Saltar ao contido

Relixión da Roma antiga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Interior do panteón, templo de todos os deuses, en Roma (hoxe transformado en igrexa).

A relixión na Roma Antiga caracterizouse polo politeísmo, con elementos que combinaron influencias de diversos cultos ao longo da súa historia. Dese modo, na súa orixe, crenzas etruscas, gregas e orientais foron sendo incorporadas aos costumes xa tradicionais de acordo con súa efectividade.

A idea de efectividade dun ritual para agradar a un deus ou deuses é a idea que inunda o escenario relixioso da época. A noción de nosa sociedade de tradición xudaico-cristiá canto á relixión liga os rituais á fe, algo que non era tido en conta polos romanos. Para eles os deuses simplemente existían, non había necesidade de cuestionar ese feito.

Os deuses dos antigos romanos, á semellanza dos antigos gregos, eran antropomórficos, ou sexa, eran representados coa forma humana e posuían características como calidades e defectos de seres humanos.

O Estado romano propagaba unha relixión oficial que prestaba culto aos grandes deuses, como, por exemplo, Xúpiter, pai dos deuses; Marte, deus da guerra; ou Minerva, deusa da arte. Na honra deses deuses eran realizados festivais, xogos, sacrificios e outras cerimonias. Posteriormente, diante da expansión militar que conduciu ao imperio, moitos deuses das rexións conquistadas tamén foron incorporados aos cultos romanos, así como algúns deuses romanos foron incorporados ás rexións conquistadas.

No ámbito privado, os cidadáns, á súa vez, tradicionalmente buscaban protección nos espíritos domésticos, os chamados lares, e nos espíritos dos antepasados, os penates, aos cales rendían culto dentro de casa.

Segundo os pescudadores, a relixión desempeñaba un papel fundamental na definición da sociedade e nas relacións de poder. Ao participar dos cultos, era garantida a pax deorum ("paz divina", en latín), a harmonía civil e a maior integración destas comunidades no imperio levando a unha maior integración de cultos relacionados ao poder imperial[1].

Dentro do carácter social da relixiosidade romana, a importancia que é establecida nas relacións persoais é expresada polo termo latino pietas, literalmente traducido como "piedade". A pesar da súa conexión co verbo piare ("calmar", "borrar unha falta", "conxurar un mal presaxio"), a pietas designaba a observación escrupulosa dos rituais, mais tamén o respecto ás relacións entre as persoas no propio ámbito social[2]. Para un fillo, a pietas consistía en obedecer ao pai, e ao mesmo tempo existía a pietas que os membros dun grupo debían á cidade á que pertencían. Con todo, máis importante que eses deberes era a pietas con relación aos deuses[3]. As ideoloxías humanitarias dos séculos XVIII e XIX tentaron retomar esa concepción; porén, desacralizaron a vella concepción da pietas romana. A pietas tamén era representada en moedas por obxectos de culto ou como unha figura feminina realizando sacrificios cun fogo. Ela tiña tal importancia na vida cotiá romana que posíbeis fallos durante o ritual (de aí a idea de impiedade) eran unha cuestión de coidados permanentes.

O sacrificio

[editar | editar a fonte]
Sacrificio romano, relevo en mármore no Museo do Louvre

Tanto no culto público como no privado, o sacrificio consistía na ofrenda de determinada materia alimentar. Cereais, uva, viño e principalmente vítimas animais. Efectuábanse libacións preliminares sobre o lar portátil (foculus), que representaba o foculus do sacrificante, e situábase fronte ao templo, ao lado do altar[4]. A parte reservada aos deuses (fígado, pulmón, corazón e algúns outros pedazos) era queimada sobre o altar. A carne era consumida polo sacrificante e polos seus compañeiros no culto privado, e polo corpo de sacerdotes nos sacrificios celebrados en favor do Estado.

A tríade capitolina

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Mitoloxía romana.
Xúpiter, estatua no Ermitage.
Xuno, estatua no Museo do Louvre.
Minerva, estatua no Ninfemburgo en Múnic.

