Feminismo radical
O feminismo radical é unha corrente feminista que sostén que a raíz da desigualdade social e económica en todas as sociedades ata agora existentes é o patriarcado, a dominación do varón sobre a muller.[1] Esta perspectiva céntrase nas relacións de poder que se organizan na sociedade, construíndo a supremacía masculina, entre outras cuestións debido ao papel reprodutivo da muller e o varón. Denomínase feminismo radical porque se propón buscar a raíz da dominación.[2]
Esta corrente procura unha reorganización da sociedade na cal a supremacía masculina sexa eliminada en todos os contextos sociais e económicos.[3] As feministas radicais buscan abolir o patriarcado desafiando as normas e institucións sociais existentes, máis que a través dun proceso puramente político. Isto inclúe a eliminación da noción tradicional dos roles de xénero, a oposición da cousificación sexual das mulleres e a sensibilización da poboación sobre cuestións como a violación e a violencia contra a muller.
O feminismo radical temperán, cuxas orixes pódense situar na segunda onda feminista dos 60,[4] consideraba o patriarcado como un «fenómeno transhistórico»[5] anterior e máis profundo ca outras fontes de opresión, «non só o xeito máis antigo e máis universal de dominación, senón a forma primaria»[6] e o modelo para todos os demais.[6] Máis tarde, a política derivada do feminismo radical variou dende o feminismo cultural[3] ata a política máis sincrética que relacionou as cuestións de clase, economía etc. co patriarcado, todas elas fontes de opresión.[7]
As feministas radicais localizan a raíz da causa da opresión das mulleres nas relacións patriarcais de xénero, en oposición aos sistemas legais (como o feminismo liberal) ou á loita de clases (como no feminismo anarquista, o feminismo socialista e o feminismo marxista).
Movemento
Raíces
A ideoloxía do feminismo radical nos Estados Unidos desenvolveuse como unha compoñente do movemento de liberación das mulleres. Este medrou en gran parte debido á influencia do movemento dos dereitos civís que gañou pulo na década de 1960 e moitas das mulleres que tomaran a causa do feminismo radical tiñan experiencia previa en prostestas contra o racismo. Cronoloxicamente, o movemento pode ser visto no contexto da segunda onda do feminismo que comezou a principios da década de 1960.[8] As principais figuras e as pioneiras desta segunda onda do feminismo inclúen Shulamith Firestone, Kathie Sarachild, Ti-Grace Atkinson, Carol Hanisch e Judith Brown. Moitos grupos de mulleres locais no final dos anos sesenta, como Women's Liberation Front (WLF) da UCLA, ofreceron declaracións diplomáticas de ideoloxías do feminismo radical. A cofundadora do WLF da UCLA , Devra Weber, lembra: «... as feministas radicais opuxéronse ao patriarcado, mais non necesariamente ao capitalismo. No noso grupo, polo menos, elas opuxéronse ás chamadas loitas de liberación nacional dominadas por varóns».[9] «O feminismo radical tivo unha grande influencia no movemento das mulleres e xogou un papel importantísimo na formación da política feminista».[10]
Estas mulleres axudaron a asegura a ponte que traduciu a protesta radical pola igualdade racial á loita polos dereitos das mulleres. Ao presenciaren a discriminación e a opresión á cal estaba sometida a poboación negra, puideron gañar forza e motivación para facer o mesmo polas súas compañeiras. Avogaron pola causa e intercederon por unha variedade dos problemas que tiñan as mulleres, incluíndo o aborto, a Emenda de igualdade de dereitos, o acceso ao creto e ao soldo igualitario.
Notas
- ↑ Willis, Radical Feminism and Feminist Radicalism, p. 117.
- ↑ Puleo, Alicia. «Lo personal es político: el surgimiento del feminismo radical». Teoría feminista: de la Ilustración a la Globalización. Amorós, Celia Y de Miguel, Ana (Eds.).
- ↑ 3,0 3,1 (Willis 1984, p. 117)
- ↑ (Willis 1984, p. 118)
- ↑ (Willis 1984, p. 122)
- ↑ 6,0 6,1 (Willis 1984, p. 123)
- ↑ (Willis 1984, p. 141)
- ↑ Sarah Gamble, ed. The Routledge companion to feminism and postfeminism (2001) p. 25.
- ↑ Linden-Ward & Green, p. 418.
- ↑ (Willis 1984, p. xi).
Véxase tamén
Bibliografía
- Willis, Ellen, "Radical Feminism and Feminist Radicalism", 1984, collected in No More Nice Girls: Countercultural Essays, Wesleyan University Press, 1992, ISBN 0-8195-5250-X, pp. 117–150.
Ligazóns externas
- Redstockings Order original source material by radical feminsts from Redstockings of the Women's Liberation Movement. (en inglés)