Pasado pouco máis dun ano a Galipedia duplica o seu tamaño.
O terceiro número do Xornal da Galipedia coincide cos 20.000 artigos, un momento clave na vida deste wiki. Este feito posibilítanos ollar con perspectiva a evolución do wiki e decatarnos de que estamos nunha etapa crucial no desenvolvemento do proxecto galego e da comunidade de usuarios da Galipedia. É o momento de celebrarmos que o esforzo realizado por múltiplos e heteroxéneos usuarios está a dar un froito que cando se iniciou o proxecto semellaba utópico e que nos permite albiscar un futuro inda mellor. En Conversa Wikipedia:20.000 artigos temos unha páxina onde reflexionar sobre este proxecto.
Galipedia
Commons
Un mosaico de 1200 imaxes da insignia da fundación de Wikimedia para celebrar que o arquivo "un millón" foi subido a Wikimedia Commons o pasado 30 de novembro. Este mosaico, baseado nunha idea de Brianna Laugher (Pfctdayelise) é unha demostración da diversidade abraiante dos arquivos que poden ser atopados en Commons. Wikimedia Commons ademais de fotografías, gráficos, diagramas, mapas, debuxos, acepta os formatos GIF e OGG (usando Theora codec) para vídeo e arquivos animados. Ogg é unha patente libre, con formato multimedia totalmente aberto e estandarizado. A maioría dos arquivos de vídeo de Wikimedia Commons son material histórico que está no dominio público debido á súa idade.
Un dos xeitos de achegarse a este repositorio multimedia é a través da Imaxe do día. Pode accederse ao rexistro mensual cunha escolma de imaxes destacadas. Elíxense por votación e podedes participar en Commons:Candidatas a imaxes destacadas. Cada certo tempo os usuarios galegos traducen e amplian os pés de foto de cada unha das imaxes para que estean dispoñibles na nosa lingua.
Activada a importación transwiki nos wikis en galego
Xa é posible transferir artigos entre os diversos proxectos da Wikipedia en galego mediante a importación transwiki. No rexistro de importacións hai unha listaxe das páxinas trasladadas con este sistema. Con frecuencia usuarios novos crean páxinas sen comprobar se o están facendo no sitio correcto. Antes da activación, o traslado debía facerse de xeito manual copiando o historial da páxina na páxina de discusión do novo artigo.
Autoresumos
Entre as novas opcións de Mediawiki están os autoresumos, a idea non é nova porque xa se viña usando ao crear unha redirección. Nese caso, o resumo automaticamente recolle o texto Redirixida a .... Agora, entre os autoresumos MediaWiki, disponse dun que reseña as primeiras palabras dunha páxina nova, outro no cal se indica que o texto do artigo foi substituído por un novo e tamén avisa de que nunha páxina un usuario eliminou o contido. A utilidade dalgúns destes autoresumos está claramente relacionada coa prevención do vandalismo e asemade en facilitar a xestión do wiki.
Referencias nos artigos
Un dos aspectos en que se aprecia a evolución dunha Wikipedia é na utilización das referencias. Sendo un dos principios da Wikipedia o que non debe ser fonte primaria, os contidos dos artigos deben acreditarse con referencias ás fontes. Para iso existe a etiqueta <ref></ref>, trátase dun contedor onde vai a información da referencia. O software MediaWiki converte iso nun superíndice que remite ao pé da páxina onde se poña a etiqueta <references />
Neste exemplo tomado da páxina Galicia da Wikipedia en inglés vese o uso do tag que inclúe un modelo para formatar unha referencia a unha páxina web da Xunta de Galicia.
<ref>{{Cita web | title=Anteriores Presidentes da Xunta de Galicia | publisher=Xunta de Galicia | url=http://www.xunta.es/presidentes | accessdate=2006-11-26 | language=Galician |quote=List of Presidents of Galicia on official website of the Galician government}}</ref>
O uso de <ref></ref> e independente do modelo que inclúa, porén a combinación cun modelo de cita fai o procedemento máis potente.
Entre o 25 de novembro e o 15 de decembro está aberta a votación para a elección de novos stewards en Meta. Os stewards poden axudicar ou retirar permisos de acceso (sysop, bureaucrat, checkuser, bot, oversight –só en en.wiki–) a calquera dos wikis da Fundación Wikimedia. Elíxense por un período aproximado dun ano e deben obter como mínimo 30 votos a favor cun 80% de índice de aprobación.
O 20 de novembro publícouse a nova versión das estatísticas
elaboradas por Erik Zachte a partir da copia do estado da base de datos o 31 de outubro 2006.
Colaboradores
Xosel. Entre o 7 de maio de 2005 e o 3 de febreiro de 2006 estivo connosco Xosel. Chegou a crear ducias de artigos, na súa maior parte procedentes da Wikipedia en portugués. Mesmo ideou e puxo en marcha un tradutor automático para facilitar o proceso. Aínda hoxe pasados uns meses segue sendo un dos colaboradores con máis edicións deste wiki.
Tarefas pendentes
Homónimos: con frecuencia enlázase incorrectamente coa páxina de homónimos en lugar do artigo final. Corrixilo.
Galizionario: o dicionario multilingüe en galego necesita acrecentar entradas. Editar.
Artigos destacados: propoñer e revisar artigos para que se convirtan en destacados. Mellorar.
Talk:Historia de Galiza: "Polo que lin nesta páxina e no artigo os posicionamentos eiquí adoptados non evolucionaron o que si fixeron as teorias científicas baseadas na ciencia arqueolóxica,..." (Lansbricae)
Bravú: "Non quero cismar no asunto de Reixa, pero eu non o recordo no bravú senon antes, aínda que si lembro ter feito colaboracións. En canto a Herdeiros da Crus sempre renegaron do Bravú.." (212.51.56.26)
Talk:Arao loro: "De sempre nas costa galega de Ferrol se lle chamou arao loro,.." (Miñato)
Fórmula 1: "Sería conveniente atopar unha foto de Ayrton Senna..." (Fryant)
Escaravello129eue.jpg: "Hallo, I am Siga from the german Wikipedia, and I noticed by chance that this picture is used in the article about beetles. But I assure you, that it is not from a Coleoptera, but from a Hemiptera" (84.158.239.55)