Saltar ao contido

Píllara mongol

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Píllara mongol

Laem Phak Bia, Ban Laem, Phetchaburi, Tailandia
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Charadriiformes
Familia: Charadriidae
Xénero: Charadrius
Especie: Charadrius mongolus
Pallas, 1776
Subespecies
  • C. m. mongolus
  • C. m. atrifrons
  • C. m. pamirensis
  • C. m. stegmanni
  • C. m. schaeferi
Scarborough, SE Queensland, Australia
Píllaras mongois con pilros tridáctilos en Chilika, Odisha, India

A píllara mongol (Charadrius mongolus) é unha pequena ave limícola da familia dos carádridos. O nome específico mongolus, 'mongol' refírese a Mongolia, que no momento de ser nomeada a especie se aplicaba a unha área máis grande que a do país actual.[2]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Hai cinco subespecies destas píllaras: mogolus, stegmani, atrifrons, pamirensis e schaeferi. Ás dúas formas grandes asiáticas, C. m. mongolus e C. m. stegmanni, forman o grupo mongolus. As outras tres subespecies, que son atrifrons, pamirensis e schaeferi, formarían o grupo atrifrons. Para algúns estes dous grupos deberían ter o status de especies separadas.[3][4]

Distribución

[editar | editar a fonte]

O conxunto das subespecies reprodúcese sobre a liña das árbores nos Himalaias e de forma descontinua ao longo das chairas costeiras do nordeste de Siberia, coas subespecies chamadas estritamente píllara mongol na parte leste da área; tamén se reproduciu en Alasca. Aniña facendo pequenas depresións no chan espido, onde pon tres ovos. Esta especie é fortemente migratoria, pasando o inverno en praias areentas no leste de África, sur de Asia e Australasia. É unha especie errante moi rara en Europa occidental.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Esta robusta píllara ten patas e bico longos. Os machos reprodutores teñen dorsos grises e partes inferiores brancas. O peito, fronte e caluga son castaños e teñen unha máscara negra nos ollos. Presentan dimorfismo sexual, xa que as femias son máis claras, e as aves en inverno e os individuos novos carecen desta cor castaña, agás dun ton marrón avermellado na cabeza. As patas son escuras e o bico negro.

En todas as súas plumaxes esta especie é moi similar ao Charadrius leschenaultii. Distinguir as dúas especies ás veces é doado en bandadas mixtas invernantes, por exemplo, nunha praia da India, onde a diferenza en tamaño e estrutura entre elas é obvia; pero é moi difícil identificar un individuo solitario errante en Europa occidental, onde ambas as especies son moi raras. O problema é que a raza de Oriente Próximo do Ch. leschenaultii é a máis similar a Ch. mongolus. A especie Ch. mongolus xeralmente ten patas máis escuras, unha fronte branca e unha barra nas ás branca máis uniforme que Ch. leschenaultii.

Ecoloxía

[editar | editar a fonte]

Aliméntase de insectos, crustáceos e vermes anélidos, que captura aplicando unha técnica de correr e parar, en vez de explorar e sondar continuamente como fan outros limícolas. Esta especie dá menos pasos e fai pausas máis curtas que Ch. leschenaultii cando se alimenta.

A chamada en voo é un áspero trilo.

É unha das especies ás que se aplica o Acordo para a conservación de aves acuáticas migratorias africano-eurasiáticas (AEWA).

Identificación

[editar | editar a fonte]

O tamaño é un dos factores que distinguen o Ch. mongolus e o Ch. leschenaultii, xa que o primeiro é lixeiramente máis pequeno. Porén, non é doado fiarse só do tamaño especialmente cando se ven individualmente. A lonxitude do peteiro é outra característica distintiva, porque o mongolus xeralmente ten o peteiro máis curto que o leschenaultii. A cor das patas no mongolus é xeralmente máis escura, variando de negro a gris, mentres que no leschenaultii é moito máis clara, e vai do gris ao amarelado.

  1. BirdLife International (2012). "Charadrius mongolus". Lista Vermella da IUCN (IUCN) 2012: e.T22693855A38773045. doi:10.2305/IUCN.UK.2012-1.RLTS.T22693855A38773045.en. Consultado o 27 August 2016. 
  2. Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. pp. 99, 259. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  3. e.g. in Garner, Martin, Ian Lewington and Russell Slack (2003) "Mongolian and Lesser Sand Plovers: an identification overview" Birding World 16(9): 377-85
  4. Erick Hirschfeld, C. S. (Kees) Roselaar, Hadoram Shirihai. Identification, taxonomy and identification of Greater and Lesser Sand Plovers. British Birds 93, 162-189. Abril 2000. Páxina 162-163.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Taylor, P.B. (1987) Field identification of Greater and Lesser Sandplovers, pp. 15–20 in International Bird Identification: Proceedings of the 4th International Identification Meeting, Eilat, 1st - 8th November 1986 International Birdwatching Centre Eilat