Saltar ao contido

Abies

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A versión para imprimir xa non se actualiza e pode conter erros de renderizado. Actualice os marcadores do seu navegador e empregue mellor a función de impresión propia do navegador.
Abetos (xénero Abies)

Abeto coreano Abies koreana
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Pinophyta
Clase: Pinopsida
Orde: Pinales
Familia: Pinaceae
Xénero: Abies
Especies

Véxase texto

Abies é o xénero que acolle as diferentes especies de coníferas chamadas comunmente abetos. Son árbores da familia Pinaceae, nativas de bosques temperados de Europa, Asia e América do Norte. Medran principalmente en bosques de coníferas.

A especie máis común en Europa é a pinabeta (Abies alba). En Galicia non existen especies naturais, atopándose soamente en xardíns e arboredos coma ornamentais.

Descrición

Son árbores altas que van dos 10 até os 80 m de altura. Distínguense doutros membros da familia dos piñeiros polas súas follas a xeito de agulla que fican unidas á póla por un pé que lembra a unha ventosa miúda e polos seus froitos: conos cilíndricos de entre 5 e 25 cm de longo, compactos, con escamas ou brácteas, que se erguen erectos sobre as pólas, agrupados preto da parte superior. Ao madurar, estes conos, a diferenza dos piñeiros, fican na árbore, ceibando os piñóns.

A identificación das especies baséase no tamaño e disposición das follas, o tamaño e forma dos conos e en se as brácteas dos mesmos son longas e estendidas ou curtas e agochadas dentro do cono.

Están estreitamente emparentados cos cedros.

Os abetos, de maneira xeral, posúen follas pequenas e aromáticas, e producen pole abundante durante o período de reprodución, o que pode causar alerxia respiratoria en individuos mais sensíbeis.

Usos

Plántanse coma fonte de madeira, e das súas follas extráense aceites esenciais para aromaterapia e farmacoloxía. Son igualmente bastante apreciados polo seu efecto decorativo e usados como protección contra o vento. Todos os anos, millóns de abetos son vendidos como árbores de Nadal. Polo xeral en Galicia adóitase usar máis o falso abeto (Picea abies).

Gran parte dos instrumentos de corda (violín, violoncelo e contrabaixo, por exemplo) utilizan tradicionalmente pau de abeto na súa parte superior (tampa harmónica) e nalgunhas partes localizadas no interior do instrumento, pois esta madeira confire unha característica peculiar de resonancia moi apreciada polos grandes mestres (luthiers), como Antonio Stradivari, Nicola Amati e moitos outros.

Especies por sección

O xénero comprende 55 especies, 33 das cales poden considerarse como primarias e as 22 restantes como secundarias ou talvez subespecies das anteriores.

O xénero Abies divídese nas seguintes 10 seccións:

Abies

Europa oriental, central e meridional, Asia Menor.

Amabilis

Rexións costeiras montañosas do Pacífico, América do Norte e o Xapón, en zonas montañosas altas e con precipitación elevada.

Balsamea

En rexións boreais, Asia e América do Norte, e zonas de alta montaña meridionais:

Conos xuvenís de Abies nordmanniana
Cono maduro de abeto e escamas desprendidas

Bracteata

Costa da California.

Grandis

Desde o oeste de América do Norte a México e Guatemala, en terras baixas no norte, e en altitudes medias no sur.

Momi

Asia oriental e central, Himalaia, xeralmente entre baixas e medias altitudes.

Nobilis

Oeste dos Estados Unidos, a grandes altitudes.

Oiamel

México, a grandes altitudes, nas montañas.

Piceaster

España meridional, noroeste de África.

Pseudopicea

Montañas do Himalaia, a grandes altitudes.