Ao contrario dos gregos, que desde cedo organizaron un panteón estruturado, os romanos presentaban, no comezo da súa época histórica, só unha agrupación xerárquica das divindades[4]. A tríade arcaica estaba composta por Xúpiter, Marte e Quirino, completada por Xano e Vesta. Na calidade de deus dos "comezos", Xano foi colocado no cume da lista, e Vesta, protectora da cidade, no final. Xúpiter é por excelencia o deus soberano, celeste e fulgurante, rexente da xustiza e fiador da fecundidade[5]. Marte representaba entre todos os pobos itálicos o deus guerreiro. Quirino é solidario da comunidade dos viri, a reunión do pobo romano.

Canto a Xano e Vesta, a súa incorporación á tríade arcaica dá continuidade a unha tradición indoeuropea[5]. Espacialmente, Xano encóntrase nos limiares das casas e nas portas. No ciclo temporal, é el quen rexe os comezos do ano. O peche das portas do templo de Xano en Roma, ocorrido raras veces, simbolizaba que o imperio estaba en paz. O nome de Vesta deriva dunha raíz indoeuropea que significa "queimar", pois o fogo perpetuo constitúe o lar de Roma. Xeralmente, os templos deberían ser inaugurados e orientados segundo as catro direccións celestes (ter catro cantos, ser cuadricular), mais a casa da deusa Vesta non debería ser inaugurada, visto que toda a forza dela está sobre a terra, por iso o seu santuario é circular: é unha aedes sacra, non un templum[6].

Aos poucos a relixión foise constituíndo nunha construción que mesturou a tradición procedente das épocas iniciais (compoñentes itálicos, indoeuropeos, etruscos, gregos) coa capacidade de acoller as forzas divinas dos “outros”, quere dicir, as comunidades conquistadas.

So a dominación etrusca, a vella tríade Xúpiter, Marte e Quirino perde a súa actualidade, sendo substituída pola tríade Xúpiter, Xuno e Minerva, instituída na época dos Tarquinios[6]. Debido á influencia etrusca e helena, as divindades eran representadas en estatuas antropomórficas e con atributos distinguidos. Iuppiter Optimus Maximus, como pasa a ser chamado, é presentado aos romanos so a imaxe modificada do Zeus heleno, e o seu templo era considerado o principal templo de Roma.

Xuno era probabelmente considerada a máis importante das deusas romanas, pero tamén podía ser desconcertante. O seu nome latino, Xuno, deriva dunha raíz que expresa "a forza vital"[6]. As súas funcións son múltiples: rexe a fecundidade das mulleres, pero tamén o comezo dos meses. No Capitolio ela era Regina ("raíña"), título que reflectía unha tradición de realeza sagrada.

Minerva á a padroeira das artes e dos artesáns. O nome é probabelmente itálico (derivado de "men", que designa toda e calquera actividade do espírito)[6]. Os romanos recibírona por intermedio dos etruscos, pero xa na Etruria, Menrva (Minerva) representaba unha adaptación de Palas Atenea.

A tríade capitolina non prolongou ningunha tradición romana. Xúpiter era o único representante da herdanza indoeuropea. A asociación entre Xuno e Minerva foi obra dos etruscos[6]. Para eles, a tríade divina tamén exercía un papel na xerarquía do panteón. Sábese, por exemplo, que ela presidía a fundación dos templos.

Colexios sacerdotais

[editar | editar a fonte]

Os flamines

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Flamen.
Relevo cos flamines. Altar da Paz, en Roma.

O culto público, so o control do Estado, era efectuado por certo número de oficiantes e confrarías relixiosas - no en tanto, eses cargos sacerdotais non se consideraban algo distinto das maxistraturas regulares do Estado. Na época da monarquía romana, o rei ocupaba o primeiro posto na xerarquía sacerdotal: el era o rei das cousas sagradas (rex sacrorum)[7]. Despois do rei, viñan, na xerarquía sacerdotal, os 15 flamines. En primeiro lugar, os tres flamines maiores: os de Xúpiter (flamen Dial), de Marte (flamen Marcial) e de Quirino (flamen Quirinal). Os flamines non formaban unha casta e non constituían un colexio. Cada flamen era autónomo e ligado a unha divindade[8]. O flamen de Xúpiter estaba repleto de prohibicións: non podía se afastar de Roma, non debía aparecer espido baixo o ceo (aos ollos de Xúpiter), nin ver o exército romano, nin montar a cabalo, debía evitar o contacto coas cousas impuras e os mortos ou con aquilo que evocaba a morte[9].

