerio formou parte da expedición do conde Esteban de Blois e Roberto de Normandía, que viaxou polo sur de Francia e Italia en 1096, pasando ao Imperio bizantino desde Bari. Chegaron a Constantinopla en 1097, onde se uniron aos demais exércitos da Primeira Cruzada. Viaxou por Asia Menor até Maraş ou Marash (hoxe Kahramanmaraş), pouco antes da chegada do exército a Antioquía en 1097, onde foi nomeado capelán de Balduíno.[1] Seguiu ao seu novo señor cando este se separou do corpo principal camiño de Edesa, onde Balduíno fundou o condado de Edesa.[2][3]
Tras o sitio e toma de Xerusalén en 1099, Fulquerio e Balduíno viaxaron á cidade para cumprir o seu voto de peregrinación. Cando Balduíno pasou a ser o primeiro rei de Xerusalén en 1100, Fulquerio trasladouse con el á capital, e seguiu sendo seu capelán até 1115.[1] Despois desta data foi cóengo da igrexa do Santo Sepulcro e, probabelmente, responsábel das reliquias alí conservadas. Morreu, a causa da peste, posibelmente na primavera de 1127.
Como moi pronto, empezou a escribir a súa crónica a finais do outono de 1100, pero non máis tarde da primavera de 1101, nunha versión que non chegou aos nosos días, pero que pasou a Europa durante a súa vida. Esta versión rematouna contra 1106. Entre as súas fontes están a Historia Francorum de Raimundo de Aguilers e a Gesta Francorum, para aqueles asuntos dos que non foi testemuña presencial.
Dividiu a súa crónica en tres libros. No primeiro describe desde a preparación da Primeira Cruzada en Clermont en 1095 até a toma de Xerusalén e o establecemento do reino por Godofredo de Bouillon. No segundo (escrito ca. 1109-1115), os feitos de Balduíno I. E no terceiro (escrito ca. 1118-1127), a vida de Balduíno II até 1127, cando tivo lugar unha peste na cidade, na que aparentemente morreu o propio Fulquerio.
A súa obra foi moi utilizada por outros cronistas posteriores. Guillerme de Tiro e Guillerme de Malmesbury usárona como fonte. Foi publicada no Recueil des historiens des croisades e na Patrologia Latina. Existe unha edición crítica da versión latina publicada por Heinrich Hagenmeyer en 1913.
Algunhas obras
- Historia Hierosolymitana, 1095-1127 (ed. Heinrich Hagenmeyer, Heidelberg, 1913).
- Histoire des Croisades, par Foulcher de Chartres. Texto bilingüe latín - francés, con introdución e anotacións neste idioma, no sitio de Philippe Remacle (1944-2011). Trad. de François Guizot extraída do seu libro Collection des mémoires relatifs a l'histoire de France, ed. en París.