Proxecto Gutenberg
Proxecto Gutenberg | |
---|---|
Tipo | biblioteca virtual, sitio de MediaWiki, editorial e sitio web |
Data de fundación | 1 de decembro de 1971 e 4 de xullo de 1971 |
Fundador(es) | Michael S. Hart |
Nomeado en referencia a | Johannes Gutenberg |
País | Estados Unidos de América |
Na rede | |
https://gutenberg.org | |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Proxecto Gutenberg é un proxecto literario de esforzo voluntario para dixitalizar, arquivar e distribuír obras culturais a través da dixitalización de libros. Fundado en 1971, é a máis antiga biblioteca dixital. A maioría dos elementos no seu acervo son textos completos de libros en dominio público. O proxecto tenta liberalos, en formatos duradeiros e abertos, para que poidan ser usados en calquera ordenador.
Historia
[editar | editar a fonte]O Proxecto Gutenberg foi iniciado por Michael Hart en 1971. Hart, un estudante na Universidade de Illinois, obtivo acceso a un supercomputador Xerox Sigma V no Laboratorio de Investigación de Materiais da universidade. Conseguiu unha conta cunha cantidade de tempo de computación virtualmente ilimitada; o seu valor ten sido calculado variabelmente entre os 100.000 ou 100.000.000 dólares.[1] Hart dixo que quería "retribuír" esta oferta facendo algo que puidese ser considerado de gran valor.
Este computador en particular era un de 15 nodos na rede de computadores que se convertería na actual Internet. Hart cría que un día os computadores serían accesíbeis ao público en xeral e decidiu dispoñibilizar obras de literatura en formato electrónico. Usou unha copia da Declaración de Independencia dos Estados Unidos de América que tiña na súa mochila e este foi o primeiro texto-e do Proxect Gutenberg. Deu o nome ao proxecto en honra de Johannes Gutenberg, o impresor alemán do século XV que impulsou a revolución da imprenta.
A mediados dos anos 1990, Hart xestionaba o Proxecto Gutenberg a partir do Colexio Beneditino de Illinois. Xuntáranse ao esforzo máis voluntarios. A maioría dos textos eran introducidos manualmente até que os dixitalizadores de imaxes e os programas de recoñecemento óptico de caracteres foron mellorando e se tornaron máis accesíbeis, o que permitiu a dixitalización de libros máis factíbel. Hart chegou máis tarde a un acordo coa Universidade Carnegie Mellon, que concordou administrar as finanzas do Proxecto Gutenberg. A medida que o volume de textos electrónicos aumentaba, os voluntarios comezaron a tomar conta das operacións diarias que Hart viña executando.
En 2000 rexistrouse en Mississippi unha organización sen fins lucrativos, a Project Gutenberg Literary Archive Foundation, Inc., para xestionar as necesidades legais do proxecto. As doazóns que lle facían son deducíbeis nos impostos. O voluntario do Proxecto Gutenberg, Gregory Newby, tornouse o primeiro presidente executivo da fundación. Tamén en 2000, Charles Franks fundou o Distributed Proofreaders, que permitiu que a revisión dos textos dixitalizados fose feita dunha forma distribuída, entre varios voluntarios por Internet. Este esforzo aumentou enormemente o número e a variedade de textos que son adicionados ao Proxecto Gutenberg, así como volveu máis fácil para os novos voluntarios comezaren a contribuír. En 2006, os máis de 9.600 libros producidos polo DP comprendían máis do 45% dos máis de 20.000 libros do Proxecto Gutenberg.
Pietro Di Miceli, un voluntario italiano, desenvolveu e administrou o primeiro sitio do Proxecto Gutenberg e iniciou o desenvolvemento do primeiro catálogo en liña do proxecto. Nos seus dez anos neste papel (1994–2004), as páxinas do Proxecto gañaron un gran número de premios, sendo moitas veces recomendadas en listas dos "mellores da Rede" e contribuíndo na popularidade do Proxecto.[2]
A principios de 2004, un catálogo en liña mellorado tornou os contidos do Proxecto máis fáciles de navegar, acceder e ligar.
O Proxecto Gutenberg é agora hospedado polo ibiblio na Universidade da Carolina do Norte en Chapel Hill.
Catálogo
[editar | editar a fonte]En 2006, o Proxecto Gutenberg afirmaba ter máis de 20.000 documentos no seu acervo, cunha media de máis de 50 novos libros-e adicionados semanalmente.[3]
Os libros son, sobre todo, obras de literatura da tradición cultural Occidental. Ademais de obras literarias, tales como novelas, poesía, contos e teatro, o Proxecto Gutenberg tamén ten libros de culinaria, obras de referencia e partes de periódicos. O acervo do Proxecto Gutenberg tamén ten algúns ítems non-textuais tales como ficheiros de son e partituras musicais.
A maioría dos documentos están en inglés, mais existen tamén cifras significativas noutras linguas. En agosto de 2006, as linguas distintas do inglés máis representadas eran (por orde): francés, alemán, finés, neerlandés, español e portugués. Tamén existen obras en lingua galega.
Sempre que é posíbel, os lanzamentos do Gutenberg están dispoñíbeis en texto puro, sobre todo utilizando a codificación de caracteres ASCII máis frecuentemente estendida para ISO-8859-1, aínda que tamén poden ser lanzados noutros formatos enviados polos voluntarios, sendo o máis común o HTML. Os formatos que non son facilmente editábeis, como o PDF, evítanse no posíbel no Proxecto Gutenberg, aínda que algúns sexan habituais. Hai anos que existen discusións sobre a utilización dalgún tipo de XML porén os progresos canto a ese asunto foron lentos.
Ideais
[editar | editar a fonte]Michael Hart dixo en 2004, "A misión do Proxecto Gutenberg é simple: 'Estimular a creación e distribución de libros electrónicos.'" [4]
Un dos lemas do proxecto é "quebrar as barreiras da ignorancia e do analfabetismo" visto que os seus voluntarios pretenden propagar o alfabetismo do público e o aprecio polo patrimonio literario, tal como as bibliotecas públicas comezaran a facer nos finais do século XIX.
O Proxecto Gutenberg está conscientemente descentralizado. Por exemplo, non existe ningunha política de selección que dite que textos deben ser adicionados. En lugar diso, os voluntarios traballan individualmente naquilo no que estean interesados ou que teñan dispoñíbel. O acervo do Proxecto Gutenberg destínase a conservar os ítems a longo prazo de forma que non se poidan perder por un accidente localizado. Nun esforzo para asegurar isto, toda a colección é salvagardada regularmente e copiada en servidores en varias localizacións diferentes.
Problemas de dereitos de autor
[editar | editar a fonte]O Proxecto Gutenberg é moi cauteloso en verificar o estado dos seus libros electrónicos de acordo cos dereitos de autor dos Estados Unidos de América. Os materiais son engadidos ao arquivo do Proxecto Gutenberg despois de recibida unha clarificación de dereitos de autor, e os rexistros desas clarificacións son gardados para referencias futuras.
Ao contrario doutros proxectos de bibliotecas dixitais, o Proxecto Gutenberg non invoca novos dereitos sobre os títulos que publica. En vez diso, anima á súa reprodución e distribución libres.
A maioría dos documentos do Proxecto Gutenberg son distribuídos en dominio público baixo as leis de dereitos de autor dos Estados Unidos. A licenza incluída en cada libro electrónico coloca algunhas restricións ao que pode ser feito cos textos (tal como distribuílos dunha forma modificada ou para fins comerciais) desde que a marca rexistrada "Project Gutenberg" sexa utilizada. Se o cabezallo for removido e a marca rexistrada non for utilizada, entón os textos en dominio público poden ser reutilizados sen restrición ningunha.
Tamén existen algúns textos protexidos por dereitos de autor que o Proxecto Gutenberg distribúe con autorización. Estes están suxeitos a máis restricións, especificadas polo detentor dos dereitos.
En 1998 a Sonny Bono Copyright Term Extension Act estendeu a duración dos dereitos de autor xa existentes por 20 anos máis. Isto impediu que o Proxecto Gutenberg aumentase moitos títulos que, doutro modo, estarían en dominio público nos Estados Unidos.
