Na mitoloxía grega, os centauros (en grego Κένταυρος Kéntauros, «matador de touros», «cen fortes», plural Κένταυροι Kéntauroi; en latín Centaurus/Centauri) son unha raza de seres co torso e cabeza de humano e o corpo de cabalo. Vivían nas montañas de Tesalia e eran fillos de Ixión e Néfele, a nube de chuvia. Alternativamente, considerábanse fillos de Kentauros (o fillo de Ixión e Nefele) e algunhas eguas magnesias, ou de Apolo e Hebe. Ás veces cóntase que Ixión planeaba manter relacións sexuais con Hera, pero Zeus, o seu marido, evitouno moldeando unha nube coa forma de Hera. Posto que Ixión é normalmente considerado o devanceiro dos centauros, pode facerse referencia a eles poeticamente como Ixiónidas.

Centauro, no Museo Catedralicio da Catedral de Ourense

Características

editar
 
Centauro loitando contra un lápita (detalle do Partenón, hoxe no Museo Británico, Londres)

Os centauros son coñecidos pola loita que mantiveron cos lápitas, provocada polo seu intento de raptar a Hipodamía o día da súa voda con Pirítoo, rei dos lápitas e tamén fillo de Ixión. A batalla entre uns e outros é unha metáfora do conflito entre os baixos instintos e o comportamento civilizado na humanidade, coa vitoria deste último. Teseo, un heroe e fundador de cidades que estaba presente, axudou a Pirítoo e ós lápitas e inclinou a balanza do lado da orde correcta das cousas. Moitos centauros morreron e o resto fuxiu (Plutarco, Teseo, 30; Ovidio, Metamorfoses XII. 210-458; Diodoro Siculo IV. 69, 70).

"Porque a ti, o máis bestial dos bestiais centauros, Éurito, ardíate o corazón tanto polo viño como pola visión da noiva, e reinaba unha embriaguez que duplicaba a luxuria. De socato... a acabada de casar é raptada pola forza, agarrada polos cabelos. Éurito colle a Hipódame; os demais, a que cada un gustaba ou podía... Por azar había alí preto unha antiga crátera con altos relevos; lévántaa o fillo de Exeo [é dicir, Teseo] , erguéndose máis enorme do que de por si era, e lánzaa contra o rostro do seu adversario. Este, vomitando pola ferida e pola boca callóns de sangue, miolos e viño, de costas sobre a area enchoupada, pateaba".
(Ovidio: Metamorfosis XII 219-239)

Escenas da batalla entre os lápitas e os centauros foron esculpidas en baixorrelevos no friso do Partenón, que estaba dedicado á deusa Atenea. So esta roupaxe, Fidias, o autor dos relevos, simbolizaba as aínda recentes guerras entre os gregos e os persas, entre civilizados e bárbaros.

O centauro aparece na iconografía cristiá como unha besta infernal, tentadora de doncelas. Ás veces aparece baixo a forma de onocentauro, mestura de home e burro con esaxerados atributos sexuais.

Centauros famosos

editar

Interpretación

editar
 
Centauro (sarcófago romano, ca. 230)

Se exceptuamos Folo e Quirón (a súa orixe é diferente da dos outros), os centauros simbolizaban para os gregos os apetitos animais (concupiscencia e ebriedade son riscos típicos deles). Así o combate seu contra os lápitas pode ser interpretado como unha parábola do enfrontamento dos estados civilizado e salvaxe.

A orixe da súa creación explícase polo xeral así: o cabalo foi introducido na Grecia antiga desde o século XVI a.C, mais só era utilizado entón como besta de tiro; os centauros representarían entón, nas lendas da Idade heroica, os primeiros xinetes. Porén, pola súa vez, o xinete, o cabaleiro, que domina forzas primixenias pola súa acción, oponse, simbolicamente, aos centauros que están dominados polos instintos.

  1. Ovidio: Metamorfosis XII, 337.
  2. Ovidio: Metamorfosis XII, 335.

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar