Academia.eduAcademia.edu

Importancia del pensamiento gallego baliñano en la socio-hermenéutica multidimensional

2016, Madrygal. Revista de Estudios Gallegos

ARTIGOS Madrygal. Revista de Estudios Gallegos ISSN: 1138-9664 http://dx.doi.org/10.5209/MADR.53985 Importancia do pensamento galego baliñano na socio-hermenéutica multidimensional1 Juan R. Coca2 Recibido: 23 de agosto de 2015 / Aceptado: 12 de setembro de 2016 Resumo. O pensamento galego ten sido moi frutífero no estudo do cotián e da intimidade. Un dos pensadores galegos que traballaron estes elementos foi Carlos Baliñas. Este autor propuxo unha hermenéutica que, ao meu xuízo, pódese chamar como cotián-conversacional. Esta teoría ten como principal interese o estudo dos primordios de significación. A proposta de Baliñas ten interese social enraizada na socio-hermenéutica multidimensional. Palabras chave: Hermenéutica; Carlos Baliñas; persoa; conversación; pensamento galego; sociedade. [es] Importancia del pensamiento gallego baliñano en la socio-hermenéutica multidimensional Resumen. El pensamiento gallego ha sido muy fructífero en el estudio de lo cotidiano y de la intimidad. Uno de los pensadores gallegos que trabajaron estos elementos fue Carlos Baliñas. Este autor propuso una hermenéutica que, a mi juicio, se puede llamar como cotidiano-conversacional. Esta teoría tiene como principal interés el estudio de los primordios de significación. La propuesta de Baliñas tiene interés social enraizada en la socio-hermenéutica multidimensional. Palabras clave: Hermenéutica; Baliñas, persona, conversación, pensamiento gallego, sociedad. [en] The Importance of Galician Thinking: a Multi-dimensional Hermeneutic Perspective Abstract. Galician thinking has been very fruitful in the studies of intimacy and of the quotidian. A Galician thinker who gave much thought to these concepts was Carlos Baliñas. He proposed a hermeneutic theory that, in my judgement, can be understood as quotidian-conversational. This theory aims to study the origin of significance. Baliñas’s proposition has a social interest which is well rooted in a multi-dimensional hermeneutic perspective. Keywords: Hermeneutic; Carlos Baliñas; Person; Conversation; Galician Thinking; Society. Sumario. 1. Introdución. 2. A hermenéutica de Baliñas.3. A hermenéutica baliñana como teoría galega. 4. Unha sociohermenéutica con espírito galego. 5. Conclusións. 6. Referencias bibliográficas. Como citar: Coca, J. R. (2016): “Importancia do pensamento galego baliñano na socio-hermenéutica multidimensional”, en Madrygal. Revista de Estudios Gallegos 19, 25-32. 1 2 Parte da información contida neste traballo está enmarcada no proxecto Hermenéutica analógica y sociedad. Responsabilidad por la justicia (PAPIIT IN401416, Programa de Apoyo a Proyectos de Investigación e Innovación Tecnológica). Universidad Nacional Autónoma de México (2016-2018). Universidad de Valladolid, Departamento de Sociología y Trabajo Social, GIR Trans-REAL lab. E-mail: [email protected] Madrygal (Madrid) 19 2016: 25-32 25 26 1. Introdución O pensamento galego rexurdido ten grandes posibilidades de ser útil para o pensamento actual e, concretamente, para a socioloxía hermenéutica. É ben sabido que a hermenéutica non foi estudada en Galicia, fundamentalmente, ata que o autor central do noso traballo, Carlos Baliñas, comezou o desenvolvemento desta proposta. Ao ser un dos grandes hermeneutas galegos centrarémonos no seu pensamento neste eido concreto e farémolo dialogar cos estudosos senlleiros de Galicia; por outra parte, tamén analizaremos a posibilidade que ofrece o seu pensamento para a socioloxía actual. Carlos Amable Baliñas Fernández (1930) é un pensador galego que desenvolveu o que poder ser chamado como unha hermenéutica peculiar, se nos fixamos na meirande parte das propostas hermenéuticas que tiveron certo calado. Exerceu a docencia superior na Universitat de Barcelona e na Central de Madrid (actualmente denominada Complutense de Madrid) para, finalmente, entrar a formar parte da Universidade de Santiago de Compostela. Nesta institución foi quen de poñer en marcha a Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación, sendo decano dela durante un bo número de anos. No ano 2000 recibiu