Críticas
[editar | editar a fonte]O Proxecto Gutenberg foi criticado pola falta de rigor escolástico nos seus textos electrónicos: por exemplo, nos detalles inadecuados canto ás edicións usadas e na omisión de proemios orixinalmente publicados e aparatos críticos. Unha melloría de marca na preservación dese tipo de texto pode ser encontrada comparando os primeiros textos cos máis recentes; a maior parte dos novos textos electrónicos preserva a información da edición e os proemios. As edicións non son as máis recentes edicións escolares, unha vez que estas edicións máis modernas non están normalmente no dominio público.
O Proxecto Gutenberg esixe que todos os seus textos electrónicos inclúan unha versión en texto puro en ASCII sempre que iso sexa factíbel, acreditando que ese é o formato máis probabelmente lexíbel nun futuro arredado (Non se esixe unha versión en texto puro en ASCII para matemática ou linguas que sexan difíciles de representar en ASCII). O Proxecto Gutenberg tamén inclúe unha variedade de formatos normalmente abertos xuntamente cos ASCII e xerados a partir destes.
Proxectos afiliados
[editar | editar a fonte]Todos os proxectos afiliados son organizacións independentemente que partillan os mesmos ideais e foilles dado permiso para utilizaren a marca rexistrada Project Gutenberg. Teñen normalmente un enfoque nacional ou lingüístico especial.
- Project Gutenberg Australia aloxa moitos textos que están no dominio público de acordo co Dereito australiano, mais aínda protexidos por dereitos (ou en estado incerto) nos Estados Unidos, con enfoque nos escritores australianos e libros sobre a Australia.
- PG-EU é un proxecto-irmán que opera baixo os dereitos de autor na Unión Europea. Un dos seus obxectivos é incluír tantas linguas cuanto sexa posíbel no Proxecto Gutenberg. Funciona en Unicode para asegurar que todos os alfabetos poidan ser representados fácil e correctamente.
- Project Gutenberg of the Philippines [1] pretende editar tantos libros cuanto sexa posíbel, con enfoque especial en Filipinas e nas linguas filipinas.
- Proxect Gutenberg Europe [2][Ligazón morta] é un proxecto dirixido polo Proxect Rastko en Servia e Montenegro. Pretende ser un Proxecto Gutenberg para toda Europa, e comezou a publicar os seus primeiros proxectos en 2005. Corre o programa Distributed Proofreaders para producir rapidamente textos electrónicos.
- Proxect Gutenberg Luxembourg [3] publica sobre todo, mais non exclusivamente, libros escritos en luxemburgués.
- Proxect Gutenberg Consortia Center [4] é un afiliado que se especializa na colección de documentos. Non ten a supervisión editorial ou a consistencia de formato do Proxecto Gutenberg principal. Están representadas coleccións temáticas en numerosas linguas.
- Proxekti Lönnrot [5] é un proxecto iniciado por voluntarios do Proxecto Gutenberg Finlandés.
A pesar de ter sido dada autorización para utilizar o nome Gutenberg ao Projekt Gutenberg-DE hai algúns anos, non todos o consideran un proxecto afiliado debido ás súas diferenzas filosóficas. O Projekt Gutenberg-DE invoca dereitos de autor nos seus produtos e limita o aceso a versións dos seus textos navegábeis por Internet.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Hart, Michael (Agosto de 1992). "The History and Philosophy of Project Gutenberg". Project Gutenberg (en inglés). Consultado o 2023-01-27.
- ↑ "Créditos". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2007. Consultado o 2006-12-05.
- ↑ De acordo co gutindex-2006 Arquivado 30 de setembro de 2007 en Wayback Machine., publicáronse 1.653 novos ítem no Proxecto Gutenberg nas primeiras 33 semanas de 2006. Isto fai unha media de 50,09 por semana, sen incluír os engadidos nos proxectos afiliados.
- ↑ Hart, Michael (20 de xuño de 2004). "The Project Gutenberg Mission Statement". Project Gutenberg (en inglés). Consultado o 2023-01-27.
(O Project Gutenberg chama aos seus produtos "libros electrónicos" e ese termo é aquí utilizado. O termo correspondente utilizado na Wikipedia é libro dixital.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Sitio Oficial (en inglés)