Houbo un intervalo de case setenta anos no nomeamento do flamen dial desde a morte do último en -86. Un novo sacerdocio só foi inaugurado nos anos -20, baixo o principado de Augusto (reinou do -27 ao 14)[10]. Este evento, xunto con outros, foi celebrado no grande friso da Ara Pacis), mostrando a Augusto na fronte e os outros catro flamines a seguilo. A mensaxe é a de que o dano causado polo lapso foi afastado polo novo pontífice máximo.

Augusto como pontífice

máximoEstátua no Museo Nacional Romano

O pontífice

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Pontífice.

Ao lado do flamen Dial, o pontífice (pontifex) desempeñaba, no círculo sagrado do rei, unha función complementaria. O colexio dos pontífices, máis precisamente o pontífice máximo (pontifex maximus), de quen os outros eran só o prolongamento, dispuña ao mesmo tempo de liberdade e de iniciativa[11]. O pontífice máximo era o líder e falaba polo colexio no senado. Comparecía ás reunións en que se decidían sobre os actos relixiosos, respondía polos cultos sen titulares e fiscalizaba as festas. No tempo da República Romana, incumbía ao pontífice máximo nomear os flamines maiores e as vestais, sobre os cales posuía poderes disciplinares e ser o conselleiro e tamén ás veces, o representante destas últimas. O colexio dos pontífices estaba composto por nove membros desde -300, noutros momentos, eran elixidos por 17 das 35 tribos[12]

As vestais

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Vestal.
Vestal

As seis vestais estaban vinculadas ao colexio pontificial. Escollidas entre os seis e os dez anos de idade polo pontífice máximo, as vestais eran ordenadas por un período de 30 anos[11]. Protexían o pobo romano alimentando o fogo da cidade, que tiñan a obrigación de nunca deixar extinguir. A súa forza relixiosa dependía da virxindade. A condena dunha virxe vestal por mala conduta sexual era un evento raro, pero significativo. O castigo era parte dun ritual de purificación do Estado. Por ser sacrosanta, a vestal non podía ser executada. Por iso, era confinada nunha cámara subterránea cunha cama, unha lampadiña e un pouco de auga e comida, abandonada á morte. Os cómplices do sexo masculino eran azoutados publicamente até a morte [13].

As virxes vestais tiñan privilexios dos cales ningunha outra muller en Roma podía gozar: eran mantidas en condicións de luxo, con diñeiro público; estaban libres da autoridade paterna; gardaban testamentos e tratados, e podían elas mesmas ter un testamento; podían declarar nos tribunais sen facer xuramento; mesmo os maxistrados máis condecorados tiñan que lles ceder o paso[14].

As funcións deses tres tipos de sacerdotes era aconsellar o Senado sobre todos os asuntos referentes aos sacra, aconsellar o pobo en temas da lei sagrada, incluíndo a lei dos mortos, supervisar os asuntos da lei familiar (adopción, herdanza, etc.) e manter os rexistros do Estado[12].

Outros colexios

[editar | editar a fonte]
  • O colexio augural era tan antigo e tan independente como o colexio dos pontífices. Pero o segredo da disciplina foi ben gardado. Sábese só que os augures non eran convocado para desvelar o futuro - o seu papel era esclarecer se este ou aquel proxecto era un sinal divino[15]. O colexio dos augures tiña o mesmo número dos pontífices e eran supervisores e conselleiros sobre os rituais e procedementos concernentes aos auspicios. Co tempo, certas técnicas divinatorias de orixe helénica e etrusca foron introducidas en Roma. O método dos arúspices, que consistía en examinar as entrañas da vítimas animais, era unha práctica etrusca. Existe unha lista de 60 membros[12]. Eran ocasionalmente consultados polo Senado.
  • Existía o colexio dos salios (Salii), composto por dous grupos de doce membros cada un, que bailaban e cantaban na cidade nos festivais de marzo e outubro.
  • Os lupercos (Luperci) consistían en dous grupos tamén, pero o número de membros é descoñecido[12]. Corrían polas rúas da cidade no festival das Lupercalia, batendo nas persoas con látegos de pel de cabra.
  • Outro colexio era dos Irmáns Arvais (Fratres Arvales), doce membros que coidaban do mantemento do culto da deusa Hemera Día, nunha gruta fóra de Roma[12].

Estes tres colexios non eran consultados polo senado.

