Primeira crise marroquí
A Primeira crise marroquí, tamén coñecida como a Crise de Tánxer, refírese á crise internacional sobre o status colonial de Marrocos entre marzo de 1905 e maio de 1906, debida ás pretensións francesas e alemás de incorporaren o sultanato de Marrocos como parte dos seus respectivos imperios coloniais.
Dita crise resolveuse, temporalmente, na Conferencia de Alxeciras (6 de xaneiro ao 7 de abril de 1906).[1]
Antecedentes
[editar | editar a fonte]No ano de 1904 sucederon varios reveses na política exterior alemá. En abril, británicos e franceses asinaran o acordo da Entente Cordiale. Por outra parte, a alianza do Reino Unido co Xapón fixo temer ao Reich que estes tres países acordaran deixalo fóra do repartimento da influencia na China. O goberno de Berlín tampouco recibiu satisfacción nas súas aspiracións en Marrocos.[2] Os intentos de formar alianzas co Imperio ruso fracasaron[3] e causaron inquietude no Reino Unido, o que o impeleu a tratar de coligarse pola súa parte co Imperio ruso.[2] As relacións anglo-alemás empeoraron notabelmente.[3] A situación da Tripla Alianza preocupaba a Alemaña, tanto pola crise interna austrohúngara como polas desavinzas entre os gobernos de Viena e Roma[4] O prestixio internacional alemán estaba maltreito a comezos de 1905.[3][5][6]
En xaneiro de 1905, unha misión diplomática francesa marchou a Fez, e o goberno francés quería impoñer reformas ao sultán que, en realidade, conducían ao sometemento do país á influencia francesa.[5][6] Alemaña non desexaba que Marrocos, territorio estratéxico para o acceso alemán ao Mediterráneo, quedase dominado polo país veciño.[7] O chanceler Bernhard von Bülow animou o sultán marroquí, inclinado a iso, a resistir a presión francesa e manter a independencia.[8][9] Prometeu o apoio alemán e o estadounidense e convenceu o reticente káiser Guillerme II a acudir a Tánxer e desencadear a crise,[10] que cría poder resolver a continuación mediante unha conferencia internacional.[8]
Primeira fase: enfrontamento diplomático franco-alemán
[editar | editar a fonte]A crise foi provocada pola visita do káiser Guillerme II a Tánxer, en Marrocos, o 31 de marzo de 1905.[11][12][13] A visita anunciáraa o día 20 o chanceler alemán, e causara gran rexeitamento nas prensas británica e francesa.[14] O káiser fixo certos comentarios en favor da independencia marroquí, un desafío á influencia francesa en Marrocos.[12][15] Aconsellou tino na aplicación de reformas e defendeu os intereses económicos alemáns no país.[8][16]
Francia viu reafirmada a súa influencia en Marrocos polo Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda (grazas á Entente Cordiale) e España en 1904, un movemento que o Imperio alemán viu como un golpe cara aos seus intereses, e adoptou accións diplomáticas para desafiar o acordo. O discurso puxo ao público francés contra Alemaña e, co apoio británico, o ministro de Asuntos Exteriores francés, Théophile Delcassé, tomou unha actitude desafiante.
En abril, e tras proclamar que non desexaba obter territorios en Marrocos, o goberno alemán tratou de que se reunise unha conferencia internacional que determinase as reformas que debía adoptar o país.[8] Aproveitando a debilidade de Rusia, aliada de Francia e recentemente derrotada polos xaponeses na guerra ruso-xaponesa, o goberno alemán tratou de desbaratar a liga anglo-francesa e oblrigar o goberno francés a negociar a situación de África setentrional.[12] A maioría das potencias, non obstante, amosáronse contrarias ou indiferentes á proposta alemá. Pese á posición de desvantaxe diplomática, o goberno alemán rexeitou as propostas de negociacións bilaterais que presentaron tanto Delcassé —impelido pola prensa e o Parlamento— como o primeiro ministro francés en abril e maio.[17] Dadas as declaracións do káiser en favor da independencia marroquí e o rexeitamento naquel momento da opinión pública alemá á expansión colonial, o que pretendía Von Bülow era recuperar o prestixio diplomático obrigando a Francia a asistir a unha conferencia imposta polo Reich, e que este recibise algunha compensación a cambio de ceder na cuestión marroquí.[18]