a Medalla Castelao, que é un dos máximos galardóns que outorga o Goberno Galego. A obra de Baliñas achégase a un grande conxunto de temáticas (Baliñas 1965, 1968, 1977, 1987a e 1991). Dentro do seu traballo cobra especial interese as súas achegas sobre o pensamento galego, chegando a se converter nunha das principais referencias galegas neste eido. Os traballos hermenéuticos publicados, ou próximos a esta perspectiva, suscitan un grande atractivo para os investigadores sociais polas súas posibilidades. O profesor Baliñas non ten publicado un texto hermenéutico ao estilo de Gadamer, por exemplo. Este autor –permítaseme certa ironía– cumpre o canon dos grandes do pensamento galego, os cales foron desenvolvendo o seu pensamento nun conxunto de artigos esparexidos por diversas obras colectivas e artigos. Por outra banda o traballo baliñano tamén deixa patente o influxo do “espírito galego” ao centrar o seu interese na vida cotiá e amosar unha ollada intuitiva da hermenéutica. Algo que, ata el, só fora esbozado por outros autores. A hermenéutica de Baliñas busca coñecer o mundo do cotián, de aí a súa importancia social. Coca, J. R. Madrygal (Madrid) 19 2016: 25-32 É dicir, ao tomar como centro do seu interese iso que nos fai máis persoas, o cotián, termina sendo unha reivindicación do vivencial e do experiencial. O noso pensador, tal como amosa Agís Villaverde (2015: 70), asume o reto de traballar doutro xeito, xa que as imaxes, as metáforas e os símbolos se van converter nun elemento central no traballo baliñano. Baliñas é quen de chegar a este nivel de fondura analítica grazas ao estudo sistemático do que el denomina como primordios de sentido. De facto, nun traballo que fixo sobre Unamuno, Azorín e Valle-Inclán (Baliñas 1998), afirma o seguinte: Intentouse sacar á luz os contextos tácitos, o que non se ve cando a lúa está en cuarto crecente ou en cuarto minguante e que, non obstante, temos en conta, porque soamente en función do plenilunio ten sentido dicir que medra ou mingua. As vivencias, como os datos inmediatos, como os axiomas, son intuicións, non metáforas, pero acabamos de comprobar que as do tempo veñen asociadas con outras doutros campos, e en elo consiste a metáfora. O método elixido permitiunos caer na conta dalgunhas desas asociacións metafóricas, tras das cales residen e actúan primordios de sentido. Conscientemente ordeamos a heteroxeneidade do ser –a nebulosa dos entes, a diáspora da variedade– segundo causas e fins, pero nosa mente tamén traballa pola súa conta segundo afinidades e similitudes. Ela, espontaneamente e máis acá da conciencia (inconscientemente). Analizando os textos con outro enfoque quedaron á vista algunhas asociacións mentais a incorporar ao tesouro de metáforas e símbolos universais. (Baliñas 1998: 242) Por outro lado, o autor do traballo que o lector ten nas súas mans ten feito unha proposta hermenéutica que tamén ten sido algo peculiar: a socio­hermenéutica multidimensional. Este enfoque hermenéutico preséntase como unha estratexia metodolóxica para os estudos e as investigacións en ciencias sociais e, concretamente, en socioloxía. A socio-hermenéutica multidimensional é, como explicaremos no seu momento, unha reivindicación do ámbito da persoa na sociedade. De aí que sexa necesaria unha recuperación daquilo que xera a actividade social a nivel interno. Para iso precisamos das posibilidades que nos ofrece a proposta baliñana. O obxectivo deste artigo é o de implementar a proposta da socio-hermenéutica multidimensional grazas a un estudo documental dalgúns elementos da hermenéutica de Carlos Baliñas. Amais diso tamén se analiza o carácter Coca, J. R. Madrygal (Madrid) 19 2016: 25-32 interno de ámbalas duas propostas, a hermenéutica baliñana e a socio-hermenéutica multidimensional, para saber se poden entrar dentro do que o firmante deste artigo considera como pensamento galego. 2. A hermenéutica de Baliñas Como dixemos antes, o noso filósofo ten pensado e escrito moito sobre Amor Ruibal (Baliñas 1964), Otero Pedrayo (1991), Rosalía de Castro (1987a), etc. Foi na súa última etapa, segundo a clasificación de Agís Villaverde (2015), onde cobra forma a súa proposta hermenéutica que é a que nos preocupa neste artigo. Neste traballo, polo tanto, non vou facer unha presentación exhaustiva de todo o seu pensamento. O obxectivo último e fornecer a socio­hermenéutica multidimensional e facela dialogar con outras propostas teóricas, polo que só me vou ocupar de aqueles aspectos do traballo de Baliñas que son relevantes para iso. Así pois, insisto, este artigo non debe ser lido como un estudo sobre a obra de Carlos Amable Baliñas, senón como un diálogo teórico entre a socio-hermenéutica multidimensional e o traballo deste grande pensador galego. Baliñas (2006), en certo xeito, recoñécese a si propio como conversador, ao tempo que afirma que a propia hermenéutica é o que poderiamos denominar como unha teoría baseada na conversa. Esta idea tan sinxela ten un enorme potencial sociolóxico. Tanto é así que Jesús Ibáñez (1994) considera que a entrevista en profundidade (unha metodoloxía social tradicional) está mais próxima á idea de conversa que á idea de entrevista. A hermenéutica vén tendo unha característica de elite xa que só aquelas persoas que teñen o código, as ferramentas e a posibilidade de se achegar aos textos que van ser interpretados, son quen de levar a termo a devandita actividade hermenéutica. En troques, Baliñas propón un enfoque hermenéutico moito máis cotián. A teoría da conversa é a filosofía de toda persoa, dende o que sabe moito dun determinado tema ata o campesiño. Neste xusto punto é onde se pode localizar non só a hermenéutica senón todo o coñecemento: na humildade dunha conversa. Baliñas semella ser debedor do pensamento de Ramón Piñeiro, quen afirma que a persoa coñece a través dos sentimentos. De aí que “fronte á categoría de obxectividade xorde agora a de intimidade. (...) Ora, a intimidade non se acada co pensamento racional; acádase 27 soamente co sentimento” (Piñeiro 2001: 19). Ao meu xuízo esta idea concorda coa seguinte afirmación: Trátase de por de relevo algo ata o de agora desdeñado e sacalo á luz se está oculto: cousas tales como ríos, cuños, luz, edificar, esculpir, o aire que se inspira e expira, músculos que se tenden e distenden, costas en desenvolvemento, saltos e chanzos de escadas, subir e baixar, sono e espertar, angustias ou náuseas, camiños que levan ou non levan a ningunha parte... (Baliñas 1986: 169) Anos máis tarde (1994) establece os rudimentos dun método de traballo hermenéutico baseado no pensamento de Platón e no pensamento icónico de Charles Sanders Peirce, e desenvolve a denominación de Primordios para as categorías básicas do mundo da experiencia cotián que condiciona as teorías de cada autor. Delimita entón tres conceptos fundamentais para a súa hermenéutica: as arquevivencias, as arquepercepcións e as ortofiguras. As arquevivencias serán aquelas que fan referencia ás vivencias do suxeito, as arquepercepcións teñen a ver co feito cotián de que a persoa habita nun determinado eido perceptivo, e as ortofiguras, finalmente, fan mención do modelo que cada un de nós desexamos ser. En definitiva, as arquevivencias, as arquepercepcións e as ortofiguras sentan as bases imaxinarias (propias e alleas) das teorías dos diversos autores. Baliñas, así pois, fai o que pode ser denominado como unha teoría do coñecemento de segundo orde, unha metafilosofía. Agora ben, se consideramos –xunto con Piñeiro– que en toda persoa existe una teoría da súa vida en solitario e cos demais, entón esta proposta teórica achega as ferramentas fundamentais para poder estudar os elementos sociais que condiciona a vida das persoas da sociedade obxecto de estudo. Pese ao que temos dito, é importante salientar que nun traballo feito por Baliñas (2000) sobre a Xeración Nós racha coa concepción ideolóxica nacionalista de Piñeiro e os seus compañeiros de galeguismo. A este respecto cómpre subliñar as seguintes palabras do filósofo galego: Por eso, os dados a examinar pros e contras do nacionalismo, sempre teremos motivo para facer algunhas preguntas. Afirmarse implica ineludiblemente afirmarse contra alguén o contra algunha situación. O nacionalismo ¿non 28 Coca, J. R. Madrygal (Madrid) 19 2016: 25-32 promove as disensións? ¿non vai contra a solidariedade? Cando en todo se vai cara a sociedade planetaria, ¿non van os nacionalistas a contra pe? Segunda: hai cousas como a ciencia, a