O culto privado

[editar | editar a fonte]
F[12] Fresco de Pompeia coa imaxe do Xenio no centro, flanqueado polos Penates e os Lares. No extremo esquerdo está Mercurio, e no extremo dereito, Baco.

Os romanos expresaban a súa devoción aos deuses con ofrendas nos templos e, en santuarios domésticos, aos deuses Lares, aínda que fixesen, tamén, procesións, oracións e sacrificios públicos. O culto doméstico non parece ter mudado moito durante a historia romana. O fogo doméstico constituía o centro do culto e nel eran ofrecidos sacrificios alimentares cotiáns. O culto dirixíase aos Penates e aos Lares, personificacións mítico-rituais dos antepasados[3], e ao Xenio, especie de "dobre" que protexía o individuo. O xenio era a esencia abstracta do individuo, non existindo nunha forma corpórea.

Os ritos funerarios, que terminaban o noveno día tras o enterro ou inhumación, prolongábanse no culto regular dos "pais defuntos" (divi parentes) ou Manes. Dúas festas éranlles consagradas: as Parentalia, en febreiro, e as Lemuria, en maio[16].

  • Durante as Parentalia, os maxistrados non ostentaban as súas insignias, os templos eran fechados, os fogos extinguidos sobre os altares e non se contraía casamento. Os mortos retornaban e servíanse do alimento depositado sobre os túmulos. Pero era sobre todo a pietas a que calmaba os antepasados.
  • Durante os tres días das Lemuria (9, 11 e 13 de maio), os mortos ("lemures") retornaban e visitaban as casas dos seus descendentes[16]. A fin de calmalos e de impedir que arrastrasen consigo algúns vivos, o paterfamilias enchía a boca de fabas negras e, mentres cuspía, pronunciaba nove veces as seguintes palabras: "Con estas fabas redimo a min e aos meus". Finalmente, facendo barullo cun obxecto de bronce para amedrentar as sombras, repetía nove veces: "Manes de meus pais, afastádevos de aquí[17]".

Eran os rituais que garantían as relacións entre o home e a relixión. Garantir os ritos representaba a certeza do mantemento da sociedade como a querían, ordenada e segura[12]. Ao respectar as regras de comportamento, como o respecto aos deuses, sobre todo nos seus espazos, ao curvarse baixo a autoridade dos rituais, o cidadán garantía a orde social e a paz divina.

Festivos e festivais

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Festas romanas.
Este fresco mostra un home romano celebrando un festival relixioso, probabelmente as Compitalia.

O calendario romano mostra cerca de corenta festivais relixiosos. Algúns duran moitos días, outros só un ou menos. A través do calendario romano que se coñece hoxe, suponse que festivais oficiais eran organizados en amplos grupos estacionais que incluían distintas tradicións locais. Algúns dos festivais máis antigos e populares incorporaron xogos (ludi; tales como carreiras e presentacións teatrais). Outros festivais necesitaban só da presenza e de ritos dos seus sacerdotes, ou de grupos menores, como as mulleres no rito de Bona Dea.

Outros festivais públicos non estaban no calendario e ocorrían debido a outros eventos. O triunfo dun xeneral romano era celebrado como o cumprimento de votos relixiosos, a pesar destes tenderen a ser ofuscados polo significado político e social do evento. Durante a República, a elite política competía para superar uns aos outros en exhibicións públicas, e incluíronse nos xogos competicións de gladiadores. No Principado, todo tipo de exhibición ficou baixo o control do emperador: os maiores foron subsidiados polos propios emperadores, e os eventos menores eran promovidos polos maxistrados como un deber sagrado. Festivais e xogos adicionais podían celebrar aniversarios. Outros, como os tradicionais xogos seculares republicanos, marcaban unha nova era (saeculum) e eran importantes para manter valores tradicionais e unha identidade romana común.

O significado e orixe de moitos festivais arcaicos confundían até mesmo a elite intelectual romana, mais canto máis escuros eran, maior era a oportunidade para a reinvención e reinterpretación - algo que non foi perdido nin no programa de reforma relixiosa de Augusto, nin co seu "creador de mitos" da época, Ovidio. Nos Fastos, un longo poema escrito por este e que trata dos festivos romanos de xaneiro a xuño, Ovidio presenta un ollada única ao saber antigo de Roma e a costumes populares e prácticas relixiosas que se tornan imaxinativas, divertidas e indecentes. É un traballo descritivo, de imaxinación e etimoloxía poética que reflicte o amplo humor e espírito burlesco de respectábeis festivais como os das Saturnalia, Consualia e a festa de Ana Perena nos idos de marzo, onde Ovidio trata o asasinato do recentemente-deificado Xulio César como totalmente fortuíto para as festividades entre a poboación romana.