En maio, a diplomacia alemá centrouse en convencer a estadounidenses e británicos, ademais de a Marrocos e outras potencias, de acudir á desexada conferencia internacional, así como a lograr o relevo de Delcassé.[18] Os esforzos alemáns para que o presidente Roosevelt mediase na crise, en especial co Reino Unido, fracasaron.[19] Cando a posición alemá parecía desesperada, o sultán marroquí aceptou finalmente o 28 de maio que se celebrase a conferencia proposta polo Reich, o mesmo día que a batalla de Tsushima decidía a sorte da contenda entre Rusia e o Xapón.[20]
Segunda fase: apoxeo, tensión militar e conferencia internacional
[editar | editar a fonte]A crise alcanzou o seu apoxeo a mediados de xuño, cando Delcassé foi retirado do ministerio polo primeiro ministro Maurice Rouvier.[21][22] O embaixador alemán en París solicitara a destitución de Delcassé, que mantiña unha actitude intransixente cos alemáns.[22] O 6 de xuño, Delcassé viuse obrigado a cesar no seu cargo, tanto pola súa belixerancia, que a mayioría do gabinete rexeitaba, como polos seus anteriores roces co primeiro ministro. A principios de xuño e por aparente insistencia do ministro de Asuntos Exteriores, a frota británica parecía disposta a acudir en socorro de Francia e a desencadear un conflito con Alemaña. O temor a que isto sucedese non se disipou até finais de xuño, e as reuninós militares entre franceses e británicos continuaron en segredo pese ao relevo de Delcassé. O desgusto no Reino Unido pola marcha de Delcassé, que pareceu un desprezo do apoio que outorgara a Francia na crise, durou pouco.[23]
Rouvier aceptou finalmente, en privado, o 23 de xuño, participar nunha conferencia internacional sobre Marrocos, despois de tratar en van de resolver a crise directamente con Alemaña.[22][24] O 9 de xuño, aínda trataba de chegar a un acordo co Reich que puxese fin a diversas desavinzas entre os dous países, entre elas a situación de Marrocos.[25] Logo aceptou que se celebrase a conferencia internacional, sempre que se pactasen de antemán as reformas que podería aplicar Francia en Marrocos.[24] Pese a seguir negándose a participar na conferencia o 27, o 30 cedera por fin, convencido de que non tería que ceder ante Alemaña.[26] A razón principal foi o desexo de evitar a guerra e o convencemento de que Alemaña non obtería nada nas negociacións.[25] Aliviado por que se evitase a contenda, Roosevelt ofreceuse para persuadir os británicos, contrarios tamén á conferencia internacional, a que cambiaran de parecer e acudisen a ela.[27]
Pero en xullo, Alemaña estaba illándose e os franceses accederon a celebrar unha conferencia para resolver a crise.[21] Até o verán de 1905, Francia non mobilizou tropas, pois temía que isto puidese desencadear a guerra.[12] A partir de entón, tanto Francia como Alemaña continuaron promovendo a conferencia ao tempo que comezaron a tomar medidas militares.[12] Alemaña mobilizou unidades da reserva a fins de decembro, e Francia incluso despregou tropas na fronteira en xaneiro de 1906.[22] O obxectivo alemán, porén, era obter un triunfo diplomático, non desatar unha guerra, polo que o goberno en maio de 1905 desbotou xa a suxestión do xefe do Estado Maior de atacar preventivamente.[12] Os principais preparativos militares alemáns limitáronse a acelerar a dotación de canóns e fusís de disparo rápido no exército, proceso que se prevía concluír en xuño de 1906.[12] Pola súa parte, os franceses tiveron bo coidado de non provocar aos alemáns e de non adoptar medidas que puidesen desencadear un ataque alemán: sen apoio ruso e co exército desmoralizado e mal armado, o goberno de París non desexaba arriscarse a un enfrontamento militar.[28] Pese a iso, na segunda metade de 1905, tras a marcha de Delcassé, redobráronse as medidas militares: asignouse unha partida especial secreta para o exército, reducíronse os permisos e levouse a cabo un simulacro de mobilización.[22] Pola súa parte, os belgas reforzaron as fortalezas de Liexa e Namur, e os británicos concentraron parte da frota en Gran Bretaña.[22] En todo momento, porén, os gobernos trataron de evitar tomaren medidas que precipitasen unha guerra.[29]
- Artigo principal: Conferencia de Alxeciras.