filosofía, o arte, a moral, os dereitos humáns, que son comúns a tódolos pobos, que son obrigas e dereitos nos que non caben diferencias. ¿Cómo compaxinar diferencialismo con universalidade? Terceira: os nacionalistas proponen que a cultura universal sea a suma das contribucións peculiares de cada cultura, pero se cada etnia debe cultivar as suas diferencias culturáis, eso significaría deixar a outros aqueles temas que non de ninguén en particular. Se os galegos componen muiñeiras e os cataláns sardanas, ¿quén compoñerá a Novena Sinfonía? (Baliñas 2000: 324) Baliñas arrédase, a través desta afirmación, do pensamento galego de Risco, Otero Pedrayo, Piñeiro ou Castelao. Porén, ao meu xuízo, é obvio que a proposta hermenéutica de Baliñas ten os mesmos alicerces teóricos que o pensamento galego. De facto, no seguinte apartado tentarei amosar –partindo do dito ata aquí– que a teoría de Baliñas é fondamente galega e pode ser defendida como tal. Amais diso, a súa teoría do cotián amosa elementos da denominada epistemoloxía galega (Coca 2016) e ten unha enorme aplicabilidade do eido sociolóxico. A teoría primordial (cotián-conversacional) de Baliñas está relacionado coa proposta sociolóxica de Jesús Ibáñez, tal e como amosa Espina Prieto (2007), ao afirmar que a conversa implica unha relación simétrica, así como operación reversibles de tipo multicanal. Entón, a perspectiva “primordial” baliñana, igual que a perspectiva sociolóxica conversacional, ten un pouso crítico nodal, xa que o exercicio do poder impide levar a termo unha conversa real. Isto, coido, é o que fai a Baliñas ao “loitar” coas ideoloxías e afondar no cotián para, dende alí, estruturar una nova praxe epistémica: A vida cotiá foi ata o de agora a grande esquecida: como a esposa á que se esquece porque é a de tódolos días. E, poren, analizándoa, topamos que ten tamén estrutura, igual ca realidade científica, inda que segundo outro criterio. Tamén na vida cotiá temos organizadas as cousas, aínda que na vida cotiá temos organizadas as cousas, pero segundo outros criterios que o da ciencia. O que acontece é que, como esa organización é práctica, non facemos teoría dela, simplemente a empregamos. (Baliñas 2008: 19) En liña con isto, Jesús Ibáñez desenvolve unha perspectiva complexa da socioloxía a través da súa socioanálise. El asume que a perspectiva conversacional é a que manifesta tódalas dimensións da situación estudada tanto en extensión como en intensidade (Ibáñez 1985: 231). Alén disto, expón (Ibáñez 1994) que a socioloxía clásica está estreitamente relacionada tamén coa conversación como artefacto metodolóxico. Por mor disto Ibáñez considera que a entrevista cualitativa é a metodoloxía conversacional por excelencia. A nosa perspectiva difire da de Ibáñez, xa que –coincidindo con Baliñas e con outros teóricos como Ricoeur (2008), Beuchot (2009) ou Beltrán (2003), que fan unha proposta hermenéutica con un claro espírito prudencial e mesurado do coñecemento social– para min será a hermenéutica o enfoque “radical” que nos vai permitir interpretar (Auslegung) e comprender (Verstehen) fondamente a realidade social na que vivimos. Como é evidente, Ibáñez asume que a entrevista é o campo onde somos quen de obter os datos para a nosa análise social. Ora ben, a hermenéutica baliñana estuda non o que se di a través da linguaxe, senón do que está dicindo a linguaxe mesma. Para iso emprega, como xa dixemos, os primordios como “lugares comúns” onde conflúe a mente humana para expresar una serie de ideas básicas (Baliñas 2008). Esta concepción universalista da mente das persoa permítelle a Baliñas falar da existencia dunhas metáforas fundamentais no pensamento humano. De facto, para el algún destes primordios son tamén elementos da linguaxe-sinal e exercen de símbolos no pensamento relixioso e mitolóxico. Esta hermenéutica universalista e, en parte, univocista que defende Baliñas semella colidir co pensamento relativista e propio da interculturalidade. Porén, é preciso lembrar o senso comúm do que fala un dos grandes teóricos da posmodernidade, do pensamento dende o Sur e da altermodernidade: Boaventura de Sousa Santos (2009). Este sociólogo luso entende o senso común como elemento crítico do para­ digma dominante e como piar dunha teoría crítica da sociedade. Santos avoga por un senso emancipador e crítico enraizado na poboación, que deixe atrás o colonialismo, as relacións verticais e o egoísmo, para construír un senso común triangular. Digo triangular posto que Santos considera que este ten tres dimensións: Coca, J. R. Madrygal (Madrid) 19 2016: 25-32 a ética, desenvolvida na solidariedade; a política, que se materializa nun incremento da participación cidadá; e, por último, a dimensión estética, referida ao pracer. Baliñas non chega a amosar dun xeito tan rotundo esta perspectiva crítica nos seus textos, inda que é consciente de que a súa hermenéutica do cotián permite incrementar, do mesmo xeito, o exposto por Santos, ao coñecemento propio e á sabedoría da vida. Deste modo somos quen de incrementar a nosa prudencia grazas a este saber experiencial. Ora ben, o galego amosa unha teoría moito máis racionalista e moderna co portugués, quen se pode definir como posmoderno. Isto non quere dicir que Baliñas non sexa crítico con determinados aspectos provenientes do pensamento científico e considere, precisamente, que o rexeitamento das metáforas nas ciencias signifique un elemento de soberbia delas. A racionalidade, por tanto, significa –dicía el– invitar a unha actitude fría, lúcida, non emotiva nin turbia, o cal –engadía– é sempre de aplaudir. Ora ben, o galego advertía que falar de racionalidade non implica asumir exactitude ou computabilidade (Baliñas 1981). As ciencias, en xeral, grazas a cuantificación e aos procesos computacionais, tiveron a pretensión de se construír afastadas do mundo da vida co que comparten un substrato común de significación, que é o que lle permite explicar a realidade e, a través dela, o real (Baliñas 2001). Por iso, o teórico do cotián expuxo dun modo tan brillante isto, que, pese a súa extensión, convén citalo igualmente aquí: Urxe evitar o intercambiar recipientes e rótulos; é preciso manter espido o contido ou tan pouco embalado como o embala a linguaxe cotiá que, en todo caso, emprega dunha grande riqueza de fórmulas sen comprometer ao pensante con ningunha determinada. Fuxir a nomenclatura do científico e furar inclusive a cuncha dos conceptos filosóficos acuñados a fin de descubrir a polpa é obrigación ineludible dun discurso como este, si ten de manterse no propósito de abrir a atención precisamente ao sentido que “de senso” ao que os científicos fan. Tal vez ata sexa conveniente manter a inadecuación da linguaxe; así, ao ter que discutilo, hai ocasión de manter viva a cuestión sen substituír unhas fórmulas por outras, inda que fosen máis perfectas. O cuestionar e desmentir a linguaxe tamén da ocasión a redescubrir o frescos do pensar. O que a toda costa convén é non substituír ao home por un nomen de nomenclatura, envase cuxo contido ignoramos. (Baliñas 1987b: 13) 29 Temos entón una serie de elementos que son fundamentais para o noso propósito. O primeiro provén do feito de que a vida cotiá ten importancia científica, pode ser estudada e mesmo determina parte do devir da ciencia. En segundo lugar observamos que Baliñas está dentro do núcleo de teóricos que son conscientes de que a mente humana é intelixencia e sentimento. Neste punto o filósofo galego achégase a autores como Zubiri, Unamuno, Zambraro, así como a moitos outros do panorama galego. En terceiro lugar, e relacionado cos anteriores, Carlos Baliñas defende a persoa como elemento fundamental do proceso de coñecemento. O filósofo non expón expresamente isto, pero as súas afirmacións fannos asegurar tal cousa. 3. A hermenéutica baliñana como teoría galega Esta perspectiva do pensador pontevedrés fai parte, ao meu ver, da estrutura do pensamento que dende fai tempo se leva desenvolvendo en Galicia. De facto, pensadores galegos tan senlleiros como Roberto Blanco Torres, Xoán Rof Carballo, Vicente Risco ou Ramón Piñeiro apostan polo que pode ser chamado como dignificación do cotián e da natureza. Blanco Torres en 1924 expuxo nun dos seus artigos que en España existe un odium intelligenti que se manifesta –di el– nas capas sociais mais altas, onde un só se preocupa de incrementar a súa riqueza. Nas outras capas da sociedade existe, para Blanco Torres, unha confusión do concepto de democracia