Saltar ao contido

Moeda de Rodas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estatero de ouro de Rodas. Ca. 250-230 a. de C.
Dracma de prata de Rodas de padrón ático. Ca. 88-42 a. de C.

A moeda de Rodas abrangue as cuñaxes levadas a cabo baixo o poder político da illa de Rodas durante os períodos clásico e helenístico, o que daquela abranguía tamén a zona de Caria, en Asia Menor.

Ademais de Rodas e Caria, moitos outros estados do Mediterráneo oriental adoptaron o sistema monetario rodio, que chegou a acadar unha ampla circulación na rexión. Mesmo o reino tolemaico, un importante estado helenístico mediterráneo, chegou a asumir o sistema monetario de Rodas durante un curto período.

Rodas, foi unha gran potencia marítima e mercantil, ata o punto de que as mercadorías sirias con destino a Exipto facían un desvío para pasar por Rodas.[1] Os rodios tamén fixeron grandes contribucións para a loita contra a pirataría na rexión.[2] Rodas era un aliado do reino tolemaico.[3]

O asedio de Rodas (305-304 a. de C.) por parte de Demetrio I de Macedonia tivo como consecuencia unha maior liberdade de acción para os rodios e un fortalecemento dos seus lazos co Exipto tolemaico, aínda que a finalidade do asedio fora a ruptura desa alianza.[3][4]

Padrón monetario de Rodas

[editar | editar a fonte]

O goberno de Atenas implantou temporalmente o padrón ático nas cecas establecidas en Rodas. No entanto, á medida que foi diminuíndo a influencia ateniense e foi crecendo a importancia de Rodas logo da súa unificación, o padrón rodio comezou a estenderse por todo o Mediterráneo oriental.[5]

En verde, o territorio controlado por Rodas (en verde máis claro a zona logo do Tratado de Apamea en 188 a. de C.).

A finais do século IV a. de C., a rexión do Exeo compatibilizaba o uso dos sistemas ateniense e rodio. O padrón de Rodas substituíu o sistema exinético para a moeda de prata na maioría das cecas das Cícladas no século III a. de C.,[6] e en tempos de Alexandre o Grande foi aceptado pola maioría dos territorios de Xonia e Caria, e por numerosos estados das Cícladas e de Propontis. A adopción do estándar ponderal ático por parte de Alexandre provocou a desaparición dos restantes padróns de peso, agás o ático e o rodio.[5]

Máis tarde, o padrón de Rodas tamén foi asumido polo reino tolemaico durante o período de transición entre o abandono do sistema ático e a implantación do sistema monetario tolemaico.[7][8] Este período sitúase entre os anos 310 e 298 a. de C.[9]

Nos seus inicios, o padrón rodio baseábase en tetradracmas e moedas de maior peso, aínda que estas últimas foron abandonadas axiña e mesmo os tetradracmas foron perdendo peso progresivamente ata acabar por substituírse por didracmas máis lixeiros. Os primeiros tetradracmas tiñan un peso de 15,6 gramos, que circulaban en paralelo a didracmas de 7,8 gramos, mais a partir de que os segundos substituíron os primeiros o seu peso baixou ata os 6,7 gramos.[10]

Hai evidencias epigráficas da circulación simultánea de plinthopforoi rodios e da liga Licia, polo menos dun xeito informal, dada a súa aparición conxunta en diversos achados monetarios.[11][12] Con todo, as moedas pertencentes ao padrón licio son lixeiramente máis lixeiras en peso que as do sistema rodio.[13]

Os tetradracmas e as moedas de ouro orixinarias de Rodas desapareceron durante un período bastante longo. Pola súa banda, os didracmas (de 6,7 gramos) acadaron unha posición sólida, coa súa ampla circulación no comercio de Mediterráneo oriental, aínda que o seu peso atípico non permitiu que funcionasen como un verdadeiro medio de intercambio internacional. Moitas moedas de prata de Rodas foron fundidas en Exipto logo da súa circulación alí, e posteriormente cuñáronse con aquel metal moedas tolemaicas.[4]

Durante o asedio de Rodas de 88 a. de C. por parte de Mitrídates VI produciuse unha suposta serie de emerxencia de grandes moedas de bronce.[14]

En Rodas radicaban as cecas máis importantes da rexión. Fóra dos territorios controlados por Rodas, en Éfeso estaba a ceca máis significativa de todas cantas cuñaban consonte o sistema monetario rodio.[15]

En Naxos cuñáronse tetróbolos ou dracmas do padrón rodio, en tanto que usaban o estándar exineta para outras moedas.[6]

