Socotra
Socotra | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Localización | |||||
[[]] | |||||
Datos | |||||
Capital | Hadiboh | ||||
País | Iemen | ||||
Linguas | |||||
Poboación (2004) | 80.000 hab. | ||||
Superficie | 3.625 km² | ||||
Densidade | |||||
Concellos | |||||
Coordenadas | 12°29′20.97″N 53°54′25.73″L / 12.4891583, -53.9071472 | ||||
Maior Altura | 1.503 m. Monte sen nome nas montañas Haghier |
Socotra ou Socotora (en árabe سقطرى Suquṭra) é un pequeno arquipélago formado por catro illas no Océano Índico, fronte ás costas do Corno de África, a 250 km ao Leste do cabo Guardafui e a uns 350 km ao Sueste das costas de Iemen, que administra Socotra en nome do Sultanato de Mahra e Socotra.
O arquipélago consiste nunha illa montañosa principal, Socotra (3.625 km²) e tres illas máis pequenas, coñecidas colectivamente como "Os Irmáns", Abd Al Kuri, Samha, Darsa, máis outros pequenos illotes deshabitados. Abd Al Kuri e Samha suman unha poboación duns poucos centos de persoas, mentres que Darsa está deshabitada. A principal cidade é Hadiboh (43.000 habitantes en 2004).
O clima en xeral é desértico tropical, con poucas choivas, concentradas no inverno e máis abundantes a maior altura que nas zonas costeiras. Socotra ten tres tipos de terreos principalmente: estreitas planicies costeiras, unha meseta de pedra calcaria con covas kársticas e as montañas Haghier. O clima é fortemente monzónico, de xuño a setembro tradicionalmente a illa era inaccesible por mor dos fortes ventos e a forte ondaxe. En xullo de 1999 un novo aeroporto permitiu o acceso a Socotra durante todo o ano.
Socotra é un das illas de orixe continental máis illadas do mundo, separándose probablemente de África como unha falla durante o Plioceno medio, no mesmo conxunto de eventos que abriu o Golfo de Adén cara ao noroeste. O longo illamento xeolóxico do arquipélago e a intensa calor e falta de auga combináronse para dar lugar a unha interesante flora endémica que é moi vulnerable aos cambios; polo menos un terzo das 800 plantas que se atopan en Socotra son endémicas. Os botánicos sitúan á flora de Socotra entre as dez que máis perigo de desaparición corren no mundo. Unha das plantas máis estrañas de Socotra é o Dracaena cinnabari, unha árbore de estraña aparencia con forma de paraugas. A súa savia, de cor vermella, era buscada na antigüidade para ser usada como medicamento ou tinguidura.
Do mesmo xeito que ocorre con outras illas illadas, os morcegos son os únicos mamíferos nativos da illa. Como contraste, a diversidade mariña é moi grande, e caracterízase pola presenza de especies orixinarias das rexións biolóxicas próximas, o Océano Índico occidental e o Mar Vermello.
A maioría dos habitantes da illa viven aínda sen electricidade, auga corrente ou estradas pavimentadas. A finais dos anos 90, desenvolveuse un Programa de Nacións Unidas para o Desenvolvemento dedicado á illa. Os habitantes de Socotra crían gando e cabras. Nas illas fálase un idioma semítico propio, o soqotri, que está relacionado con outros idiomas da península Arábiga como o Mehri.
Historia
Socotra aparece como Dioskouridou (en alusión a Dioscúrides) nunha axuda á navegación, o Periplo polo Mar Eritreo, do século I. Nas notas da tradución que do mesmo fixese G.W.B. Huntingford, remarca que o nome de Socotra non é de orixe grega, senón que procede do sánscrito dvipa sukhadhara ("illa da felicidade"). Escribiuse que Alexandre o Grande conquistou a illa de Socotra porque nela había gran cantidade de aloes que servirían para a curación de feridas e enfermidades dos seus soldados durante as campañas, aínda que isto non está do todo demostrado. Unha lenda local conta que os habitantes foron convertidos ao cristianismo polo apóstolo Tomé no ano 52. No século X, o xeógrafo árabe Abu Zaid Hassan comentou que a maioría dos habitantes das illas eran cristiáns.
O explorador Tristán da Cunha desembarcou nas illas a comezos do século XVI e considerou a Socotra conquistada por Portugal. Naquel tempo o cristianismo desaparecera das illas excepto por unhas cruces de pedra que Álvares dixo que a xente adoraba. Con todo, durante unha visita á illa por parte de Francisco Xavier, este atopou un grupo de persoas que se declaraban ser os descendentes dos convertidos por Santo Tomás.
As illas pasaron a estar baixo o control dos sultáns Mahra en 1511 ata que pasaron a ser un protectorado británico en 1886 debido á súa posición estratéxica, controlando o estreito de Adén. Coa independencia de Iemen en 1967, as illas pasaron á súa soberanía.