que trouxo consigo un desacato que quebranta a medida, a orde e o sentido dos valores. Literal e sumariamente afirma “arriba e abaixo, hoxe xa non pode haber máis que dúas aristocracias: a aristocracia da intelixencia e a aristocracia do corazón” (Blanco Torres 1999: 81). Ao meu ver, estas afirmacións de Blanco Torres están no mesmo punto onde se atopa o pensamento baliñano, no que respecta á soberbia da ciencia actual da que falabamos antes. Rof Carballo en moitas das súas obras tamén tivo un grande interese pola afectividade e polo eido emocional (o cal, á súa vez, mantén unha estreita relación có cotián). Exemplo disto atopámolo en obras como Cerebro interno y mundo emocional, Urdimbre afectiva y enfer­ medad, Violencia y ternura, etc. Rof Carballo foi un dos meirandes expoñentes da medicina psicosomática e avogou por unha mudanza de paradigma médico onde o sentimento ten unha 30 importancia maior. Rof converxe cun certo aspecto do pensamento xermánico, concretamente con Scheler e Hartmann, do mesmo xeito que o fai Ramón Piñeiro (Fernández 2008). De facto, para Rof o cerebro interno conecta e vai incluír as emocións, as lembranzas e o devir individual de cada persoa. Este cerebro interno é o que sustenta a comunidade básica da persoa e o seu evoluír pola vida. A este respecto podemos afirmar que Rof está na liña humanística dos nosos autores. Amais disto, o desenvolvemento psíquico dos humanos está relacionado coa conciencia escatolóxica da morte e da caducidade e, polo tanto, coa saudade (claramente influenciado por Piñeiro). Neste punto Rof Carballo converxe con Nóvoa Santos nunha ciencia médica humanizada onde os sentimentos e o espírito tamén son fundamentais (1920 y 1922). Precisamente, Nóvoa Santos é o primeiro que introduce a psicopatoloxía nun tratado de fisiopatoloxía dando mostra da inquedanza emocional e intelectual deste médico. Vicente Risco (1990), outro dos grandes intelectuais galegos, defende o humanismo considerándoo como unha fuxida da modernidade, e vai considerar a natureza e, daquela, a persoa como un instrumento. En troques o humanismo, segundo Risco, é a loita para que a persoa sexa o centro espiritual da realidade, a cal cobra sentido na propia persoa. Alén diso, o propio Risco no seu Orden y caos estudou estes primordios míticos aos que, posteriormente, dálle nome Carlos Baliñas. Finalmente, na súa Historia de Galicia (1952) amosa claramente un gusto pola vida diaria da xente e polo saber que dela se obtén. Por último, faremos mención de Ramón Piñeiro (2001), quen na súa filosofía da saudade pon os alicerces dunha filosofía galega. Moitos estudosos consideran que o ensaio, o pensamento ou a filosofía galega comeza na teoría do nacionalismo. Coido que iso non é así. Seguindo a Piñeiro, o pensamento galego está estreitamente relacionado coa natureza, co cotián e, amais diso, coas emocións e coa saudade como punto de intimidade metafísico. Isto é o que fai que a relación coa feminidade sexa meirande que noutros pensamentos. En definitiva, estas son as características básicas que entrelazan o pensamento da Xeración Nós e que aínda segue vivo en autores como Marcelino Agís Villaverde, Andrés Torres Queiruga, Nel Rodríguez Rial, Xosé Manuel Domínguez Prieto, entre outros moitos. Sen esquecernos, evidentemente, de Carlos Baliñas. Coca, J. R. Madrygal (Madrid) 19 2016: 25-32 Moitas persoas poden pensar que ao falar de pensamento galego é preciso amosar a existencia dunha corrente ou escola determinada. Non é o caso. Galicia ten xerado un aire de familia nos seus estudosos e coido que –ao meu ver– isto é suficiente para podermos falar dun pensamento galego propio. Tampouco estou entrando a falar de nacionalismos ou cousas semellantes. A cultura galega fai, seguindo a Baliñas, que os nosos primordios galegos manteñan e fomenten a feminidade, a intimidade, a saudade, o cotián, os sentimentos e a relación coa natureza. 