Ios é outra illa que viu un uso limitado do padrón rodio. A illa coñécese principalmente por albergar a tumba de Homero, e alí descubriuse un pequeno achado de didracmas cuñados entre 350 e 320 a. de C. que amosaban o retrato e o nome de Homero nos seus anversos.[6]

Fin da moeda local

[editar | editar a fonte]

A desaparición definitiva da moeda de Rodas veu provocada polas derradeiras guerras civís da Roma republicana, a partir da guerra de César. Moitas pequenas moedas de prata Helenísticas deixaron de existir nese momento. No ano 30 a. de C., os denarios e outras moedas do sistema monetario Romano eran xa claramente dominantes nas partes orientais do Imperio.[16][17]

Rodas pasou a estar totalmente baixo o dominio romano en 31 d. de C., e integrouse na provincia de Asia en 44 d. de C.[18]

Imitacións da moeda de Rodas

[editar | editar a fonte]

Demostrouse que en Licia, no territorio continental de Asia Menor, circularon imitacións da moeda rodia entre os anos 188 e 167 a. de C. Estas moedas imitaban as versións máis antigas da moeda de Rodas.[19]

Tetradracma de Rodas coa figura do deus do Sol, Helios, no anverso, e unha rosa no reverso.[20]

Caracterización

[editar | editar a fonte]

Helios, o deus do Sol, era a deidade prominente para os rodios e, por este motivo, apareceu nos anversos das súas moedas durante catro séculos.[11][21] Os deseños da moeda de Rodas non se viron afectados polas campañas de Alexandre o Grande.[21][22]

Xunto coa cabeza de Helios, a rosa tamén é un tema recorrente na moeda de Rodas. Estes símbolos tamén se utilizaron noutras formas de arte, ademais da moeda, como é o caso dos selos e as ánforas, e serven para atribuír xeograficamente a orixe de obxectos arqueolóxicos.[23] A rosa refire a Rodas a modo de símbolo parlante (facendo un xogo de palabras co nome).[22][24]

Un tipo de tetradracmas rodios utilizou a proa dun navío (ao lado da rosa do reverso) como símbolo do poder naval de Rodas.[25]

As cuñaxes rodias de prata poden achegar algunhas pistas acerca da aparencia do Coloso de Rodas.[26]

  1. Habicht, C. (2006). Páxina 47.
  2. Bubenik, V. (1989). Páxina 52.
  3. 3,0 3,1 Rich. J.; Shipley, G. (2012). Páxina 235.
  4. 4,0 4,1 Mørkholm, O. (1991). Páxinas 90-95.
  5. 5,0 5,1 Berthold, R. M. (2009). Páxinas 48-49.
  6. 6,0 6,1 6,2 Metcalf, W. E. (2016). Páxina 114.
  7. Hill, G. (2010). Páxina 180.
  8. Mahaffy, J. P. (2014). Páxina 488.
  9. Mørkholm, O. (1991). Páxinas 68-69.
  10. Mørkholm, O. (1991). Páxinas 9-10.
  11. 11,0 11,1 "Rhodian Plinthophoroi". Classical Numismatic Group.
  12. Ashton, R. H. J. (2005). "Recent Epigraphic Evidence for the Start of the Rhodian and Lykian League Plinthophoroi". En The Numismatic Chronicle. Vol. 165. Royal Numismatic Society. Páxinas 85-89.
  13. Thonemann, P. (2013). Páxina 260.
  14. Ashton, R. H. J. (2018). "Rhodian Bronze Coinage and the Siege of Mithradates VI". En The Numismatic Chronicle. 161. Royal Numismatic Society. Páxinas 53-66.
  15. Whibley, L. (2015). Páxina 542.
  16. Harl, K. W. (1996). Páxina 417.
  17. Carbone, L. (2014). "Money and Power: The Disappearance of Autonomous Silver Issues in the Roman Province of Asia". En OMNI. Nº 8.
  18. "Rhodes in tha Roman Empire". The history of Rhodes in Antiquity.
  19. Gabrielsen, V. (1999). Páxina 112.
  20. "Carie - Îles de Carie - Rhodes Tétradrachme". CGB.fr
  21. 21,0 21,1 "Caria". Snible.org
  22. 22,0 22,1 "Rhodes Coin-Silver Tetradrachm,Bronze Coin". Greek Islands Ancient Coins.
  23. Thonemann, P. (2016). Páxina 26.
  24. Mørkholm, O. (1991). Páxina 31.
  25. Ling, R. (1984). Páxina 38.
  26. Ashton, R. H. J. (1988). "Rhodian coinage and the Colossus". En Revue numismatique. 6 (30). Société Française de Numismatique. Páxinas 75-90.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]