Porén, calendarios oficiais preservados de distintas épocas e lugares tamén mostraron a flexibilidade na omisión e adición de eventos, indicando que non había un calendario estático e autoritario esixido. Ao final do imperio, baixo regras cristiás, novos festivais cristiáns foron incorporados polo cadro romano que xa existía, ao lado de polo menos algúns dos festivais tradicionais.

Rituais de interacción relixiosa

[editar | editar a fonte]

Coa expansión de Roma, houbo unha gradual adopción dos ritos romanos nas cidades do imperio por diversos motivos, como a obtención de dereitos políticos, a existencia de comunidades romanas nesas cidades e elites locais con intereses nos cultos romanos, pero o principal motivo xerador desa mudanza foron as relacións entre Roma e esas cidades como a presenza do exército romano ou os lazos sociais con Roma, por exemplo[18].

Interpretatio

[editar | editar a fonte]

O principal mecanismo polo cal a cultura romana entraría nas provincias sería a lei. De entre eses mecanismos destácase a interpretatio, a través da cal se aceptaba a equivalencia entre os deuses locais e deuses estranxeiros a través dos seus atributos en común. É por iso polo que a visión común que se ten da relixión romana é que é derivada da relixión grega, xa que esa equivalencia é bastante evidente nese caso. O termo interpretatio sería máis correcto que o termo sincretismo, debido ao sentido pexorativo que este recibiu na época moderna[19].

Os casos máis famosos da interpretatio son provenientes da comparación entre deuses romanos e gregos: Zeus e Xúpiter, Ares e Marte, Atenea e Minerva e Hera e Xuno. Porén, outros deuses vindos das provincias tamén foron asociados, como o celta Dagda e Xúpiter e a frixia Cibeles e Magna Mater[20].

Acclamatio

[editar | editar a fonte]

Na Roma Antiga, as divindades romanas tiñan días regulares de festas, pero a súa "presenza" non era correcta, precisando do convite - a un ritual, festival ou a vir en socorro dos celebrantes - e do esforzo daqueles que a convidan para atraer a súa presenza. Un deses recursos é a acclamatio[21]. O termo acclamatio remite á creación de versos para "pedir en voz alta en favor ou contra alguén[22]".

As acclamationes eran fórmulas rituais vocalizadas perante unha audiencia con intención de se obter a aprobación tanto por parte da divindade como da audiencia, elementos fundamentais na comunicación entre os humanos e os deuses[23]. Había tamén elementos específicos do ritual, como vestimentas específicas, himnos, pregarias, performances musicais, e sinais aromáticos de perfumes e incensos, viño e carnes queimándose no altar[24]. As acclamationes tiñan tres funcións:

  • Función propiciatoria, para atraer a atención da divindade.
  • Función testemuñal, confirmando o poder da divindade e convidándoa a protexer aquel que a celebraba.
  • Función de instauratio (repetición), que servía para reconciliar alguén cunha divindade ou para retomar un rito no cal ocorrese algún fallo, o que era máis común[18].

A euocatio era un ritual antigo de guerra, realizado no campamento romano, que prometía ás divindades dos pobos inimigos que serían recibidas e adoradas en Roma. Desa forma, primeiro convidaba a divindade coa acclamatio e, despois, realizábase a euocatio[19]. Ese ritual "revela unha concepción indoeuropea totalmente oposta á dos semitas: o deus adversario non é un inimigo que ten que morrer co seu rei e co seu pobo; é dispoñíbel e asimilábel"[25]. Para Le Bonniec, a euocatio sería un rito de excepción; para outros historiadores, euocatio sería un dos fundamentos da interpretatio[19].