A Conferencia de Alxeciras convocouse para resolver a disputa e durou do 16 de xaneiro ao 7 de abril de 1906.[12] Das trece nacións presentes,[30] os representantes alemáns só foron apoiados polos do Imperio Austrohúngaro. A Terceira República Francesa tiña o firme apoio do Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda,[31] o Imperio ruso, o Reino de Italia, o Reino de España e os Estados Unidos.[32] Os alemáns finalmente aceptaron un acordo —a Acta de Alxeciras— en abril, que se asinou o 31 de maio de 1906,[11] no que Francia aceptaba aplicar certos cambios en Marrocos, pero retiña o control dos instrumentos do poder no territorio. A aceptación previa da preeminencia francesa en Marrocos, necesaria para que se celebrase a conferencia, adiantou o resultado desta.[30] Sen dexesos de desencadear unha guerra por Marrocos, cunha frota aínda incapaz de enfrontarse á británica e dada a firme posición francesa, Alemaña decidiu non prolongar a crise e aceptar as posicións do adversario.[31]
Aínda que a Conferencia de Alxeciras resolveu a primeira crise marroquí, esta situación durou pouco: a continua insatisfacción alemá coa situación de Marrocos conduciu á segunda crise marroquí, ou crise de Agadir, en 1911. Ademais, deu a coñecer ao mundo o perigo e a tensión vixente entre as potencias imperialistas europeas, e o risco que supoñía o feito de que as grandes nacións se aliasen en bloques militares; aínda que este acontecemento non desencadeou unha guerra, si causou un empeoramento das tensións internacionais que finalmente levaron á primeira guerra mundial (1914-1918). Foi a primeira crise militar entre os bloques políticos europeos desde a década de 1880.[33]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Conférence d'Algésiras (16 janvier 1906-7 février 1906). Encyclopèdie Larousse en ligne (en francés). Consultada o 19 de xullo de 2019.
- ↑ 2,0 2,1 Hall 1944, p. 393.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Anderson 1930, p. 181.
- ↑ Anderson 1930, pp. 181-182.
- ↑ 5,0 5,1 Hall 1944, p. 394.
- ↑ 6,0 6,1 Anderson 1930, p. 183.
- ↑ Hall 1944, p. 395.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 Hall 1944, p. 396.
- ↑ Anderson 1930, pp. 183-184.
- ↑ Anderson 1930, pp. 188, 195.
- ↑ 11,0 11,1 Anderson 1931, p. 138.
- ↑ 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 12,5 12,6 12,7 Stevenson 1997, p. 130.
- ↑ Anderson 1930, p. 192.
- ↑ Anderson 1930, p. 186.
- ↑ Anderson 1930, pp. 190-191.
- ↑ Anderson 1930, p. 194.
- ↑ Hall 1944, p. 397.
- ↑ 18,0 18,1 Hall 1944, p. 398.
- ↑ Hall 1944, pp. 398-399.
- ↑ Hall 1944, p. 399.
- ↑ 21,0 21,1 Hale 1931, p. 396.
- ↑ 22,0 22,1 22,2 22,3 22,4 22,5 Stevenson 1997, p. 131.
- ↑ Hall 1944, p. 400.
- ↑ 24,0 24,1 Hall 1944, p. 402.
- ↑ 25,0 25,1 Hall 1944, pp. 402-403.
- ↑ Hall 1944, p. 404.
- ↑ Hall 1944, p. 403.
- ↑ Stevenson 1997, pp. 130-131.
- ↑ Stevenson 1997, pp. 131-132.
- ↑ 30,0 30,1 Hall 1944, p. 405.
- ↑ 31,0 31,1 Stevenson 1997, p. 132.
- ↑ Hall 1944, pp. 404, 409.
- ↑ Stevenson 1997, p. 129.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Anderson, Eugene N. (1930). The first Moroccan crisis: 1904-1906 (en inglés). The University Of Chicago Press. p. 420. OCLC 645325913.
- Anderson, Frank Maloy (1931). "Review: The First Moroccan Crisis, 1904-1906 by Eugene N. Anderson". The Journal of Modern History 3 (1): 137–139.
- Esthus, Raymond A. (1970): Theodore Roosevelt and the International Rivalries. Waltham, Massachusetts, USA: Ginn-Blaisdell.
- Gifford, Prosser, William Roger Louis & Alison Smith, eds. (1967): Britain and Germany in Africa: imperial rivalry and colonial rule. New Haven, Connecticut. USA: Yale University Press.
- Hall, Luella J. (1944). "A Partnership in Peacemaking: Theodore Roosevelt and Wilhelm II". Pacific Historical Review 13 (4): 390–411.
- Hale, O. J. (1931). "Review: The First Moroccan Crisis, 1904-1906 by Eugene N. Anderson". The American Historical Review 36 (2): 396–397.
- Stevenson, David (1997). "Militarization and Diplomacy in Europe before 1914". International Security 22 (1): 125–161.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Alistair Boddy-Evans: First Moroccan Crisis (31 March 1905 to 7 abril 1906) aka Tangier Crisis (en inglés).