4. Unha socio-hermenéutica con espírito galego Temos falado das características do pensamento galego consistente nunha aproximación á realidade cun carácter íntimo, lírico, persoal, cotián. O pensamento galego é un tipo de coñecemento feito na lareira, lugar que –por outra banda– é onde se achegan as ánimas e os espíritos dos devanceiros (Antón e Mandianes 1998). Por mor diso, o pensamento galego está próximo ao misticismo e á espiritualidade íntima da persoa en soidade (Piñeiro 2001). Este pensamento, entón, é unha mestura entre o irracional da irrealidade, do mundo do imaxinario, e a racionalidade da realidade. Baliñas, como xa dixemos, inda que tende a ir cara a unha postura racional é consciente de que o dinamismo da vida é irracional, complexo, heraclíteo, mutante, e aséntase sobre determinados elementos imaxinarios e irreais. Este carácter cotián do pensamento, e en certa maneira irreal/irracional, ten tamén gran utilidade cando nos achegamos ao estudo do social. As ciencias sociais moitas veces traballan dende a abstracción e a teorización macro. Tentan imitar as ciencias experimentais e formais buscando chegar a un coñecemento estático, permanente, sólido. En troques a realidade, como ben dicía Otero Pedrayo, adiantándose a Cornelius Castoriadis, é devalante e lamaguenta (Patterson 2008). A perspectiva do cotián dálle a volta a este tipo de coñecemento e faino emerxer dende abaixo, dende a terra, dende a nosa vida, dende aquelas pequenas cousas que son as que afectan ao noso camiñar polo mundo. Polo tanto, a socio-hermenéutica multidimensional contravén unha máxima sociolóxica que vén a afirmar que as persoas realmente non pensan por si propio, senón que se vén tan afectadas polo conxunto da sociedade que reflicten o pensamento xeral. A perspectiva multidimensional do social considera que a realidade é unha analoxía entre a persoa Coca, J. R. Madrygal (Madrid) 19 2016: 25-32 e a dimensión relacional da mesma. De aí que, volvendo a Otero Pedrayo, a realidade devala entre a persoa e a comunidade, entre o imaxinario adxectivado e o imaxinario colectivo. A miña perspectiva, polo tanto, é debedora do pensamento galego. Tanto é así que considero a socio-hermenéutica multidimensional como unha proposta fondamente galega. Por iso considero que o estudo e a análise da realidade social ten que compaxinar unha aproximación persoal con outra xeral ou abstracta; o micro co macro. Entón, esta perspectiva hermenéutica tamén asume unha análise crítica do poder, xa que este é parte estruturante e estabilizadora dos imaxinarios instituídos e, polo tanto, do poder asentado nas institucións. Por outra parte, ao ser tamén un enfoque que pretende coñecer a vida íntima, o sentimento que subxace á vida diaria, procura chegar a unha comprensión daquela irrealidade que circunda a realidade social. Por mor diso, a socio-hermenéutica que propoño racha coas diferenzas entre o macro e o micro estando situado nun eido macro/micro. Ao mesmo tempo, a análise social que se está a promulgar é consciente da existencia dunha realidade e dunha irrealidade configuradoras do eido persoal. Así pois, non 31 vivimos nunha realidade, senón que estamos nunha realidade/irrealidade estruturadoras do cotián. Deste modo, a nosa socio-hermenéutica, alén de fondamente galega (segundo o explicado previamente), é multidimensional. 5. Conclusións Neste traballo defendemos a existencia dun pensamento galego non circunscrito á existencia dunha escola ou tradición filosófica concreta, senón por un xeito común de enfrontarse coa realidade circundante. Esta perspectiva común asume os estudos do íntimo, do emocional, do cotián, como elemento básico. Por outra banda, o pensamento galego tamén asume a irrealidade e a irracionalidade presente na vida das persoas. Ao facer ciencia dende esta perspectiva, faise necesario incorporar este elementos á estrutura epistémica. Carlos Baliñas fai isto e, debido a isto, pode ser considerado como un pensador galego que desenvolve unha filosofía galega nun tipo de hermenéutica que eu determinei como hermenéutica cotiáconversacional (ou teoría dos primordios). Os alicerces deste tipo de hermenéutica poden ser empregados para sustentar unha hermenéutica social multidimensional. 