Cultos estranxeiros

[editar | editar a fonte]

Na Roma Antiga, co pasar dos séculos, distintos cultos e divindades foron incluídos no sistema relixioso da cidade. Aínda que por moito tempo as pescudas históricas apuntasen para unha inmutabilidade da realidade ritual, novas tendencias veñen sendo dirixidas cara a un intenso proceso de apropiacións e renovacións dos cultos estranxeiros.[26] A pesar da tolerancia que os romanos tiñan cos cultos, deuses e ritos estranxeiros, esta non era de principio. Ao que todo indica, eran tolerantes ao que non parecía ser perigoso, e o contrario ocorría cando algo lles indicaba perigos, como no caso do incidente das Bacanais ocorrido durante a República e citado en Tito Livio[27]. Porén, en xeral, non tiñan problemas con moitos cultos e divindades pola semellanza que estes tiñan cos seus tradicionais - a interpretatio explicada enriba[26].

Mediante unha aceptación formal do senado, que posuía posición central na dinámica da relixión, incluíndo os cultos, templos e os festivais, moitos cultos estranxeiros entraron na cidade de Roma. O "permiso" de entrada ocorría cando a relixiosidade do "outro" era atestada como non perigosa para a cidade e o pobo romano.

Variando o tempo, na divindade, na necesidade e na ocasión da súa entrada, algúns deuses e deusas tiveron os seus cultos e festivais incluídos no calendario oficial romano, asumindo regularidade, aumentando a importancia e tornándose público, pro populo, ou sexa, cos seus gastos financiados polo Estado romano e dirixidos ao pobo de Roma[28].

Como exemplo desa integración e oficialidade dos cultos, temos o caso de Magna Mater, que ten súa entrada oficial en Roma no século -III, así como o de Isis, no século I.

O culto de Isis

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Isis.
Templo da deusa exipcia Isis en Pompeia.

Un dos exemplos máis coñecidos de cultos estranxeiros adoptados polos romanos é o culto á deusa exipcia Isis. Isis foi coñecida polos romanos a partir da fundación de Alexandría en -332/-331 preto do Delta do Nilo, rexión que foi dominada coa conquista de Alexandre o Grande. O culto á deusa Isis foi introducido en Roma aínda non oficialmente por Tiberio Graco (-163 a -132), o pai dos dous grandes tribunos, porén foi despois proscrito. Durante o Principado, outros deuses exipcios apareceron nos cultos de Roma, como Osiris, (marido-irmán de Isis)[29][30]..

Porén, o culto só foi oficialmente autorizado polo emperador Calígula (37-41), que tamén foi o responsábel do culto ser introducido no calendario romano, que era organizado de acordo coas datas festivas. Isis era a deusa de devoción de Calígula[31][32] e de moitos outros romanos. O culto á deusa tamén foi coñecido noutras partes do mundo antigo, como a Britania, pois, coa expansión do Imperio Romano, expandíronse tamén os seus cultos e costumes, no proceso cultural que chamamos Romanización. Isis foi facilmente aceptada pola poboación romana nas provincias, e o feito de o seu culto ser adoptado por un emperador facilitou ese proceso.

O imperialismo romano e os "outros"

[editar | editar a fonte]

A partir dos procesos de romanización, que se estableceron na relación entre as identidades culturais provinciais e a cultura romana, a cidade de Roma tivo acceso e activa interacción con cidades, pobos, culturas e relixións distintas da súa e distintas entre si, o que levou, inicialmente, a un intenso choque de costumes e hábitos.

Cando Roma inicia seu proceso expansionista e imperialista, distintos pobos e cidades son integrados ao seu dominio e ás súas prácticas políticas, económicas e militares, o que xerou trocos culturais moi frecuentes e mudanzas nas formas de adorar certas divindades, así como a inclusión doutras ou de certos ritos ao cotián romano.

Observándose a situación da integración relixiosa das provincias en relación ao imperialismo romano, destácase unha vez máis a cuestión da interpretatio, que pola definición das profesoras Norma Musco Mendes e Uiara Otero, pode ser entendida como

"a identificación dos deuses nativos con equivalentes romanos, sexa pola asociación do nome do deus nativo á divindade romana, sexa pola latinización pura e simple do nome da divindade indíxena, o que comunmente e erroneamente nos fai crer, por exemplo, que divindades como Xúpiter e Zeus eran a mesma, porén elas foron interpretadas, a partir de semellanzas, e retratadas como unha soa, por fins, normalmente, políticos. Sumándose a iso, enténdese, e aínda a partir dos estudos das autoras enriba citadas, que a integración de novas divindades, cultos e festivais non se fundamentaba na benevolencia, mais no temor e na precaución en non desafiar os deuses dos ‘outros’, os cales poderían ser útiles aos romanos[33]".

