Saltar ao contido

Catarse

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 14 de decembro de 2018 ás 07:57 por HombreDHojalata (conversa | contribucións) (O riso como catarse)
(dif) ← Revisión máis antiga | Revisión actual (dif) | Revisión máis nova → (dif)


A catarse (do grego katarsis ou katharsis) é unha purga ou purificación da persoa.

Neste artigo preténdese mostrar a catarse non unicamente como termo lingüístico. A catarse ten profundas raíces antropolóxicas e a partir desas orixes, empregouna na medicina, a traxedia grega, e a psicanálise.

Orixe antropolóxica da catarse

[editar | editar a fonte]

En certos lugares practícase o xamanismo, que é un conxunto de crenzas e prácticas referentes aos xamáns. Os xamáns son considerados persoas dotadas de poderes espirituais para sandar aos enfermos etc. Un dos papeis que interpreta o xamán, é o de recolector e preparador das forzas benéficas que derrotarán ás forzas maléficas. A expulsión final do maléfico, frecuentemente vén acompañada dun simbolismo material. É así como o curandeiro exhibe un anaco de algodón ou un refugallo calquera, que pretende extraer do corpo do enfermo. O xamanismo ten analoxía con aquelas operacións rituais gregas onde o obxecto maléfico era extraído. Este obxecto extraído denominábano os gregos katharma, palabra que significa ademais vítima sacrificial humana. Ao katharma xamanista podémolo mirar como provocador da enfermidade que pode levar á morte; neste sentido, é o provocador da crise. Mentres a curación vén ser a expulsión de impurezas, unhas veces espirituais (coma os malos espíritos) e outras materiais (coma o obxecto xamánico).

Con estes antecedentes, podemos situar agora a palabra katharsis. Segundo o filósofo René Girard, esta palabra significa en primeiro lugar o beneficio que a cidade obtiña da eliminación do katharma. Antes de ser executado, o katharma era paseado polas rúas da cidade, para que atraese sobre si tódolos malos xermes, e evacualos.

Pódese afirmar que Girard concibe o termo catarse como categoría ou concepto que se refire a expulsión. A categoría de expulsión susténtase na hipótese antropolóxica de que, cando as comunidades arcaicas entraban en crises exteriores se volvían violentas, expulsando así ao suposto causante da desorde. Así a todo, dito culpable frecuentemente era acusado inxustamente, é dicir viña ser un chibo expiatorio. Por outra banda, dita expulsión que exerceron as comunidades primitivas, seguiríase efectuando ao longo da historia, ata na nosa Idade Contemporánea, pero con matices e formas de presentarse distintas.

A catarse e a traxedia grega

[editar | editar a fonte]

O termo katharsis tamén o atopamos na traxedia grega. Na Poética de Aristóteles emprégase esta palabra para designar o efecto que exerce a traxedia nos espectadores. A traxedia, co recurso á piedade e ao terror, logra a expurgación de tales paixóns.

Katharsis en Aristóteles, é a purificación psicolóxica polo terror e a piedade.

Noutras palabras, o espectáculo (traxedia) debe producir nos espectadores, sensacións de compaixón e terror, que os purifique destas emocións, a fin de que saian do teatro sentíndose limpos e elevados, cunha alta comprensión dos camiños dos homes e dos deuses.

O termo grego phobos tradúcese como terror, medo, pánico, espanto. O termo grego eleos como misericordia, compaixón, piedade. Unhas veces tradúcese ao galego phobos como terror mentres que noutras obras se atopa como temor. Para eleos, unhas obras empregan compaixón, mentres outras piedade.

En canto ás características destas emocións, temos que, segundo Aristóteles, a piedade ou compaixón é unha paixón penosa suscitada pola dor ou o sufrimento doutro. Xa que logo, require pensar que esoutro está padecendo realmente, e ademais, que o seu sufrimento é grave. Ademais, este sentimento precisa a opinión de que a persoa non merecía o sufrimento. Aristóteles sinala que a piedade garda unha estreita relación coa crenza de que un é tamén vulnerable. En definitiva, require unha comunidade de sentimentos e a opinión de que se pode padecer un mal similar ao que padece quen suscita a nosa piedade. O terror atópase relacionado intimamente coa piedade. En definitiva, o que nos suscita piedade é o que tememos que podería ocorrernos a nós mesmos. E posto que a piedade esixe percibir a propia vulnerabilidade e a semellanza co que sofre, piedade e terror experiméntanse case sempre xuntos.

O terror e a piedade son dous afectos, forman os extremos na cadea sentimental humana. Trátase do terror ante o espantoso, e a piedade ante o miserable. O terror experiméntase ante potencias que poden dispoñer da nosa vida, sen defensa posible pola nosa banda. Este sería un extremo superior dos afectos. Un extremo inferior dos afectos corresponde á piedade ante a miseria, que sobrevén ao caer en conta de que por ser semellantes ao desgraciado pódenos sobrevir o que a el lle está pasando. A semellanza constitúe o fundamento do extremo inferior (a piedade); mentres o extremo superior (o terror) vén dado polo abismo da diferenza existente entre o individuo e potencias que o rebordan e non pode controlar.

