Monodóntidos
Monodóntidos Monodontidae | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Delphinapterus leucas | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Xéneros | |||||||||||||||
A dos monodóntidos (Monodontidae) é unha familia de cetáceos odontocetos que habitan no Ártico e no norte dos océanos Pacífico e Atlántico, que comprende tan só dúas especies actualmente viventes, que son certamente infrecuentes:
- Monodon monoceros, o narval,[1] cuxos machos teñen un único dente moi longo (denominado corno ou cabeiro), e
- Delphinapterus leucas, denominado polos cetólogos galegos blancón,[2] castelanismo que alude a que é o único cetáceo de cor completamente branca.[3]
Ademais, coñécense dous xéneros fósiles, con cadansúa especie.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]O nome da familia, Monodontidae, foi cuñado por Gray en 1821, cando a describiu, e está fomado sobre a base do nome do xénero tipo, Monodon, e a desinencia do latín científico -idae, usada para formar os nomes das familias dos animais e que significa "os parecidos a".
O xénero Monodon foi establecido por Linneo en 1758, na 10ª edición do seu Systema Naturae, e o formou cos elementos do latín mon- (do grego μόνος mónos, "só, único") e -odon (do grego οδούς, -όντος odoús-, -óntos, "dente"), debido á característica deste animal de presentaren, os machos, un só enorme dente.
Características
[editar | editar a fonte]As dúas especies son de mediano tamaño, cunha lonxitude que oscila entre os 3 e os 5 m.
Presentan un melón ou mamelón na rexión frontal, non teñen un fociño prominente (como o dos golfiños) e, en lugar de teren aleta dorsal posúen unha crista longa e estreita ao logo do dorso, máis pronunciada en Monodon. A ausencia de aleta dorsal permítelles mobilizarse sen tropezar baixo as capas de xeo.
A dentadura é moi reducida ou ausente, e nos Monodon só se conservan dous dentes un dos cales forma o característico corno dos machos.[4]
Bioloxía
[editar | editar a fonte]Son animais moi voraces e, como a maioría dos odontocetos, comunícanse entre si por medio dunha gran variedade de sons, e usan a ecolocación para moverse e buscar alimento. A súa dieta é carnívora, e está baseada en peixes, moluscos e crustáceos pequenos.[4]
A xestación dura entre 14 e 15 meses e paren só unha cría. As crías son destetadas aos dous anos, e alcanzan a madurez sexual entre os 5 e os 8 anos de idade.[4]
Clasificación da familia
[editar | editar a fonte]Especies viventes
[editar | editar a fonte]- Subfamilia Delphinapterinae
- Xénero Delphinapterus Lacépède, 1804
- Delphinapterus leucas (Pallas, 1776) - beluga ou brancón
- Xénero Delphinapterus Lacépède, 1804
- Subfamilia Monodontinae
- Xénero Monodon Linnaeus, 1758
- Monodon monoceros Linnaeus, 1758 - narval
- Xénero Monodon Linnaeus, 1758
Especies extintas
[editar | editar a fonte]- † Xénero Denebola Barnes, 1984
- † Denebola brachycephala Barnes, 1984
- Xénero † Bohaskaia Vélez-Juarbe & Pyenson, 2012
- † Bohaskaia monodontoides Vélez-Juarbe & Pyenson, 2012
Nomes galegos
[editar | editar a fonte]Dada a distribución das dúas especies, por riba do círculo polar ártico, é normal que, a pesar dos afastados lugares que frecuentan e frecuentaron os pescadores galegos, non teñan moitos nomes vernáculos galegos. Porén, o dicionario da RAG recolle o nome de narval para Monodon monoceros, que tamén usan os cetólogos galegos da SGHN,[2] de acordo coa terminoloxía nos demais idiomas modernos.[5]
Polo que respecta a Delphinapterus leucas, na Lista patrón dos vertebrados de Galicia, proposta provisionalmente pola SGHN [2] asígnaselle o nome de blancón, un evidente castelanismo por brancón, pero que foi recollido en Portonovo por Ríos Panisse,[6] nome debido seguramente á cor completamente branca deste animal que, por outra parte, é de forma parecida, aínda que máis pequeno, que o negrón ou falsa candorca, Pseudorca crassidens, un cetáceo da familia dos delfínidos máis coñecido nas nosas augas, e que é de cor gris escura ou totalmente negra. Ríos Panisse tamén recolleu para esta especie os nomes de campelo, en Corme e santo, en Ribadeo e nas Figueiras (Castropol), na Asturias de fala galega.
Máis recentemente, no Gran dicionario Xerais,[7] denomina a especie como beluga, adaptación do seu nome ruso, e de acordo cos nomes que se lle dan na maioría dos idiomas da nosa contorna.[8]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ narval no dicionario da RAG Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine..
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Pérez Alberti, A. (dir.) (1982), p. 210.
- ↑ Monodontidae en Mammal Species of the World (en inglés)
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Brodie, Paul (1984): The Encyclopedia of Mammals. New York: Macdonald, D. (ed.). ISBN 0-87196-871-1.
- ↑ O nome narval, e equivalentes, deriva do inglés narwhal ou narwal, modificación talvez influída polo inglés whale, "balea", do noruegués e danés narhval, e o sueco narval, probábel modificación o islandés nárhvalur, do antigo escandinavo nārhvalur, de nār "corpo" e hvalr "balea".
- ↑ Ríos Panisse, M. C. (1983), p. 7.
- ↑ Carballeira Anllo, Xosé Mª (coord.) (2009)
- ↑ Cf. portugués beluga (tamén baleia-branca); castelán beluga; catalán beluga; italiano beluga; romanés beluga (tamén balena-albă); alemán Beluga (tamén Weißwal); francés béluga/bélouga (tamén baleine blanche, dauphin blanc e marsouin blanc), e mesmo en inglés (idioma que inventou o termo balea branca), denomínase beluga (pero tamén beluga whale e white whale).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Monodóntidos |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Monodóntidos |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Carballeira Anllo, Xosé Mª (dir.) (2009): Gran dicionario Xerais da lingua. Tomo I: A-G. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 978-84-9914-071-1.
- Carwardine, Mark (1995): Ballenas, delfines y marsopas. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1037-3.
- Pérez Alberti, Augusto (dir.) (1982): Xeografía de Galicia. Tono I: O medio. A Coruña: Edicións Sálvora.
- Ríos Panisse, M. C. (1983): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. II. Mamíferos, aves y algas. Verba, Anexo 19. Santiago: Universidade de Santiago de Compostela. ISBN84-7191-291-0.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Monodontidae en ITIS (en inglés)
- Monodontidae en WoRMS (en inglés)
- Monodontidae en ADW (en inglés)
- Monodontidae en NCBI (en inglés)