  1. BELTRÃO, Cláudia. 2011: 11.
  2. Eliade, 2011: 109.
  3. 3,0 3,1 Eliade, 2011: 110.
  4. 4,0 4,1 Eliade, 2011: 115.
  5. 5,0 5,1 Eliade, 2011: 116.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 Eliade, 2011: 117.
  7. Eliade, 2011: 112.
  8. Beltrão, 2006: 14.
  9. McKeown, 2010: 89
  10. Beltrão, 2006: 149.
  11. 11,0 11,1 Eliade, 2011: 113.
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 12,5 12,6 Beltrão, 2006: 143.
  13. McKeown, 2010: 27.
  14. McKeown, 2010: 26.
  15. Eliade, 2011: 114.
  16. 16,0 16,1 Eliade, 2011: 111.
  17. BUSTAMANTE, Regina M. C. Festa das Lemúria: os mortos e a religiosidade na Roma Antiga. Anais do XXVI Simpósio Nacional de História – ANPUH. São Paulo, julho 2011. Dispoñíbel en: http://www.snh2011.anpuh.org/resources/anais/14/1312828923_ARQUIVO_ANPUH_2011_ReginaBustamante_08ago.pdf.
  18. 18,0 18,1 BELTRÃO, Cláudia. (2011) p.7
  19. 19,0 19,1 19,2 BELTRÃO, Cláudia. Interações religiosas no Mediterrâneo romano:práticas deacclamatio e de interpretatio, p.9.
  20. BELTRÃO, Cláudia. 2011: 1.
  21. BELTRÃO, Cláudia. 2011: 12.
  22. ERNOUT-MEILLET, 2001: 124-125.
  23. BELTRÃO, Cláudia. 2011: 5-6.
  24. BELTRÃO, Cláudia. 2011: 5.
  25. BAYET, 1984: 122.
  26. 26,0 26,1 BELTRÃO, C. A Religião na Urbs.
  27. História de Roma, livro 5, parágrafo 39
  28. BELTRÃO. C. Lectisternium: banquete ritual e ordem sagrada na Roma Republicana.
  29. J. Szmodis. The Reality of the Law—From the Etruscan Religion to the Postmodern Theories of Law. Budapest: Kairosz, 2005.
  30. Tellegen-Couperus, Olga. A Short History of Roman Law. London: Routledge, 1993, p. 19–20.
  31. [Petit, P. Histoire Générale de l'Empire Romain, 1, Le Haut-Empire (27 av. J.-C. - 161 ap. J.-C.). Paris: Éditions du Seuil («Univers Historique»), 1974.]
  32. Suetonio, Vida de Calígula, 57.
  33. MENDES;OTERO, 2004: 22.

Véxase tamén tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • ELIADE, Mircea. História das crenças e das ideias religiosas. Rio de Janeiro: Zahar, 2011.
  • FUNARI, Pedro Paulo. Grécia e Roma. São Paulo: Contexto, 2002.
  • McKEOWN, J.C. O livro das curiosidades romanas. São Paulo:Gutenberg, 2010.
  • BELTRÃO, Cláudia. Interações religiosas no Mediterrâneo romano:prácticas de acclamatio e de interpretatio. Rio de Janeiro. 2011.
  • BELTRÃO, Cláudia. Interpretatio, solo e as interações religiosas no Império Romano. In: GONÇALVES, A.T. et al. Saberes e Poderes. Rio de Janeiro, 2011.
  • BELTRÃO, Claudia. A Religião na Urbs. In MENDES, Norma Musco; SILVA, Gilvan da Ventura (orgs.). Repensando o Império Romano: perspectiva socioeconômica, política e cultural. Rio de Janeiro: Mauad; Vitória, ES/; EDUFES,2006, p. 137-159.
  • BELTRÃO, Claudia. Lectisternium: Banquente ritual e ordem sagrada na Roma Republicana. In: CANDIDO, M. R. História da Alimentação na Antiguidade. Rio de Janeiro: NEA/UERJ. 2011.
  • MENDES, N.M.; OTERO, U. Religiões e as Questões de Cultura, Identidade e Poder no Império Romano. Phoînix, 11: Rio de Janeiro, 2005: p. 196-220.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]