Thakazhi Sivasankara Pillai
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 17 de abril de 1912 Thakazhy, India (en) |
Morte | 10 de abril de 1999 (86 anos) Alappuzha, India (pt) |
Actividade | |
Ocupación | novelista, escritor de contos, escritor |
Influencias | |
Pseudónimo literario | Thakazhi |
Premios | |
| |
Thakazhi Sivasankara Pillai, nado en Thakazhi o 17 de abril de 1912 e finado o 10 de abril de 1999, foi un escritor indio de lingua malaiala. Autor de 37 novelas e máis de 600 relatos. As súas obras máis coñecidas son Kayar (1978) e Chemmeen (1956). Recibiu o meirande premio literario da India, o Jnanpith en 1984 pola súa novela épica Kayar e está considerado un dos principais escritores en malaiala.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu nunha aldea do distrito de Alappuzha en Kerala. Comezou a escribir historias mentres aínda era estudante e na súa formación foi decisivo o encontro co escritor Kainikkara Kumara Pillai (1900-1988), que era director do seu instituto e que lle deu a coñecer a literatura india e o orientou cara á prosa. Estudou dereito e alí entrou en contacto con Balakrishna Pillai, fundamental para afondar na literatura e pensamento europeo moderno. Publicou relatos en revistas e en 1934 publicou a súa primeira novela, Tyagattinte pratiphalam. Coincidindo coa segunda guerra mundial interesouse polos problemss políticos e pola vida dos desfavorecidos, que conxugou en numerosos relatos [2], e a súa novela Thottiyude Makan (1947) considérase un traballo pioneiro na novela realista malaiala, retrata tres xeracións dunha familia da clase traballadora de Alleppey, recicladores e constitúe unha crítica ao sistema de castas e os confitos sociais que se desenvolven no seo da sociedade. Randidangazhi (1948) é unha novela política na que critica os males do sistema feudal que prevalecía en Kerala, especialmente na rexión de Kuttanad. O propio autor escribiu o guión da versión cinematográfica que realizou P. Subramaniam en 1958.
Chemmeen (1956), supuxo un cambio de rexistro, arredándose do realismo das súas primeiras novelas e coñeceu unha gran popularidade. É unha historia de amor tráxica nunha aldea de pescadores en Alappuzha entre un mozo musulmán e unha rapaza hinduísta. A obra, e a súa adaptación cinematográfica realizada en 1965, outorgoulle recoñecemento nacional e internacional [3], traducíndose a 19 linguas mentres que o filme se exhibiu en 15 países. Así e todo, a súa obra mestra é Kayar (1978), unha novela monumental, con máis de 1000 páxinas e centos de personaxes nunha historia que transcorre ao longo de catro xeracións (1885-1971) . Outra das súas grandes obras é Enippadikal (1964), na que traza a carreira dun ambicioso burócrata cun forte desexo de poder e posición que se transforma na súa propia ruína, a obra constitúe unha historia social da Kerala que viviu o autor [4].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Anjana Neira Dev et al. (2005) Indian Literature: An Introduction University of Delhi-Pearson Longman, p. 226
- ↑ Mohan Lal (1992) Encyclopaedia of Indian Literature. Vol. 5 Sasay to Zorgot. Sahitya Akademi, p. 4116
- ↑ Nalini Natarajan, Emmanuel Sampath Nelso (1996) Handbook of Twentieth-century Literatures of India Greenwood Publishing, p. 192
- ↑ Thomas Welbourne Clark (1970) The Novel in India: Its Birth and Development University of London. , p. 224