A katharsis como purgación ou purificación, consiste na liberación do peso dunha realidade que se nos está volvendo pesada. Tales realidades pesadas poden pertencer a distintas ordes: fisiolóxica, emocional etc. Os pesados pesos na orde da realidade constitúen o totalmente diferente, que nos excede (absoluto) e o semellante (natural), que no plano dos sentimentos, poden percibirse como terror e piedade. Polo que é necesario unha purgación que nos libere deles non en canto tales, senón en canto pesados pesos. E a obra de arte, mediante accións de reprodución imitativa (como se dá na obra de teatro) ha de conseguir en nós tal efecto.

A catarse e a medicina

[editar | editar a fonte]

Un remedio catártico produce a evacuación de humores ou materias que son consideradas como nocivas. Usualmente o remedio é frecuentemente concibido coma se participase da mesma natureza có mal que provocou a enfermidade, de tal xeito que se agrava o malestar, provocando unha crise saudable da que xurdirá a curación. En definitiva, atopámonos con que a crise chega ó seu paroxismo, para finalmente provocar a expulsión dos axentes patóxenos xunto co que serviu como remedio.

Segundo René Girard na práctica medicinal actual este mecanismo séguese efectuando e resulta eficaz. Podémolo ver con máis claridade no caso das vacinas e a inmunización. A intervención médica inocula ou transmite un algo da enfermidade, para que o organismo estea san ou en orde, do mesmo xeito, os ritos nas comunidades primitivas inxectaban algo de violencia precisamente para que a comunidade non caese en crises violentas. As revacinacións ou reforzos corresponderían a novos modos de protección ritual - sacrificial. Noutras palabras, atopámonos cun pensamento científico que lonxe de ser orixinal, vén ser fillo do pensamento arcaico.

A catarse e a psicanálise

[editar | editar a fonte]

A terapia catártica ou método catártico consiste en que o efecto terapéutico buscado é unha purga, unha descarga adecuada dos efectos patóxenos. A cura permite ao suxeito evocar e ata revivir os acontecementos traumáticos aos que se achan ligados devanditos afectos, e lograr a descarga destes polas vías normais, como o pranto.

O riso como catarse

[editar | editar a fonte]

Máis aló da comedia que nos fai rir, de xeito xeral o riso é unha catarse por canto vén ser unha forma de expulsión ou evacuación moi común e natural. Unha persoa ri porque dun ou doutro xeito sente que existe unha ameaza á súa capacidade de controlar o seu ambiente e ás persoas que están nel, e ata a súa capacidade de controlar os seus propios pensamentos e os seus propios desexos. Pero pola contra, non rirá se dita ameaza faise moi real. Deste xeito, as condicións da risa son contradictorias. Girard afirma que a ameaza debe ser por unha banda, abafadora e, pola outra, equivaler á nada. En definitiva, para poder rir, debemos estar arriba malia atoparnos constantemente ameazados por quedar abaixo.

Para poder rir é necesaria unha suficiente separación respecto ao obxecto da nosa risa. Esta separación preséntase de distintos xeitos: pode ser a separación do escenario no caso da comedia, ou a separación que brindan os costumes estranxeiros, ou o remoto pasado. Esta separación permítenos rir con impunidade e abandono, permite ademais sentirnos diferenciados daquela vítima de sacrificio que non é outra cousa que a vítima do noso rir.

Así a todo, hai casos en que non hai ningunha vítima de sacrificio que suscite a gargallada e poña a debida distancia entre nós mesmos e as forzas interpersoais que nos ameazan. Este é o caso no cal nós mesmos somos o obxecto principal da nosa diversión. Girard refírese a aquela risa especialmente física, producida por perigos apenas aludidos, por accidentes aos que se escapou por un pelo, por curvas pechadas tomadas a velocidades superiores ao que permitiría a prudencia. Pero ademais temos o caso no cal nós somos obxecto do noso humor cando nos enfrontamos a perigos simulados; é dicir cando o perigo é reproducido con gran realismo, pero á vez cun alto grao de seguridade, como nos parques de diversións.

O riso, na praxe moderna é socialmente máis aceptado có pranto, é dicir, rir é a única forma socialmente aceptable de catarse. Así a todo, a diferenza entrambos non é de esencia, senón só de grao. Malia iso, contrario ao sentido común, temos un elemento crítico máis agudo no riso antes ca no choro porque o riso máis do que ás bágoas parece achegarse a un paroxismo que se resolve en verdadeiras convulsións, unha experiencia crítica de rexeitamento e de expulsión.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • GIRARD, René, La violencia y lo sagrado, Ediciones de la Biblioteca de la Universidad Central de Venezuela, Caracas, 1975.
  • GIRARD, René, Literatura, mímesis y antropología, Gedisa, Barcelona, 1984.
  • GIRARD, René, Shakespeare. Los fuegos de la envidia, Barcelona, 1995.
  • ARISTÓTELES, Politeia, Tradución de Manuel Briceño Jáuregui, S.I., Caro y Cuervo, Bogotá, 1989
  • ARISTÓTELES, Poética, Versión, introducción y notas de Juan David García, Universidad Nacional Autónoma de México, México, 1946.
  • LAPLANCHE, Jean – BERTRAND, Jean, Diccionario de psicoanálisis, Labor, Barcelona, 1981.
  • McLEISH, Kenneth, Aristóteles. La poética de Aristóteles, Norma, Bogotá, 1999.
  • NUSSBAUM, Martha, La fragilidad del bien. Fortuna y ética en la tragedia y la filosofía griega, Visor. Dis., S.A., 1995.
  • Diccionario Griego – Español, Editorial Bibliográfica Española, Madrid, 1945.