6. Referencias bibliográficas Agís Villaverde, Marcelino (2015): “La presencia eficaz de P. Ricoeur. La escuela hermenéutica compostelana”, en J. Mª Gómez Heras e Mª Martín Gómez (eds.), Comprender e interpretar. La recepción de la filosofía hermenéutica en la España democrática (1960-2010). Astorga: CSED / Universidad Rey Juan Carlos, pp. 67-92. Antón, Fina María e Manuel Mandianes (1998): O ciclo da vida. Vigo: Ir Indo. Baliñas, Carlos Amable (1964): Amor Ruibal en su tiempo y en el nuestro (separata de Grial). Vigo: Galaxia. ––– (1965): El acontecer histórico. Madrid: RIALP. ––– (1968): El pensamiento de Amor Ruibal. Una revisión de la filosofía a la luz de la correlatividad. Madrid: Editora Nacional. ––– (1977): Pensamento Galego I. Vigo: Galaxia. ––– (1981): “Contra el imperialismo de la razón exacta”, Ágora. Papeles de filosofía 1/1, pp. 7-63. ––– (1986): “Pensamiento icónico”, Ágora. Papeles de filosofía 4, pp. 169-181. ––– (1987a): Rosalía de Castro, entre a poesía e a política. Santiago de Compostela: Patronato Rosalía de Castro. ––– (1987b): “La tarea de llegar a ser hombre”, Adaxe: revista de estudos e experiencias educativas 3, pp. 9-21. ––– (1991): Descubrindo a Otero Pedrayo. Santiago de Compostela: Fundación Universitaria de Cultura. ––– (1994): “Análisis icónico de la Filosofía”, Letras de Deusto 24/62, pp. 61-86. ––– (1998): “Vivencia reflexiva del tiempo (Unamuno, Azorín, Valle-Inclán)”, Anuario filosófico 31, pp. 201-243. ––– (2000): “A ideoloxía da Xeración Nós”, Cuadernos de estudios gallegos XLVII/112, pp. 303-324. ––– (2001): “El lenguaje de la filosofía y los lenguajes de los filósofos”, en M. Agís Villaverde e J. Ríos Vicente (coords.), Identidad y cultura. Reflexiones desde la filosofía. A Coruña: Universidade, pp. 185228. 32 Coca, J. R. Madrygal (Madrid) 19 2016: 25-32 ––– (2006): “Conversaciones con Paul Ricoeur”, Ágora. Papeles de filosofía 25/2, pp. 171-182. ––– (2008): “La imaginación une donde las ideas separan”, En: M. Agís Villaverde, C. A. Baliñas e J. Ríos Vicente (coords.), Galicia y Japón: del sol naciente al sol poniente. IX Encontros internacionais de filosofía no Camiño de Santiago. A Coruña: Universidade, pp. 15-30. Beltrán, Miguel (2003): La realidad social. Madrid: Tecnos. Beuchot, Mauricio (2009): Tratado de Hermenéutica Analógica. Hacia un nuevo modelo de interpretación. México: UNAM / Ítaca. Blanco Torres, Roberto (1999): “El odio a la inteligencia”, en L. Alonso Girgado, M. Regueiro Tenreiro e M. T. Monteagudo Cabaleiro, Roberto Blanco Torres. Cronobiografía. Escolma de textos. Obra hemerográfica. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. Coca, Juan R. (2016): “Principiando unha epistemoloxía galega con rostro socio-cultural. Camiñando con Otero Pedrayo, Manuel Marías e outros autores actuais”, Cómaros. Revista Interdisciplinar de Pensamento Galego 1/1, <http://imagonautas.webs.uvigo.es/index.php/comaros/article/view/27/29>. Espina Prieto, Mayra Paula (2007): “Jesús Ibáñez: Hacia una red de resistencia profunda”, Utopìa y Praxis Latinoamericana 12/38, pp. 131-134. Fernandez, Carlos (2009): “Rof Carballo, Xoán”, en M. Rivas e A. Torres Queiruga (coords.), Diccionario Enciclopedia do Pensamento Galego. Vigo / Santiago de Compostela: Xerais / Consello da Cultura Galega, pp. 271-278. Ibáñez, Jesús (1985): Del algoritmo al sujeto. Perspectivas de la investigación social. Madrid, Siglo XXI. ––– (1994): El regreso del sujeto: la investigación social de segundo orden. Madrid: Siglo XXI. Nóvoa Santos, Roberto (1920): El problema del Mundo Interior. Discurso de apertura de curso 1920­21. Santiago de Compostela: Impr. Paredes. ––– (1922): Physis y Psyquis. Santiago de Compostela: El Eco de Santiago. Patterson, Craig (2008): O devalar da idea. Otero Pedrayo e a identidade Galega. Vigo: Fundación Otero Pedrayo. Piñeiro, Ramón (2001): Filosofía da saudade. Vigo: Galaxia. Ricoeur, Paul (2008): Hermenéutica y acción: de la hermenéutica del texto a la hermenéutica de la acción. Buenos Aires: Prometeo Libros. Risco, Vicente (1952): Historia de Galicia. Vigo: Galaxia. ––– (1968): Orden y caos. Exégesis de los mitos. Madrid: Editorial Prensa Española. ––– (1990): Las tinieblas de Occidente. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco. Rof Carballo, Juan (1952): Cerebro Interno y Sociedad. Madrid: Ateneo. ––– (1960): Urdimbre afectiva y enfermedad. Barcelona: Labor. ––– (1988): Violencia y ternura. Madrid: Espasa Calpe. Santos, Boaventura de Sousa (2009): A crítica da razão indolente: contra o desperdício da experiência. São Paulo: Cortez.